DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 16 de maio de 2008 Páx. 8.863

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 25 de abril de 2008 que desenvolve o Decreto 44/2008, do 28 de febreiro, polo que se regulan os requisitos das empresas conservadoras de ascensores e se desenvolven conceptos relativos ao grao de ocupación das vivendas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante esta orde concrétanse aspectos relativos ao procedemento de autorización de empresas conservadoras de ascensores e á xustificación dos medios mínimos necesarios para que as empresas autorizadas noutras comunidades poidan desenvolver a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia. Os ditos requisitos quedaron fixados no Decreto 44/2008, do 28 de febreiro, polo que se regulan os requisitos das empresas conservadoras de ascensores e se desenvolven conceptos relativos ao grao de ocupación das vivendas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ademais, no seu artigo 3, fíxase o procedemento que hai que seguir para notificar os cambios de empresa conservadora de ascensores a que se refire o artigo 11 do Regulamento de aparellos de elevación e manutención aprobado polo Real decreto 2291/1985, do 8 de novembro.

Para a elaboración desta norma tivéronse en conta os preceptos e condicións precisas do réxime autorizatorio establecidos na Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello do 12 de decembro de 2006 relativa aos servizos no mercado interior (DOUE L376, do 27 de decembro.

De conformidade coa xurisprudencia do Tribunal de Xustiza, os obxectivos de saúde pública, protección dos consumidores, sanidade animal e protección do contorno urbano constitúen razón imperiosa de interese xeral que permiten xustificar a aplicación de réximes de autorización e outras restricións.

Os requisitos do procedemento de autorización de empresas a que se refire o artigo 1º desta orde cumpren coas condicións e criterios establecidos nos artigos 9 e 10 da Directiva 2006/123CE. O acceso á condición de empresa autorizada non se ve supeditada ao cumprimento dos requisitos prohibidos no artigo 14 da directiva.

En cumprimento do disposto no artigo 15 da Directiva 2006/123CE avaliáronse os requirimentos desta norma ou do decreto que a desenvolve, que se precisan para obter a autorización, constatándose que todos eles cumpren coas condicións de non discriminación, necesidade e proporcionalidade a que se refire o seu artigo 15.3º. Non supoñen discriminación en razón de nacionalidade, por seren os requisitos iguais para todas as empresas calquera que sexa a súa procedencia, non sendo os requirimentos administrativos elementos que poidan inducilas a deixar de prestar este servizo neste estado membro. Respéctanse os principios de necesidade e proporcionalidade sendo preciso o réxime autorizatorio para realizar comprobación dos medios técnicos mínimos que garantan a seguridade industrial para protexer a saúde e seguridade dos usuarios destas instalacións, non podendo conseguirse de xeito menos restritivo.

O requisito de dispoñer dun número mínimo de empregados proporcional ao número de ascensores atendidos reproduce a exixencia que xa fora establecida na ITC MIE-AM1 aprobada pola Orde do 23 de setembro de 1987 que esta norma desenvolve, e xustifícase plenamente pola necesidade de cumprir cuns requisitos técnicos e humanos mínimos. Por outra banda a renovación da autorización encóntrase suxeita soamente ao cumprimento continuo dos requisitos da propia autorización.

A Comunidade Autónoma de Galicia dispón de competencias exclusivas, en materia de industria, sen prexuízo do que determinen as normas do Estado, segundo queda recollido no artigo 30.2º do seu Estatuto de autonomía aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril. Como consecuencia do antedito, e por proposta do director xeral de Industria, Enerxía e Minas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Autorización de empresas conservadoras de ascensores.

A empresa que desexe obter a autorización como empresa conservadora de ascensores, a que se refire o artigo 1 do Decreto 44/2008, do 28 de febreiro, polo que se regulan os requisitos das empresas conservadoras de ascensores e se desenvolven conceptos relativos ao grao de ocupación das vivendas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá presentar ante a delegación provincial da consellería competente en materia de industria, a correspondente solicitude mediante o impreso normalizado que figura no anexo I desta orde.

Se a solicitude de autorización non reúne os requisitos exixidos, requirirase o interesado, de conformidade co previsto nos artigos 71 e 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para que no prazo de dez días emende ou achegue os documentos preceptivos; de non facelo terase por decaído ou desistido da súa petición de autorización, logo da oportuna resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da mencionada lei.

No prazo máximo de tres meses a partir da presentación da solicitude, o delegado provincial emitirá resolución de autorización ou de denegación. Transcorrido o antedito prazo sen resolución expresa, entenderase denegada a petición.

Artigo 2º.-Empresas autorizadas noutras comunidades autónomas.

A empresa que desexe exercer a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que obtivese a autorización como conservadora de ascensores en calquera outra comunidade autónoma, deberá acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2 do Decreto 44/2008, do 28 de febreiro, polo que se regulan os requisitos das empresas conservadoras de ascensores e se desenvolven conceptos relativos ao grao de ocupación das vivendas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a presentación da solicitude normalizada que figura no anexo I desta orde así como o resto da documentación xustificativa que nela se recolle.

Artigo 3º.-Cambio de empresa conservadora.

Para dar conta das altas e baixas dos contratos de conservación de ascensores a que se refire o artigo 11 alínea g) do Regulamento de aparellos de elevación e manutención, a empresa conservadora entrante deberá comunicalo á delegación provincial da consellería competente en materia de industria, mediante o impreso normalizado que figura no anexo II desta orde. Así mesmo, deberá remitir unha copia da dita comunicación á empresa saínte, con indicación da data a partir da cal se efectúa o cambio. A dita comunicación deberá ser realizada no prazo máximo de 15 días a partir da dita data.

Xunto á notificación presentarase, ante a Administración, orixinal ou copia compulsada do contrato de mantemento do ascensor asinado polo titular deste.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de industria para modificar os anexos contidos nesta orde, así como para ditar cantos actos sexan necesarios para a súa aplicación.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor aos 20 días a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

Ver referencia pdf "09400D001P007.PDF"