DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Mércores, 07 de maio de 2008 Páx. 8.164

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2008 pola que se convocan as xornadas Como aproveitar as oportunidades que Europa nos ofrece.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2008, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse en colaboración co Instituto Europeo de Administración Pública-Centro Europeo das Rexións de Barcelona, as xornadas Como aproveitar as oportunidades que Europa nos ofrece, de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

Coa sinatura do novo Tratado de Lisboa e a aprobación do novo período de financiamento 2007-2013, ábrese unha gran fiestra de novas oportunidades para os diferentes sectores que conforman a Unión Europea. Tendo moi en conta que as pequenas e medianas empresas representan un papel clave dentro da sociedade, desde a Unión Europea invítanse as PEME a participar plenamente no proceso de construción europea. Por unha banda, as PEME representan un rol fundamental nun dos piares da nova estratexia de Lisboa, baseado na innovación e no coñecemento como base principal para o crecemento. Por outra banda, as axudas e programas da UE son, a través do principio do (co-) financiamento, unha gran fonte de recursos para os concellos e rexións de Europa. A decisión final para o novo período de programación 2007-2013 tardou en chegar, aínda que isto non significa que o compromiso financeiro da UE no conxunto dos estados membros diminúa. Máis ben ao contrario, seguen a se contar por centos as axudas

que a UE pon á disposición dos actores rexionais e locais dentro dos que as PEME xogan un papel moi destacado.

Unha vez vista desde unha perspectiva xeral a importancia do papel que poden desempeñar as PEME no proceso de construción europea, a pregunta sería: como podemos aproveitar este novo marco para potenciar as posibilidades de crecemento que nos ofrece Europa é preciso desenvolver e atesourar proxectos convincentes, e para iso é moi importante atopar socios cos que traballar e colaborar dunha maneira conxunta. Por todo isto, desde o valor dos fondos ata o cambio de escenario que representa o novo período de programación, os actores locais e rexionais, e moi especialmente as PEME, deben estar moi ben preparados para a ocasión. Cada programa ou iniciativa ten os seus propios obxectivos ou peculiaridades, pero no que se refire ás regras básicas do xogo (isto é, presentación da proposta ou ofertas, xestión e facturación, etc.), os elementos converxen e poden ilustrarse baixo un patrón harmonizado.

Ao mesmo tempo, podemos observar unha nova foto da Unión Europea, que entraña a necesidade de se lle presentar e explicar á cidadanía dun xeito eficaz e coherente. Neste mesmo sentido e partindo da importancia que supón que a cidadanía estea ben informada, desde 2001, os temas relacionados coa comunicación dos asuntos europeos estiveron moi presentes na axenda política. As recentes sondaxes (e referendos) que puxeron a proba á UE nos últimos tempos amósannos a necesidade de reconfigurar e dinamizar unha estratexia de comunicación para que se informe á cidadanía. Isto levou recentemente á Comisión Europea (CE) ao deseño dunha estratexia de comunicación. Conforme o novo lema escoitar, comunicar e interesarse a nivel local, a CE (baixo o liderado de Margot Wallström) tenta superar anteriores omisións e concentrarse en ofrecerlles aos cidadáns europeos resultados e información tanxible que poidan utilizar na súa vida cotiá.

2. Contido.

Serán tratados entre outros os seguintes temas:

-A estratexia de Lisboa como marco global para o período 2007-2013: actores, prioridades e fondos.

-O marco estratéxico para a converxencia económica de Galicia 2007-2013.

-Reforzar a dimensión empresarial nos fondos: CIP, Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, 7PM, Jeremie, etc.

-Desenvolver unha proposta/idea convincente e un concepto firme para conseguir fondos; o manual de xestión do ciclo do proxecto e o marco lóxico.

-Panel: a creación e o funcionamento dos consorcios: como participar neste proceso, encontrar un socio, crear un consorcio, acordos de asociación, metodoloxía, etc.- factores de éxito críticos.

-Por que comunicar? Definición e presentación da mensaxe.

-Que é unha noticia (da UE).

-Requisitos publicitarios e provisión de visibilidade e tamén divulgación de resultados dos proxectos financiados pola UE.

-Panel final: ferramentas e actividades ao servizo da cidadanía para acceder á información da UE.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo das administracións públicas e tamén representantes de pequenas e medianas empresas galegas e asociacións cuxa función principal sexa a de representar a cidadanía. Ao mesmo tempo, as xornadas tamén están abertas a un amplo público proveniente do nivel local e rexional de Galicia.

En termos máis xerais, as xornadas serán de grande interese para todas aquelas empresas, asociacións, organizacións e cidadáns interesados en coñecer ou ampliar os seus coñecementos sobre as oportunidades que nos ofrece Europa, en forma de fondos de financiamento de proxectos e en novas e mellores formas de comunicación dos asuntos europeos á cidadanía, e, principalmente, como poden aproveitar estas oportunidades do xeito máis óptimo e eficaz posible.

4. Desenvolvemento.

-Horario: de mañá e tarde.

-Local e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no Paraninfo da Universidade da Coruña, sito na rúa da Maestranza, 9, na Coruña, os días 22 e 23 de maio de 2008.

5. Inscrición.

-O prazo de inscrición finaliza o martes, 20 de maio de 2008.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no Rexistro Xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es

-Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedar prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41/881 99 70 14.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a facultade de cancelalas se o número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificado de asistencia.

Será entregado un certificado de asistencia, ao final das xornadas, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, a natureza da actividade e a data de realización.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2008.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "08700D009P044.PDF"