DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 16 de maio de 2008 Páx. 8.868

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

DECRETO 98/2008, do 15 de maio, polo que se crean e regulan os órganos consultivos denominados pactos territoriais de emprego.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída, segundo o artigo 29.1º do Estatuto de autonomía, a competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral e no artigo 30.1º.1) establece que lle corresponde, nos termos dispostos nos artigos 38, 131 e 149.1º.11 e 13 da Constitución, a competencia exclusiva sobre o fomento e a planificación da actividade económica en Galicia.

O Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación, confire á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión do Servizo Público de Emprego dentro do seu ámbito territorial, tendo ademais a capacidade organizativa deste conforme o artigo 39 do Estatuto de autonomía.

O Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, determina que é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponde, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española, o exercicio das competencias e funcións en materia de políticas activas de emprego

O día 5 de febreiro de 2007, o presidente da Xunta de Galicia, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, o secretario xeral da UGT-Galicia, e o secretario xeral do S.N. de CC.OO. de Galicia, asinaron o acordo do diálogo social en Galicia: «Novo marco galego de relacións laborais: Acordo polo Emprego».

Este novo marco está integrado por nove acordos diferentes. O terceiro deles é o «Acordo sobre o novo modelo de servizo público de Galicia» e, nel se di: «Un terceiro ámbito de participación, para crear de novo, viría determinado pola necesidade de implicar a todas as organizacións nun ámbito territorial para proporcionaren os seus coñecementos e experiencias. Esta implicación debe realizarse por medio da posta en marcha de pactos territoriais de emprego. O obxectivo destes é achegar o nivel de intervención ao ámbito no cal se desenvolven as diferentes políticas de emprego e a creación de marcos de coordinación - intervención das diferentes administracións e axentes sociais implicados nos temas de emprego».

Os pactos territoriais de emprego supoñen esencialmente un incremento e unha planificación e xestión coordinada do conxunto dos recursos públicos que se destinan ao emprego nunha zona, co obxectivo de estar á fronte do plan de emprego para propoñer os criterios e aprobar a proposta de planificación e programación, e facer o seguimento e a avaliación das diferentes medidas que se adopten.

Este proceso de participación segue a liña mostrada na normativa comunitaria de descentralización das políticas activas de ocupación e de participación das institucións locais e dos axentes socioeconómicos, en aplicación do principio de participación descendente, definido na Estratexia Europea de Ocupación (EEO).

Doutra banda, a incorporación das mulleres ao mercado laboral constitúe sen dúbida un dos procesos de máis calado social das últimas décadas. Os avances acadados son significativos pero, non obstante, aínda persisten moitos obstáculos que impiden unha plena inserción das mulleres no mercado de traballo, polo que os pactos territorias de emprego, en liña co previsto na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia e do Plan Aurora de emprego feminino, incorporan como principio reitor da súa actuación a plena inserción laboral das mulleres en igualdade de oportunidades propiciando a adopción de medidas que fomenten a formación, que posibiliten a conciliación da vida familiar, persoal e profesional, e que velen pola incorporación ao ámbito laboral das mulleres que se atopen en situación de vulnerabilidade ou en condicións marcadas pola desvantaxe social.

O artigo 22 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, prevén a creación de órganos colexiados nos que participen organizacións representativas dos intereses sociais, así como aqueles compostos por representantes das distintas administracións públicas, conten ou non coa participación de organizacións representativas de intereses sociais.

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, crea e regula o Comité Autonómico de Emprego e os comités provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral no ámbito de Galicia e en cada unha das provincias como órganos de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas.

Co presente decreto créase e regúlase un terceiro nivel de participación en que, ademais do departamento con competencias en materia de emprego, dos axentes económicos e sociais, están os concellos como a Administración local máis próxima ás necesidades de emprego.

Na súa virtude, vistos os pactos acadados no Acordo sobre o novo modelo de servizo público de Galicia, por proposta do conselleiro de Traballo, tendo en conta o Ditame 17/2008, do Consello Galego de Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de maio de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a creación dos pactos territoriais de emprego, como órganos de participación institucional e de concertación entre os seus integrantes, para a xestión coordinada do conxunto dos recursos públicos que se destinan ao emprego no ámbito territorial do pacto.

Artigo 2º.-Natureza xurídica.

