DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 02 de maio de 2008 Páx. 7.827

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2008 pola que se modifica a do 15 de outubro de 2007, pola que se fixan os criterios de adquisición dos terreos para as etapas 3ª (B), 4ª, 5ª e 6ª do solo residencial de San Paio de Navia.

Vista a Resolución do 15 de outubro de 2007, publicada no DOG nº 205, do 23 de outubro de 2007, pola que se fixan os criterios de adquisición dos terreos para as etapas 3ª (B), 4ª, 5ª e 6ª do solo residencial de San Paio de Navia, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Na epígrafe A) criterios que se deben seguir na compravenda, alínea a), di: «os terreos incluídos no ámbito de actuación valoraranse a 113,51 €/m2 de solo, conforme aos informes técnicos».

Na epígrafe B) criterios que se deben seguir na permuta, alínea b), di: «a contraprestación monetaria da edificabilidade permutada é de 197,97 €/m2 de solo».

Na alínea c) di: «a permuta realizarase pola edificabilidade sinalada en función da que corresponda no Plan parcial ao sector en relación coa superficie da parcela que achegue e destinarase á autopromoción».

A alínea d) da mesma epígrafe di: «os permutantes adquirentes deberán reunir os requisitos necesarios para ser adxudicatarios-autopromotores de vivenda protexida.

No suposto de que os propietarios-permutantes non cumpran os requisitos establecidos no decreto citado anteriormente, permitirase a transmisión da edificabilidade, por unha soa vez, ás persoas que reúnan os devanditos requisitos, logo de autorización do IGVS que revisará o cumprimento destes últimos nos novos adquirentes, e polo prezo estipulado de 197,97 €/m2. Excepcionalmente, poderáselles permutar edificabilidade a aqueles propietarios que dispoñan dunha superficie en cada fase, que lles permita levar a cabo a edificación de unidades construtivas independentes nesa fase».

Na epígrafe II Criterios para seguir no caso de inicio de expediente expropiatorio, di: «os terreos incluídos no ámbito da actuación valoraranse no proxecto de expropiación a 100,55 €/m2, incluíndo o 5% do premio de afección».

Visto o anteriormente exposto,

RESOLVO:

Modificar os parágrafos anteriores que quedan do seguinte xeito:

«A) Criterios que se deben seguir na compravenda:

Os terreos incluídos no ámbito de actuación valoraranse a 129,37 €/m2 de solo, conforme os informes técnicos».

«B) Criterios que se deben seguir na permuta:

b) A contraprestación monetaria da edificabilidade permutada é de 225,65 €/m2 de solo.

c) A permuta realizarase pola edificabilidade sinalada en función da que corresponda no Plan parcial ao sector en relación coa superficie da parcela que achegue.

d) Os permutantes adquirentes deberán reunir os requisitos necesarios para seren adxudicatarios-autopromotores de vivenda protexida, podendo pola súa vez promover estas vivendas para a súa transmisión a terceiros, con suxeición á normativa vixente.

Os permutantes adquirentes poderán constituírse en sociedades integradas única e exclusivamente por eles mesmos con carácter previo á constitución da permuta.

No suposto de que os propietarios-permutantes non cumpran os requisitos establecidos no decreto citado anteriormente, permitirase a transmisión da edificabilidade, por unha soa vez, ás persoas que reúnan os devanditos requisitos, logo de autorización do IGVS, que revisará o cumprimento destes últimos nos novos adquirentes, e polo prezo estipulado de 225,65 €/m2. Así mesmo, o IGVS poderá autorizar a transmisión da edificabilidade permutada a persoas físicas ou xurídicas, para destinala á construción de vivendas protexidas».

«II Criterios para seguir no caso de inicio de expediente expropiatorio:

Os terreos incluídos no ámbito da actuación valoraranse no proxecto de expropiación a 126,00 €/m2, incluíndo o 5% do premio de afección».

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2008.

Daniel Pino Vicente

Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo