DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 02 de maio de 2008 Páx. 7.827

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2008 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, que aproba as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica para o apoio aos investimentos das empresas do sector de transporte público de viaxeiros por estrada, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e o Instituto Galego de Promoción Económica.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 29 de febreiro de 2008, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio aos investimentos das empresas do sector de transporte público de viaxeiros por estrada, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO

Único.-Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio aos investimentos das empresas do sector de transporte público de viaxeiros por estrada, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as cales se anexan a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2008.

Álvaro Álvarez-Blázquez Fernández

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio aos investimentos das empresas do sector de transporte público de viaxeiros por estrada, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas bases regulan o contido e o procedemento de tramitación dun programa de axudas aos investimentos promovidos por empresas pertencentes ao sector transporte público de viaxeiros por estrada, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que supoñan unha mellora da eficiencia enerxética no transporte, a redución de gases contaminantes e favorecer o seu uso por persoas con mobilidade reducida.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nestas bases aquelas empresas pertencentes ao sector transporte público de viaxeiros por estrada con domicilio fiscal en Galicia e que estean dadas de alta nalgunha das seguintes epígrafes do IAE:

Epígrafe IAE Descrición

721.1 Transporte urbano colectivo

721.2 Transporte por autotaxis

721.3 Transporte de viaxeiros por estrada

2. As empresas beneficiarias poderán ter calquera forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os beneficiarios terán que estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Ademais de reunir os requisitos establecidos nestas bases, deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Conceptos de investimento subvencionables.

1. Os conceptos de investimento subvencionable serán, exclusivamente, os que se materialicen en:

a) Sistemas de propulsión de vehículos novos, destinados ao transporte público de persoas, alimentados con enerxías alternativas: eléctricos, de propulsión híbrida (sempre que teñan capacidade de tracción eléctrica ao 100%), con pila de combustible, gas natural, gases licuados do petróleo ou hidróxeno.

b) Sistemas de propulsión de vehículos novos, que cumpran a normativa Euro4 ou superior de emisión de gases.

c) Adquisición e instalación nos vehículos de mecanismos ou dispositivos que permitan a accesibilidade aos mencionados de persoas con mobilidade reducida ou con dificultades auditivas ou visuais.

d) Adquisición e instalación nos vehículos de mecanismos ou dispositivos que melloren as condicións de seguridade destes, mediante a implementación de: sistemas de detección de ángulo morto, sistemas detectores de carril (SPA) ou sistemas de regulación de distancia (ART).

e) Adquisición e instalación de sistemas e dispositivos de tecnoloxía innovadora que redunden nunha explotación máis eficaz e nunha maior calidade no servizo aos usuarios.

2. O proxecto deberá materializarse en activos produtivos novos. Serán investimentos subvencionables os que se realicen no prazo dun ano desde a solicitude da axuda. Non obstante, admitiranse como subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2008 ata a data de publicación destas bases. No caso de modificación do proxecto inicial ou dos prazos de execución, deberá solicitarse autorización previa, expresa e motivada ao Igape, que autorizará por escrito, de ser o caso, a modificación ou ampliación deste prazo e a súa duración.

3. Por activo novo deberán entenderse aqueles que se adquiran a un terceiro e supoñan unha primeira transmisión do ben.

4. Os beneficiarios das axudas establecidas nestas bases deberán manter os investimentos obxecto de financiamento como mínimo dous anos desde a súa adquisición, conforme o artigo 29.4º a) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. No caso de que a incorporación ao patrimonio da empresa sexa mediante contrato de arrendamento financeiro (leasing) e o prazo fose superior, o ben deberá manterse durante a vixencia do contrato e, en calquera caso, exercer a opción de compra. Considerarase cumprida esta condición no caso de que os bens en que se materialice o investimento sexan substituídos por outros da mesma natureza e destino, non podendo obter para a súa adquisición ningún tipo de axuda financeira do Igape.

5. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) ou calquera outro tributo ligado ao investimento.

6. Cando o importe do gasto subvencionable supere os 12.000 euros pola subministración do ben, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas a diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, ou salvo que o gasto se realizase desde o 1 de xaneiro de 2008 ata a data de publicación destas bases. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 4º.-Contía da subvención.

