DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 02 de maio de 2008 Páx. 7.806

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 23 de abril de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008.

O artigo 37.1º da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social das persoas con discapacidade, establece que a finalidade primordial da política de emprego dos traballadores e das traballadoras con discapacidade debe ser a súa integración, en condicións que garantan a aplicación do principio de igualdade no trato, no sistema ordinario de traballo ou, no seu defecto, a súa incorporación ao sistema produtivo mediante a fórmula especial de traballo protexido, a través dos centros especiais de emprego.

As dificultades de acceso ao mercado laboral das persoas con discapacidade exixe un compromiso do conxunto da sociedade, en especial do tecido produtivo, e unha actuación conxunta das administracións públicas, os interlocutores sociais e as entidades do movemento asociativo da discapacidade, para conseguir a integración sociolaboral das persoas con discapacidade mediante o acceso a un emprego.

No obxectivo da integración laboral das persoas con discapacidade veñen articulándose un conxunto integral de políticas activas de emprego que prevén accións formativas, de intermediación e orientación laboral, así como actuacións específicas de promoción do emprego, como son o fomento da contratación indefinida na empresa ordinaria, o fomento da integración laboral nos centros especiais de emprego, as subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, as localizacións laborais e o fomento do emprego autónomo para persoas con discapacidade.

A intensificación das políticas activas de emprego dirixidas aos traballadores e traballadoras con discapacidade debe continuarse e ampliarse buscando novas fórmulas cuxa prioridade sexa a inserción laboral no mercado de traballo ordinario.

No deseño e xestión das políticas activas de emprego debe terse en conta a diversidade e a pluralidade que caracteriza a poboación con discapacidade, que se debe atender de forma diferente segundo as demandas e as necesidades que cada grupo de traballadores con discapacidade presenta. Dentro do conxunto das persoas con discapacidade, existen grupos que, debido ao tipo de deficiencia concreta que teñen, como por exemplo parálise cerebral ou trastornos do espectro autista, ou ao seu grao de minusvalidez, se encontran con maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo. Esta realidade exixe a adopción de medidas específicas, que poderían considerarse de acción positiva dentro do grupo das persoas con discapacidade, xa que se trata de tratamentos máis intensos e diferenciados para estimular a empregabilidade destes grupos de traballadores con discapacidade que teñen máis dificultades de inserción laboral.

Unha das medidas que pode favorecer de modo máis importante a inserción das persoas con discapacidade grave no mercado de traballo ordinario é o emprego con apoio. Este consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, preparadores laborais especializados aos traballadores con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral que realizan a súa actividade en empresas normalizadas, do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores que desempeñan postos similares.

A necesidade de regular o emprego con apoio era unha demanda das entidades do movemento asociativo das persoas con discapacidade. Nos resultados do programa de emprego con apoio será fundamental o papel das entidades promotoras que poñan en marcha estes proxectos de emprego con apoio e das empresas do mercado ordinario que asuman a contratación das persoas con discapacidade grave grazas a esta nova formula de apoio a través dos preparadores laborais.

O Real decreto 870/2007, do 2 de xullo, regula o programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo (BOE nº 168, do 14 de xullo). Esta norma establece os contidos esenciais do programa, como son a definición das accións que constitúen un proxecto de emprego con apoio, así como as persoas destinatarias finais e as entidades promotoras daquelas. Tamén se regula a subvención de custos laborais e de Seguridade Social derivados da contratación de preparadores laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, e posibilita ás comunidades autónomas, nos seus respectivos ámbitos de xestión, o seu desenvolvemento posterior mediante a regulación dos aspectos procedimentais e da adecuación ás súas peculiaridades organizativas.

De conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, de asunción de funcións e servizos, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión de calquera tipo de axudas, subvencións e préstamos que realizaba a Unidade Administradora do Fondo Nacional de Protección ao Traballo. Así mesmo, mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación. Segundo o disposto no Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, correspóndelle a esta o exercicio das anteriores competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Consonte o anterior, correspóndelle a esta consellería a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das subvencións do programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, segundo a disposición adicional cuarta do Real decreto 870/2007, do 2 de xullo.

Dado que o Real decreto 870/2007, do 2 de xullo, entrou en vigor o 15 de xullo de 2007, nesta orde de convocatoria inclúense como custos subvencionables os custos salariais e da Seguridade Social dos preparadores laborais dos proxectos de emprego con apoio desenvolvidos desde esa data.

O procedemento de concesión das subvencións do programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo queda sometido ao réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Coa finalidade de facer máis atractivo o programa para as posibles entidades solicitantes, nesta orde inclúese a posibilidade de realizar pagamentos anticipados do 50% do total da subvención concedida, con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención.

Para facilitar a difusión e coñecemento do programa, establécese nesta orde que as entidades beneficiarias autorizarán a Consellería de Traballo para difundir as accións desenvolvidas nos proxectos de emprego con apoio e, se é o caso, para publicar as memorias, estudos, ou outros traballos derivados das accións desenvolvidas nos proxectos.

As bases reguladoras e a convocatoria deste programa axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en canto non se opoña ao establecido nesta lei, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma de Galicia para o ano 2008 e, no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Por todo o exposto, no desenvolvemento da planificación presentada ante o Comité Autonómico de Emprego, na súa reunión do día 28 de novembro de 2007, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 10 de abril de 2008, a concesión de anticipos regulada nesta orde, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Finalidade e ámbito de actuación

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, mediante a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións aos promotores de proxectos con apoio, para financiar os custos laborais e de Seguridade Social dos preparadores laborais contratados para levar a cabo as accións de apoio ás persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción nos centros de traballo de Galicia, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2008.

2. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Normativa aplicable.

As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en canto non se opoña ao establecido nesta lei, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; no Real decreto 870/2007, do 2 de xullo, polo que se regula o programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo e nesta orde.

Artigo 3º.-Definición de emprego con apoio.

1. De acordo co establecido no artigo 2º do Real decreto 870/2007, do 2 de xullo, enténdese por emprego con apoio o conxunto de accións de orientación e acompañamento individualizado no posto de traballo, prestadas por preparadores laborais especializados, que teñen por obxecto facilitar a adaptación social e laboral de traballadores con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral en empresas do mercado ordinario de traballo en condicións similares ao resto dos traballadores que desempeñan postos equivalentes.

2. As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio, nos cales deberán recollerse, polo menos, as seguintes accións:

a) Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa con discapacidade, elaborando para cada traballador un programa de adaptación ao posto de traballo.

b) Labores de acercamento e mutua axuda entre o traballador beneficiario do programa de emprego con apoio, o empregador e o persoal da empresa que comparta tarefas co traballador con discapacidade.

c) Apoio ao traballador no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias, de modo que poida relacionarse co contorno laboral nas mellores condicións.

d) Adestramento específico do traballador con discapacidade nas tarefas inherentes ao posto de traballo.

e) Seguimento do traballador e avaliación do proceso de inserción no posto de traballo. Estas accións terán por obxecto a detección de necesidades e a prevención de posibles ameazas ou riscos, tanto para o traballador como para a empresa que o contrata, que poñan en perigo o obxectivo de inserción e permanencia no emprego.

f) Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e procesos de adaptación do posto de traballo.

Artigo 4º.-Persoas destinatarias finais.

1. As persoas destinatarias finais do programa de emprego con apoio serán traballadores e traballadoras con discapacidade inscritos nos servizos públicos de emprego como demandantes de emprego non ocupados, así como traballadores e traballadoras con discapacidade contratados/as por centros especiais de emprego, sempre que, en ambos os dous casos, se atopen nalgún dos supostos que se describen a continuación:

a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de minusvalidez recoñecido igual ou superior ao 33%.

b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de minusvalidez recoñecido igual ou superior ao 65%.

c) Persoas xordas e con discapacidade auditiva, cun grao de minusvalidez recoñecido igual ou superior ao 33%.

