DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 02 de maio de 2008 Páx. 7.781

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 28 de abril de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación en oficinas de información turística durante o verán de 2008 e se procede á súa convocatoria.

A importancia do turismo no tecido económico e social de Galicia require a realización dun esforzo continuado na formación dos recursos humanos para adaptar ás novas demandas as actuacións dos estudantes ou titulados que inician ou desenvolven a súa actividade neste sector.

As oficinas de información turística repartidas polo territorio galego prestan un servizo importante aos turistas e visitantes e contribúen de xeito significativo a proxectar a imaxe de Galicia no exterior. Por iso, tendo en conta que debido ao aumento do turismo na última década, a maioría dos concellos ten hoxe oficinas de información turística abertas e certa experiencia na súa posta en marcha, e que esa é unha tendencia crecente, ante a necesidade de acadar suficiente persoal preparado, por parte desta consellería considérase conveniente convocar estas bolsas de especialización que, dunha parte, permiten aos estudantes e titulados acceder a prácticas tuteladas co fin de actualizar e mellorar os seus coñecementos e habilidades e, doutra, reforzan a prestación dos servizos de asesoramento e información sobre o destino aos visitantes no período de maior afluencia.

Neste ano a Dirección Xeral de Turismo oferta bolsas aos municipios turísticos aos concellos de máis de 15.000 habitantes e a aqueles onde hai oficina de información turística da Xunta de Galicia.

Así, e consonte co establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei, esta consellería realiza unha convocatoria de bolsas para a realización de prácticas en oficinas de información turística de acordo coas seguintes

Bases

Primeira.-Obxecto.

Convócanse 74 bolsas de especialización que contribuirán a mellorar a formación dos beneficiarios en relación coa promoción turística, mediante a realización de prácticas tuteladas durante os meses de verán nas oficinas de información turística das localidades que se citan, tal e como se sinala nos cadros seguintes:

Ver referencia pdf "08400D006P013.PDF"

Segunda.-Contido da bolsa e obrigas dos beneficiarios.

1. O contido das actividades da bolsa consiste basicamente en facilitar aos turistas e viaxeiros orientación, asistencia e información turística, de acordo co Plan de Formación que se lles entregará ao comezo da súas prácticas e coas indicacións que lles transmita o titor que teñan asignado.

2. Os bolseiros comprométense a:

a) Desenvolver as actividades que se lles encomenden de xeito satisfactorio, de acordo co seu plan de formación e baixo a supervisión do titor asignado, que será unha persoa designada entre o persoal dependente do Servizo de Turismo da correspondente Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria respecto ás oficinas dependentes da Xunta de Galicia ou da concellería competente en materia de turismo respecto ás municipais. A distribución das horas de prácticas pode variar dunha oficina a outra, pero en ningún caso poderá superar o límite de 37 horas semanais.

b) Presentar unha memoria final sobre as actividades desenvolvidas ao remate da bolsa, que entregarán á Dirección Xeral de Turismo co visto e prace da persoa designada como titor.

c) Non renunciar á bolsa aceptada salvo causa debidamente xustificada. En todo caso, se presenta unha renuncia durante os quince primeiros días de goce dela, o beneficiario non terá dereito a percibir ningunha axuda económica por ese período.

d) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da bolsa obxecto desta orde.

Terceira.-Requisitos dos beneficiarios e natureza xurídica da relación.

1. Poden optar ás bolsas de formación nesas oficinas de información turística: os técnicos superiores en información e comercialización turísticas, os técnicos superiores en axencias de viaxes, os técnicos especialistas de secretariado bilingüe, os estudantes de turismo, diplomados ou licenciados en turismo, así como calquera estudante e licenciado universitario da rama de humanidades, sempre que naceran con posterioridade ao trinta e un de decembro de mil novecentos oitenta, non fosen adxudicatarios desta mesma bolsa en dúas ou máis edicións anteriores e acrediten un nivel de iniciación á lingua galega.

2. Os solicitantes non poderán ser perceptores de soldos ou salarios ou outros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria.

3. A condición de bolseiro/a en virtude da presente orde non xerará ningún tipo de relación de carácter laboral nin contractual e tampouco dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Dotación das bolsas e determinacións orzamentarias.

Para a concesión destas bolsas destinarase ata un máximo de cento trinta e oito mil trinta euros (138.030 €), que se imputarán á aplicación orzamentaria 10.06.761A.480.0.

A dotación económica de cada bolsa será de oitocentos sesenta euros (860 €) brutos mensuais. Cada bolsa comprenderá, ademais, un seguro individual de accidentes.

Quinta.-Presentación das solicitudes.

1. As solicitudes serán presentadas, conforme o modelo do anexo I, no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Turismo (Praza de Mazarelos nº 15, 15703 Santiago de Compostela) ou no rexistro xeral da Consellería de Innovación e Industria (edificio administrativo de San Caetano s/n), ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

O prazo para presentalas é dun mes contado desde o día da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. En concreto, o prazo entenderase que vence o día cuxo ordinal coincida coa data que serviu de partida, que é a de publicación no DOG.

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia, por ambas as dúas caras, do DNI ou documento análogo.

b) Os estudantes, certificación académica completa (orixinal ou fotocopia compulsada).

c) Os titulados, fotocopia compulsada do título ou da certificación do pagamento dos dereitos de expedición deste e certificación académica completa. No caso de presentar un título estranxeiro será preciso que estea debidamente validado polas administración educativa española.

d) Curriculum vitae cos documentos acreditativos correspondentes en forma de certificacións ou fotocopias compulsadas dos diplomas de cursos e traballos realizados. A documentación en idioma distinto ao castelán ou galego deberá presentarse oficialmente traducida.

e) Declaración xurada das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para o mesmo período, e de non ter ingresos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria.

2. Nas solicitudes, os interesados escollerán como destino unha soa provincia, adxudicándose despois, nunha reunión que se convocará para o efecto na Dirección Xeral de Turismo, a oficina concreta dentro desa provincia, segundo a elección dos propios solicitantes, por orde da puntuación acadada.

Sexta.-Criterios de adxudicación.

1. Para a avaliación das solicitudes que se presenten, terase en conta o seguinte baremo:

Ver referencia pdf "08400D006P013.PDF"

Sétima.-Proceso de selección e resolución de adxudicación.

As solicitudes presentadas serán valoradas de acordo cos criterios mencionados no artigo anterior, por unha comisión que se constituirá para o efecto, da que formarán parte tres funcionarios da Dirección Xeral de Turismo que nomee o director xeral de Turismo.

Unha vez examinadas as solicitudes, a devandita comisión elaborará unha lista cos aspirantes admitidos e excluídos, detallando, de ser o caso, o motivo de exclusión, e convocará os primeiros, cunha antelación mínima dunha semana, á proba de coñecementos turísticos que terá lugar en Santiago de Compostela. A devandita notificación farase pública no taboleiro da Dirección Xeral de Turismo en Santiago de Compostela, nos servizos provinciais de turismo e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Unha vez valorados todos os méritos conforme o baremo sinalado na cláusula sexta, publicaranse na páxina web da consellería e no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Turismo catro listaxes -un por provincia- detallando a puntuación obtida polos solicitantes que superaron as probas, e a convocatoria da reunión para a elección de oficina, que se realizará por orde de puntuación. Levantarase unha acta da reunión. Dentro da semana seguinte á devandita reunión, a comisión de avaliación elevará ao conselleiro a proposta de adxudicación das bolsas.

O prazo máximo para a resolución do expediente é de tres meses. A resolución do conselleiro pon fin á vía administrativa e contra ela poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados dende a recepción da notificación da resolución, ou ben interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria.

Aos adxudicatarios notificaráselles persoalmente a concesión da bolsa nos domicilios que sinalasen nas solicitudes, estando obrigados a comunicar por escrito á Dirección Xeral de Turismo a aceptación ou renuncia das bolsas no prazo de cinco días naturais. Se transcorridos estes 5 días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á bolsa, e esta concederáselle ao seguinte candidato con mellor puntuación de entre os que solicitaron esa provincia e non fora beneficiario doutra das bolsas convocadas. En caso de que non quedasen aspirantes nese destino, ofertarase entre os restantes candidatos de acordo coa súa puntuación.

Oitava.-Aboamento das axudas.

As axudas aboaranse con periodicidade mensual e na contía correspondente, unha vez recibido na Dirección Xeral de Turismo un certificado sobre a asistencia regular e aproveitamento das prácticas polos adxudicatarios, expedido pola persoa competente nas delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria para os bolseiros das oficinas da Xunta de Galicia ou o concelleiro competente en materia de turismo ou persoa en quen delegue respecto ás oficinas municipais.

Para o aboamento do último pagamento será requisito ter presentado, ademais, a memoria que se especifica na base terceira, alínea 2 b) desta orde realizada polo bolseiro e visada polo director ou responsable da correspondente oficina.

Novena.-Incidencias.

O director xeral de Turismo resolverá todas as dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo coas bases precedentes dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto da presente orde e a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións o entes privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Décima.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto para esta materia na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente.

Segundo.-Facúltase o director xeral de Turismo para ditar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

Ver referencia pdf "08400D006P013.PDF"