DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 09 de maio de 2008 Páx. 8.327

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 89/2008, do 17 de abril, de creación do Consello Galego de Colexios de Economistas.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, completando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, tendo a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, asignadas as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da citada consellería.

A creación e a aprobación dos estatutos dos consellos galegos de colexios profesionais con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, a través de decreto, que debe, así mesmo, aprobar os correspondentes estatutos, segundo dispón o artigo 23 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A creación do consello exixirá o acordo favorable da maioría dos colexios afectados e os seus estatutos deberán ser elaborados polos colexios profesionais que o vaian integrar e aprobados por acordo das xuntas de goberno, que deberá ser ratificado polas xuntas xerais de cada colexio. Será necesario o acordo favorable da maioría dos colexios afectados, sempre que estes representen a maioría dos colexiados da profesión en Galicia.

Os colexios de economistas da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, acordaron promover a creación do Consello Galego de Colexios de Economistas e así o solicitaron ante a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, achegando as certificacións correspondentes a cada colexio dos acordos favorables á creación do devandito consello e da aprobación dos seus estatutos.

Tendo en conta o exposto, e en virtude do uso da competencia atribuída polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de abril de dous mil oito,

dispoño:

Artigo 1º.-Creación do Consello Galego de Colexios de Economistas.

Créase o Consello Galego de Colexios de Economistas co ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Aprobación dos estatutos do Consello Galego de Colexios de Economistas.

Apróbanse, por ser adecuados á legalidade, os estatutos do devandito consello, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de abril de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Consello Galego de Colexios de Economistas

Título I. Disposicións xerais. Capítulo I. Composición, natureza, personalidade xurídica e domicilio. Artigo 1º.-Composición. Artigo 2º.-Natureza. Artigo 3º.-Emblema. Artigo 4º.-Domicilio. Capítulo II. Finalidade e funcións. Artigo 5º.-Finalidade. Artigo 6º.-Funcións.

Título II. Órganos do consello. Capítulo I. Órganos de goberno. Artigo 7º.-Da xunta directiva. Capítulo II. Funcionamento. Artigo 8º.-Competencias. Artigo 9º.-Reunións. Artigo 10º.-Acordos.

Título III. Dos cargos do consello. Capítulo I. Do presidente e do vicepresidente. Artigo 11º.-Do presidente. Artigo 12º.-Do vicepresidente. Capítulo II. Do secretario e do tesoureiro. Artigo 13º.-Das funcións do secretario e do vicesecretario. Artigo 14º.-Das funcións do tesoureiro. Artigo 15º.-Do vicesecretario. Capítulo III. Das comisións. Artigo 16º.-Das comisións.

Título IV. Do réxime económico. Artigo 17º.-Do réxime económico. Artigo 18º.-Do financiamento. Artigo 19º.-Do orzamento e das contas anuais.

Título V. Do réxime disciplinario. Artigo 20º.-Das funcións disciplinarias. Artigo 21º.-Dos expedientes disciplinarios.

Título VI. Dos recursos. Artigo 22º.-Dos acordos dos colexios de economistas. Artigo 23º.-Dos acordos do Consello Galego de Colexios de Economistas.

Título VII. Das relacións do Consello Galego de Colexios de Economistas. Artigo 24º.-Das relacións cos colexios de economistas. Artigo 25º.-Das relacións coas universidades de Galicia. Artigo 26º.-Das relacións coa Xunta de Galicia, institucións e entes públicos galegos.

Disposicións adicionais.

TÍTULO I

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Composición, natureza, personalidade xurídica e domicilio

Artigo 1º.-Composición.

O Consello Galego de Colexios de Economistas está integrado polos colexios de economistas da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Artigo 2º.-Natureza.

O Consello Galego de Colexios de Economistas é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, e rexerase polas disposicións legais estatais e autonómicas que o afecten, polo presente estatuto, polos seus regulamentos de réxime interior e polos acordos aprobados polos diferentes órganos corporativos no ámbito das súas respectivas competencias.