Os pactos territoriais de emprego configúranse, xunto co Comité Autonómico de Emprego e os comités provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, como un terceiro órgano colexiado de carácter administrativo adscrito ao departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de emprego.

Artigo 3º.-Número e ámbito territorial.

1. Poderán crearse ata un máximo de quince pactos territoriais de emprego que, no seu conxunto, abranguerán a totalidade do territorio de Galicia.

2. Correspóndelle ao titular do departamento con competencias en materia de traballo dispoñer mediante orde a creación dos pactos territoriais de emprego así como a modificación ou extinción dos xa creados.

Artigo 4º.-Composición.

1. Dos pactos territoriais de emprego formarán parte, co nivel de representatividade que se indica a continuación, as seguintes entidades:

a) A Xunta de Galicia, a través do departamento con competencias en materia de emprego, cun nivel de representatividade do 25%.

b) As organizacións empresariais intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co 25% de representatividade.

c) As organizacións sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co 25% de representatividade

d) Os concellos da zona que abrangue o pacto que voluntariamente se adhiran cunha representatividade do 25% repartíndose este entre cada un nun 25%, en función da poboación afiliada e nun 75% en función do paro rexistrado en relación coa media anual, segundo os datos subministrados polo departamento da Administración autonómica con competencias en materia de traballo.

2. A incorporación ou baixa dos concellos incluídos no ámbito territorial de cada pacto territorial de emprego realizarase mediante escrito dirixido ao titular do departamento con competencias en materia de traballo polo órgano competente no ámbito municipal.

Feita a notificación, a incorporación ou baixa do concello no pacto territorial de emprego que abranga o seu territorio producirase de xeito automático sen necesidade de máis trámite.

Artigo 5º.-Asemblea xeral.

1. Cada asemblea estará formada por:

a) Presidente: elixirase entre os representantes dos concellos integrantes do pacto territorial. Na súa elección establecerase o procedemento ponderado establecido no artigo 4º d).

b) Tres vicepresidencias, unha do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de emprego, unha pola parte sindical, que se renovará cada dous anos, e outra pola empresarial.

c) Vogais: os representantes da consellería competente en materia de emprego, os representantes das organizacións sindicais máis representativas no ámbito territorial de Galicia, os representantes das organizacións empresariais mais representativas no ámbito territorial de Galicia e un representante de cada un dos concellos incluídos no ámbito territorial do pacto e adheridos a este.

d) Secretario: será a persoa encargada da dirección da comisión técnica ou a quen nomee o comité de dirección. Acudirá as reunións deste comité con voz pero sen voto.

2. As decisións que tome a asemblea xeral estableceranse por medio do voto ponderado explicitado no artigo 4º. En caso de haber empate nas votacións, o desempate decidirao o representante do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de emprego.

Artigo 6º.-Funcións da asemblea xeral.

1. As funcións da asemblea xeral, sen prexuízo das reguladas para outros órganos de participación institucional no marco das relacións laborais, emprego e formación para o emprego, serán: aprobar as liñas estratéxicas, os programas e as accións que deriven do pacto e fomentar os principios de diálogo, colaboración, consenso, compromiso e unidade durante a súa vixencia.

2. En concreto, e por proposta do comité de dirección, corresponde á asemblea xeral aprobar os documentos que conteñan:

a) A análise das fortalezas e debilidades, oportunidades e ameazas no ámbito do emprego do pacto territorial.

b) O Plan de emprego do territorio establecido no artigo 8º.2 b).

c) A análise e avaliación da evolución dos diferentes indicadores de emprego do territorio do pacto.

d) O informe das diferentes propostas de actuación relativas a políticas activas de emprego que se desenvolvan no seu territorio

e) O Plan de traballo a que se refire o artigo 8º.2 e).

Artigo 7º.-Comité de dirección.

1. O comité de dirección estará formado por:

a) Presidente da asemblea xeral.

b) Cinco vogais representantes dos concellos da zona, elixidos entre os seus representantes por un período de catro anos. Ao cabo dos dous primeiros anos renovaranse dous.

c) Un representante de cada unha das organizacións sindicais máis representativas no ámbito de Galicia.

d) Mesmo número de representantes das organizacións empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia que representantes sindicais.

e) Ata un máximo de seis representantes do departamento con competencias en materia de traballo.

f) O secretario do pacto con voz e sen voto.

