DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Mércores, 07 de maio de 2008 Páx. 8.145

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 28 de abril de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia e que non estean integrados na rede galega de teatros e auditorios, para o equipamento e mellora das instalacións técnicas dos espazos escénicos e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura e Deporte responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19º, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia, e, no artigo 32, que lle corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura e Deporte asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes. Compételle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos colectivos, persoas físicas, corporacións locais e industrias culturais, que desenvolvan un labor cultural dentro do seu ámbito competencial.

Movéndonos no eido concreto das corporacións locais e das súas entidades públicas, a Consellería de Cultura e Deporte, e dentro da súa aposta pola dinamización cultural do país, considera que a mellora das condicións de equipamento e a mellora das condicións técnicas dos locais destas entidades fomentaría o seu atractivo cara a un público cada vez máis exixente, e posibilitaría o reequilibrio na distribución das actividades facilitando que aquelas corporacións que non forman parte da rede de teatros e auditorios e que apostan pola cultura de Galicia dispoñan dos medios axeitados para dotar e acondicionar os seus locais, co fin de abrir as súas ofertas culturais aos novos campos da cultura, e facilitar así o reequilibrio territorial na distribución cultural.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura e Deporte quere establecer con esta orde un instrumento que, axeitándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á mellora dos locais e do equipamento das corporacións locais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

1. Esta orde fixa o réxime de concesión, en concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á mellora e equipamento dos locais das corporacións locais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia para o ano 2008, no que atinxe á mellora do equipamento e das dotacións técnicas dos locais destinados a actividades culturais, conforme o procedemento que a continuación se establece.

2. Para os efectos desta convocatoria, enténdense por locais de corporacións locais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia aqueles que son propiedade das citadas entidades, sitos en Galicia que non estean integrados na rede galega de teatros e auditorios e que contribúan ao espallamento da cultura galega e da nosa identidade como pobo diferenciado.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que non se atope derrogado.

3. Lei 16/2007, do 26 de decembro,de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2008.

4. Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

5. Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

E supletoriamente:

6. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

7. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

8. Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º.-Imputación orzamentaria e contía.

1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.02.432A.760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2008, por un importe máximo de 300.000 € (trescentos mil euros). Estas subvencións están cofinanciadas con fondos Feder (Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional), regulados pola normativa recollida no punto 4 do artigo 1º desta orde.

2. A concesión das axudas queda sometida á condición de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán optar a estas subvencións as corporacións titulares de locais que non estean incluídos na rede de teatros e auditorios de Galicia, cunha programación estable ao longo do ano.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

1. Os concellos e entidades públicas con personalidade xurídica propia que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, mediante unha instancia dirixida á conselleira de Cultura e Deporte, consonte o modelo que figura como anexo I, e poderán presentala no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Deporte, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou por calquera dos outros medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á solicitude xuntaráselle a documentación que a seguir se relaciona:

a) Solicitude cuberta consonte o modelo que figura no anexo I desta orde.

b) Memoria dos programas e actividades desenvolvidos nos locais presentados.

c) Calendario de execución da programación.

d) Memoria do proxecto de investimento.

e) Certificado do órgano competente, facendo constar que a corporación local ou as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia se comprometen a achegar a porcentaxe do orzamento do proxecto que lle corresponda.

f) Orzamento desagregado do proxecto.

g) Memoria do local segundo o anexo III.

h) Anexo II cuberto.

i) Poderán achegar calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude. As memorias e o orzamento deberán estar debidamente asinados.

3. Os anexos I, II e III desta orde poderanse obter fotocopiándoos do Diario Oficial de Galicia no que se publique a convocatoria de axudas ou obterse na páxina da internet http://culturaedeporte.xunta.es/

Artigo 5º.-Emenda de solicitudes.

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º.-Instrución e selección de solicitudes.

1. Correspóndelle á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. A comisión de avaliación a que fai referencia o punto 3 do artigo 1º estará constituída polos seguintes membros:

a) Presidente: o director xeral de Creación e Difusión Cultural.

b) Tres vogais: a subdirectora xeral de Creación e Difusión Cultural, a xefa do Servizo de Promoción e Difusión Cultural e unha persoa proposta pola Consellería de Cultura e Deporte.

c) Un funcionario, designado polo director xeral de Creación e Difusión Cultural, que actuará como secretario.