No seu respectivo ámbito de actuación, cada un dos colexios que compoñen este consello é autónomo e ten, separada e individualmente, personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para cumprir os seus fins, podendo, a título oneroso ou lucrativo, transferir, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens e dereitos e, en xeral, ser titulares de todo tipo de dereitos, exercitar ou soportar calquera acción, reclamación ou recurso en todas as vías e xurisdicións, incluída a constitucional.

Artigo 3º.-Emblema.

O Consello Galego de Colexios de Economistas terá un emblema composto pola superposición do escudo de Galicia, tal como se describe na Lei de símbolos do Parlamento de Galicia, sobre o escudo dos colexios de economistas.

Artigo 4º.-Domicilio.

O Consello Galego de Colexios de Economistas terá a súa sede na correspondente á Delegación en Santiago de Compostela do Colexio de Economistas da Coruña.

CAPÍTULO II

Finalidade e funcións

Artigo 5º.-Finalidade.

O consello terá por finalidade agrupar, coordinar os colexios integrados nel e asumir a súa representación nas cuestións de interese común perante a Xunta de Galicia e, en xeral, ante calquera organismo, institución ou persoa, física ou xurídica, que sexa necesario para o cumprimento dos seus fins, sen prexuízo da autonomía e competencia de cada colexio, defendendo e protexendo os intereses profesionais dos economistas no ámbito territorial da súa competencia.

Artigo 6º.-Funcións.

No ámbito territorial da súa competencia, terá as seguintes funcións:

a) As atribuídas ao Consello Xeral de Colexios de Economistas de España, pola Lei de colexios profesionais en canto teñan ámbito ou repercusión só no territorio da Comunidade Autónoma galega e cantas outras lle fosen encomendadas por virtude de disposicións xerais ou especiais, sempre que non interfiran na autonomía e nas competencias propias de cada colexio.

b) Elaborar e aprobar os seus propios estatutos e emitir informe dos colexios, que o integren.

c) Coordinar as actuacións dos colexios que o integren.

d) Formar e manter o censo dos economistas incorporados aos colexios de economistas de Galicia.

e) Exercer as funcións disciplinarias respecto dos membros dos órganos de goberno dos colexios que o integren e os do propio consello.

f) Fomentar, crear e organizar institucións, servizos e actividades, con relación á profesión de economista que teñan por obxecto a formación e perfeccionamento profesional, a promoción cultural, a asistencia social e sanitaria, a previsión, a cooperación e o mutualismo, o fomento da ocupación e outras actuacións convenientes. Para tales fins, establecer os concertos ou acordos máis oportunos coa Administración e as institucións ou entidades, públicas ou privadas, que correspondan.

g) Convocar e realizar congresos, xornadas, simposios e actos similares relacionados coa economía de Galicia e co exercicio da economía na comunidade autónoma. Así mesmo, terá a función, compartida neste caso con todos ou con calquera dos colexios que integran o consello, de convocar ou patrocinar outros actos científicos e culturais.

h) Editar informes e traballos de carácter económico sobre Galicia e publicar as normas e disposicións de interese para os economistas de Galicia, así como dos proxectos de modificación da lexislación que lles resulte de interese para o exercicio da profesión.

i) A colaboración con poderes públicos na realización e pleno desenvolvemento dos dereitos da persoa e das institucións dentro do seu propio territorio, e na máis eficiente, xusta e equitativa protección, regulación e garantía dos dereitos e liberdades da persoa, especialmente dos economistas galegos.

j) Defender os dereitos dos colexios de economistas galegos, así como os dos seus colexiados, ante os organismos autonómicos galegos cando sexa requirido polo colexio respectivo ou así estea legalmente establecido, e resolver os conflitos que puidesen xurdir entre os colexios galegos, sen prexuízo de ulterior recurso contencioso-administrativo.

k) O exercicio e a xestión de aquelas competencias públicas da Xunta de Galicia que lle sexan delegadas ou reciba desta e das facultades que lle poidan ser delegadas pola lexislación xeral do Estado ou por acordo de calquera outra Administración pública competente.

l) Designar representantes de economistas para participar, cando así estiver establecido, nos consellos e organismos consultivos das administracións públicas no ámbito de Galicia.

m) Coñecer e resolver os recursos que poidan interpoñerse contra os acordos dos colexios de economistas de Galicia sen prexuízo de ulterior recurso contencioso-administrativo.

n) Elaborar e aprobar o orzamento de ingresos e gastos e contas anuais do consello, así coma o seu propio réxime económico.

o) Fixar equitativamente a cooperación dos colexios aos gastos do consello, por achegas fixas, eventuais ou contribucións extraordinarias.

p) Establecer os ingresos propios que puider ter por dereitos e retribucións como consecuencia dos servizos e actividades que preste.

q) Realizar, no tocante ao patrimonio propio do consello, toda clase de actos de administración, disposición e gravame.

r) Emitir ditames e informes que lle fosen solicitados ou suxeridos e, sobre todo, os que soliciten a Xunta de Galicia ou o Parlamento de Galicia sobre proxectos ou anteproxectos de disposicións de carácter xeral ou económica que afecten o exercicio da profesión de economista ou das profesións tituladas con carácter xeral.

s) Adoptar acordos xerais en materia de deontoloxía profesional, sen prexuízo da normativa recollida e aprobada polos congresos nacionais do Consello Xeral de Colexios de Economistas de España.

t) Calquera outra función similar ás contidas nos puntos anteriores non expresamente determinada neles así como aquela que lle sexa transferida ou delegada polo Consello Xeral de Colexios de Economistas de España.

TÍTULO II

Órganos do Consello

CAPÍTULO I

Órganos de Goberno

Artigo 7º.-Da xunta directiva.

1. O órgano de goberno é a xunta directiva, composta por nove membros, catro deles serán os decanos-presidentes dos colexios de economistas pertencentes ao consello, e os cinco membros restantes distribuiranse proporcionalmente ao número de colexiados inscritos en cada un dos colexios de economistas pertencentes ao consello.

No cálculo proporcional dos colexiados considerarase a obtención dun membro, para o colexio correspondente, co redondeo da unidade a partir dos 0,75 puntos porcentuais.

2. A xunta directiva elixirá democraticamente un presidente de entre os seus membros. Proclamarase presidente o candidato que obtivese, na primeira votación, as dúas terceiras partes dos votos emitidos válidos, ou en segunda, a maioría simple dos votos emitidos válidos.

3. Por proposta do presidente electo, a xunta directiva nomeará, de entre os seus membros, un vicepresidente, un secretario, un vicesecretario e un tesoureiro.

4. Unha vez elixidos os membros do órgano de goberno, no prazo de cinco días hábiles, comunicarase a súa composición á consellería competente en materia de colexios profesionais e ás consellerías competentes por razóns da profesión e ao Consello Xeral de Colexios de Economistas de España.

CAPÍTULO II

Funcionamento

Artigo 8º.-Competencias.

É competencia da xunta directiva:

a) Elaborar as normas básicas de organización do consello así como os seus estatutos.

b) Acordar sobre todas aquelas funcións asignadas nos artigos 5º e 6º deste estatuto e velar pola execución dos correspondentes acordos.

c) Elixir o presidente e os demais cargos da xunta directiva.

d) Aprobar ou desaprobar a xestión do presidente, exixirlle a responsabilidade que lle corresponda, mediante o debate e votación da pertinente moción de censura, que deberá ser proposta para a súa admisión a trámite por un terzo, polo menos, dos membros da xunta directiva, mediante solicitude de convocatoria expresamente cursada para o devandito fin con este único punto da orde do día. A súa aprobación requirirá o voto favorable de dous terzos do número total de membros da xunta directiva, presentes ou ausentes. A aprobación da moción de censura levará consigo a celebración, dentro do prazo máximo dun mes, de nova elección de presidente do consello.

Artigo 9º.-Reunións.

1. A xunta directiva reunirase, con carácter ordinario unha vez cada semestre, no segundo semestre para aprobar os orzamentos e, no primeiro semestre, para aprobar as contas anuais e examinar a xestión. Con carácter extraordinario convocarase, por iniciativa do presidente ou cando o soliciten, polo menos, un terzo dos seus membros.

2. A convocatoria da xunta directiva farase por escrito, acompañada da orde do día e da documentación pertinente, e cursaraa a secretaría, logo de mandato da presidencia, polo menos con quince días de antelación, salvo casos de urxencia excepcional nos que será convocado con antelación mínima de corenta e oito horas, telegraficamente, por fax, burofax ou por correo electrónico.

A convocatoria sinalará o lugar e a hora de celebración, así como os puntos que se van tratar na reunión.

3. As reunións da xunta directiva quedarán validamente constituídas cando asistan, polo menos, a maioría simple do seus compoñentes, coa presenza do presidente e do secretario ou das persoas que legalmente os representen.

4. A xunta directiva non poderá adoptar acordos respecto de asuntos que non figuren na orde do día.

5. No caso de ausencia, enfermidade ou vacante de calquera dos membros do órgano de goberno, estes poderán ser substituídos, logo de comunicación acreditada ao consello, por calquera membro nomeado pola xunta de goberno do colexio correspondente.

Artigo 10º.-Acordos.

Os acordos tomaranse por maioría simple dos asistentes, salvo os referentes ao réxime disciplinario e de revisión de acordos dos colexios, reguladas nos títulos VI e VII, nos que o representante do colexio afectado terá voz pero non voto.

TÍTULO III

Dos cargos do Consello

CAPÍTULO I

Do Presidente e do Vicepresidente

Artigo 11º.-Do presidente.

1. O cargo de presidente elixido conforme o disposto no artigo 7º.2 destes estatutos terá unha duración de tres anos e poderá ser reelixido de maneira indefinida.

O cesamento do presidente por renuncia ou por calquera outra causa dará lugar á nova elección entre os membros da xunta directiva de conformidade co disposto no artigo 7º.2.

2. Corresponde ao presidente:

a) Desempeñar a representación máxima do consello, estándolle asignado o exercicio de cantos dereitos e funcións lle atribúan os presentes estatutos e sexan necesarios para as relacións cos poderes públicos, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera orde, sempre que se trate de materias de carácter xeral para a profesión dentro do ámbito do consello. Cando a representación sexa ante órgano público, entidade, corporación ou persoa xurídica ou natural cuxo ámbito de actuación sexa exclusiva no ámbito territorial dun colexio dos integrantes no consello, poderá delegar no decano-presidente deste colexio a devandita representación do consello. Terá, así mesmo, a capacidade necesaria para representar o consello en xuízo e outorgar poderes, xerais ou especiais, a procuradores dos tribunais, avogados ou calquera clase de mandatarios, logo de acordo da xunta directiva.

b) Exercitar as accións que correspondan en defensa de todos os colexios integrados no Consello Galego de Colexios de Economistas e dos seus colexiados, ante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase, cando se trate de normas, programas ou resolucións de índole xeral para todos os colexios de Galicia, sen prexuízo da autonomía e competencias que corresponden a cada colexio.

c) Convocar, fixar a orde do día e presidir todas as reunións do consello. Ordenar as deliberacións e abrir, suspender ou rematar as sesións.

d) Presidir e dirixir as deliberacións, abrir, suspender e cerrar as sesións dos congresos, xornadas e simposiums que organice o consello.

e) Autorizar coa súa sinatura as comunicacións e informes que se cursen, así como visar os nomeamentos e certificacións que expida o secretario.

f) Dirimir con voto de calidade os empates que resulten das votacións.

g) Coordinar e impulsar a actividade do consello así como cumprir e facer cumprir os acordos adoptados polos órganos do consello dentro da súa competencia.

h) Adoptar as resolucións que procedan por razóns de urxencia, dando conta á xunta directiva das decisións adaptadas para a súa ratificación na sesión seguinte.

Artigo 12º.-Do vicepresidente.

O vicepresidente substituirá o presidente en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

Desempeñará, ademais, todas aquelas funcións que lle confira ou delegue o presidente.

CAPÍTULO II

Do Secretario e do Tesoureiro

Artigo 13º.-Das funcións do secretario e do vicesecretario.

Corresponde ao secretario:

a) Redactar e certificar as actas das sesións do consello. Dar conta das inmediatas anteriores, para a súa aprobación, se é o caso, emitir informe, se procede, dos asuntos que en tales reunións deban tratarse e lle encomende o presidente.

b) Executar os acordos do consello, así como as resolucións que, conforme os estatutos, dite a presidencia.

c) Informar o consello e os seus membros, con facultade de iniciativa, de todos cantos asuntos sexan de competencia do consello.

d) Realizar todas aquelas actividades tendentes a alcanzar os fins sinalados nos puntos anteriores.

e) Auxiliar na súa misión o presidente e promover cantas iniciativas de orde técnica-profesional e corporativa deban adoptarse.

f) Levar os libros de actas necesarios, expedir e autorizar as certificacións que procedan, así como as comunicacións e circulares que fosen, se é o caso, autorizadas polo consello ou polo seu presidente.

g) Formar o censo de colexiados de Galicia inscritos en cada un dos colexios levando un ficheiro rexistro dos datos que procedan. O censo actualizarase cada 31 de decembro.

h) Levar o rexistro de sancións anotando en cada expediente as circunstancias do artigo 24º d) destes estatutos.

i) Redactar a memoria anual das actividades e proxectos do consello.

j) Exercer a alta dirección dos servizos que poidan crear no consello e calquera outros que lle encomende o mesmo consello.

k) Asumir a xefatura de persoal administrativo e das dependencias do consello. Solicitar os informes precisos segundo a natureza dos asuntos que se van resolver, sen que estes informes sexan vinculantes para o secretario.

l) Propoñer e xestionar cantos extremos sexan conducentes á boa marcha administrativa.

Artigo 14º.-Das funcións do tesoureiro.

Corresponde ao tesoureiro:

a) Expedir, co visto e prace do presidente, os libramentos para os pagamentos que deban verificarse e subscribir os mandamentos de pagamento necesarios para o movemento das contas abertas a nome do Consello Galego de Colexios de Economistas.

b) Levar os libros necesarios para o rexistro dos ingresos e gastos que afecten a caixa do consello e, en xeral, o seu movemento patrimonial.

c) Cobrar todas as cantidades que, por calquera concepto, deban ingresarse nas contas do consello, autorizando coa súa sinatura os recibos correspondentes e dar conta ao presidente e ao Pleno do Consello da situación da tesouraría e do desenvolvemento das previsións orzamentarias.

d) Propoñer e xestionar cantos extremos sexan conducentes á boa marcha contable e de investimento dos fondos do consello.

e) Elaborar as contas anuais.

f) Elaborar o proxecto anual de orzamentos.

g) Subscribir o balance que da contabilidade se deduza, efectuando os arqueos que correspondan de maneira regular e periódica.

Artigo 15º.-Do vicesecretario.

O vicesecretario substituirá o secretario en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

CAPÍTULO III

Das Comisións

Artigo 16º.-Das comisións.

Logo de acordo da xunta directiva poderán crearse comisións de traballo específicas ou outros órganos consultivos, cuxo órgano de goberno e regulamento interno será aprobado pola xunta directiva e neles poderán delegarse as funcións correspondentes.

TÍTULO IV

Do réxime económico

Artigo 17º.-Do réxime económico.

A economía do Consello Galego de Colexios de Economistas é independente da dos respectivos colexios de economistas integrados nel e cada colexio será autónomo na xestión e administración dos seus bens, aínda que contribuirán ao orzamento do consello na forma que a continuación se sinala.

Artigo 18º.-Do financiamento.

Para cubrir os gastos do Consello Galego de Colexios de Economistas de Galicia, este disporá dos seguintes recursos:

a) Das cotas periódicas que se acorde establecer aos colexios de economistas integrantes do consello que serán fixadas en proporción ao número de colexiados, ou das achegas extraordinarias que se aprobe que deban facer os colexios para cubrir os gastos incorridos ou previstos.

A falta de pagamento das liquidación relativas a dous ou máis períodos trimestrais poderá dar lugar á suspensión do respectivo colexio nas actividades do consello e dos seus órganos mentres non sexan efectuados os pagamentos e declaracións trimestrais pendentes. Esta medida deberá acordala a xunta directiva por proposta do secretario. Desta proposta darase traslado ao colexio ou organización colexial respectiva para que antes da reunión, e por un prazo de dez días, poida efectuar un informe ao respecto.

b) Da participación que lle corresponda na cota que os colexios de economistas acheguen ao Consello Xeral de Colexios de Economistas de España e outros ingresos deste.

c) O importe dos dereitos económicos polos documentos e certificados que expida.

d) As subvencións oficiais e particulares, donativos e legados que o consello poida recibir.

e) As derramas extraordinarias que o consello poida determinar por circunstancias excepcionais.

f) Os dereitos por prestación de servizos e actividades que o consello realice.

g) As cotas pola inscrición nos órganos ou seccións de ámbito profesional especializado e os dereitos pola utilización dos distintos servizos do consello polos colexios ou os colexiados.

h) Outros ingresos que o consello poida percibir con motivo das súas actividades.