2. O comité de dirección terá un sistema de votación ponderada, de tal maneira que á Administración local lle corresponderá o 25% dos votos; aos axentes económicos e sociais o 50% (distribuído 25% para as organizacións empresariais e 25% para as organizacións sindicais); a consellería disporá do 25%. En caso de haber empate nas votacións, o desempate decidirao o representante do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de emprego.

Artigo 8º.-Funcións do comité de dirección.

1. As funcións do comité de dirección serán executar os acordos da asemblea xeral, a xestión diaria do pacto territorial de emprego e establecer os plans de traballo necesarios para a súa consecución.

2. En concreto corresponde ao comité de dirección elevar para a aprobación da asemblea xeral :

a) A análise das fortalezas e debilidades, oportunidades e ameazas no ámbito do emprego do pacto territorial.

b) A elaboración do plan de emprego do territorio en que se asenta e que, como mínimo, deberá incluír:

b.1. A análise da situación, que comprenda:

b.1.1. A composición e características do seu tecido empresarial; determinación da súas necesidades de man de obra; sectores en progresión e sectores maduros

b.1.2. As características sociais, económicas e ocupacionais dos traballadores ocupados e desempregados

b.1.3. A determinación de recursos infrautilizados, posibles áreas emerxentes, posibilidades de desenvolvemento dos novos viveiros de emprego, no terceiro sector, etc., prestando especial atención ás posibilidades tanto de emprendemento como de xurdimento de empresas de economía social.

b.1.4. O mapa de recursos actuais en materia de políticas activas de emprego e avaliación da súa eficacia e eficiencia

b.1.5. A avaliación das infraestruturas, comunicacións, mobilidade dos traballadores e oferta de solo industrial

b.2. A concreción no seu territorio dos obxectivos establecidos en materia de emprego, recollidos na Resolución da Dirección Xeral de Relacións Laborais do 28 de decembro de 2007 (DOG do 28 de xaneiro de 2008), elaborando plans de actuación de cara a acadar estes obxectivos.

b.3. A incardinación do Plan de emprego noutros programas de desenvolvemento socioeconómico, e entre eles no Plan Aurora de emprego feminino.

b.4. A proposta de avaliación e seguimento do Plan de emprego.

c) A análise e avaliación da evolución dos diferentes indicadores de emprego do territorio

d) O informe, con carácter previo á resolución da Conselleria de Traballo sobre as programacións a que concorran as distintas entidades no ámbito do pacto territorial. Este informe deberá ser emitido con antelación á data prevista da reunión do comité provincial de emprego e seguimento da contratación que trate o mesmo asunto.

e) Un plan de traballo que deberá recoller:

e.1. A avaliación das políticas de emprego realizadas ata o de agora na zona, priorizándose a análise daquelas que centraron o seu obxectivo final na inserción de colectivos de difícil inserción

e.2. A detección das necesidades de traballadores e traballadoras por parte das diferentes actuacións que se leven a cabo na área e determinación dos perfís profesionais requiridos.

e.3. A detección de posibilidades e acompañamento dos emprendedores e empresas de economía social.

e.4. A análise das competencias dos colectivos incluídos, distinguindo:

-As competencias que faciliten a mobilidade dun sector produtivo a outro.

-As competencias que faciliten a mobilidade entre as diferentes ramas profesionais.

-As competencias que faciliten o cambio dunha profesión a outra, especialmente as que faciliten o cambio de profesión de mulleres a aquelas en que estean subrepresentadas.

e.5. O establecemento dos diferentes colectivos que se incorporarán ao Plan de emprego e determinación das súas necesidades.

e.6. A elaboración do mapa de emprego do pacto territorial de emprego e posibilidades de futuro a curto, medio e longo prazo.

e.7. A determinación e análise das necesidades relacionadas coa recuperación ambiental e cos servizos da vida diaria, de mellora das condicións de vida, culturais e de ocio.

e.8. A elaboración do mapa de servizos de emprego existente na zona e demais recursos, incluídos os humanos.

e.9. A busca de empresas que se instalen nas diferentes áreas, ofrecéndolles, ademais das axudas e bonificacións previstas e que se poidan prever, os procesos de formación e selección que necesiten.

e.10. A elaboración das necesidades das empresas sobre infraestruturas, solo industrial, man de obra, servizos de I+D+i

e.11. A promoción de itinerarios de inserción con todos os participantes vinculados aos sectores maduros ou que están en reconversión; cos parados que non tiveron emprego anterior e aqueles que leven máis de seis meses no paro

3. Nos instrumentos elaborados polo comité de dirección terase en conta a perspectiva de xénero nas análises, estudos e plans, atendendo aos factores e datos que poidan constituír elementos diferenciais ou discriminatorios, especialmente das mulleres.

Artigo 9º.-Comisión técnica.

1. Estará dirixida pola persoa designada polos membros do comité de dirección e dela formarán parte técnicos e persoal administrativo, que se encargarán de tres grandes áreas: prospección, análise do mercado de traballo e orientación; orientación e mellora da empregabilidade; emprendemento, promoción do emprego e orientación.

2. A súa función é a elaboración da documentación técnica específica do pacto territorial así como o desenvolvemento das diversas tarefas que lle sexan encomendadas en relación cos diferentes plans de traballo establecidos polo comité de dirección.

3. Con esta comisión colaborarán os orientadores e técnicos de emprego das entidades que conforman o pacto, nos termos que o comité de dirección determine.

4. A comisión técnica poderá solicitar a colaboración das oficinas de emprego incluídas no pacto territorial para o desenvolvemento de traballos específicos, así como de entidades incluídas no comité asesor.

5. Poderán crearse mesas de traballo específicas diferentes ás tres grandes áreas para elaborar documentos e propostas transversais.

Artigo 10º.-Comité asesor.

1. Poderase crear un comité asesor do pacto territorial de emprego, no cal estarán representados as entidades asociativas locais ou comarcais, universidades, centros de investigación e aquelas institucións que o propio comité de dirección considere oportuno.

2. A asemblea xeral deberá aprobar a composición do comité asesor por proposta do comité de dirección, ou rexeitar as decisións do comité de dirección en relación coa admisión dos seus compoñentes.

3. As súas funcións serán elaborar os estudos ou informes que lle solicite o comité de dirección.

Artigo 11º.-Recursos económicos.

1. A constitución e posterior funcionamento dos pactos territoriais financiaranse con cargo aos orzamentos do departamento competente en materia de traballo, incluíndo os gastos das actividades que desenvolvan e os gastos do persoal técnico pola realización de estudos, informes ou consultas e non xerarán aumento das dotacións orzamentarias da consellería.

2. As persoas e organizacións empresariais e sindicais que forman parte dos pactos territoriais de emprego poderán ser compensadas polos gastos causados pola asistencia dos seus representantes ás sesións dos órganos establecidos neste decreto.

Pola asistencia a esas sesións percibiranse as indemnizacións que sexan fixadas polo Consello da Xunta, conforme o procedemento establecido no artigo 25.3º do Decreto 144/2001, do 7 de xullo, sobre indemnizacións por razón de servizo; o seu financiamento realizarase conforme o sinalado no punto 1 deste artigo.

Disposicións adicionais

Primeira.-Réxime xurídico.

Os pactos territoriais de emprego rexeranse, no non previsto neste decreto, polas normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sobre órganos colexiados.

Segunda.-Constitución dos pactos territoriais de emprego da Costa da Morte, de Lugo, de Valdeorras e do Salnés.

Inicialmente créanse catro pactos territoriais de emprego cuxo ámbito territorial abranguerá os concellos que se sinalan:

-Pacto territorial de emprego da Costa da Morte:

Está integrado polos concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Muros, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo e Zas

-Pacto territorial de emprego de Lugo:

Está integrado polos concellos de Abadín, Antas de Ulla, Baleira, Becerreá, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Cospeito, A Fonsagrada, Friol, Xermade, Guitiriz, Guntín, O Incio, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Portomarín, Ribeira de Piquín, Samos, Rábade, Sarria, Triacastela, Vilalba e Baralla.

-Pacto territorial de emprego de Valdeorras:

Está integrado polos concellos do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, Petín, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, A Rúa, Rubiá, A Veiga, Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras e Vilariño de Conso.

-Pacto territorial de emprego do Salnés:

Está integrado polos concellos de Cambados, Catoira, O Grove, Meaño, Meis, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa

Terceira.

Nos órganos colexiados regulados neste decreto procurarase unha composición de xénero equilibrada segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento do presente decreto.

Facúltase o titular do departamento con competencias en materia de traballo para ditar as ordes de desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

c) SUBSTITUCIÓNS PRESIDENCIA