DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 02 de maio de 2008 Páx. 7.793

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 22 de abril de 2008 pola que se fixa o prazo para presentación de solicitudes de axudas para a realización de investimentos relativos ao equipamento e servizo dos portos pesqueiros, aprobadas pola Orde do 21 de setembro de 2000, e se determina o seu importe global máximo para o exercicio 2008.

A aplicación das disposicións da orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 21 de setembro de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesións de axudas para a realización de investimentos relativos ao equipamento e servizo dos portos pesqueiros (DOG nº 189, do 28 de setembro), modificada polas ordes do 27 de decembro de 2000 (DOG do 29 de decembro), do 30 de decembro de 2002 (DOG nº 252, do 31 de decembro), do 29 de decembro de 2003 (DOG nº 253, do 31 de decembro), do 3 de xaneiro de 2006 (DOG nº 7, do 11 de xaneiro) e de 6 de agosto de 2007 (DOG nº 55, do 10 de agosto), establece no seu artigo 4º que nos exercicios sucesivos da vixencia do Programa operativo IFOP 2000-2006 as axudas outorgaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma do ano correspondente.

Aínda que o Programa Operativo do Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca (IFOP) rematou no ano 2006, a data límite de subvencionabilidade dos gastos financiados con estes fondos abrangue ata o 31 de decembro de 2008, o que permite a asunción de novos compromisos de gasto no ano 2008 sempre que o pagamento final se realice con anterioridade a aquela data.

Como consecuencia da existencia de remanentes por diversas causas na medida de equipamento de portos pesqueiros, é posible proceder a unha nova convocatoria de axudas. Preténdese optimizar estes fondos, para a execución dos investimentos correspondentes. Os investimentos que poidan ser suxeito de axuda, deberán estar rematados e xustificados como máximo o 31 de outubro de 2008.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria de axudas.

Convócanse axudas ao abeiro da Orde do 21 de setembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesións de axudas para a realización de investimentos relativos ao equipamento e servizo dos portos pesqueiros (DOG nº 189, do 28 de setembro), na súa vixente redacción, para o ano 2008.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

As axudas outorgaranse con cargo á aplicación 14.03.723A.770.6, na que existe crédito axeitado e suficiente ata un importe máximo de 349.234,78 euros; que queda reservado para os efectos desta orde.

Este importe poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

As solicitudes presentadas que sexan seleccionadas e reúnan todos os requisitos serán resoltas de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias existentes.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a estas axudas aquelas persoas físicas ou xurídicas legalmente constituídas e as entidades e corporacións de dereito público, que sexan titulares ou que proxecten a implantación de equipamentos ou establecementos para a prestación dos servizos de apoio ás actividades dos portos pesqueiros previstos no artigo 2º da Orde do 21 de agosto de 2000 antes mencionada, sempre que estean en posesión das necesarias habilitacións administrativas e os investimentos se realicen dentro do ámbito territorial da nosa comunidade autónoma.

Artigo 4º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Prazo de xustificación dos investimentos.

Con carácter xeral e agás que a resolución individual da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate dos investimentos e o pagamento dos conceptos correspondentes a eles, deberá realizarse como máximo o 31 de outubro de 2008.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu regulamento.

Terceira.-En aplicación do establecido no artigo 15º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención. Así mesmo, e de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "08400D010P025.PDF"