Artigo 19º.-Do orzamento e das contas anuais.

1. O exercicio económico do consello coincidirá co ano natural, pechándose o exercicio económico o 31 de decembro de cada ano.

2. Na reunión ordinaria da xunta directiva, que se celebrará no segundo semestre de cada ano, deberá presentarse para o seu debate e aprobación, un proxecto de orzamento para o ano seguinte.

3. Na reunión ordinaria da xunta directiva, que se celebrará no primeiro semestre de cada ano, deberán presentarse para o seu debate e aprobación, as contas anuais e liquidación do orzamento do exercicio económico anterior.

4. Os orzamentos anuais do consello detallarán os ingresos e gastos previstos para o exercicio correspondente integrando todos os seus órganos e actividades.

5. De iniciarse un exercicio económico sen que se aprobase o orzamento correspondente, quedará prorrogado o do exercicio anterior até a aprobación do novo orzamento, agás nas partidas que resulten de aplicación disposicións vixentes en materia laboral.

6. As contas anuais do Consello Galego de Colexios de Economistas serán auditadas cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, do órgano de goberno, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

TÍTULO V

Do réxime disciplinario

Artigo 20º.-Das funcións disciplinarias.

1. O Consello Galego de Colexios de Economistas é competente para o exercicio da función disciplinaria en vía administrativa.

2. En primeira instancia, cando a persoa afectada sexa membro da Xunta de Goberno de calquera dos colexios de Galicia.

3. En segunda e última instancia administrativa, na resolución dos recursos de alzada interpostos contra os acordos dos colexios. Nestes casos, os representantes do colexio afectado terían voz pero non voto.

Artigo 21º.-Dos expedientes disciplinarios.

1. O Consello oídas as partes e obtida toda a información que se considere precisa, resolverá o expediente.

2. Contra as resolucións do consello, ditadas en primeira instancia, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios de Economistas de España.

TÍTULO VI

Dos recursos

Artigo 22º.-Dos acordos dos colexios de economistas.

1. Contra os actos, resolucións e acordos dos colexios de economistas de Galicia suxeitos ao dereito administrativo, os colexiados afectados e demais persoas lexitimadas poderán interpoñer recurso de alzada perante o Consello Galego de Colexios de Economistas, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación.

2. Este recurso, que deberá ser razoado e fundamentado, presentarase no prazo de dez días ante o propio consello ou colexio correspondente. Neste último caso, elevarao ao consello, xuntamente co expediente relativo ao acto ou acordo impugnado e, de consideralo conveniente, xunto cun informe sobre o recurso elaborado pola Xunta de Goberno do correspondente colexio.

3. O consello terá que resolver o recurso de alzada no prazo de tres meses contados desde a súa presentación. Transcorrido o devandito prazo sen notificarse acordo sobre o recurso, considerarase desestimado por silencio administrativo, salvo que o recurso fose interposto contra a desestimación presunta dunha solicitude por transcurso do prazo, caso en que se entenderá estimado o recurso se, chegado o seu prazo de resolución, o órgano competente non ditase resolución expresa sobre el. O acordo do consello, expreso ou presunto, esgotará a vía administrativa e contra el poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo.

Artigo 23º.-Dos acordos do Consello Galego de Colexios de Economistas.

Contra os actos, resolucións e acordos do Consello Galego de Colexios de Economistas, suxeitos ao dereito administrativo, os colexios que formen parte del e calquera outro interesado, poderá interpoñer recurso de revisión nos prazos e supostos previstos no capítulo II do título VII da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O consello deberá resolver o recurso no prazo de tres meses contados desde a súa presentación e, transcorrido o devandito prazo sen notificarse a resolución expresa, considerase aquel desestimado por silencio administrativo. Contra o acordo do consello, expreso ou denegatorio por silencio, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo.

