DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 02 de maio de 2008 Páx. 7.786

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 28 de abril de 2008 pola que se convoca o VI Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación.

O desenvolvemento científico e tecnolóxico é un dos factores de maior influencia na configuración do mundo contemporáneo. Nesta liña, a Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, está a impulsar actividades mediante as cales se intenta divulgar e facilitar a comprensión do que significa este desenvolvemento.

Entre estas actuacións e ao amparo do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010 (IN.CI.TE.), aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 21 de setembro de 2006, a Consellería de Innovación e Industria convoca a sexta edición do Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación. Este galardón ten como finalidade estimular a produción de textos xornalísticos especializados en materia científica.

O obxectivo final desta e doutras accións do Programa de Comunicación e Sensibilización Social do Plan Galego de I+D+i é fomentar unha cultura do coñecemento da ciencia e da tecnoloxía que permita unha mellor percepción das actividades de I+D+i por parte da sociedade galega.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é convocar, en réxime de concorrencia competitiva a sexta edición do Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación, para distinguir traballos de xornalismo científico publicados en medios de comunicación galegos e edicións para Galicia de medios estatais. Este premio está destinado a estimular a produción de textos xornalísticos especializados en materia científica, consonte as seguintes

Bases

Primeira.-Dotación económica.

Seleccionarase un primeiro e un segundo premio dotados respectivamente con 5.000 euros e 2.300 euros. En caso de recaer en traballos de carácter colectivo, a contía dividirase equitativamente entre os autores do traballo.

Segunda.-Financiamento.

Os gastos relativos á acción desta convocatoria imputaranse á aplicación orzamentaria 10.02.561A.481.0 dos orzamentos da Consellería de Innovación e Industria para o ano 2008.

Terceira.-Beneficiarios e requisitos.

1. Poderán participar nesta convocatoria todos/as os/as profesionais do xornalismo que teñan publicado algún traballo xornalístico de contido científico nun medio de comunicación da Comunidade Autónoma de Galicia ou nunha edición para Galicia dun medio de difusión estatal.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios, as persoas en que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os/as concursantes deberán presentar un traballo xornalístico de contido científico (preferentemente sobre temas de investigación e desenvolvemento) de calquera xénero informativo publicado ou emitido polos medios de comunicación galegos ou edicións para Galicia de medios estatais, xa sexa en soporte escrito, audiovisual ou electrónico. Os traballos poderán ser presentados a título individual ou en equipo e terán que estar publicados no período que comprende entre o 1 de abril de 2007 e a data de fin do prazo de presentación de solicitudes a esta orde. Cada candidato/a non poderá presentar máis de tres traballos.

Cuarta.-Solicitudes, presentación de documentación e prazo de presentación.

1. Solicitude.

a) Para poder ser beneficiario/a da subvención ou premio deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 1º, sección cuarta, apartado 2 das bases reguladoras.

b) Os formularios da solicitude de axuda deberaos obter, cubrir, validar e imprimir necesariamente o/a solicitante a través da aplicación dispoñible no enderezo da internet http//www.conselleriaiei.org. (sección de axudas). Tamén se pode acceder desde o enderezo http//www.xunta.es da Xunta de Galicia, e neste mesmo sitio web facendo uso do Rexistro Telemático e do enlace dispoñible co procedemento IN822C.

Para cubrir correctamente o formulario de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos/as solicitantes. Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, a través do teléfono 981 95 73 98, do número de fax 981 54 10 39 ou do enderezo de correo electrónico comunicacion@plan-incite.eu, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

O anexo desta convocatoria publícase no Diario Oficial de Galicia exclusivamente para efectos informativos, sendo necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude. A presentación de solicitudes que non cumpran o aquí indicado será motivo de inadmisión a trámite da solicitude.

2. Presentación de documentación:

a) En caso de que o/a solicitante non dispoña de certificado dixital, deberá achegar unha fotocopia do seu documento de identidade (DNI/NIF/NIE/Pasaporte) e, se é o caso, dos membros do equipo.

b) O curriculum vitae do/a candidato/a ou candidatos/as deberá incorporarse á aplicación informática en arquivo electrónico en formato pdf, word, ou open office. En todo caso, o tamaño do arquivo non poderá exceder os 200 KB.

c) Exemplar do traballo. Os exemplares dos traballos aparecidos en prensa escrita, ou nunha ou varias páxinas web, poderán ser presentados a través da aplicación informática cando, en razón do seu tamaño, sexa soportado pola aplicación telemática. Para a presentación da documentación por vía telemática deberán seguirse as indicacións establecidas na propia aplicación informática. En todos os casos en que o tamaño do exemplar do traballo superase o tamaño máximo asignado na aplicación informática, ou naqueles en que existan dúbidas sobre a veracidade da data e medio de comunicación onde o traballo presentado foi difundido, requirirase a presentación da documentación conforme os parágrafos d), e) e f) deste número.

