DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 02 de maio de 2008 Páx. 7.791

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 17 de abril de 2008 pola que se modifica a do 26 de decembro de 2007, pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2008.

A Orde do 26 de decembro de 2007 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2008 (DOG nº 2, do 3 de xaneiro de 2008, corrección de erros do 29 de febreiro) estableceu o réxime necesario para permitir a explotación marisqueira en Galicia durante todo o ano, coas garantías dunha boa xestión do recurso.

Esta orde aproba, entre outros, os plans de explotación para navalla/longueirón/longueirón vello (artigo 8) presentados polas confrarías de pescadores da Illa de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Aldán-Hío, Baiona, Bueu, Camariñas, Cambados, Cangas, Carreira-Aguiño, Corcubión, Corme, Fisterra, Laxe, Lira, Lourizán, Marín, Moaña, Muros, Muxía, Noia, O Grove, Palmeira, Pontevedra, Porto do Son, Portonovo, Portosín, Raxó, Ribeira, Sanxenxo e Vigo, así como por Cíes Artesanais, S. Coop. Galega. Os plans desenvolveranse conforme as condicións contidas na ficha resumo de cada un deles, que forman parte do expediente, e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias.

Na citada orde, recollíase como modalidade de extracción autorizada para os devanditos plans o mergullo en apnea. Así mesmo, recóllense as consideracións oportunas respecto á relación de persoas autorizadas segundo a titulación que posuísen os mergulladores e tendo en conta a normativa de seguridade para o exercicio do mergullo profesional.

A constante preocupación desta Administración pola mellora das condicións de traballo dos profesionais do mar en equilibrio coa explotación sustentable dos recursos mariños, así como a recente modificación das certificacións profesionais necesarias para o exercicio do mergullo profesional deron como resultado a proposta de autorizar o emprego do mergullo con subministración de aire desde superficie como técnica para a extracción da navalla/longueirón/longueirón vello. Polo que, con este propósito, foron consultados os técnicos da Administración pesqueira así como as entidades participantes nos plans de explotación aprobados con emprego do mergullo en apnea.

Así pois, con base nas atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO

Artigo 1º

Autorízase o emprego do mergullo con subministración de aire desde superficie para a extracción de navalla/longueirón/longueirón vello nos plans de explotación a que se refire o artigo 8 da Orde do 26 de decembro de 2007 e que se relacionan no anexo desta orde.

Artigo 2º

Modifícanse as fichas técnicas dos plans de explotación a que se refire o artigo anterior, co obxecto de adaptar as condicións en que se desenvolverán os plans á normativa vixente en materia de mergullo profesional e ás recomendacións propostas polos técnicos desta consellería.

Artigo 3º

De cara a garantir a efectividade dos mecanismos de control sobre o esforzo pesqueiro, é necesario que as entidades titulares dos plans presenten, con cada solicitude de apertura mensual, un plan de control tal que permita avaliar os medios e as medidas empregadas para garantir o control do esforzo pesqueiro en cada momento e poñerlle límite, de ser o caso.

A autorización de apertura mensual queda supeditada á adecuación e efectividade das medidas de control propostas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Dirección Xeral de Recursos Mariños para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "08400D009P023.PDF"