TÍTULO VII

Das relacións do Consello Galego de Colexios de Economistas

Artigo 24º.-Das relacións cos colexios de economistas.

Os colexios de economistas de Galicia terán que notificar á secretaría do consello:

a) Os seus respectivos estatutos e modificacións.

b) Os nomes dos compoñentes das súas xuntas de Goberno.

c) A relación de colexiados, exercentes ou non exercentes, o 31 de decembro de cada ano e as altas e baixas que se produzan, con indicación da causa destas últimas, co obxecto de poder levar o correspondente censo de economistas.

d) As sancións disciplinarias que impoñan, a firmeza das resolucións sancionadoras, os recursos e acordos de suspensión, os acordos resolutorios de aqueles, o inicio da execución, o cumprimento e a cancelación.

Artigo 25º.-Das relacións coas universidades de Galicia.

1. O consello, sen prexuízo das competencias que ao respecto teñen os colexios que o integran, colaborará coas universidades galegas e fundamentalmente coas facultades de ciencias económicas e empresariais, escolas universitarias de estudos empresariais, e institucións dependentes destas que desenvolvan estudos e análises económicas, financeiras, ou equivalentes, colaborará, de acordo coa lexislación vixente, na elaboración de plans de estudo das facultades de económicas e empresariais, formación posgrao, formación continuada, e outras similares, formación en prácticas en despachos e sociedades de colexiados exercentes e empresas con economistas en cargos directivos, baixo cuxa dirección os alumnos realizarán as correspondentes prácticas sen prexuízo da tutela académica correspondente. Colaborará o consello na organización de cursos, seminarios, conferencias e actividades relacionadas coa materia económica e a economía galega, para o cal o consello e os colexios poderán formalizar

esta colaboración en convenios de colaboración coas distintas universidades galegas.

2. O consello colaborará, así mesmo, coas asociacións de alumnos, asociacións de antigos alumnos, e outras similares, así como con fundacións e outras entidades vinculadas ás universidades galegas para a organización de estancias, prácticas universitarias e profesionais, intercambios, viaxes, conferencias, seminarios e demais actividades relacionadas coa economía e as empresas galegas.

Artigo 26º.-Das relacións coa Xunta de Galicia, institucións e entes públicos galegos.

O consello terá que comunicarlle á consellería ou consellerías competentes en materia de colexios profesionais:

a) O texto do seu estatuto e as súas modificacións, que deberán aprobarse conforme o establecido no artigo 28.5º da Lei 11/2001 de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As persoas que integran o consello con indicación dos cargos que ocupan así como todas as modificacións que se produzan na composición da xunta directiva.

c) O consello, sen prexuízo das competencias dos Colexios que o compoñen, colaborará coa Xunta de Galicia, institucións, organismos, sociedades, ou equivalentes dela dependentes, entidades locais, e similares, en todas aquelas actividades que repercutan no coñecemento, e beneficio da economía galega, instrumentando os convenios precisos coas distintas consellerías, institucións, entes, ou equivalentes, na realización de cursos, publicacións, colaboración coa xustiza e os seus tribunais, organización de quendas de oficio en actuacións xudiciais, difusión do idioma galego no terreo económico-financeiro, formación ocupacional, adecuación da formación dos economistas ás variacións do mercado do traballo, organización de cursos de especialización, nomeamento de membros expertos para formar parte de tribunais de acceso á formación pública en representación dos colexios profesionais, ou similares.

Disposicións adicionais

Primeira.-Corresponde ao Consello Galego de Colexios de Economistas a regulamentación, desenvolvemento e interpretación deste estatuto así coma velar polo seu cumprimento.

Segunda.-Con carácter supletorio serán de aplicación o Estatuto do Consello Xeral de Colexios de Economistas de España e o Estatuto Unificado dos Colexios de Economistas de España en todos aqueles aspectos que non estean recollidos neste estatuto. En todo caso, os fins e funcións do consello enténdense sen prexuízo da competencia da Administración pública por razón da relación funcionarial.