DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 02 de maio de 2008 Páx. 7.795

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 23 de abril de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva das axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros, e se convocan para o exercicio 2008.

O 1 de xaneiro de 2007 entrou en vigor o Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca (FEP), que substitúe o Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca (IFOP) e define o marco de apoio comunitario a favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro.

Entre outras medidas, cuxa finalidade específica é a promoción dun equilibrio sustentable e duradeiro entre os recursos acuáticos e a capacidade de pesca da froita pesqueira, o Fondo Europeo da Pesca regula as condicións en que se poderán outorgar as axudas destinadas á adaptación da frota pesqueira e, concretamente, as que se concedan como consecuencia da paralización definitiva das actividades de pesca de buques pesqueiros.

Así, no artigo 21 do citado regulamento determínase que se poderán establecer axudas públicas financiadas polo FEP para os propietarios de buques e os pescadores afectados por plans nacionais de axuste pesqueiro, nos casos en que estes formen parte de:

a) Os plans de recuperación indicados no artigo 5 do Regulamento (CE) 2371/2002.

b) As medidas de urxencia indicadas nos artigos 7 e 8 do Regulamento (CE) nº 2371/2002.

c) A non renovación dun acordo de pesca entre a comunidade e un país terceiro, ou unha redución importante das posibilidades de pesca en virtude dun convenio internacional ou outro tipo de acordo.

d) Plans de xestión indicados no artigo 6 do Regulamento (CE) nº 2371/2002.

e) Medidas indicadas nos artigos 9 e 10 do Regulamento (CE) nº 2371/2002.

f) Plans nacionais de desmantelamento que formen parte das obrigas establecidas nos artigos 11 a 16 do Regulamento (CE) nº 2371/2002 sobre o axuste da capacidade da frota pesqueira comunitaria.

Neste marco regulamentario, e sen prexuízo da concreción dos plans nacionais de desmantelamento no Programa operativo que, de acordo co artigo 17 do Regulamento do FEP, ten que presentar o Estado membro á Comisión Europea, cómpre establecer as bases reguladoras, determinar os créditos dispoñibles e abrir o prazo de presentación de solicitudes para as axudas destinadas aos propietarios de buques pesqueiros que paralicen definitivamente a súa actividade pesqueira como consecuencia dalgún dos supostos previstos no artigo 21 do citado regulamento.

En aplicación da normativa comunitaria citada, e sen prexuízo da súa adaptación á normativa da Administración xeral do Estado que se poida promulgar nesta materia, mediante esta orde regúlanse as bases que rexerán para axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros na Comunidade Autónoma de Galicia durante o período de vixencia do Programa operativo do Fondo Europeo de Pesca, cuxas prioridades e obxectivos están establecidos no Plan estratéxico nacional e que se integran no documento de programación (Programa operativo) aprobado pola Comisión Europea mediante Decisión C(2007) 6615, do 13 de decembro de 2007.

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e o procedemento de concesión das axudas á paralización definitiva das actividades de pesca de buques pesqueiros, con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 23 do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, para o período 2007-2013, así como proceder á súa convocatoria para o exercicio 2008.

Artigo 2º.-Finalidade das axudas.

A finalidade das axudas desta orde é lograr un equilibrio sustentable entre os recursos pesqueiros e a súa explotación a través da redución do esforzo pesqueiro e de acordo cos obxectivos da política pesqueira común dos plans nacionais de desmantelamento e coa disposición dos programas de orientación plurianual para as frotas pesqueiras.

Artigo 3º.-Marco normativo.

Para o outorgamento e execución destas axudas, observarase o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas seguintes normas:

a) Regulamento 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, e resto de disposicións comunitarias aplicables.

b) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

c) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

d) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

f) Se é o caso, normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto (orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e de 25 de outubro de 2001).

g) Normativa básica que dite o Estado relativa a estas axudas.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

1. As axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do Programa operativo FEP 2007-2013 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. En cada anualidade sucesiva ata o ano 2013, fixarase por unha orde complementaria o crédito anual existente.