A subvención que se vai conceder será, en función do concepto de investimento, a seguinte:

a) Sistemas de propulsión de vehículos novos, destinados ao transporte público de persoas, alimentados con enerxías alternativas: 15% do custo do vehículo.

b) Sistemas de propulsión de vehículos novos, que cumpran a normativa Euro4 ou superior, de emisión de gases: 6% do custo do vehículo.

c) Adquisición e instalación nos vehículos de mecanismos ou dispositivos que permitan a accesibilidade aos mencionados de persoas con mobilidade reducida ou con dificultades auditivas ou visuais: 50% do custo de adquisición e instalación.

d) Adquisición e instalación nos vehículos de mecanismos ou dispositivos que melloren as condicións de seguridade destes, mediante a implementación de sistemas de detección de ángulo morto, sistemas detectores de carril (SPA) ou sistemas de regulación de distancia (ART): 50% do custo de adquisición e instalación.

e) Adquisición e instalación de sistemas e dispositivos de tecnoloxía innovadora que redunden nunha explotación máis eficaz e nunha maior calidade no servizo aos usuarios: 50% do custo de adquisición e instalación.

A subvención outorgada polos conceptos de investimento das letras c), d) e e) poderá acumularse á outorgada polos conceptos das letras a) e b).

As axudas establecidas neste artigo outorgaranse de conformidade co Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro) e non poderán exceder dos 100.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 5º.-Compatibilidade e límite de axuda.

A subvención concedida ao abeiro destas bases será incompatible con calquera outra subvención a fondo perdido do Igape. Será compatible, non obstante, con programas de axuda financeira do instituto como pode ser, entre outros, a subsidiación ao tipo de xuro e tamén con calquera outro tipo de subvención ou axuda concedida por outros organismos públicos ou privados, sempre e cando o seu cómputo non exceda os límites establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro).

Artigo 6º.-Tramitación das solicitudes.

1. Presentación das solicitudes de axuda.

1.1. Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado cuestionario.

1.2. Co fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon á disposición do interesado o seu servizo de asistencia técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Deberanse cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

1.3. A solicitude de axuda presentarase mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo I, na que será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. A solicitude que careza do IDE ou na que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) será devolta sen tramitación.

1.4. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

1.5. Así mesmo, o interesado poderá asinar electronicamente o formulario de solicitude co IDE e presentalo no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia. O solicitante por esta vía telemática deberá reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados da clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

d) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación, conforme o citado Decreto 164/2005.

1.6. O solicitante poderá obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario. Para iso utilizará a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexa recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación de axuda para xerar un cuestionario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das devanditas aclaracións.

1.7. O Igape unicamente dará curso a aquelas solicitudes que figuren cubertas na súa totalidade, devolvéndolle, noutro caso, a solicitude ao interesado, quen poderá volver a presentala unha vez que se cubra correctamente.

2. Informes.

Nos casos en que o Igape o considere necesario, e para os efectos da resolución da solicitude, solicitarase informe á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, en relación con aclaracións oportunas ou o cumprimento por parte dos proxectos da normativa específica que resulte aplicable.

3. Trámite de audiencia.

Instruído o procedemento pola Área de Financiamento do Igape e, inmediatamente antes de redactar proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados, para que no prazo de 10 días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Unha vez rematada a instrución e formalizado, se é o caso, o trámite de audiencia, a Dirección da Área de Financiamento do Igape elevará proposta de resolución ao director xeral do Igape.

Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe e conceptos do investimento subvencionable que terá que xustificar, a contía e porcentaxe da subvención concedida e o prazo establecido para o cumprimento de todas as condicións da subvención. Así mesmo, poderanse establecer condicións técnicas de obrigada observancia para a realización do proxecto e a súa xustificación.

Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

2. As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas, circunstancia que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Notificación, aceptación, silencio administrativo e recursos.

1. O Igape notificaralle ao solicitante a concesión ou denegación da subvención.

2. A resolución de concesión deberá ser aceptada por escrito polo beneficiario no prazo de 15 días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación, cubrindo a dilixencia que se anexe. Tamén deberá, no citado prazo, presentar a documentación (en orixinal ou copia cotexada) especificada na resolución de concesión, que con carácter xeral será a seguinte, salvo que xa conste achegada no expediente:

a) DNI do asinante da dilixencia de aceptación. No caso de aceptación mediante representación: escritura de poder de representación suficiente, se é o caso inscrito no Rexistro Mercantil.

b) No caso de persoas xurídicas: escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

c) No caso de persoas xurídicas, poder de representación inscrito, se é o caso, no rexistro competente do asinante da dilixencia de aceptación.

d) Calquera outra documentación necesaria para os efectos da liquidación que voluntariamente decida anticipar.

3. De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

4. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nestas bases e demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación.

5. Transcorrido o prazo de aceptación sen que se producise manifestación expresa a axuda entenderase tacitamente aceptada, salvo que non se entregase a documentación requirida. Neste último caso arquivarase o expediente, logo de resolución ditada polo director da área do Igape competente na tramitación.

6. O prazo máximo para ditar e notificarlle ao interesado a resolución do procedemento será de seis meses contados desde a data de presentación da solicitude de axuda no Igape. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o dito prazo sen se ter ditado resolución expresa, o solicitante poderá ter por desestimada a súa solicitude.

7. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución. Potestativamente, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o director xeral do Igape no prazo dun mes desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Obrigas do beneficiario.

1. Son obrigas do beneficiario:

a) Executar o investimento subvencionado dentro do prazo que se estableza na respectiva resolución de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, nestas bases ou demais normativa de aplicación. En casos xustificados, os prazos poderán ser prorrogados por instancia do interesado.

b) Acreditar ante o Igape a realización do gasto subvencionado, presentando toda a documentación xustificativa da realización do investimento nos termos establecidos na resolución de concesión e o cumprimento das condicións, se é o caso, impostas. Os gastos incorridos polo beneficiario deberán ser xustificados mediante a presentación de escrituras de adquisición, facturas orixinais e xustificantes do seu pagamento efectivo emitidos por entidades financeiras; non se admitirán pagamentos en efectivo salvo para importes xustificados mediante recibos asinados por importe que non superará os 3.000 € por provedor.

c) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma. Neste sentido, a presentación da solicitude de axuda polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor poderanlle ser requiridos ao interesado.

d) Cumprir as demais condicións establecidas na resolución de concesión e nestas bases.

e) Adoptar as medidas de difusión da concesión da axuda ou subvención que sexan establecidas na resolución.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Comunicarlle ao Igape a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien o investimento subvencionado. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. O importe da subvención non poderá en ningún caso ser de tal contía que illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento subvencionado ou as porcentaxes máximas de subvención establecidas nas bases reguladoras da axuda, ou as permitidas na normativa autonómica, estatal ou comunitaria.

h) Dispoñer, se é o caso, dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos na resolución de concesión.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control; isto é, por non ter prescrito o prazo de 4 anos desde o cumprimento de condicións, sen prexuízo dos prazos específicos que se establezan en virtude da normativa da UE no control da aplicación de fondos comunitarios.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos de resolución de incumprimento.

k) Cumprir, de ser o caso, o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os gastos subvencionables, de conformidade co establecido na resolución de concesión da axuda.

2. O incumprimento das citadas obrigas poderá dar lugar á revogación da concesión e, se é o caso, ao reintegro do indebidamente percibido e aos seus xuros de demora.

Artigo 10º.-Incidencias e modificacións.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

2. O beneficiario queda obrigado a comunicarlle ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución do fin para o que foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para o mesmo proxecto no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de cobramento.

3. En caso de modificación do proxecto, o beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución. No caso de que a modificación solicitada afecte os datos declarados no cuestionario, deberá cubrir previamente un novo cuestionario descritivo do proxecto na aplicación de axuda na internet, e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación. As solicitudes de modificación do prazo de execución do proxecto non precisarán que se cubra cun novo cuestionario.

4. O director xeral do Igape poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que a modificación do proxecto non desvirtúe a finalidade da axuda, non exista prexuízo a terceiros e os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia aos interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

5. O cambio de beneficiario da axuda poderá ser autorizado polo director do Igape sempre que se acredite documentalmente a subrogación na totalidade dos dereitos e obrigas derivados do proxecto subvencionado, así como o cumprimento dos requisitos establecidos no punto 10.4 e deberá contar coa previa autorización da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte. Presentarase a solicitude asinada polo novo titular, co visto e prace do antigo titular.

Artigo 11º.-Xustificación do investimento.

1. A xustificación ante o Igape da execución do investimento e do cumprimento de todas as condicións establecidas na resolución de concesión, realizaraa o beneficiario como máximo dentro dos dous meses seguintes ao vencemento do prazo establecido na resolución de concesión para a súa execución.

A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Como a resolución de concesión de axuda se ditou con base nas declaracións relativas ao proxecto contidas na solicitude, en trámite de xustificación deberá acreditarse documentalmente o cumprimento dos extremos declarados, mediante a presentación da solicitude de cobramento e a seguinte documentación en orixinal ou copia cotexada:

a) Fotocopia cotexada da factura/s acreditativas do investimento e xustificantes do seu pagamento. As facturas deberán indicar os diferentes conceptos tidos en conta para o cálculo da axuda ou ben deberán vir acompañadas de certificado expedido polo provedor onde se describa e valoren os referidos conceptos. No caso de adquisición mediante arrendamento financeiro, deberán presentar copia, cotexada pola entidade de crédito, do dito contrato.

b) No caso da incorporación ao patrimonio da empresa mediante arrendamento financeiro, deberase presentar declaración xurada de que será exercida a opción de compra ao vencemento do contrato.

c) Fotocopia cotexada da declaración censual (modelo 036) ou último recibo do imposto de actividades económicas.

d) Fotocopia cotexada da tarxeta de transporte ou autorización correspondente.

e) Certificación expedida pola entidade financeira acreditativa da titularidade da empresa do número de conta onde se deberá efectuar o pagamento da subvención.

f) No caso de que o gasto subvencionable supere os 12.000 euros pola subministración do ben, ofertas de como mínimo tres provedores diferentes, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou salvo que o gasto se realizase desde o 1 de xaneiro de 2008 ata a data de publicación destas bases, e memoria xustificativa da elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) Para o caso de resolucións de concesión de axudas condicionadas ao achegamento de determinada documentación, fotocopia cotexada desta.

Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro das cantidades previamente aboadas.

3. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o cuestionario de liquidación a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente o cuestionario de liquidación. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo II, no que será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren emendadas.

O beneficiario presentará a solicitude de cobramento co IDEL no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, poderá asinar electronicamente o formulario de solicitude de cobramento co IDEL e presentalo no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, sempre que cumpra os requisitos previstos no artigo 6º.1.5 destas bases e que a documentación que acompañe a solicitude de cobramento sexa apta para a súa presentación telemática. Neste último caso, a aplicación de xeración de cuestionarios de liquidación permitirá xuntar estes documentos e remitilos electronicamente.

4. O Igape revisará a documentación xustificativa, e poderá solicitarlle ao beneficiario ou á consellería sectorial calquera documentación e información adicional que considere oportuno para os efectos dunha correcta análise da xustificación da realización do proxecto.

5. De acordo co establecido no artigo 30.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a comprobación material do investimento aprobado para investimentos por importe igual ou superior a 60.000 euros substitúese pola documentación xustificativa establecida nos puntos deste artigo, sen prexuízo da posibilidade de realización polo Igape de calquera outra actuación de control e inspección.

6. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, advertíndolle que o incumprimento da obriga de xustificación da subvención ou a súa xustificación insuficiente comportará o reintegro nas condicións previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12º.-Pagamento da subvención.

1. Unha vez verificada a documentación achegada, o Igape procederá ao pagamento da subvención no número de conta indicado coa solicitude de cobramento.

2. En calquera caso, o réxime de pagamento deberá cumprir o establecido nos puntos 5º e 7º do artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13º.-Perda da subvención.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora devengados desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente segundo os termos contidos nestas bases.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas aos beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade ou regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais.

e) Incumprimento de adoptar as medidas de difusión que se impuxesen na resolución de concesión.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro desempeñadas pola Administración ou calquera dos seus órganos, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea, ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais casos previstos na normativa reguladora da subvención.

i) A nulidade da resolución de concesión polas causas establecidas no artigo 32 ou ter incorrido nalgunha das causas de reintegro do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas ou privadas, supere o custo do proxecto ou as porcentaxes máximas de axuda establecidas nestas bases.

3. O alcance do incumprimento determinarase en función do grao e entidade da condición incumprida. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta. Se o incumprimento supera o 50% do investimento subvencionable aprobado, considerarase total, sendo causa de revogación da axuda e de reintegro da totalidade das cantidades percibidas. As cantidades para reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, polo que resulta de aplicación para o seu recobramento, de ser o caso, a vía de constrinximento.

4. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, o beneficiario sométese ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorrer as causas previstas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, levará consigo a obriga de devolver as cantidades percibidas. Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra causa de reintegro.

Artigo 14º.-Publicación.

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, o Instituto Galego de Promoción Económica publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, www.igape.es, expresando beneficiario, finalidade, contía e aplicación orzamentaria, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación nos citados medios.

2. De conformidade cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nestas bases, e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións impostas por consecuencia delas nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais das persoas e entidades beneficiarias e a referida publicidade, e a súa cesión por parte do Igape aos órganos competentes da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 15º.-Control.

O beneficiario queda obrigado a someterse ás actuacións de control que efectúe o Igape ou a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte para verificar a aplicación da axuda á finalidade aprobada e o cumprimento dos requisitos e condicións establecidos, así como ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, debendo facilitar toda a información requirida polos citados organismos. No non previsto neste artigo considerarase o establecido no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes de axuda poderanse presentar desde o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia ata o 28 de novembro de 2008, ou ata o esgotamento do crédito orzamentario. O dito prazo poderá ser prorrogado, circunstancia que será obxecto de publicidade no Diario Oficial de Galicia, así como o esgotamento do crédito, se é o caso.

Artigo 17º.-Dotación orzamentaria.

As axudas reguladas nestas bases financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 02.02-E2/10/02-656700 cun crédito de 800.000 € para o exercicio 2008 e a súa concesión estará supeditada á existencia de crédito orzamentario suficiente. Os ditos créditos, á vista das solicitudes presentadas poderán ser modificados e/ou ampliados polo Igape, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Ver referencia pdf "08400D015P059.PDF"