DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Luns, 05 de maio de 2008 Páx. 7.870

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 28 de abril de 2008 pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores de actividade.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 211/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e mais o Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, modificado polo Decreto 20/2007, do 22 de febreiro, e polo Decreto 14/2008, do 7 de febreiro, a Consellería de Traballo asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Correspóndelle agora a esta consellería a xestión das políticas activas de emprego no marco establecido no artigo 40 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, e no novo Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego de Galicia e sobre o novo modelo do Servizo Público de Emprego.

Impulsado polo Goberno galego o proceso de Diálogo Social de Galicia, e como resultado deste, a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia subscribiron o 5 de febreiro de 2007 o Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego de Galicia, que establece os obxectivos que cómpre acadar en materia de emprego na liña de converxencia coa media do Estado e coa de Europa, e as medidas e recursos que se implementarán cara á consecución destes obxectivos, iniciándose unha nova etapa no marco das relacións laborais.

Neste acordo establécese, entre outros, o obxectivo de incrementar a taxa de estabilidade no emprego incrementándoa entre 10 e 12 puntos. Para iso proponse, ademais doutras medidas, a de poñer en marcha programas de promoción e xestión de plans de estabilidade que establezan taxas sectoriais para acadar e que analicen a situación dos distintos sectores de actividade e o establecemento de cláusulas de estabilidade específicas nos convenios colectivos.

Sendo a vontade dos asinantes dos citados acordos sobre obxectivos e medidas de emprego seguir a traballar no camiño marcado por este proceso de concertación para os efectos de consolidar e desenvolver os obxectivos a prol dun mercado de traballo galego máis competitivo, produtivo, estable, igual e seguro, a Consellería de Traballo, consciente da importancia de que as taxas de estabilidade dos diferentes sectores de actividade se determinen mediante un acordo sectorial consensuado e pactado no ámbito territorial de Galicia, regula para o ano 2008, nunha orde independente da dos incentivos á contratación por conta allea vinculados a plans de estabilidade, o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade nos diferentes sectores de actividade.

Así, nesta orde establécense, ademais do procedemento e os requisitos que deberán reunir os acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade, os sectores produtivos que poderán ser obxecto de acordo sobre a taxa sectorial de actividade, todo iso coa finalidade da súa aplicación á orde da Consellería de Traballo que regule o programa de incentivos aos plans empresariais de estabilidade no emprego para o ano 2008.

Como continuidade do establecido no ano 2007, nesta orde defínense cinco sectores de actividade específicos, caracterizados por ter altos niveis de estacionalidade, que poderán ser obxecto de acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade. A estes cinco, e para o ano 2008, engádense pola súa importancia no tecido produtivo galego as industrias agroalimentarias. Nas actividades económicas onde haxa un convenio colectivo sectorial, partindo do principio da autonomía das partes e cara a potenciar o establecemento de cláusulas de estabilidade nos convenios, poderanse realizar pactos sectoriais de estabilidade co mesmo procedemento que nos seis sectores mencionados.

En todos estes pactos de estabilidade fixarase a taxa existente no sector ou na empresa e a taxa para acadar no ano 2008 e deberase establecer un procedemento de seguimento e análise do sector.

Por todo o exposto, e no desenvolvemento da planificación presentada ante o Comité Autonómico de Emprego, na súa reunión do día 28 de novembro de 2007, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

Esta orde ten por obxecto establecer o procedemento e os requisitos que deberán reunir os acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade coa finalidade da súa aplicación á orde da Consellería de Traballo que regule o programa de incentivos aos plans empresariais de estabilidade no emprego.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Os sectores produtivos que poderán ser obxecto de acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade son:

a) Agricultura, gandaría, caza e silvicultura. CNAE: 01, 02.

b) Industria téxtil e da confección. CNAE: 17, 18.

c) Construción. CNAE: 45.

d) Comercio retallista, agás o comercio de vehículos de motor, motocicletas e ciclomotores; reparación. CNAE: 52.

e) Hostalaría. CNAE: 55.

f) Industrias agroalimentarias. CNAE: 15.

2. Poderán acadar estes acordos ademais todos aqueles sectores de actividade nos que exista un convenio colectivo sectorial, inclúa ou non unha cláusula sobre a taxa de estabilidade no sector.

Artigo 3º.-Contido do acordo.

O acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade deberá establecer:

a) A taxa de estabilidade inicial do sector.

-Nos pactos de sectores produtivos, esta taxa será a taxa de estabilidade mínima acordada no ano 2007. De non existir esta, acordarase unha polas partes lexitimadas.

-Nos pactos no ámbito de convenios sectoriais, esta taxa será a taxa de estabilidade mínima acordada no ano anterior ou, no seu defecto, a establecida no convenio sectorial. De non existir ningunha destas posibilidades, acordarase unha polas partes lexitimadas.

b) A taxa de estabilidade mínima que deberán acadar as empresas para poder acceder aos incentivos do programa de plans empresariais de estabilidade no emprego no ano 2008 deberá ser superior á taxa de estabilidade inicial.

Artigo 4º.-Partes lexitimadas para a súa sinatura.

Para os efectos destes acordos estarán lexitimados para a súa sinatura calquera das seguintes:

1. As organización sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas en Galicia.

2. As partes lexitimadas para negociar o convenio colectivo sectorial correspondente.

Os acordos acadaranse no seo do Consello Galego de Relacións Laborais.

O Consello prestaralles ás partes lexitimadas que o soliciten o apoio técnico e o asesoramento que neste proceso precisen.

Artigo 5º.-Prazos.

Os acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade obxecto desta orde deberán asinarse e enviaránselle ao Consello Galego de Relacións Laborais ata 45 días despois da publicación desta orde.

Artigo 6º.-Publicidade.

Os acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade acadados publicaranse no DOG como resolución do director xeral de Promoción do Emprego co visto e prace do conselleiro de Traballo.

Artigo 7º.-Ausencia de acordo.

Nos quince días seguintes ao remate do prazo establecido no artigo 5º desta orde publicarase resolución do director xeral de Promoción do Emprego na cal se establecerá tanto a taxa inicial do sector como a taxa de estabilidade mínima que hai que acadar respecto dos sectores do artigo 2º.1, nos que non houbese acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade.

Artigo 8º.-Análise de aplicación dos acordos.

Cada acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade establecerá unha subcomisión o fin de analizar a contratación indefinida e temporal do propio sector no seo de cada comité provincial de emprego e de seguimento da contratación laboral. Esta subcomisión poderá solicitar aquela información que considere oportuna, co fin de analizar as causas da temporalidade no sector para o cal, se é o caso, realizará unha mostraxe entre empresas do sector.

Artigo 9º.-Vixencia dos acordos.

Os acordos acadados ao abeiro desta orde terán vixencia no ano 2008.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo