DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Mércores, 07 de maio de 2008 Páx. 8.140

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de abril de 2008 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2007-2008.

A orde do Ministerio de Educación e Cultura do 13 de decembro de 1999, pola que se crean os premios nacionais de bacharelato e se establecen os requisitos e o procedemento para a súa concesión (BOE do 25 de decembro), determina no seu artigo 3.1º que as comunidades autónomas con plenas competencias en materia educativa poderán convocar e conceder premios extraordinarios de bacharelato nos seus ámbitos territoriais.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso desta habilitación e das atribucións que ten conferidas, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro), en todo aquilo que non se opoña á Lei 9/2007.

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse en Galicia os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2007-2008.

Artigo 2º

1. Poderase conceder un máximo de 20 premios extraordinarios.

2. Cada premio estará dotado con 732 €, con cargo á partida orzamentaria 09.02.423A.480.1 cunha dotación global de 14.640 €.

3. O alumnado premiado presentará a certificación da titularidade dunha conta bancaria con 20 díxitos na cal se ingresará mediante transferencia bancaria a dotación do premio. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

4. Estes premios extraordinarios de bacharelato son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de bacharelato.

Artigo 3º

1. Poderá optar ao premio extraordinario de bacharelato o alumnado que cursase en centros docentes españois, tanto de carácter público como privado, os dous cursos de calquera modalidade de bacharelato e que finalizase estes estudos na Comunidade Autónoma de Galicia no ano académico 2007-2008.

2. Para poder participar nesta convocatoria será necesario que a media das cualificacións obtidas nos dous cursos sexa igual ou superior a 8,7 puntos.

3. Para obter a nota media computaranse exclusivamente as cualificacións obtidas nas materias comúns, propias de modalidade e optativas, dos dous cursos de bacharelato, tendo en conta o disposto no artigo 5.3º do Real decreto 2438/1994, do 16 de decembro, polo que se regula o ensino da relixión no sistema educativo.

4. A cualificación será a media aritmética das cualificacións do conxunto de materias a que se refire o punto anterior, expresada con un decimal.

Artigo 4º

1. O derradeiro día para solicitar nos centros educativo públicos a participación nos premios extraordinarios de bacharelato 2007-2008 será o 5 de xuño de 2008.

2. Para formalizar a solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Instancia cuberta segundo o modelo do anexo I.

b) Certificado de estudos en que conste a nota media das cualificacións.

c) Documento de transferencia de datos que imprime o centro educativo público unha vez introducidos os datos do alumnado a través dunha aplicación informática situada no portal educativo http://www.edu.xunta.es/premiosbac

d) Fotocopia cotexada do DNI ou pasaporte.

e) Declaración xurada de ter ou non ter percibido outros premios convocados co mesmo fin polas administracións educativas doutras comunidades autónomas.

f) Declaración responsable de cumprimento dos requisitos para obter a condición de beneficiario de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

4. A instancia e demais documentación deberá presentarse no instituto de educación secundaria en que se encontre o expediente académico do/a solicitante, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. O día 6 de xuño, as direccións dos institutos de educación secundaria remitirán, por envío urxente, as solicitudes que estean no seu poder ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

6. De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude non reunir os requisitos precisos requirirase ao interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándoselle que, de non facelo, se considerará como desistido da súa petición, arquivándose esta logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42.1º da citada lei.

Artigo 5º

1. O alumnado deberá realizar unha proba que se estruturará en dúas partes, a desenvolver cada unha nun tempo máximo de dúas horas:

Primeira parte:

a) Análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario.

b) Resposta a cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na lingua estranxeira cursada polo alumno como materia común de bacharelato. O exercicio realizarase sen dicionario no idioma correspondente.

Segunda parte:

Desenvolvemento de temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos de dúas materias propias da modalidade cursadas polo alumnado.

2. Os exercicios da proba cualificarase entre 0 e 10 puntos con un decimal.

A puntuación definitiva será a suma total de cada unha das cualificacións obtidas. Para aspirar ao premio extraordinario, o alumnado deberá obter, como mínimo, cinco puntos en cada exercicio e 28 puntos ou máis na cualificación total.

Pois que o número de premios propostos non pode ser superior ao que resulte da aplicación do artigo 2º desta orde, en caso de empate darase preferencia, primeiro á mellor nota media referida no artigo 3.3º, despois á cualificación da primeira parte da proba e finalmente á cualificación da segunda parte da proba. De persistir o empate, o tribunal procederá a realizar un sorteo.

3. As probas realizaranse no mes de xuño de 2008, en lugares e datas que se publicarán mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º

1. O tribunal encargado de elaborar, supervisar e avaliar as probas estará presidido pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en que delegue, e constituído por funcionarios dos corpos de inspectores de educación e/ou por profesores de ensino secundario especialistas nas distintas materias obxecto da proba, designados pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

2. Para efectos de colaboración no disposto no parágrafo anterior, poderanse constituír comisións delegadas integradas por membros do tribunal e outros especialistas nas distintas materias que compoñen as probas.

3. Na primeira quincena do mes de xullo de 2008 o tribunal fará públicas as cualificacións obtidas polos candidatos a través do portal educativo da Xunta de Galicia, http://www.edu.xunta.es.

4. O alumnado examinado, ou os seus pais/nais ou representantes legais, poderán reclamar por escrito contra a cualificación obtida, mediante instancia dirixida á directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, presentándoa no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo de San Caetano de Santiago de Compostela, no prazo de dez días a partir do seguinte a aquel en que sexan públicas as cualificacións.

Artigo 7º

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios.

O orixinal quedará arquivado na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e serán remitidas copias del á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, aos reitorados das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, á Subdirección Xeral de Bolsas e Promoción Educativa do Ministerio de Educación e Ciencia e ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa elevará a proposta feita polo tribunal á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a resolución correspondente para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de seis meses desde o día seguinte da finalización do prazo de inscrición, tendo efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

Artigo 8º

Contra a devandita resolución de adxudicación dos premios poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben impugnala directamente na vía xurisdicional ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, de conformidade coa Lei 9/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9º

1. O alumnado que obteña premio extraordinario de bacharelato poderá optar, logo de inscrición, ao premio nacional.

2. A obtención do premio extraordinario será anotada no expediente académico do alumnado polo/a secretario/a do instituto de educación secundaria en que se ache o seu expediente académico.

Artigo 10º

O alumnado gañador dos premios ten a obriga de someterse ás actuacións de comprobación que poidan efectuar os órganos de comprobación competentes, para o cal achegará canta información lle sexa requirida, de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 11º

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios e, en todo caso, a obtención concorrente doutros premios convocados co mesmo fin polas administracións educativas doutras comunidades autónomas, poderá dar lugar á modificación ou resolución do premio concedido.

Artigo 12º

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Ordenación e Innovación Educativa e de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia para adoptaren os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben impugnala directamente na vía xurisdicional ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, de conformidade coa Lei 9/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "08700D002P020.PDF"