DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 14 de maio de 2008 Páx. 8.627

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 6 de maio de 2008 pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo.

A Constitución española, no seu artigo 9.2º, dispón que corresponde aos poderes públicos promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas e no seu artigo 35, recolle o deber de traballar e, o dereito ao traballo de todos os españois, así como á promoción a través do traballo.

O artigo 4.2º do Estatuto de autonomía de Galicia reitera o devandito mandato constitucional e sinala, así mesmo, que lles corresponde remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

Correspóndelle á Consellería de Traballo a través do Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, modificado polo Decreto 20/2007, do 22 de febreiro, e polo Decreto 14/2008, do 7 de febreiro, a asunción e o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

A través do acceso ao mundo laboral alcánzase o progreso económico dunha sociedade, xa que o traballo non só constitúe unha fonte de ingresos, senón que resulta unha fonte indispensable para a dignificación da persoa, así como a prevención de situacións de exclusión social, rehabilitación e inserción daqueles cidadáns que abandonaron uns mínimos hábitos laborais e sociais. Nas últimas décadas e co obxecto de favorecer a inserción dos colectivos en situación ou risco de exclusión social, desenvolveuse a figura xurídica das empresas de inserción laboral como estruturas produtivas que, cumprindo unha función social e económica, proporcionan aos máis desfavorecidos a oportunidade de entrar no sistema socioeconómico a través do emprego e, por tal motivo, merecen unha especial protección por parte dos poderes públicos.

Esta orde desenvolve o Decreto 156/2007, do 19 de xullo, regulando o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral, a creación, organización e funcionamento do rexistro correspondente coa finalidade de garantir a súa identificación e publicidade.

Por todo o exposto, no desenvolvemento da planificación presentada ante o Comité Autonómico de Emprego, na súa reunión do día 28 de novembro de 2007, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral na Comunidade Autónoma de Galicia así como establecer e determinar a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo.

2. Esta orde será de aplicación ás empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo radicados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 156/2007, do 19 de xullo.

Artigo 2º.-Concepto de empresa de inserción laboral.

Para os efectos desta orde, considéranse empresas de inserción laboral aquelas estruturas produtivas de bens ou servizos que teñan por finalidade básica do seu obxecto social a incorporación ao mercado laboral de persoas en risco ou situación de exclusión social, proporcionándolles un traballo remunerado e a formación e acompañamento precisos para mellorar as súas condicións de empregabilidade e facilitarlles o acceso ao mercado laboral común, sempre que reúnan os requisitos previstos no artigo 4 do Decreto 156/2007, do 19 de xullo.

Capítulo II

Cualificación de empresa de inserción laboral

Artigo 3º.-Entidades cualificables.

Poderán ser cualificadas como empresas de inserción laboral:

a) As sociedades mercantís, sociedades laborais, sociedades cooperativas ou calquera tipo de organización societaria civil ou mercantil legalmente constituída e que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, e nesta orde.

b) As entidades sen ánimo de lucro que no período fixado na correspondente disposición transitoria se adecuen a esta norma e sexan inscritas neste rexistro.

Artigo 4º.-Acto de cualificación.

A cualificación é o acto polo que unha entidade das indicadas no artigo 3 do Decreto 156/2007 adquire, logo de tramitación do correspondente expediente, a condición de empresa de inserción laboral en virtude de resolución motivada do director xeral de Promoción do Emprego unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos establecidos nesta orde e nos artigos 3 e 4 do antedito decreto.

Artigo 5º.-Procedemento de cualificación.

1. O procedemento iniciarase por instancia do interesado mediante solicitude cursada en modelo normalizado, conforme ao anexo I desta orde. A solicitude poderá presentarse en calquera dos rexistros dos órganos administrativos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e deberá dirixirse á dirección xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo.

2. As solicitudes de cualificación irán acompañadas da seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada:

-Denominación social da entidade solicitante.

-Memoria que acredite a viabilidade económica, técnica e financeira do proxecto empresarial, detallando os aspectos técnicos de produción e comercialización, así como o plan de investimentos e valoración das distintas fontes de financiamento con que conta o proxecto.

-Código de identificación fiscal (CIF), así como escritura de constitución e estatutos ou calquera outra documentación identificativa das persoas xurídicas que participen no capital social da empresa obxecto de cualificación. No caso de que os partícipes sexan persoas físicas deberán achegar o seu documento nacional de identidade (DNI).

-CIF, así como escritura de constitución e estatutos da empresa obxecto de cualificación ou calquera outra documentación que a identifique. En todo caso acompañarase xustificación da porcentaxe de participación no capital social de cada unha das persoas ou entidades participantes.

-DNI do representante legal da empresa e, se é o caso, documentación acreditativa da representación coa que actúa.

-Relación de traballadores en situación de alta no cadro de persoal pola que se xustifique o cumprimento do requisito exixido no artigo 4 c) do Decreto 156/2007.

-Calquera outra documentación que sexa requirida para acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e no Decreto 156/2007.

Artigo 6º.-Instrución e tramitación.

1. O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Autónomos, Inserción Laboral e Calidade no Emprego da Consellería de Traballo.

2. Se a solicitude non se formalizase en todos os seus termos ou non se achegase a documentación que se menciona no artigo 5.2º, requirirá o interesado para que, no prazo de 10 días emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, teráselle por desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Recibida toda a documentación, o órgano instrutor formulará proposta de resolución, que elevará ao director xeral de Promoción do Emprego.

Artigo 7º.-Resolución e recursos.

1. A competencia para resolver as solicitudes de cualificación como empresa de inserción laboral corresponderá ao director/a xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo. As resolucións de concesión ou denegación deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar será de seis meses contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase estimada a solicitude de cualificación.

3. As empresas de inserción que obteñan a cualificación deberán incluír na súa denominación as palabras Empresa de Inserción Laboral ou a abreviatura correspondente EIL.

4. Contra as resolucións ditadas neste procedemento poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes, desde a súa notificación, perante o conselleiro de Traballo.

Artigo 8º.-Obrigas das empresas de inserción laboral cualificadas.

1. As empresas de inserción laboral, unha vez inscritas, están obrigadas a presentar no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia:

a) A documentación acreditativa das modificacións estatutarias que afecten a súa cualificación (composición e titularidade do capital social, denominación social, domicilio social ou obxecto social) no prazo de dous meses desde a súa inscrición no rexistro correspondente á súa forma xurídica.

b) O plan de actividades e o orzamento anual con anterioridade ao inicio do exercicio económico correspondente.

c) As contas anuais e o informe de xestión correspondente ao peche de cada exercicio económico.

d) Un balance social anual no que se informe dos resultados obtidos en materia de inserción sociolaboral dos traballadores ocupados nelas.

e) A documentación acreditativa da modificación da estrutura do cadro de persoal que afecte á porcentaxe mínima de traballadores en inserción. A comunicación deberase realizar no prazo dun mes desde que a dita modificación teña lugar.

2. O prazo para a elaboración e presentación dos documentos sinalados nas letras c) e d) será de 6 meses, contados desde a data do peche do exercicio.

3. As empresas de inserción laboral deberán manter, en cómputo anual, un mínimo do 30% de traballadores/as en proceso de inserción con respecto ao total do cadro, sen prexuízo dos límites establecidos pola normativa específica de sociedades cooperativas e de sociedades laborais en materia de contratación.

En ningún caso o número de persoas en proceso de inserción debe ser inferior a dúas, salvo nas empresas de catro ou menos traballadores en que polo menos deberán ter un traballador en proceso de inserción. Para acreditar a porcentaxe indicada computaranse tanto os/as traballadores/as por conta allea como os/as socios/as traballadores/as integrantes deste tipo de empresas. Os indicados mínimos deberán entenderse en cómputo horario a tempo completo.

Artigo 9º.-Perda da cualificación de empresa de inserción laboral.

1. Son causas de descualificación como empresa de inserción laboral:

a) O incumprimento da finalidade básica de integración sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social.

b) O incumprimento ou perda de algún dos requisitos necesarios para ser considerada empresa de inserción.

c) O incumprimento de forma continuada das obrigas inherentes á súa propia natureza, incluídos os incumprimentos en materia de inscrición e constancia rexistral.

d) A transformación nunha sociedade doutra natureza, sen prexuízo do dereito da nova sociedade a solicitar a súa cualificación como empresa de inserción.

e) A transformación nunha nova sociedade, aínda que sexa da mesma natureza, por fusión de dúas ou máis entidades preexistentes ou por absorción, sen prexuízo do dereito da nova sociedade a solicitar a súa cualificación como empresa de inserción.

f) A creación dunha ou máis sociedades por segregación doutra preexistente, sen prexuízo do dereito das sociedades segregadas a solicitar a súa cualificación como empresa de inserción.

g) O peche da empresa ou a disolución da sociedade.

2. A descualificación como empresa de inserción debe ser acordada logo de audiencia da entidade interesada, mediante resolución do director ou directora xeral de Promoción do Emprego, tras o expediente administrativo tramitado para o efecto.

