DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 13 de maio de 2008 Páx. 8.518

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 90/2008, do 24 de abril, polo que se modifica o Decreto 157/2006, do 7 de setembro, de rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e en conxuntos históricos de Galicia.

Con data do 19 de setembro de 2006 publicouse o Decreto 157/2006, que delimita o ámbito de aplicación e os procedementos xerais da cédula de rehabilitación de calidade de vivendas no medio rural e en conxuntos históricos de Galicia.

Coa experiencia acumulada durante os dous exercicios de implantación do citado programa, detectáronse unha serie de aspectos deste que cómpre mellorar para facilitar a súa execución.

Por este motivo, este decreto modifica os seguintes artigos do Decreto 157/2006 :

Artigo 2º.2, que establece o ámbito de aplicación referido a núcleos e conxuntos históricos.

Artigo 4º, que dispón o contido das ordes de convocatoria e bases reguladoras.

Artigo 5º, que define as persoas beneficiarias das subvención que poderán ser convocadas por ordes anuais da Consellería de Vivenda e Solo. No citado artigo establécese como requisito das persoas beneficiarias promotoras das actuacións de rehabilitación ou renovación para uso propio no ámbito rural a residencia nos últimos cinco anos dentro do termo municipal onde está situada a vivenda que se vai rehabilitar.

Artigo 6º, que establece os requisitos das vivendas para seren obxecto das subvencións.

Artigo 7º, que establece as subvencións que se lles poderán outorgar aos promotores das actuacións de rehabilitación e renovación amparadas pola cédula de rehabilitación de calidade.

O presente decreto clarifica e completa o ámbito de protección dos conxuntos, vivendas e edificios con destino á vivenda, con protección patrimonial e establece novas condicións, requisitos e subvencións que lles faciliten ás persoas de baixos ingresos o acceso á vivenda mediante a rehabilitación e renovación de vivendas no ámbito rural contribuíndo, dese modo, a resolver o problema de vivenda desa poboación e a rexuvenecer, revitalizar e repoboar o medio rural de Galicia e a conservar e poñer en valor o seu rico patrimonio construído.

En virtude do anterior, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de abril de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, de rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia, publicado no DOG do 19 de setembro de 2006.

Modifícase o Decreto 157/2006, do 7 de setembro, de rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia, que queda redactado como segue:

Un.-Modifícase a redacción do artigo 2.2º e) e engádese unha nova alínea f) coa seguinte redacción:

«e) Vivendas e edificios con destino a vivenda que figuren nun catálogo de protección oficialmente aprobado.

f) Vivendas e edificios destinados a vivenda situados nas zonas ou contornos de protección delimitados, afectados pola declaración dun ben de interese cultural oficialmente aprobado».

Dous.-Modifícase o artigo 4º coa seguinte redacción:

«As subvencións do presente decreto estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e nomeadamente á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás disposicións que a desenvolvan.

Mediante orde da consellería de Vivenda e Solo estableceranse as bases reguladoras, en procedemento de concorrencia non competitiva, que serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería de Vivenda e Solo.

As citadas bases conterán, como mínimo, os puntos recollidos no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As convocatorias promoveranse mediante ordes anuais da Consellería de Vivenda e Solo».

Tres.-Modifícase a redacción do artigo 5º 1.a), coa seguinte redacción:

«a) Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas físicas que sexan propietarias, usufrutuarias, inquilinas ou quen, conforme a lexislación aplicable, poidan realizar obras obxecto deste decreto, promotoras da rehabilitación ou renovación para uso propio ou para aluguer das vivendas unifamiliares situadas no ámbito rural e que non estean no ámbito de núcleos ou conxuntos históricos do artigo 2.2º deste decreto, que obteñan uns ingresos familiares ponderados que non excedan 3,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples que se publique cada ano na Lei de orzamentos xerais do Estado.

As persoas físicas que residan, sen pagaren renda ningunha, en vivendas propiedade de institucións privadas sen fins de lucro, poderanse acoller ás subvencións achegando o documento de autorización da institución correspondente. Tanto a vivenda obxecto de rehabilitación como a persoa solicitante das subvencións deberán reunir os demais requisitos exixidos neste decreto.”

Catro.- Modificase a redacción do artigo 5º 3.1 que queda redactado da seguinte maneira:

“3.1.- No caso de falecemento da persoa promotora das actuacións de rehabilitación ou renovación unha vez presentada a solicitude para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, poderán subrogarse como persoas interesadas nas fases pendentes do procedemento de concesión da cédula, ou na solicitude, concesión ou pagamento de subvencións, as persoas herdeiras ou a parella ou cónxuxe supérstite».

Cinco.-Modificase a redacción do artigo 5º 3.2.5 que queda redactado da seguinte maneira:

«5. A documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos exixidos pola correspondente normativa reguladora en materia de rehabilitación e renovación de calidade».

Seis.-Modifícase o artigo 6º, coa seguinte redacción:

«Artigo 6º.-Requisitos das vivendas.

Para seren obxecto das subvencións reguladas no presente decreto, as vivendas ou locais deberán ter obtido a resolución da persoa que teña a titularidade da delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo, de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade.

Será motivo de perda da subvención e do dereito ao seu pagamento a non obtención da cédula de rehabilitación de calidade, o que levará ao reintegro das cantidades que puideran ter sido percibidas de acordo co artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia».

Sete.-Modifícase o artigo 7º coa seguinte redacción:

«Artigo 7º.-Subvencións.

A Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo aos orzamentos da Consellería de Vivenda e Solo, e dentro das dispoñibilidades orzamentarias que poidan consignarse en cada exercicio económico, que se cuantificarán nas respectivas ordes anuais de convocatoria, poderá subvencionar as actuacións de rehabilitación e de renovación en ámbito rural ou en núcleos ou conxuntos históricos amparadas pola resolución da persoa que teña a titularidade da delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, nunha contía equivalente ao 50 por 100 do orzamento que figure nesta resolución, sen que en ningún caso esta subvención poida superar as cantidades máximas que se establezan na correspondente orde de convocatoria para cada modalidade das actuacións».

Disposición transitoria

Aqueles expedientes que se atopen en tramitación, ao abeiro da Orde do 13 de decembro de 2006, na data de entrada en vigor deste decreto e xa conten coa resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, non requirirán a presentación da cédula de rehabilitación de calidade e poderán acollerse á solicitude de subvencións de acordo co establecido no artigo 6º do Decreto 157/ 2006, modificado polo presente decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de abril de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE SANIDADE