2. Os devanditos traballadores deberán ser contratados por unha empresa do mercado ordinario de traballo para seren empregados efectivamente na organización produtiva da empresa mediante un contrato indefinido ou de duración determinada, sempre que a duración do contrato sexa, neste caso, como mínimo de seis meses. No suposto de contratación a tempo parcial, a xornada de traballo será polo menos do 50% da xornada dun traballador a tempo completo comparable.

3. A inscrición dos traballadores e das traballadoras con discapacidade nos servizos públicos de Emprego como demandantes de emprego non ocupados, na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, comprobarase mediante os documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego e do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

Artigo 5º.-Promotores de proxectos de emprego con apoio e entidades beneficiarias das subvencións.

Poderán promover proxectos de emprego con apoio, e seren beneficiarias das correspondentes subvencións reguladas nesta orde, as seguintes entidades:

1. As asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que subscriban o correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar os traballadores con discapacidade a que se lles vai prestar o emprego con apoio e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter por obxecto social, entre outros, a inserción laboral ou a creación de emprego a favor de persoas con discapacidade.

b) Contar no seu cadro de persoal con preparadores laborais especializados que cumpran os requisitos establecidos no artigo 8º ou comprometerse a incorporalos, así como dispoñer dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento idóneo dos programas de emprego con apoio.

c) Ter experiencia acreditada no desenvolvemento de programas de integración laboral de persoas con discapacidade.

d) Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a traballadores ou empresarios.

2. Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales no Rexistro correspondente, que subscriban un convenio de colaboración coa empresa que vai contratar traballadores con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego. Estes centros especiais de emprego deberán cumprir ademais, os seguintes requisitos:

a) Contar no seu cadro de persoal con preparadores laborais especializados que cumpran os requisitos establecidos no artigo 8º ou comprometerse a incorporalos, así como dispoñer dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento idóneo dos programas de emprego con apoio.

b) Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a traballadores ou empresarios.

3. As empresas do mercado ordinario de traballo, incluídos os traballadores autónomos, que contraten aos traballadores con discapacidade beneficiarios das devanditas accións sempre que conten no seu cadro de persoal con preparadores laborais especializados que cumpran os requisitos establecidos no artigo 8º ou se comprometan a incorporalos, e que dispoñan dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento idóneo dos programas de emprego con apoio.

4. Non poderán obter a condición de beneficiario das subvencións reguladas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º.-Requisitos e duración dos proxectos de emprego con apoio.

1. Os proxectos de emprego con apoio deberán facer constar, polo menos, os seguintes extremos:

a) Identificación da empresa que vai contratar os traballadores con discapacidade que van recibir apoio, así como o seu compromiso de contratación dos devanditos traballadores.

b) Identificación da entidade promotora que vai levar a cabo as accións de emprego con apoio a través dos preparadores laborais que ten contratados ou que vai contratar, caso en que deberá expresar o seu compromiso de contratación.

c) Número de traballadores con discapacidade que van recibir as accións de emprego con apoio, con indicación do tipo de discapacidade e grao de minusvalidez, tipo e duración do contrato que se lles vai formalizar e do centro ou centros de traballo en que van efectuar a prestación laboral, así como a descrición de cada un dos postos de traballo.

d) Relación dos preparadores laborais que van prestar o apoio aos traballadores con discapacidade con indicación do tipo e duración do contrato de traballo formalizado, ou que van formalizar coa entidade promotora do emprego con apoio.

e) Descrición detallada das accións de emprego con apoio que cada preparador vai prestar a cada un dos traballadores con discapacidade que lle corresponda atender, especificando a duración das devanditas accións e a distribución temporal prevista nelas.

f) Nomeamento, por parte da empresa que vai contratar os traballadores con discapacidade que van recibir apoio, entre o seu persoal, da figura do coordinador/a do proxecto con apoio, que desenvolverá accións para facilitar as relacións entre as persoas con discapacidade, os preparadores laborais e o persoal da empresa, así como o seguimento e avaliación por parte da empresa.

g) Convenio ou convenios de colaboración a que se refire o artigo 7º, no caso de que a entidade promotora sexa distinta da empresa que contrata os traballadores con discapacidade.

2. As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio que, para os efectos desta orde, terán unha duración entre seis meses e un ano, prorrogable ata outro ano máis.

Non obstante, no caso de traballadores co tipo de discapacidade e grao de minusvalidez establecido no artigo 4.1º a), o prazo máximo de dous anos poderá ampliarse ata seis meses máis, sempre e cando se detecten situacións de especial dificultade que exixan necesidades específicas de apoio.

3. No suposto das entidades promotoras de emprego con apoio sinaladas nos números 1 e 2 do artigo 5º, o proxecto de emprego con apoio poderá desenvolverse nunha ou varias empresas.

Artigo 7º.-Convenio de colaboración entre a entidade promotora do emprego con apoio e a empresa empregadora.

As entidades promotoras de emprego con apoio sinaladas nos apartados 1 e 2 do artigo 5º, deberán subscribir un convenio de colaboración coa empresa que vaia contratar o traballador ou traballadores con discapacidade destinatarios do emprego con apoio, co seguinte contido mínimo:

1. Identificación de ambas as dúas partes, facendo constar a denominación social, domicilio e o número de identificación fiscal.

2. Compromiso da entidade promotora de levar a cabo todas as accións de adaptación ao posto de traballo de cada traballador con discapacidade incluídas no proxecto de emprego con apoio, para o cal a empresa tamén deberá comprometerse a permitir e facilitar a tarefa do preparador laboral e favorecer os apoios internos ao longo do proceso de inserción.

3. Compromiso de ambas as dúas partes de que as accións de emprego con apoio se prestarán de forma gratuíta.

Artigo 8º.-Preparadores laborais.

1. As accións de emprego con apoio serán levadas a cabo por preparadores laborais, os cales deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de, polo menos, un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade que os capacite para a realización das funcións propias do seu posto.

2. O tempo de atención a cada traballador con discapacidade non poderá ser inferior á porcentaxe da xornada de traballo do dito traballador que se relaciona a continuación:

a) Un terzo no caso de traballadores con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de minusvalidez recoñecido igual ou superior ao 65%.

b) Un quinto no caso de traballadores con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de minusvalidez recoñecido igual ou superior ao 33% e inferior ao 65%.

c) Un oitavo no caso de traballadores con discapacidade física ou sensorial cun grao de minusvalidez recoñecido igual ou superior ao 65%.

d) Un oitavo no caso de persoas xordas e con discapacidade auditiva, cun grao de minusvalidez recoñecido igual ou superior ao 33%.

Cando un mesmo preparador laboral preste atención a máis dun traballador con discapacidade, o tempo de atención conxunto será a suma dos tempos de atención de cada un dos ditos traballadores. En ningún caso un preparador laboral poderá atender simultaneamente máis de 3, 5 ou 8 traballadores con discapacidade dos grupos a), b), c) e d) antes sinalados, respectivamente, ou os equivalentes cando os traballadores atendidos pertenzan a distintos grupos.

Capítulo II

Subvencións aos promotores de proxectos de emprego con apoio

Artigo 9º.-Subvencións e contía destas.

1. As subvencións establecidas neste artigo destinaranse a financiar custos laborais e de Seguridade Social que se xeren durante o período de desenvolvemento do proxecto de emprego con apoio, derivados da contratación dos preparadores laborais a que se refire o artigo anterior, polas entidades promotoras de emprego con apoio sinaladas no artigo 5º. A devandita contratación poderase realizar tanto durante o desenvolvemento do proxecto como con anterioridade ao seu inicio.

2. A contía das devanditas subvencións establécese en función do número de traballadores co tipo de discapacidade e grao de minusvalidez indicados no artigo 8.2º. Destinatarios das accións de emprego con apoio, contratados para prestar servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondendo:

a) 6.600 euros anuais por cada traballador/a incluído/a na alínea a).

b) 4.000 euros anuais por cada traballador/a incluído/a na alínea b).

c) 2.500 euros anuais por cada traballador/a incluído/a nas alíneas c) e d).

Estas subvencións reduciranse proporcionalmente en función da duración do contrato de cada traballador con discapacidade así como en función da súa xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.

3. Estas subvencións concederanse por períodos máximos dun ano, prorrogables nos termos establecidos no artigo 6º.2, logo da solicitude por parte de entidades interesadas indicadas no artigo 5º, tramitada de acordo co procedemento establecido na correspondente orde anual de convocatoria.

Para o cálculo das subvencións dos proxectos de emprego con apoio terase en conta unicamente o período en que cada traballador con discapacidade permaneza contratado e recibindo apoio durante o desenvolvemento do proxecto.

4. Non se poderán outorgar subvencións conforme o previsto nesta orde referidas a un mesmo traballador con discapacidade, aínda que correspondan a distintos proxectos de emprego con apoio, por tempo superior a dous anos ou, no suposto de traballadores co tipo de discapacidade e grao de minusvalidez establecido no artigo 4.1º a), e se detecten situacións de especial dificultade que exixan necesidades específicas de apoio, por tempo superior a trinta meses.

5. Serán subvencionables os custos salariais e da Seguridade Social por conta da empresa correspondentes ás mensualidades do ano 2008 ata o 30 de setembro. Non obstante, serán subvencionables os custos salariais e da Seguridade Social desde o 15 de xullo de 2007, data da entrada en vigor do Real decreto 870/2007, do 2 de xullo, para sufragar os custos dos preparadores laborais dos proxectos de emprego con apoio desenvolvidos desde esa data.

6. A contía da subvención en ningún caso poderá exceder o fixado no convenio colectivo de aplicación para o posto de traballo do preparador ou preparadores laborais.

Capítulo III

Competencia e procedemento

Artigo 10º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de subvencións previstas nesta orde, por delegación do conselleiro de Traballo, corresponderalle ao director xeral de Promoción do Emprego.

Artigo 11º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Traballo, dirixidas ao director xeral de Promoción do Emprego (edificio administrativo San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela, 15781 A Coruña), ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes iníciase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 30 de xuño de 2008.

3. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo: http//traballo.xunta.es.

4. A presentación da solicitude de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo achegar entón as devanditas certificacións.

5. Mediante a presentación da solicitude de subvención o interesado presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal poderán exercerse ante o CIXTEC como órgano responsable dos ficheiros, con domicilio na rúa Domingo Fontán, 9-15702 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

6. Coa presentación da solicitude de subvención a entidade interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo para que publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia, con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputan, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención. Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial, nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 12º.-Documentación.

1. As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde e deberán ir acompañadas do orixinal ou copia compulsada da documentación que se relaciona:

a) Se a persoa solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e CIF da empresa.

b) Documento constitutivo da entidade promotora do proxecto de emprego con apoio e as súas posibles modificacións, xunto cos estatutos sociais.

c) Documentos acreditativos da inscrición da entidade no rexistro correspondente.

d) Memoria que permita valorar a competencia, experiencia e capacidade da entidade promotora, con indicación dos recursos materiais de que dispoñen para desenvolver o proxecto de emprego con apoio.

e) Copia do proxecto de emprego con apoio, que incluirá as accións que se vaian desenvolver, segundo o previsto no artigo 3º desta orde, así como os requisitos e duración, conforme o artigo 6º desta orde, e recollerá os obxectivos, recursos, orzamento, fases de implantación e sistemas de avaliación dos resultados.

f) Convenio ou convenios de colaboración a que se refire o artigo 7º, no caso de que a entidade promotora sexa distinta da empresa que contrata os traballadores con discapacidade.

g) Relación nominal dos traballadores con discapacidade que van recibir as accións de emprego con apoio, con indicación do tipo de discapacidade e grao de minusvalidez, tipo, duración e xornada do contrato que se lles vai formalizar e do centro ou centros de traballo en que van efectuar a prestación laboral (segundo o modelo do anexo III).

h) No caso ter formalizada a contratación, contratos de traballo e documentos de alta na Seguridade Social dos traballadores con discapacidade.