d) De non ser posible a presentación telemática do exemplar do traballo conforme o apartado anterior ou tratándose dun traballo audiovisual, o/a solicitante poderá presentar a documentación das seguintes formas. Se se trata dun traballo en prensa escrita terá que achegarse un exemplar orixinal da publicación en que fose difundido e unha copia do traballo escaneado en soporte CD. No caso de ser un traballo audiovisual, terá que entregarse unha copia do audio (en formato CD) ou vídeo (en formato DVD ou VHS) que deberá recoller o espazo ou programa completo no que foi difundido. Por último, se se trata dun traballo en formato electrónico, deberase presentar un CD en que se recolla unha captura de pantalla da páxina ou páxinas web onde apareza.

e) En todos os casos o/a solicitante deberá especificar claramente a data e o medio de comunicación en que foi difundido o traballo. Ademais, debe quedar constancia da autoría do traballo e de que o traballo foi difundido no prazo indicado.

f) Esta documentación, anexos e as copias en CD, presentaranse no rexistro da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, da Xunta de Galicia, sita na rúa dos Feáns, 7, local C, CP 15706 Santiago de Compostela, ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Prazo de presentación.

O prazo de presentación de traballos será de dous meses contados a partir do día seguinte oa da publicación desta orde no DOG. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Quinta.-Instrución do procedemento e tramitación.

Expirado o prazo de presentación de instancias, o órgano instrutor elaborará a listaxe provisoria de admitidos e excluídos, así como a causa da súa exclusión. A lista exporase nos taboleiros da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, e no enderezo web http://www.conselleriaiei.org.

De conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os solicitantes excluídos disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación na citada páxina web ou da notificación individual, para emendar os erros ou presentar a documentación exixida perante a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación. Transcorrido este prazo sen corrixir os defectos, entenderase que desisten da súa petición.

Transcorrido o dito prazo, o órgano instrutor elaborará a listaxe definitiva de admitidos e excluídos. A lista exporase nos taboleiros da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, e no enderezo web: http://www.conselleriaiei.org/.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Sexta.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e máis de sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. En todo caso a presentación da solicitude implica que o/a solicitante obtivo o consentimento expreso dos demais membros do equipo para a inclusión e publicidade dos seus datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos casos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración Pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas puntualizacións previstas na leis.

Sétima.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da/s axuda/s establecidas nesta convocatoria, correspondendo ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 2º.-Composición e funcións do xurado.

1. Composición.

O xurado estará formado polos seguintes membros:

- Presidente: o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria

-Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, que será nomeado polo presidente e actuará con voz pero sen voto.

-Vogais: cinco vogais designados entre expertos no eido académico e profesional da comunicación e da ciencia.

2. Funcións.

Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos ao xurado, que procederá á súa avaliación e efectuará a proposta de concesión

3. A decisión do xurado será inapelable.

4. O premio poderá ser declarado deserto.

Artigo 3º.-Criterios de selección.

Os criterios que se empregarán para a valoración dos traballos serán, por orde decrecente de importancia:

1. A súa adecuación temática ao obxecto desta convocatoria;

2. A súa calidade xornalística;

3. O seu rigor científico;

4. A repercusión social do tema tratado;

5. A difusión da importancia do potencial das mulleres no eido da investigación e das medidas de igualdade que cómpre implantar; e

6. O uso da lingua galega.

Artigo 4º.-Resolución.

A proposta de concesión emitida polo xurado elevaráselle ao conselleiro de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, para a súa resolución definitiva e publicación no Diario Oficial de Galicia, así mesmo, será obxecto de publicación no enderezo web http://www.conselleriaiei.org/.

Contra esa resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Innovación e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa

As solicitudes entenderanse desestimadas se non foren resoltas no prazo de 6 meses, unha vez rematado o prazo máximo de presentación de solicitudes.

Artigo 5º.-Pagamento e entrega dos premios.

1. O pagamento do importe dos premios farase mediante cheque nominativo a favor do autor ou autora do traballo. No caso de que se trate dun equipo, o importe do cheque dividirase entre o número de membros do equipo.

2. Aos premios aplicaráselles a correspondente retención fiscal.

3. Os destinatarios dos premios terán a obriga de reintegrar o importe do premio no caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión. Así mesmo, terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. Os premios entregaranse nun acto público que se anunciará oportunamente.

Artigo 6º.-Divulgación dos traballos.

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación poderá, á súa libre elección, divulgar os proxectos premiados citando o medio de publicación.

Artigo 7º.-Retirada da documentación

As persoas responsables dos traballos ou os seus representantes legais poderán retirar os traballos non premiados nas dependencias da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación no prazo de 60 días contados a partir da resolución do xurado correspondente.

Artigo 8º.-Autorizacións.

A presentación da solicitude polo interesado ou interesados comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que sexan necesarias para acreditar estar ao día nas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social

Disposicións derradeiras

Primeira.-Recursos.

A convocatoria, as súas bases, e todos os actos administrativos derivados dela poderán ser impugnados polos interesados/as nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovvación e Industria

Ver referencia pdf "08400D008P022.PDF"