3. A comisión valorará os expedientes, ata un máximo de 8 puntos, consonte os seguintes criterios prioritarios:

a) Necesidade da realización das obras de mellora e de equipamento con base no número de actividades realizadas pola asociación. Máximo de 2 puntos.

b) Repercusión territorial das actividades: máximo de 2 puntos.

c) Maior viabilidade do proxecto, segundo análise do orzamento presentado, así como a maior achega económica do beneficiario. Máximo de 2 puntos.

d) As actuacións encamiñadas á mellora da accesibilidade das instalacións existentes nos establecementos: máximo 2 puntos.

4. O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe de avaliación emitido, formulará a proposta de resolución motivada, ata o límite do crédito dispoñible.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Á vista da proposta de resolución, a conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia ditará a resolución que proceda, motivada, con indicación do obxecto e importe do proxecto subvencionado, e a contía da axuda concedida.

2. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa non poderá superar os nove meses, segundo establece o artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir da publicación desta convocatoria.

O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima ao interesado para entender como desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

No caso daquelas solicitudes que fosen desestimadas, os solicitantes poden retirar a documentación presentada.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006 do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura e Deporte publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

4. Consonte o artigo 16.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios.

Artigo 8º.-Importe máximo das subvencións.

1. A dotación das axudas será:

-Equipamento escénico: máximo por beneficiario 10.000 euros.

-Equipamento audiovisual: máximo por beneficiario 5.000 euros.

-Equipamento de iluminación: máximo por beneficiario 5.000 euros.

-Equipamento de son: máximo por beneficiario 5.000 euros.

-Sistemas de prevención e seguridade: máximo por beneficiario 4.000 euros.

-Equipamento de sala: máximo por beneficiario 6.000 euros

-Accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas: Máximo por beneficiario 10.000 euros

2. A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 30.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 70% do proxecto que se vai desenvolver. A entidade deberá achegar a diferenza ata acadar o 100% do gasto a realizar.

3. O importe máximo destas subvencións non poderá superar en ningún caso o custo dos investimentos que realicen as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entidades públicas ou privadas.

Artigo 9º.-Aceptación.

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamentos.

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento no prazo dos 20 días hábiles seguintes á finalización do proxecto ou proxectos e, en todo caso, antes do 1 de novembro de 2008. O cumprimento efectivo dos fins para os que foi concedida a axuda acreditarase por medio da presentación de dúas copias da seguinte documentación:

-Certificado do secretario ou do interventor en que se faga constar que os proxectos obxecto da axuda foron realizados en informe asinado polo representante da entidade, no cal se describa a obra ou equipamento realizado, así como os resultados obtidos, achegando a documentación que acredite a súa realización efectiva.

-Certificado do secretario ou interventor polo que se xustifique o emprego da cantidade recibida para o proxecto subvencionado.

-Fotocopia compulsada das facturas e xustificantes bancarios do seu aboamento ou dos mandamentos de pagamento, estes últimos asinados polo interventor ou o alcalde.

-Memoria explicativa do proxecto realizado en relación coa axuda concedida, xunto coa porcentaxe do investimento que para o mesmo proxecto fixo o beneficiario.

-Medios de pagamento empregados.

2. Unha vez xustificada, librarase a cantidade adxudicada. De non se xustificar a totalidade da axuda, no pagamento descontarase a cantidade proporcional que lle corresponda.

3. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios das subvencións quedarán suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. E en concreto estarán obrigados a:

-Facilitar que as persoas designadas pola delegación provincial poidan comprobar, cando esta o considere conveniente, a execución dos proxectos.

-Os beneficiarios, unha vez aceptada a axuda, deberán destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal foron concedidos.

-Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade que se poida xerar que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura e Deporte - Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

-No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

-Cando os beneficiarios non sexan as propias corporacións locais ou organismos autónomos delas dependentes, deberán achegar os xustificantes a que se refire o artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

-O beneficiario queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Tamén quedan obrigados a axustar os contratos que subscriban con motivo desta subvención á lexislación pública de contratos e cos límites establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12º.-Anulación e reintegro da axuda.

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura e Deporte instruirá un expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, pode dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Recursos.

Contra os actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a conselleira de Cultura e Deporte.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Creación e Difusión Cultural para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2008.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

Ver referencia pdf "08700D004P025.PDF"