i) Descrición de cada un dos postos de traballo que van ocupar os traballadores ou traballadoras con discapacidade (segundo o modelo do anexo IV), ou aqueloutro que, respectando o seu contido mínimo, queira presentar a persoa ou entidade solicitante.

j) Relación nominal dos preparadores laborais que van prestar o apoio aos traballadores con discapacidade con indicación do tipo, duración e xornada do contrato de traballo formalizado, ou que van formalizar coa entidade promotora do emprego con apoio, caso en que deberá expresar o seu compromiso de contratación (segundo o modelo anexo V).

k) Descrición detallada das accións de emprego con apoio que cada preparador vai prestar a cada un dos traballadores con discapacidade que lle corresponda atender, especificando a duración das devanditas accións e a súa distribución temporal prevista.

l) Curriculum vitae dos preparadores laborais, suficientemente acreditado da súa formación e experiencia profesional para a realización das accións de emprego con apoio. No caso de ter formalizada a contratación, contratos de traballo e documentos de alta na Seguridade Social.

m) Orzamento de gastos relativos aos custos salariais e de Seguridade Social por conta da empresa dos preparadores laborais, referido ao período polo que se solicita a subvención, xunto con copia das nóminas, e documento de transferencia bancaria que xustifique o pagamento destas, correspondentes ás mensualidades xa aboadas á data da solicitude.

n) Fotocopia compulsada dos documentos TC-1 e TC-2, correspondentes aos meses polos que se solicita a subvención xa ingresados, conforme as normas da Seguridade Social, na data da solicitude.

o) No caso de empresas que teñan cincuenta traballadores ou máis, documentación acreditativa do cumprimento da cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dá ocupación, polo menos, ao 2% de traballadores con discapacidade sobre o total dos traballadores ou, no seu defecto, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 38º da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración laboral das persoas con discapacidade, e o regulado no Real decreto 364/2005, do 8 de abril.

p) Declaración de ter levado a cabo a organización preventiva, a auditoría, se procede, e o plan de prevención, de acordo co previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e a normativa regulamentaria de desenvolvemento.

q) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo VI).

r) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que quen solicita é titular da conta (segundo o modelo do anexo VII).

s) Documentación acreditativa de que se encontraren ao día das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que quen solicita denegase expresamente a autorización ao órgano concedente para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, quedan exentas de presentar a devandita documentación as entidades sen ánimo de lucro, conforme o previsto no artigo 45.1º da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

t) Declaración responsable, segundo o modelo do anexo VIII.

2. Ás solicitudes dos interesados xuntaránselles os documentos sinalados no número anterior, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 13º.-Instrución, tramitación e procedemento de concesión.

1. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común requirirá a entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará por desistido da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

2. O procedemento de concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Apoio a Emprendedores da Subdirección Xeral de Apoio á Contratación e a Emprendedores, que realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

4. O órgano competente para emitir o informe de avaliación será a Comisión de Avaliación que terá a seguinte composición:

Presidente: o subdirector xeral de Apoio á Contratación e a Emprendedores.

Vogais: o xefe do Servizo de Apoio a Emprendedores e unha funcionaria ou funcionario do servizo que actuará como secretaria ou secretario.

5. A valoración das solicitudes presentadas efectuarase de acordo cos criterios e a súa ponderación seguintes:

a) Calidade do proxecto presentado: obxectivos, recursos técnicos, metodoloxía, tipoloxía dos apoios. Ata 30 puntos.

b) Porcentaxe de traballadores e traballadoras co tipo de discapacidade e grao de minusvalidez descritos no artigo 4.1º a) desta orde. Ata 30 puntos.

c) Número de traballadores e traballadoras con discapacidade contratados no marco do proxecto con apoio. Ata 20 puntos.

d) Integración da dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no destino das subvencións, nas persoas destinatarias finais e nas accións do proxecto de emprego con apoio. Ata 15 puntos.

e) Emprego da lingua galega na elaboración e na realización do proxecto de emprego con apoio. Ata 5 puntos.

