DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 14 de maio de 2008 Páx. 8.614

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 94/2008, do 30 de abril, polo que se establece o pasaporte e cartilla sanitaria para os cans, gatos e furóns na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Regulamento (CE) nº 998/2003, do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de maio de 2003, polo que se aproban as normas zoosanitarias aplicables aos desprazamentos de animais de compañía sen ánimo comercial, e se modifica a Directiva 92/65/CEE do Consello establece, na letra b) do número 1 do artigo 5, que os cans, gatos e furóns, cando se despracen a outros Estados membros, deberán ir acompañados dun pasaporte expedido por unha persoa titulada en veterinaria autorizada. O modelo deste pasaporte para cans, gatos e furóns foi posteriormente definido pola Decisión 2003/803/CE da Comisión, do 26 de novembro de 2003.

Ao respecto, resulta necesario establecer o modelo de pasaporte que se utilizará na Comunidade Autónoma de Galicia para os desprazamentos intracomunitarios de cans, gatos e furóns.

No artigo 27 do Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, establécese que os animais da especie canina, así como aqueles doutras especies que determine a consellería competente na materia, deben posuír o correspondente pasaporte ou cartilla sanitaria, na cal se anotarán as sucesivas vacinacións e tratamentos obrigatorios que reciban, e que a dita cartilla sanitaria será expedida pola persoa titulada en veterinaria colaboradora que censou e identificou o animal.

Así mesmo, o Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos e de adestradores caninos, no seu artigo 5.6º volve a recoller a obrigatoriedade da cartilla sanitaria, na cal figurará a catalogación de animal potencialmente perigoso.

O modelo de certificado sanitario canino na Comunidade Autónoma de Galicia foi establecido na Orde do 23 de marzo de 1992 pola que se regula a campaña de vacinación contra a rabia. Este modelo de certificado precisa dunha profunda revisión, sendo necesario establecer outro modelo de documento en que se poidan indicar adecuadamente os distintos aspectos sanitarios dos cans (vacinacións, desparasitacións, enfermidades diagnosticadas, tratamentos realizados, ...).

Porén, como queira que o modelo establecido para o pasaporte reúne os requisitos que debe ter unha cartilla sanitaria e cumpre cos efectos desexados de protección da sanidade animal, e co fin de evitar a duplicidade que derivaría dunha diferenciación da cartilla dunha banda e do pasaporte por outra, necesario en puridade só cando os animais se despracen a outro país da Unión Europea, resulta conveniente unificar ambos os documentos, adoptando o modelo establecido na normativa comunitaria para os desprazamentos intracomunitarios.

O Estatuto de autonomía de Galicia prevé, no seu artigo 27.30, a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega para ditar normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.123, e, no seu artigo 33.1º a competencia da nosa comunidade autónoma para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior. Así mesmo, o Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 30.1º a competencia exclusiva de Galicia en materia de agricultura e gandaría, de acordo coas bases e a ordenación económica xeral e a política monetaria do Estado. En virtude deste título competencial, a través do Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, foron transferidas as funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras, en materia de produción e sanidade animal.

De acordo co Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e do Fondo Galego de Garantía Agraria, correspóndelle a aquela o exercicio da competencia, entre outras, en materia de sanidade animal.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, e demais normativa concordante, por proposta do conselleiro de Medio Rural, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de abril de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto deste decreto é determinar o pasaporte para cans, gatos e furóns, e establecelo como modelo único e válido de cartilla sanitaria para estas especies na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O pasaporte, de conformidade co establecido na Decisión 2003/803/CE da Comisión, do 26 de novembro de 2003, axustarase ao modelo establecido no anexo deste decreto, e será documento válido para acompañar os animais nos seus desprazamentos entre os distintos Estados membros da Unión Europea.

Artigo 2º.-Obrigatoriedade.

1. O pasaporte, segundo o modelo indicado no anexo, será obrigatorio para todos os animais da especie canina que permanezan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, calquera que sexa o lugar de residencia das persoas propietarias ou posuidoras deles.

2. Quedan excluídos da dita obriga os cans que proveñan doutros territorios, acompañados de cartilla sanitaria expedida no seu lugar de orixe, e que permanezan transitoriamente en Galicia un período de tempo inferior a tres meses.

3. No caso dos gatos e dos furóns, o pasaporte, que tamén será o establecido no anexo deste decreto, só será obrigatorio para realizar algún dos desprazamentos a que se refire a letra c) do artigo 3 do Regulamento (CE) nº 998/2003, do Parlamento e do Consello, do 26 de maio.

Artigo 3º.-Expedición.

1. O pasaporte para cans será expedido nos tres primeiros meses de vida do animal ou no prazo dun mes após a súa adquisición. O pasaporte para gatos e furóns será expedido por petición das persoas propietarias dos animais e, en calquera caso, con anterioridade a que sexan obxecto de desprazamento a outro Estado membro da Unión Europea. No pasaporte recolleranse, na medida do posible, os datos relativos aos tratamentos obrigatorios ou vacinacións recibidos con anterioridade á súa expedición.