2. Os importes fixados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderanse ampliar con fondos incorporados e remanentes adicionais, así como procedentes de modificacións orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

As axudas estarán limitadas en todo caso ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. Para o ano 2008 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.723A.770.1 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para ese ano. O crédito máximo de concesión destas subvencións neste ano será de 14.096.000 euros.

Artigo 5º.-Requisitos xerais dos beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os propietarios de buques pesqueiros de dez anos de antigüidade ou máis que paralicen definitivamente a actividade pesqueira.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os solicitantes da axuda deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Os requisitos exixidos na normativa básica do Estado non sinalados nos puntos anteriores.

5. O buque para o cal se solicite a paralización definitiva ten que estar incluído nun plan nacional de desmantelamento.

Artigo 6º.-Requisitos específicos e condicións.

Sen prexuízo dos requisitos xerais sinalados no artigo 5, para acollerse á paralización definitiva deberán cumprirse os requisitos e condicións seguintes:

a) Requisitos.

1. O barco suxeito de paralización definitiva deberá ter unha antigüidade mínima de dez anos.

2. O barco deberá ter unha actividade pesqueira mínima de 90 días de pesca en cada un dos dous períodos de doce meses anteriores á data de solicitude de paralización definitiva ou 120 días de pesca nos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude de paralización definitiva.

Para esta primeira convocatoria, a data desde a cal se contará a actividade pesqueira será a da paralización real da embarcación acreditada mediante certificado da capitanía marítima correspondente, do depósito de rol do buque de xeito continuado, sempre que sexa posterior ao 1 de xaneiro de 2007. O interesado deberá remitirlle á Consellería de Pesca, Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, escrito en que manifeste a súa vontade de paralizar o barco e a data de depósito do rol na capitanía marítima correspondente.

Nos outros supostos o requisito de actividade exixirase desde a data de presentación da solicitude de axuda de paralización.

3. Que ao solicitar a axuda o buque estea libre de cargas e gravames, salvo que a súa cancelación estea suficientemente garantida ou se presente autorización expresa da entidade crediticia para solicitar esta axuda.

4. Que non se presentase o buque como baixa para unha nova construción ou modernización.

b) Condicións.

1. Antes da paralización definitiva, o buque deberá estar inscrito no censo da frota operativa e no Rexistro de buques da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No momento da decisión de concesión da axuda, o buque deberá estar en activo. Considérase que o barco está en activo cando estea inscrito como alta no censo da frota operativa.

3. Unha vez producida a paralización definitiva, a licenza de pesca deberá ser anulada e o buque deberá ser definitivamente excluído do Rexistro comunitario de buques pesqueiros.

Artigo 7º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios, ao formalizar a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

Os beneficiarios deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na presente orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a comprobación documental e material del.

b) Acreditar mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais como comunitarios, e presentará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á consellería a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente, tanto público como privado.

e) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

g) Os beneficiarios quedan obrigados a comunicarlle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución dos fins para que foi concedida a axuda de que se trate.

h) O beneficiario terá a obriga de darlle a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado con expresa mención á participación do fondo FEP, nos termos regulamentariamente establecidos.

Artigo 8º.-Contía das axudas.

1. A contía das axudas está condicionada en todo caso á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

A contía das axudas será como máximo as seguintes:

a) Prima por despezamento:

Ver referencia pdf "08400D011P027.PDF"

b) Prima no caso de que o buque se destine a tarefas non pesqueiras de carácter non lucrativo ou fins ornamentais garantindo a non flotablilidade: mesmo baremo que o despezamento.

c) Prima no caso de que o buque se destine a tarefas non pesqueiras de carácter lucrativo: os importes máximos da prima por despezamento reduciranse nun 50%.

2. Os importes máximos veranse reducidos nun 1% por cada ano que sobrepase os vinte anos ata un máximo de 30 anos ou máis.

3. A contribución pública a esta axuda poderá chegar ao 100%.

4. As primas por paralización definitiva non serán acumulables con outra axuda comunitaria. Estas primas reduciranse:

-Nunha parte do importe percibido anteriormente no caso de axuda á modernización. Esta parte calcularase proporcionalmente ao tempo transcorrido desde o remate dos traballos de modernización e a solicitude de paralización, no período de cinco anos precedentes á paralización definitiva.

5. As primas por paralización definitiva dun buque incluído nun plan de recuperación dos sinalados no artigo 5 do Regulamento (CE) nº 2371/2002, cando estea suficientemente acreditada a redución do esforzo pesqueiro nun vinte e cinco por cento, poderanse incrementar nun vinte por cento.

Artigo 9º.-Compatibilidade das axudas.

1. As axudas establecidas nas presentes bases reguladoras serán compatibles con calquera outra concedida por outras administracións públicas ou por entidades públicas ou privadas, sempre que non teñan financiamento parcial ou total de fondos procedentes doutro instrumento financeiro comunitario e a suma total das axudas non supere a porcentaxe máxima fixada no regulamento do FEP para a contribución pública.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os ditos límites, procederase por resolución do órgano concedente, á minoración da axuda concedida.

Artigo 10º.-Solicitudes e tramitación.

1. A solicitude presentarase de acordo co modelo do anexo I da presente orde nas delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou en calquera das oficinas a que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes incluirán un exemplar orixinal e dúas copias debidamente compulsadas da documentación que se relaciona a seguir:

a) Acreditación da personalidade.

a.1) Se o propietario é unha persoa física:

i) copia cotexada do DNI do propietario do buque.

a.2) Se o propietario é unha persoa xurídica deberá presentarse:

i) Copia cotexada da tarxeta fiscal.

ii) Copia cotexada do DNI do representante.

iii) Certificación rexistral en que figure a constitución da sociedade e os estatutos vixentes.

iv) Poder suficiente do representante no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral da alínea b).

a.3) Se o propietario é unha pluralidade de persoas sen personalidade xurídica:

i) A solicitude normalizada conterá a designación dun representante e será subscrita por todos os propietarios.

ii) Copia cotexada do DNI de cada un dos propietarios da embarcación.

iii) Compromiso de execución asumido por cada membro da agrupación de persoas.

iv) Compromiso de non disolución da agrupación ata que transcorra o prazo de catro anos desde a concesión da axuda.

v) A certificación bancaria debe ser dunha conta en que sexan titulares todos os integrantes da agrupación.

b) Certificación do Rexistro Mercantil en que conste a titularidade e o estado de cargas ou gravames do barco.

c) Certificación de despachos, expedida pola capitanía marítima correspondente, acreditativa de que o buque foi despachado para a actividade pesqueira exixida no artigo 6 a) 2.

d) Copia certificada e actualizada da folla de asento da inscrición marítima do buque cunha validez non superior a tres meses.

e) Relación de pescadores que formen parte da tripulación do buque obxecto da solicitude de paralización cos NIF e número de afiliación no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, no momento do pedimento da axuda, conforme o modelo do anexo II acompañada da fotocopia compulsada da inscrición dos tripulantes no rol de dotación do buque. No suposto de que no momento da convocatoria das axudas o buque estea faenando en caladoiros afastados, presentarase certificación da capitanía marítima coa relación da tripulación enrolada a bordo.

f) certificación bancaria da conta de que sexa titular o solicitante, na cal se faga constar o código da entidade e da sucursal e o número de conta. No caso de que o solicitante sexa unha pluralidade de persoas, todas elas deberán ser titulares da conta bancaria.

g) Anexo III de declaración doutras axudas.

h) Anexo IV de compromiso de retirada da actividade pesqueira.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o que marque cada convocatoria. No ano 2008 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. As delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, no seu carácter de órgano instrutor destes expedientes, analizarán os expedientes, requirirán a documentación necesaria, se é o caso, e emitirán un informe relativo ao cumprimento dos requisitos da convocatoria. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5 desta orde resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas que, se é o caso, se produzan, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte. Para estes efectos, as delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos elaborarán un informe á vista do cal o Servizo de Frota da Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca analizará e clasificará os proxectos de acordo cos criterios fixados nas bases.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas que a motivan.

7. Unha vez feita a selección, o órgano xestor elaborará unha proposta de expedientes priorizada e ata onde cheguen as dispoñibilidades orzamentarias. Esta proposta remitiráselle á Secretaría Xeral de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Acadado o acordo entre ambas as administracións, procederase á resolución das solicitudes seleccionadas.

Artigo 11º.-Subrogación.

1. Como norma xeral non se admitirá a subrogación dun novo propietario do barco na condición de solicitante ou beneficiario das axudas salvo por falecemento ou porque o novo sexa resultante dun proceso de fusión, un cambio de denominación da empresa ou transformación do tipo de sociedade. Deberíase indicar que o que se subroga debe reunir as condicións para ser beneficiario que se exixiron ao comezo. En todos os casos deberase contar coa autorización previa da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

2. En calquera caso, o novo beneficiario deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

Artigo 12º.-Comisión de avaliación.

1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de avaliación, que poderá solicitar a documentación ou informes que considere necesarios para a súa avaliación constituída na Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca cuxa composición é a seguinte:

Presidente: director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca

Vogais: un funcionario adscrito á Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca designado polo presidente e os xefes do Servizo de Estruturas e Mercados da Pesca de cada unha das delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente.

2. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, indicándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles.

3. Establecerase unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acadasen a puntuación necesaria para seren seleccionados por falta de crédito.

4. A comisión de valoración elevará proposta de resolución á conselleira, quen ditará a correspondente resolución.

Artigo 13º.-Criterios de selección.

1. Os criterios de selección de expediente serán con carácter xeral os seguintes:

a) A integración do proxecto nun plan de redución do esforzo pesqueiro para a recuperación dos recursos pesqueiros.

b) O cumprimento dos obxectivos sinalados no programa operativo.

c) Restricións impostas pola non renovación dun acordo de pesca entre a Unión Europea e un terceiro país.

d) Redución importante das posibilidades de pesca en virtude dun convenio internacional ou outro tipo de acordo.

e) Idade do buque, tendo prioridade para este criterio o buque máis antigo.

En cada convocatoria precisaranse aqueles que serán aplicables e/ou outros adicionais, se é o caso.

Artigo 14º.-Resolución e notificación.

1. A resolución dos expedientes correspóndelle á conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, que poderá delegar a devandita competencia no director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de seis meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. En función das dispoñibilidades orzamentarias adicionais, derivadas da renuncia de subvencións propostas, de modificacións de resolucións de outorgamento, de incremento do crédito destinado a este fin, poderanse emitir sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo. Para o efecto existirá unha relación ordenada de todas as solicitudes que, cumprindo coas condicións establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiarias, non fosen admitidas por falta de crédito, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas en función dos criterios de valoración.

4. As resolucións seranlle notificadas ao solicitante, que terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

5. Aquelas solicitudes que non puideren ser atendidas no período correspondente exclusivamente por falta de dispoñibilidades orzamentarias, poderán ser tomadas en consideración no período seguinte, logo de confirmación polo solicitante e sen que isto supoña preferencia algunha como criterio de selección.

Artigo 15º.-Recursos.

A resolución de adxudicación da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses se a resolución for expresa e contando desde o día seguinte á súa recepción ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Artigo 16º.-Alteración das condicións da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en particular, a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos privados, nacionais ou internacionais e o incumprimento dos prazos de materialización da paralización definitiva, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 17º.-Forma de materialización da paralización definitiva e prazo.

1. A paralización definitiva das actividades pesqueiras dun buque pesqueiro só poderá lograrse mediante:

a) o despezamento ou afundimento substitutorio do buque pesqueiro.

b) asignación definitiva a actividades non relacionadas coa pesca.

c) reconversión para crear arrecifes artificiais logo de avaliación do impacto ambiental e do cumprimento dos obxectivos que se indican no artigo 38, número 2, letra a) do Regulamento do Fondo Europeo da Pesca.

2. O prazo para a materialización do despezamento sinalarase na correspondente resolución de concesión da axuda, non excedendo en calquera caso seis meses desde a data de notificación da subvención.

Excepcionalmente poderá concederse unha prórroga por resolución do órgano concedente, que deberá solicitarse dentro do prazo de execución indicado na resolución. A solicitude de prórroga deberá presentarse por escrito, estar suficientemente motivada e deberase depositar un aval dun cinco por cento do importe da prima concedida.

Artigo 18º.-Xustificación e pagamento da axuda.

1. O pagamento da axuda por paralización definitiva realizarase unha vez presentada a seguinte documentación:

a) Acreditación da materialización da paralización definitiva:

-No caso de despezamento: certificación da capitanía marítima correspondente acreditativa de que o buque foi efectivamente despezado e baixa no censo da frota operativa.

-No caso de reconversión para actividades non relacionadas coa pesca: baixa no censo da frota operativa e resolución de autorización de materialización da paralización mediante a súa asignación definitiva a actividades non relacionadas coa pesca

-No caso de reconversión para crear arrecifes artificiais: baixa no censo da frota operativa e autorización do órgano que sexa competente.

b) Acreditación de ter notificado formalmente a todos os tripulantes a concesión da axuda por paralización definitiva do buque, mediante a presentación do documento de comunicación que se une como anexo V desta orde, debidamente cuberto, acompañándoa coa fotocopia compulsada da inscrición dos tripulantes no rol do buque no momento do cesamento da actividade pesqueira.

c) Anexo II relativo á declaración doutras axudas

d) Certificado do rexistro mercantil de estar libre de cargas se non foi presentando con base no sinalado no artigo 6.

e) calquera outra documentación que se indique na resolución de concesión da axuda.

2. A documentación presentarase preferentemente no rexistro central da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou en calquera das oficinas a que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e constará de orixinal e dúas copias compulsadas.

Artigo 19º.-Garantías.

O aval previsto no artigo 17 desta orde será depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda.

Unha vez comprobada a realización dos investimentos para os cales se concedeu a subvención, a garantía será liberada.

Artigo 20º.-Reintegro das axudas.

1. Procederase ao reintegro total ou parcial da subvención concedida coa exixencia tamén dos intereses de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 21º.-Infraccións e sancións.

Sen prexuízo do establecido nos números anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22º.-Autorizacións do beneficiario.

1. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para incluír e facer público nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións os datos relevantes referidos ás axudas recibidas, así como as sancións impostas conforme o regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. De acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, de estar ao día nas obrigas tributarias e de Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderanlle ser requiridos ao beneficiario.

Artigo 23º.-Publicidade.

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. De conformidade co establecido no artigo 13, punto 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial (http://webpesca.xunta.es) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 3º (marco normativo), así como nas prescricións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Delégase no director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca a resolución destas axudas.

Disposición transitoria

Única.-

Unicamente con vixencia para o exercicio 2008, teranse en conta as seguintes normas:

Para os efectos de acreditar a actividade do barco, tal e como sinala o artigo 6, a data desde a que se computará tal actividade será, de ser o caso, a do depósito do rol do buque na correspondente capitanía marítima, sempre que estea acreditada a continuidade no dito depósito, e se comunicase o dito depósito á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2008.

María Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "08400D011P027.PDF"