6. No obstante, non será necesario fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, para o caso de que o crédito consignado nesta convocatoria fose suficiente atendendo ao número de solicitudes unha vez finalizado o prazo de presentación, conforme o previsto no artigo 55º do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

7. O órgano instrutor elevaralle o informe da Comisión de Avaliación xunto coa proposta de concesión ao órgano de resolución.

En calquera caso, a concesión das subvencións estará condicionada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias para o devandito fin segundo o consignado anualmente na correspondente orde de convocatoria.

Artigo 14º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización pola respectiva intervención da proposta emitida polo órgano instrutor, as resolucións serán ditadas polo director xeral de Promoción do Emprego, por delegación do conselleiro de Traballo, e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido este sen se producir manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15º.-Pagamento e xustificación.

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación do orixinal ou copia compulsada, da documentación que se exixa de forma expresa na resolución de concesión xustificativa da realización da actividade para a que se concedeu a subvención.

2. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento, no prazo sinalado na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 1 de decembro de 2008.

3. Poderán realizarse pagamentos á conta da subvención concedida, que supoñan a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse pola contía equivalente á xustificación presentada, ata unha porcentaxe non superior ao 80% da subvención concedida.

Para os efectos de proceder ao pagamento fraccionado, a entidade beneficiaria deberá presentar, referida ás mensualidades polas que se solicita, a seguinte documentación:

a) Orzamento de gastos relativos aos custos salariais e de Seguridade Social dos preparadores laborais polos que se concedeu a subvención, xunto con copia das nóminas e documento de transferencia bancaria que xustifique o pagamento destas.

b) Fotocopia compulsada dos documentos TC-1 e TC-2.

c) Relación nominal dos traballadores con discapacidade que recibiron as accións de emprego con apoio: certificación da permanencia ou variacións deste persoal no período, mediante o modelo anexo III desta orde. Para o suposto de novas contratacións, contratos de traballo, certificacións de minusvalidez e descrición do posto de traballo.

d) Declaración complementaria do establecido no artigo 11.1º, letra p) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo modelo anexo VI).

4. Para efectuar o primeiro pagamento fraccionado, no caso de non terse presentado coa solicitude, a entidade beneficiaria deberá presentar, ademais da documentación sinalada no número anterior, unha certificación do inicio das accións, os contratos e documentos de alta na Seguridade Social dos preparadores laborais e dos traballadores con discapacidade.

5. O pagamento final da subvención concedida realizarase unha vez presentada a documentación relacionada nos números anteriores, referida a todo o período subvencionado, xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa do cumprimento dos obxectivos previstos no proxecto de emprego con apoio e a avaliación dos seus resultados.

b) Descrición detallada das accións de emprego con apoio que cada preparador prestou a cada un dos traballadores con discapacidade que lle correspondeu atender, especificando a duración das devanditas accións e a distribución temporal destas.

6. Non poderá realizarse a proposta de pagamento da subvención concedida ata a incorporación ao expediente dos seguintes informes que solicitará a Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo na fase de instrución:

-Dos equipos multiprofesionais, sobre a adecuación do posto de traballo á discapacidade dos traballadores ou traballadoras contratados/as.

-Da Inspección de Traballo, sobre a necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal.

7. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención mentres o beneficiario non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

8. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria quedase xustificada unha contía inferior de subvención á inicialmente concedida, emitirase a correspondente resolución revogatoria.

Artigo 16º.-Pagamentos anticipados.

No suposto das entidades beneficiarias do artigo 5.1º desta orde poderá realizarse un pagamento anticipado do 50% do total da subvención concedida, con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, no momento que a entidade subvencionada presente unha certificación do inicio das accións, os contratos e documentos de alta na Seguridade Social dos preparadores laborais e dos traballadores con discapacidade.

Capítulo IV

Obrigas, compatibilidade das axudas, seguimento e control

Artigo 17º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

Son obrigas dos beneficiarios das subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamente a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Traballo, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo.

i) Manter os postos de traballo dos preparadores laborais polo período subvencionado. Cando se produza unha baixa dun/ha preparador/a laboral deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, dentro dos quince días seguintes. A substitución do/a preparador/a laboral deberá realizarse por outro profesional que reúna os mesmos requisitos exixidos para a concesión da subvención e terá que realizarse no prazo dun mes desde a data da baixa.