3. A descualificación, unha vez esgotada a vía administrativa, produce de oficio efectos de baixa rexistral, pero non implica a disolución da sociedade.

4. Toda empresa de inserción pode, en calquera momento, solicitar a súa descualificación como tal, o que produce a perda desta condición e a baixa no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia, sempre que eso non comporte ningún prexuízo ás persoas en proceso de inserción.

Capítulo III

Rexistro de empresas de inserción laboral

Artigo 10º.-Creación e adscrición.

1. Créase o Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia adscrito ao centro directivo competente en materia de promoción do emprego, que terá por obxecto a inscrición das empresas que obtivesen a cualificación de empresas de inserción laboral.

2. O Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia é un rexistro público, gratuíto, autonómico e único que expide as certificacións que son da súa competencia.

Artigo 11º.-Efectos da inscrición rexistral.

1. A inscrición rexistral producirá o efecto da publicidade dos datos consignados.

2. A inscrición non terá efectos constitutivos das entidades cualificadas, non conferíndolles máis dereitos que a constancia dos actos e datos dos que trae causa.

3. A inscrición rexistral será condición previa necesaria para que unha empresa de inserción laboral acceda ás medidas de fomento e subvencións que realice a administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Cancelación das inscricións.

1. As inscricións no Rexistro de Empresas de Inserción da Comunidade Autónoma de Galicia cancelaranse de oficio en todos os casos nos que se produza unha descualificación, nos termos recollidos no artigo 9º desta orde, logo de instrución do correspondente procedemento administrativo.

2. As inscricións poderán cancelarse, así mesmo, por instancia de parte.

Artigo 13º.-Funcionamento.

1. Unha vez cualificada unha empresa como de inserción laboral, o Servizo de Autónomos, Inserción Laboral e Calidade do Emprego da Dirección Xeral de Promoción do Emprego procederá de oficio á súa inscrición no Rexistro de Empresas de Inserción Laboral.

2. As circunstancias previstas no artigo 8.1º serán debidamente inscritas na folla aberta á empresa no rexistro.

3. Nos casos de descualificación previstos no artigo 9º procederase a cancelar de oficio a inscrición rexistral e ao peche da correspondente folla rexistral, unha vez firme en vía administrativa, notificándollelas aos interesados.

4. O rexistro levará un libro de inscrición de empresas de inserción laboral, abríndose unha folla rexistral por cada empresa que se cualifique na que se farán constar os seguintes datos:

a) Número de rexistro que se lle asigna.

b) Denominación da empresa, con indicación da súa forma xurídica.

c) Obxecto social.

d) Actividade.

e) Domicilio social.

f) Domicilio do centro ou centros de traballo con que conta a empresa en Galicia.

g) Capital social. Farase constar a identidade das persoas físicas e xurídicas, incluídas as entidades sen ánimo de lucro, que sexan socias, con indicación da súa participación no capital social.

5. As inscricións numeraranse correlativamente e constarán de nove díxitos, correspondendo os dous primeiros ao número de identificación da Comunidade Autónoma de Galicia, os tres seguintes expresarán a orde secuencial, e os catro últimos indicarán o ano no que se cualifica e inscribe a empresa de inserción e a continuación identificarase coas siglas EIL

6. Na resolución pola que se cualifique o proxecto empresarial como E.I.L deberá constar expresamente o número de inscrición como empresa de inserción laboral.

Disposición adicional

Non poderán obter a cualificación como empresa de inserción laboral aquelas empresas que, cumprindo todos os requisitos exixidos no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral e nesta orde, foran cualificadas ou poidesen obter a cualificación como Centros Especiais de Emprego.

Disposición transitorias

Primeira.-As fundacións e asociacións que realizasen actividades de inserción sociolaboral no momento da entrada en vigor do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral, poderán solicitar, sempre que cumpran os restantes requisitos sinalados nesta orde e no devandito decreto, durante ao ano seguinte á devandita data, a súa inscrición no rexistro de empresas de inserción e ser cualificadas provisionalmente como tales. Esta cualificación será válida durante un período transitorio de tres anos, durante o que, para adquirir a cualificación definitiva de empresas de inserción, deberán constituírse en sociedades civís ou mercantís.

Segunda.-As empresas de inserción laboral que na data de entrada en vigor desta orde estiveran desenvolvendo a súa actividade quedarán excluídas no exercicio 2008 da presentación da documentación sinalada no artigo 8.1º d).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego competente en materia de traballo para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

Ver referencia pdf "09200D002P019.PDF"