DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Mércores, 07 de maio de 2008 Páx. 8.152

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 24 de abril de 2008 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas ás pequenas e medianas empresas (Pemes) de Galicia para o financiamento de investimentos encamiñados á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

A Unión Europea persegue nas súas políticas e estratexias un desenvolvemento sustentable que favoreza o crecemento económico e social sen prexudicar o ambiente e os recursos naturais.

A busca da sustentabilidade compete a todos os niveis da sociedade. A actividade empresarial ten un papel fundamental na consecución deste obxectivo, pola súa influencia sobre o desenvolvemento económico, social e ambiental. As empresas que exercen responsablemente a dita influencia deben responder á demanda social de transparencia e compromiso, e para isto a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) constitúe un instrumento de responsabilidade en relación coas repercusións sociais e os impactos ambientais da súa actividade.

Os gases de efecto invernadoiro (GEI) procedentes da actividade humana constitúen, segundo o grupo de expertos do Panel Intergobernamental do Cambio Climático (IPCC), os causantes máis importantes do quencemento global que está a afectar na actualidade a toda a humanidade. O IPCC sinala que se nos vindeiros anos non se toman medidas encamiñadas á mitigación e redución das emisións dos gases GEI, produciranse importantes cambios nas condicións de vida do planeta que afectarán entre outros, os recursos naturais, a agricultura e a saúde humana, condicionando as relacións socioeconómicas e o modo de vida actual.

Para a consolidación destes obxectivos e poder facer fronte aos problemas derivados do cambio climático é preciso superar a concepción exclusivamente lexislativa e adoptar un enfoque máis estratéxico no cal se incentiven os cambios necesarios nos nosos modelos de produción e consumo.

Trátase de primar as empresas que de forma voluntaria impulsen proxectos que conduzan á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro para contribuír a facer fronte ao fenómeno do cambio climático, desde a perspectiva da mitigación e, pola súa vez, facilitar o cumprimento dos compromisos derivados do protocolo de Quioto.

O réxime xeral das axudas e subvencións nesta Administración pública establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a normativa principal está representada polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña á citada lei. Esta orde cumpre coas exixencias da precitada normativa.

De acordo con isto, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, en relación cos artigos 27.30º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de axudas con carácter plurianual, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas ás pequenas e medianas empresas (en diante Pemes) galegas que fagan investimentos co fin de acadar unha redución das emisións dos seguintes gases de efecto invernadoiro (en diante GEI): dióxido de carbono, metano, óxido nitroso, hidrofluorocarbonados, perfluorocarburos e hexafluoruro de xofre.

2. Unicamente serán subvencionables os proxectos que teñan por finalidade a redución de emisións de GEI nos seguintes ámbitos:

-Fomento do transporte sustentable, incluíndo planes de mobilidade da empresa.

-Mellora da eficiencia enerxética en calquera ámbito da actividade da empresa.

-Proxectos de compensación de emisións desenvolvidos no ámbito xeográfico de Galicia.

3. Só poderá ser concedida unha axuda por proxecto e por beneficiario.

Artigo 2º.-Beneficiarios e condicións.

1. Poderán acollerse a estas axudas as Pemes que emitan GEI, e que cumpran, así mesmo, os seguintes requisitos:

1) Ter o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

2) Empresa con personalidade xurídica propia que reúna as seguintes cláusulas:

-Que empregue menos de 250 traballadores.

-Que teña un volume de negocio inferior a 50 millóns de euros ou un balance xeral inferior a 43 millóns de euros.

-Que non estea participada nun 25% ou máis do seu capital por unha empresa que non cumpra os requisitos anteriores.

3) No caso das Pemes que estean comprendidas dentro do ámbito de aplicación da Lei 1/2005, do 9 de marzo, pola que se regula o réxime de comercio de dereitos de emisión de GEI e da Orde do 13 de novembro de 2007, non se considerarán aqueles proxectos que supoñan reducións no ámbito de aplicación da antedita Lei 1/2005.

4) Que as actuacións propostas ao abeiro desta orde non sexan de obrigado cumprimento pola lexislación vixente.

5) Posuír personalidade xurídica propia, suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención de subvencións públicas ou para contratar co Estado, comunidades autónomas e outros entes públicos.

6) Prestar o seu consentimento a esta consellería para a difusión do seu proxecto.

7) Non ter ningunha sanción imposta mediante resolución en firme en materia ambiental, no último ano.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde, as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

1. Serán susceptibles de subvención os investimentos iniciados no ano 2008 e realizados ao longo dos anos 2008-2009.

As accións que se realicen soamente o longo do ano 2008, incluídas as iniciadas con anterioridade á publicación desta convocatoria, finalizarán antes do 1 de outubro de 2008. Para as actuacións que rematen no 2009, finalizarán antes do 1 de outubro de 2009.

Así mesmo, o investimento material debe manterse e aplicarse ao fin concreto para que se concedeu a subvención por un período mínimo de cinco anos.

2. En todo caso, os gastos subvencionables deberán estar entre os determinados na orde do Ministerio de Economía e Facenda 524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión.

Artigo 4º.-Contía.

1. A axuda poderá acadar ata un 75% do custo total do proxecto.

2. A axuda máxima por solicitante limitarase a 30.000 €.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista no artigo 29.3º da Lei 9/2007, do 25 de xuño, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

4. Para os efectos do establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios poderán subcontratar a totalidade do custo da actuación subvencionada.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e deberán ser presentadas mediante modelo normalizado recollido no anexo I desta orde, de acordo con calquera dos lugares previstos polo artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será de 60 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Unha vez presentada a solicitude revisarase a súa documentación e, se esta non reunise os requisitos exixidos, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que, se non o fixer, se poderá considerar desistido da súa petición, arquivándoa sen máis trámites, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Documentación xeral a presentar coas solicitudes.

1. Os interesados en obter estas axudas deberán achegar a seguinte documentación:

1) A instancia de solicitude, segundo as indicacións recollidas no artigo 4º.1 (anexo I).

2) Acreditación da personalidade:

2.1) Persoas xurídicas:

a) Orixinal ou copia compulsada da certificación rexistral en que conste a súa constitución e os estatutos vixentes.

b) Orixinal ou copia compulsada do documento acreditativo do poder con que actúa o representante en nome da entidade, no caso de que tal poder non conste na certificación, e copia compulsada do seu documento nacional de identidade.

c) Copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

3) Certificación expedida pola entidade bancaria en que se sinale o número de conta do beneficiario onde se debe realizar o pagamento.

4) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes.

5) Presentarase un proxecto da actuación a realizar subscrito por técnico competente, que conteña:

a) Memoria técnica especificando as actividades a realizar, así como a redución das emisións de GEI estimadas en toneladas equivalentes de CO2, especificándose os factores de emisión, factores de oxidación..., utilizados para o cálculo da redución das emisións de GEI que poderán ser recollidos das seguintes fontes:

-Última edición publicada do inventario de emisións de gases de efecto invernadoiro de España.

-Datos do Instituto para Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

-Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

-E en caso do uso doutra fonte que se especifique, será validados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible.

b) Orzamento detallado dos traballos a realizar para a elaboración do proxecto de redución de gases de efecto invernadoiro, así como, polo menos, unha factura pro forma dos conceptos orzamentarios.

c) Calendario de prazos de execución.

6) Declaración, segundo o modelo do anexo II, de non atoparse en ningún dos supostos previstos no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta declaración deberá ser presentada coa solicitude e coa xustificación do investimento realizado.

7) Formulario de identificación da empresa segundo o anexo III.

2. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado, segundo o artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, agás denegación expresa por parte do solicitante, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente. Esta comprobación efectuarase antes de resolverse a concesión e antes de proceder á tramitación do pagamento. En todo caso, o solicitante deberá de estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Artigo 7º.-Comisión de avaliación.

1. Presentada a solicitude xunto á documentación exixida, procederase á súa valoración por parte dunha comisión de avaliación de proxectos presidida polo director xeral de Desenvolvemento Sostible, sendo vogais dela: o subdirector xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible, o subdirector xeral de Tecnoloxía e Control Medioambiental (Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental) e o director coordinador do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia. Actuará como secretaria da comisión a xefa de Servizo de Prevención do Cambio Climático quen, ademais, exercerá as funcións de instrutora dos procedementos de concesión.

2. Cando, por calquera causa, no momento en que a comisión teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puider asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o director xeral de Desenvolvemento Sostible.

3. A comisión de valoración rexerase polo establecido no título II, capítulo II, artigo 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, relativo aos órganos colexiados.

Artigo 8º.-Criterios de valoración e baremo.

1. A comisión de avaliación creada polo artigo 7º desta orde estudará as solicitudes admitidas, analizando a documentación requirida polo artigo 6º, e avaliará a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro derivada do investimento aplicando os seguintes criterios e puntuacións:

a) Redución absoluta, cuantificada en toneladas equivalentes de CO2 que derivaría da execución do proxecto: ata 9 puntos.

b) Eficiencia de redución do proxecto (toneladas equivalentes de CO2 reducidas por euro investido): ata 5 puntos.

c) Posuír certificacións ISO 14000 ou EMAS ou memoria de sustentabilidade: 1 punto.

2.Unha vez avaliadas as solicitudes, a comisión de valoración fixará a puntuación mínima necesaria para poder acceder á concesión das axudas establecidas nesta orde.

3. A comisión de avaliación poderá agrupar os proxectos nas tres modalidades descritas no artigo 1º, asignando a cada grupo unha porcentaxe do crédito.

Artigo 9º.-Procedemento de avaliación das solicitudes.

1. Vencidos os prazos de presentación e, se é o caso, de emenda de solicitudes establecidos polo artigo 5º, o instrutor elaborará un informe para a súa inclusión no expediente, facendo constar que da información que consta no seu poder ser desprende que as solicitudes admitidas cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

2. Seguidamente, o instrutor dará traslado do expediente á comisión de avaliación, que procederá a valorar as solicitudes de axudas de conformidade cos criterios recollidos no artigo 8º. No caso de producirse un empate entre as puntuacións de varias solicitudes, as puntuacións asignadas polo presidente da comisión terán carácter dirimente.

3. O secretario recollerá o resultado das votacións da comisión nunha acta-informe en que se detallen as ditas valoracións especificando os votos atribuídos a cada solicitude para cada un dos criterios establecidos no artigo 8º, número 1, e a puntuación mínima necesaria prevista polo número 2 do mesmo precepto. O informe elevarase ao director xeral de Desenvolvemento Sostible, xunto cunha proposta de resolución definitiva en que se expresará a relación de solicitantes para os cales se propón a concesión ou a denegación da subvención.

Artigo 10º.-Resolución de concesión.

1. A resolución da concesión será ditada polo director xeral de Desenvolvemento Sostible, actuando por delegación do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nun prazo de catro meses a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A dita resolución incluirá a fundamentación da concesión das axudas xunto cunha relación de solicitantes a que se lle conceden ou denegen.

2. Sen prexuízo da notificación da resolución aos interesados nos termos previstos polos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, a relación citada no númeo anterior farase pública a través da páxina web oficial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e as subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e finalidade ou finalidades da subvención.

3. O vencemento do prazo máximo indicado sen se ditar e notificar a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 23.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 44.1º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente as devanditas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 42 desta lei.

4. Así mesmo, as resolucións de concesión da subvención incluiranse no Rexistro público de subvencións dependente da Consellería de Economía e Facenda co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional en Galicia. Os datos incorporados a el poderán ser obxecto de rectificación, cancelación e oposición polo interesado. No suposto de que a publicación dos datos do beneficiario poida ser contraria ao respecto e salvagarda do honor e á intimidade persoal e familiar das persoas físicas segundo a Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, este poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos.

5. O outorgamento da axuda debe ser aceptado polo beneficiario coas condicións específicas recollidas nesta orde, no prazo de 10 días a partir do día seguinte á notificación da resolución de concesión. En caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación no prazo indicado, a subvención outorgada considerarase tacitamente aceptada.

Artigo 11º.-Publicidade da resolución.

1. Deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas cando o importe delas, individualmente consideradas, sexa igual ou superior aos 3.000 €. Para as de contía inferior, a relación das concedidas e denegadas farase pública a través da páxina web da consellería, nos termos establecidos no artigo 13 puntos 3º e 4º, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e tamén as sancións que se puideren impoñer, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

2. O beneficiario das axudas deberá cumprir coa exixencia de publicidade da axuda concedida ao abeiro do disposto no artigo 15.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, en cumprimento do disposto nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, na antedita publicidade, deberá indicarse que as actuacións as cofinancia o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), debendo cumprirse, así mesmo, os demais requisitos exixidos ao beneficiario no regulamento.

Artigo 12º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13º.-Acreditación de traballos realizados.

1. Con carácter previo á percepción dos pagamentos, o representante da empresa beneficiaria deberá formular baixo a súa responsabilidade a conta xustificativa do gasto, acompañada de orixinal ou copia compulsada das facturas, xustificantes bancarios, transferencia de crédito (agás no que se refire aos pagamentos á Seguridade Social, Axencia Tributaria e Xunta de Galicia, no que sería exixible o documento de ingreso que proceda), ou calquera outro documento con validez xurídica que xustifique o investimento solicitado e o cumprimento do obxecto da subvención pública. Esta conta e xustificantes deberán presentarse antes do 15 de outubro de 2008 ou de 2009, segundo a anualidade que corresponda, ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible co fin de que esta outorgue, se procede, a súa conformidade.

Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado.

A conta deberá incluír a declaración das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos producidos, e a súa presentación realizarase, como máximo, nos quince días naturais desde a finalización do prazo previsto para a realización das actividades obxecto de axuda.

2. O incumprimento da obriga de xustificación da subvención nos termos establecidos neste artigo ou a súa xustificación insuficiente levará consigo o reintegro nas condicións previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto das aprobadas e concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, de acordo coa Resolución do 30 de novembro de 1999, na cal se establece o mecanismo de seguimento e control de concorrencia e acumulación das axudas públicas.

Artigo 14º.-Pagamento.

O pagamento formalizarase unha vez que a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental preste a conformidade coa conta e xustificantes presentados polo beneficiario de conformidade co artigo 13º, número 1.

Para os investimentos plurianuais, poderanse efectuar pagamentos parciais, a conta da liquidación que se perciba, cumprindo os requisitos que para este efecto determinen os artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O sumatorio dos pagamentos axustarase en todo caso e non excederá a cantidade orzada para cada anualidade, segundo o artigo 16 desta orde.

Artigo 15º.-Redución do pagamento.

No suposto de que o investimento ou a actividade realizada teña un custo inferior ao inicialmente previsto, a axuda concedida verase diminuída na cantidade necesaria para manter a porcentaxe de axuda sobre o investimento estipulado.

Artigo 16º.-Aplicación orzamentaria.

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde destinaranse ata un máximo de 500.000 € que se imputarán na aplicación orzamentaria 15.03.541D.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2008, e 500.000 € na aplicación orzamentaria 15.03.541D.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2009. En todo caso, as dispoñibilidades orzamentarias soamente permitirán atender as solicitudes para as cales o crédito orzamentario alcance.

A devandita contía poderá incrementarse de acordo coas condicións establecidas no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Axudas de minimis.

1. As axudas a empresas que se poidan conceder ao abeiro da presente orde, sométense ao réxime de minimis, polo que cada beneficiario non poderá recibir máis de 200.000 €, de axudas sometidas ao antedito réxime, durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. Para tal efecto, os posibles beneficiarios indicados no artigo 2º desta orde deberán xuntar, coa súa solicitude, declaración sobre calquera outra axuda sometida ao devandito réxime de minimis recibida nos dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio en curso (anexo IV).

3. Na resolución de concesión farase constar o importe da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, así como sobre a súa natureza de minimis, segundo o regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro (DOUE L 379, 28-12-2006).

4. Non obstante o disposto no parágrafo 1, a axuda total sometida ao réxime de minimis concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada, non poderá superar 100.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.

5. Ademais, as empresas dos sectores da pesca e a acuicultura e as da produción primaria de produtos agrícolas poderán recibir axudas sometidas ao réxime de minimis se se acollen ao Regulamento (CE) nº 1860/2004, da Comisión, do 6 de outubro, modificado polo Regulamento (CE) da Comisión 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis nos sectores agrario e pesqueiro (DOUE L 193, 25-7-2007).

Neste caso, o importe total das sometidas ao réxime de minimis non poderá superar os 30.000 € brutos durante calquera período de tres exercicios fiscais.

6. Segundo o artigo 3 do Regulamento (CE) 1535/2007, da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas ( DOUE L 337, 21-12-2007) o máximo da axuda que se pode conceder ás empresas do sector da produción de produtos agrícolas serán 7.500 € en tres anos.

Artigo 18º.-Compatibilidade de axudas.

As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán incompatibles con calquera outras que teñan a mesma finalidade, e procedan de administracións ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 19º.-Reintegro.

1. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

2. Non se poderá exixir o pagamento da subvención ou subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de mora producidos desde o pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para á súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas aos beneficiarios con motivo da concesión da subvención ou subvención pública.

3. Aos beneficiarios seralles de aplicación, nos seus propios termos, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; así como o procedemento previsto no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 20º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 21º.-Recursos.

A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 do artigo 10, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes desde a notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, ou tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional

Única.-Delégase no director xeral de Desenvolvemento Sostible o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 9.1º, consonte o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Desenvolvemento Sostible para ditar cantas disposicións complementarias sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2008.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

Ver referencia pdf "08700D005P032.PDF"