Unha vez realizada a substitución deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, dentro dos quince días seguintes, presentando a seguinte documentación:

-Curriculum vitae do preparador laboral, suficientemente acreditado da súa formación e experiencia profesional para a realización das accións de emprego con apoio, xunto co contrato de traballo e documento de alta na Seguridade Social.

-Descrición detallada das accións de emprego con apoio que o preparador laboral vai prestar a cada un dos traballadores con discapacidade que lle corresponda atender, especificando a duración das devanditas accións e a distribución temporal prevista destas.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 19º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Será causa de reintegro total das subvencións percibidas pola contratación do preparador laboral o seu despedimento declarado ou recoñecido improcedente.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 20º.-Incompatibilidade e concorrencia de axudas.

As subvencións reguladas neste programa serán compatibles con outras axudas, subvencións, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere os custos laborais e de Seguridade Social por conta da empresa, correspondentes á contratación dos preparadores laborais durante o desenvolvemento do proxecto de emprego con apoio.

Estas subvencións son compatibles coas reguladas na orde da Consellería de Traballo pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o centro especial de emprego, tanto a través da unidade de apoio á actividade profesional, como do proxecto de emprego con apoio preste as accións de apoio previstas aos traballadores con discapacidade contratados e atendidos en cada programa, coas limitacións en canto ao tempo de atención e ao número de traballadores que se vaian atender establecidas para os ditos programas.

b) Que os custos laborais e de Seguridade Social xerados pola contratación laboral do preparador ou preparadores laborais a que se refiren o punto 1 do artigo 9º desta orde e os correspondentes ao período de contratación dos traballadores e traballadoras da unidade de apoio á actividade profesional, se imputen proporcionalmente en función da dedicación á unidade de apoio á actividade profesional ou ao proxecto de emprego con apoio, sempre que a suma total das dúas subvencións non supere os ditos custos.

Artigo 21º.-Seguimento e control.

A Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Aos centros especiais de emprego que perciban as subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación, para os efectos de seguimento e control, o disposto no artigo 13 do Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, polo que se aproba o regulamento dos centros especiais de emprego, e deberán achegar a memoria anual conforme o previsto no artigo 8º do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no rexistro administrativo de centros especiais de emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa regulado nesta orde, tanto no seu aspecto cualitativo como cuantitativo.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Traballo para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Traballo poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo no director xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios, respecto das resolucións concesorias, das que traen causa ditadas por delegación do conselleiro.

Cuarta.-A comprobación da condición de persoa con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración, distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante, de acordo co disposto no artigo 1.2º da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, en todo caso consideraranse afectados por unha minusvalidez igual ou superior ao 33%as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos a acreditación do grao de minusvalidez realizarase conforme o previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE nº 300, do 16 de decembro).

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego non ocupado, na data de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras con discapacidade, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto do da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinta.-Coa finalidade de difundir o coñecemento do programa as entidades beneficiarias autorizan a Consellería de Traballo para difundir as accións desenvolvidas nos proxectos de emprego con apoio e, se é o caso, para publicar as memorias, estudos, ou outros traballos derivados das accións desenvolvidas nos proxectos.

Sexta.-A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

O pagamento das subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos da aplicación orzamentaria que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio correspondente.

Sétima.-En virtude do anterior, no exercicio económico 2008, as subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.02.322C.470.1 código de proxecto 2002 14 438, cun crédito de 300.000 euros; 16.02.322C.470.2, código de proxecto 2007 00 675, cun crédito de 100.000 euros; 16.02.322C.481.1, código de proxecto 2007 00 682, cun crédito de 100.000 euros. Estas contías están recollidas na Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Estes créditos poderán ser modificados como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a conferencia sectorial de asuntos laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

Ver referencia pdf "08400D013P038.PDF"