2. A expedición dos pasaportes corresponderá ás persoas veterinarias facultativas colexiadas ou con habilitación colexial na Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan o nomeamento como persoas veterinarias actuantes no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Animais Potencialmente Perigosos.

Artigo 4º.-Comunicación de datos.

As persoas veterinarias colexiadas ou con habilitación colexial en Galicia que expidan os pasaportes remitirán ao Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e de Animais Potencialmente Perigosos, xunto aos datos do animal identificado nun prazo máximo de 15 días despois de efectuar a identificación, o número de serie do pasaporte asinado, ben directamente ou, se é o caso, a través do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

Artigo 5º.-Edición e distribución.

A consellería competente en materia de sanidade animal será responsable do control, da edición e distribución dos pasaportes para os cans, gatos e furóns, que se instrumentalizará a través da organización colexial veterinaria galega, nos termos que se establezan no correspondente convenio de colaboración, no cal se garantirá o control da edición dos pasaportes e a oportuna información sobre os pasaportes distribuídos.

Disposición adicional única

Serán válidos como cartilla sanitaria no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, aqueles pasaportes intracomunitarios emitidos polas autoridades competentes do resto do Estado e da Unión Europea.

Disposición transitoria única

As cartillas sanitarias emitidas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto manterán a súa validez ata a súa perda ou deterioración, ou ata que o animal vaia desprazarse a outro Estado membro da Unión Europea, tendo que ser substituídas nestes casos polo modelo de pasaporte aprobado.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto, e en particular, o certificado sanitario canino como único documento válido para efectos de identificación do animal recollido no artigo 7, punto terceiro da Orde do 23 de marzo de 1992, pola que se regula a campaña de vacinación contra a rabia.

Disposición derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade animal para a adopción das disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de abril de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

O modelo de pasaporte deberá reunir as seguintes condicións específicas:

a) O pasaporte terá un formato uniforme, cunhas dimensións de 100 x 152 mm.

b) A cor da cuberta do pasaporte será azul (pantone reflex blue).

c) A información que aparecerá na cuberta do pasaporte, nesta orde, será a seguinte:

-A expresión «Galicia».

-Estrelas amarelas (pantone yelow), de acordo coas especificacións do emblema europeo.

-A expresión «Unión Europea», seguida da expresión «España», con iguais caracteres tipográficos.

-A expresión «Pasaporte para animais de compañía».

-O número de pasaporte, que estará composto por unha secuencia de 11 caracteres, na cal os dous primeiros representan o código ISO de España (ES), dous díxitos (11) que identifican a Comunidade Autónoma galega e, por último, 7 díxitos correlativos. Esta numeración deberá figurar troquelada en todas as páxinas do documento.

d) Na parte traseira da cuberta do pasaporte figurará a lenda: «Este pasaporte é válido para os desprazamentos entre os Estados membros das seguintes especies de animais de compañía: cans, gatos e furóns».

e) Na páxina 2 do pasaporte incluiranse recomendacións destinadas ao propietario sobre a vacinación e identificación do animal, e a identificación do veterinario que expide o pasaporte.

f) O pasaporte dividirase a seguir en epígrafes númeradas con cifras romanas, respectándose estritamente a orde de cada unha das epígrafes, co seguinte contido:

-I. Persoa propietaria:

-II. Descrición do animal. Nesta epígrafe incluirase a información que recolla, cando for o caso, a catalogación do animal como potencialmente perigoso.

-III. Identificación do animal.

-IV. Vacinación antirrábica.

-V. Test serolóxico antirrábico.

-VI. Tratamento contra as carrachas.

-VII. Tratamento contra echinococcus.

-VIII. Outras vacinacións. Para maior claridade na indicación das vacinacións, diante deste capítulo figurarán as principais enfermidades obxecto de vacinación, con claves numéricas que figurarán anotadas na marxe dereita das vacinas aplicadas.

-IX. Exame clínico.

-X. Legalización.

-XI. Outras desparasitacións diferentes ás de carrachas e echinococcus.

-XII. Enfermidades diagnosticadas.

-XIII. Observacións: cubricións, cirurxía, etc.

g) As páxinas do pasaporte deberán numerarse ao pé de cada páxina, e na páxina 1 deberá indicarse o número de páxinas do documento (1 de [introducir número total de páxinas]).

h) Toda a información contida no pasaporte, tanto na cuberta como no seu interior, deberá estar redactada en galego, castelán e inglés.

i) No caso de que o pasaporte sexa editado e distribuído por unha entidade que realice o oportuno acordo de colaboración coa Consellería do Medio Rural, na contraportada poderá figurar o nome e anagrama do dito organismo.

Ver referencia pdf "09200D001P006.PDF"

14/40

15/40

Ver referencia pdf "09200D001P006.PDF"

Ver referencia pdf "09200D002P019.PDF"