DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Mércores, 07 de maio de 2008 Páx. 8.161

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 30 de abril de 2008 pola que se modifica a do 22 de febreiro, que establece as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2008, no relativo ás vedas e ao réxime especial establecido nesa orde para os ríos Rois e Valeirón.

Os artigos 46 e 47 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, recollen a obriga da Administración de adoptar, mediante unha orde anual, as normas xerais de pesca fluvial de distintas especies ictícolas e dos demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia.

O pasado 29 de febreiro do 2008 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 22 de febreiro de 2008, pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2008, recolléndose na citada orde, entre outras, as vedas e o réxime especial aplicable aos ríos Rois e Valeirón, no concello de Rois, na provincia da Coruña.

O 13 e 14 de marzo de 2008 o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e o director xeral de Conservación da Natureza desta consellería, asinaron respectivamente, a resolución pola que se aproba o Plan de xestión de recursos piscicolas de tres tramos da bacía do río Rois e a resolución pola que se crea o couto de pesca de Rois.

En tal sentido, considérase máis acertado modificar a Orde do 22 de febreiro de 2008, reguladora das normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, para os efectos de adecuar as vedas e o réxime especial dos ríos Rois e Valeirón ao recollido nos seus respectivos plans de xestión de recursos piscícolas.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, das normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Déixanse sen efecto as vedas e o réxime especial establecido pola Orde do 22 de febreiro de 2008 para o exercicio da pesca nos ríos Rois e Valeirón, na provincia da Coruña, durante a tempada 2008.

2. As vedas e o réxime especial para o exercicio da pesca nos ríos Rois e Valeirón durante a tempada 2008 axustaranse ao establecido no Plan de xestión de recursos piscícolas para o aproveitamento destes ríos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2008.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible