DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 02 de maio de 2008 Páx. 7.790

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 23 de abril de 2008 pola que se exclúe do catálogo de montes de utilidade pública da provincia de Lugo, o monte Xan Foucín, sito no concello da Pontenova (Lugo).

O monte Xan Foucín, situado no concello da Pontenova, na provincia de Lugo, pertencente á parroquia de Vilaodrid, foi incluído no Catálogo de montes de utilidade pública co número 38, en virtude da Orde ministerial do 17 de outubro de 1944.

De conformidade co establecido no artigo 16 e concordantes da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, e no artigo 43 do Decreto 485/1962, polo que se aproba o Regulamento de montes, o Servizo de Montes e Industrias Forestais, da Delegación Provincial da Consellería do Medio Rural de Lugo, iniciou un expediente para a descatalogación do monte Xan Foucín.

Con data do 31 de xaneiro de 2008, o Pleno do Concello da Pontenova, ratifica a proposta de descatalogación.

Durante a instrución do expediente polo órgano competente, acreditouse que o antedito monte non reúne as condicións que foron determinantes da súa inclusión no catálogo, polo que esta consellería, tendo en conta o informe-proposta da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais do 14 de marzo de 2008, e de conformidade co previsto nos artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

Artigo único.-Excluír do catálogo de montes de utilidade pública da provincia de Lugo, o monte Xan Foucín, que figura inscrito cos seguintes datos:

Termo municipal: A Pontenova.

Nome: Xan Foucín.

Número: 38.

Pertenza: parroquia de Vilaodrid.

Límites:

N: con monte da parroquia de Vilaodrid

L: con minas de ferro encravadas nos montes da parroquia de Vilaodrid.

S: co río Eo.

O: con propiedades particulares dos veciños de Vilaodrid.

Cabida total: 200 ha.

Cabida pública: 200 ha.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela poderá interpoñerse recurso de reposición, con carácter potestativo ante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural