DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 02 de maio de 2008 Páx. 7.775

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de abril de 2008 pola que se convocan axudas para a realización de rutas científicas durante o ano 2008.

As rutas científicas cumpren unha función importante de facilitarlles aos alumnos a posibilidade de realizaren múltiples actividades de tipo formativo-cultural fóra do medio propiamente escolar, xa que sitúan o alumno nun medio diferente ao seu, que lle vai propiciar unha maior convivencia e cooperación co profesor e outros compañeiros, ampliando os seus coñecementos e a súa comprensión integral, ao coñecer diferentes lugares, xentes, terras, costumes, historias e recursos.

Con base no acordo subscrito pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación e Ciencia e co fin de permitirlles aos alumnos galegos de bacharelato ou ciclos formativos de grao medio recuperar o interese polas ciencias e o contacto directo con outras zonas e culturas de España, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.

1. Convocar 96 axudas (un grupo de rutas científicas a Andalucía, un grupo á ruta de Baleares, un grupo á ruta de Castela-A Mancha e outro a Madrid) destinadas a alumnos cunha idade inferior a 20 anos ao remate do prazo de solicitudes e que estean cursando materias científicas en bacharelato ou en ciclos formativos de grao medio en centros públicos ordinarios da Comunidade Autónoma de Galicia, para participar na actividade das rutas científicas.

2. As rutas científicas levaranse a cabo nas datas comprendidas entre o 22 de setembro e o 14 de decembro de 2008.

3. O alumnado participante integrarase en grupos de entre vinte e vinte e catro (20 e 24), aos que acompañarán dous (2) profesores/as do seu centro, ou centros, preferiblemente dos que lles imparten clase de materias científicas ou o/a titor/a correspondente, que se responsabilizarán para todos os efectos da adecuada participación do grupo na actividade.

Segundo.

Cada grupo percorrerá unha das rutas relacionadas no anexo I, ao longo dunha semana, iniciándose o seu percorrido segundo as instrucións que no seu día a coordinación desta comunidade autónoma determine.

Terceiro.

As axudas a que se refire a presente orde comprenderán:

a) Os gastos de aloxamento e manutención nos centros de acollida.

b) Os gastos de transporte por estrada correspondentes ao percorrido de cada ruta.

c) A cobertura de riscos durante o período de duración das rutas científicas.

Para o desprazamento desde a localidade do centro participante ata a cabeceira de ruta poderanse solicitar axudas para cada grupo participante, composto de 20 a 24 alumnos e dous profesores-acompañantes (unha pequena parte desta axuda poderá dedicarse á preparación pedagóxica da actividade), segundo o módulo de distancia en quilómetros (ida e volta), entre a localidade do centro e a cabeceira do itinerario:

Menos de 500 quilómetros: ata un máximo de 1.655 €.

Entre 501 e 1.000 quilómetros: ata un máximo de 2.482 €.

Entre 1.001 e 1.500 quilómetros: ata un máximo de 3.034 €.

Entre 1.501 e 2.000 quilómetros: ata un máximo de 3.669 €.

Entre 2.001 e 2.500 quilómetros: ata un máximo de 4.468 €.

Máis de 2.500 quilómetros: ata un máximo de 5.296 €.

Centros que percorran as rutas das illas Baleares e Canarias: ata un máximo de 6.180 €.

Cuarto.

Os/as profesores/as acompañantes, que terán que ser necesariamente os titores ou, se é o caso, profesores/as dos que habitualmente imparten clase ao grupo de alumnos/as, disporán de transporte e aloxamento gratuítos en termos similares aos indicados para o alumnado, beneficiándose, igualmente, da cobertura de riscos durante o período de duración das rutas científicas.

Os devanditos profesores acompañantes serán os responsables da elaboración do anteproxecto de actividades que se menciona no punto seguinte.

Así mesmo, e no caso de seren seleccionados, prepararán co alumnado os itinerarios da ruta que van realizar, e serán orientados en función dos obxectivos específicos que cada grupo pretenda conseguir e de acordo cos materiais e orientacións que reciban desde a coordinación, para que os alumnos elaboren un breve caderno de traballo, que utilizarán durante o desenvolvemento da actividade.

Quinto.

A dirección dos centros onde haxa alumnado que desexe participar enviaranlle a solicitude, axustándose ao modelo establecido no anexo II desta orde, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa).

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Datos dos alumnos solicitantes e autorización do pai, nai ou titor deles, no caso de ser menores de idade (anexo III).

b) Anteproxecto de actividades que se van realizar en relación coa programación do centro ou centros e cos obxectivos xerais que figuran no anexo IV.

c) Aprobación do Consello Escolar ou certificado do centro, ou centros, no caso de agrupar alumnos de varios centros, en que se faga constar que a dita actividade está recollida na programación xeral anual. A aprobación ou certificación deberá referirse tanto á realización da actividade como á relación de alumnado participante.

Sexto.

1. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais, contado a partir do mesmo día da súa publicación no DOG.

2. As solicitudes poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, directamente ou a través das dependencias establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros docentes nos se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no artigo 38.4º da devandita lei.

No caso de optar por presentar as súas solicitudes nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos, antes de ser certificada.

Sétimo.

1. Na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa constituirase unha comisión de valoración das solicitudes presentadas que estará presidida polo subdirector xeral de Centros, ou persoa en quen delegue, e integrada, en calidade de vogais, por:

-Un director dun centro público onde se imparta bacharelato ou ciclos formativos de grao medio.

-Un pai ou representante legal de alumnos de centros públicos.

-O coordinador de rutas científicas.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da dirección xeral.

Todos eles serán designados pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

2. A comisión poderá dispor a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos relacionados no punto quinto b). Os membros da comisión poderán percibir axudas de custo por concorrer ás sesións conforme ao Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Oitavo.

A comisión reunirase no prazo máximo de quince días, unha vez finalizado o período de presentación de solicitudes, procedendo a valoralas tendo en conta as características socioeconómicas da zona onde está situada o centro, ou centros docentes, co fin de darlles preferencia aos alumnos con menores oportunidades de dispoñer doutras ofertas por razóns económicas, culturais ou ambientais e, en particular, aos procedentes de zonas rurais, arrabales ou suburbios.

Así mesmo, terase en conta a calidade do anteproxecto de participación presentado (contido pedagóxico, potenciación do espírito científico, etc.) e se o centro ou centros participaron nesta actividade nos anos anteriores, co fin de posibilitar a participación dos centros que non o fixeron e que gozarán de preferencia.

Noveno.

O prazo máximo para elaborar por parte da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a proposta de centros seleccionados será de tres meses, contado a partir da data de publicación no DOG desta convocatoria; considerándose desestimadas, de non quedar resolta a convocatoria no prazo sinalado neste parágrafo.

Contra esta proposta de centros seleccionados, poderase interpoñer reclamación, no prazo de 10 días naturais, segundo o disposto no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Décimo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Ministerio de Educación y Ciencia, efectuará o seguimento e avaliación global do programa de rutas científicas; por iso, os centros participantes, a través dos profesores/as acompañantes coa colaboración do grupo de alumnos/as, enviaranlle á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con posterioridade ao percorrido da ruta e nun prazo máximo dun mes desde a súa finalización, unha memoria de avaliación da actividade, por exemplar triplicado, cunha extensión non superior a 15 folios, en formato DIN A-4.

Décimo primeiro.

A memoria de avaliación á que se refire o punto anterior constará das seguintes partes:

a) Recollerá os obxectivos da ruta científica, as características do grupo, as actividades programadas e os mecanismos e avaliación dos resultados.

b) Diario da viaxe en que se anotará de modo secuencial o desenvolvemento das actividades e a súa dedicación aos obxectivos propostos.

c) Avaliación dos resultados; reflectirá non só os coñecementos adquiridos polo grupo durante o desenvolvemento da ruta científica, senón tamén e fundamentalmente, as actitudes suscitadas nos alumnos, o contacto con outras culturas, a súa capacidade para participaren na vida das comunidades visitadas e o nivel de análise crítica e elaboración de alternativas ante os problemas locais, alcanzados polo colectivo.

d) Relación nominal de alumnos e profesores participantes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar todas as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

Catálogo de rutas científicas

* Comunidade Autónoma de Andalucía.

Itinerario: Andalucía, ciencia a tope.

Resumo de contidos:

O principal obxectivo da ruta é visitar e dar a coñecer centros onde se fai e se aplica a ciencia usando as máis recentes tecnoloxías; centros coas investigacións que están en vangarda e gozan do recoñecemento e merecido prestixio internacional.

-Estación Biolóxica de Doñana: biodiversidade. Ecosistemas.

-Facultade de Ciencias do Mar: bioloxía marina, oceanografía e cultivos mariños.

-Real Observatorio da Armada en Cádiz: historia, ciencia e ilustración. Medida do tempo. Laboratorio primario de control de calidade. Posicionamento de satélites.

-Parque tecnolóxico de Málaga: concepto de investigación e desenvolvemento, I+D. Parques científicos e tecnolóxicos.

-Centro de Ciencia Principia: divulgación científica. Experiencia de cátedra.

-Instituto Astrofísica de Andalucía: investigación en astrofísica. Cosmoloxía. Telescopios.

-Centro Hispano-alemán de Calar Alto: cosmoloxía. Instrumentación infravermella. Estrutura da Vía Láctea. Sistemas extragalácticos. Cooperación internacional.

-Plataforma solar de Almería: transformacións enerxéticas. Enerxía solar. Consumo enerxético. Enerxías renovables.

-Parque das Ciencias: divulgación científica. Planetarios. Exposicións científicas.

Aloxamentos: Instalación Xuvenil de Sevilla, r/ Isaac Peral, 2. Sevilla

Instalación Xuvenil de Víznar, Camiño de Fuente Grande s/n 18179 Víznar (Granada).

* Comunidade Autónoma de Baleares.

Itinerario: Ciencia e desenvolvemento sustentable.

Resumo de contidos: contribución da ciencia e da tecnoloxía ao desenvolvemento sustentable das civilizacións.

-Palma: o castelo de Bellver (arquitectura e técnicas construtivas), a zona antiga (historias matemáticas), a Seo (orientación e efectos luminosos), SEMILLA (denominación de orixe), o aeroporto de Son San Joan (física do aire e estatística), a universidade (laboratorios de investigación, proxecto Antártida),

-Outros lugares de Mallorca: Parque de Novas Tecnoloxías (reciclaxe, tratamento de residuos), central térmica Es Murterar (química da combustión e cambio climático), Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados (recursos naturais, física interdisciplinaria), Museo Balear de Ciencias Naturais e Xardín Botánico de Sóller (paleontoloxía, botánica), Campo de Aprendizaxe Orient (a serra de Tramuntana), encoros (recursos hídricos, erosión), Planetarium (astronomía, relatividade), covas de Artá (paisaxe cárstico, química das covas), taller de vidro (física e química do vidro).

-Parques naturais: Sa Dragonera (xeoloxía, ecoloxía, xeodesia), S’Albufera (zonas húmidas, migracións), Cabrera (illamento e biodiversidade, medio mariño), Mondragó (zonas de costa, conservación e territorio).

-Visitas alternativas: Acuarium (os ecosistemas mariños), Centro Meteorolóxico (predicións meteorolóxicas), Instituto Oceanográfico (investigacións submariñas, a contaminación mariña).

Aloxamento: Albergue da Praia de Palma., r/ Costa Brava, 13. 07610 Palma de Mallorca. Teléfono: 971 26 08 92.

* Comunidade Autónoma de Castela-A Mancha.

Itinerario: Exploradores da auga, a terra e o vento.

Resumo de contidos:

-Centro de formación agroambiental de Augas Novas: paseo urbano por Albacete.

-Albacete: Concello. Museo de la Cuchillería. Museo Arqueolóxico. Centro de Educación Ambiental.

-Auga e historia: Ossa de Montiel. Cova de Montesinos. Lagoas de Ruidera. Parque científico e tecnolóxico.

-O vento e a historia: parque eólico de Higueruela. Chinchilla de Montearagón.

-Investigación e desenvolvemento: universidade: Instituto de Desenvolvemento Rexional (IDR), laboratorio de análises de materiais, estudo de TV. Instituto técnico agronómico provincial (ITAP): visita e explicación sobre investigacións agrarias e outros estudos.

-Ribeira do Xúcar: Jonquera: Foz do Xúcar, murallas. Factoría de fabricación de pas de aeroxeradores.

Aloxamento: IES Augas Novas. Estrada de Augas Novas, km 6, Albacete.

* Comunidade Autónoma de Madrid.

Itinerario: desde a Comunidade de Madrid ... ao Ceo.

Resumo de contidos:

Terra: -Real Xardín Botánico de Madrid. É un centro de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Alberga en tres socalcos, plantas de América e do Pacífico, ademais de plantas europeas.

-Visita a un pobo da Comunidade Autónoma de Madrid onde se realizará unha senda ambiental.

Mar: -Canal de Experiencias Hidrodinámicas do Pardo (CEHIPAR). É un centro público de investigación sendo a súa misión fundamental o estudo, experimentación e a investigación dos aspectos hidrodinámicos da construción naval militar, mercante, pesqueira e deportiva.

Aire: -Instituto de Enerxía Solar. Centro de investigación dos aspectos asociados ao desenvolvemento da electricidade solar fotovoltaica.

-Centro de fabricación e comercialización de aeronaves (EADS-CASA). Compañía líder do sector aeronáutico cunha capacidade tecnolóxica e produtiva que lle permite competir no mercado internacional en deseño, fabricación e mantemento aeroespacial.

Outros: -Visita ao Mosteiro de San Lorenzo de El Escorial, monumento patrimonio da humanidade.

-Museo da Ciencia da Fundación La Caixa de Madrid, CosmoCaixa. Museo ao servizo da divulgación da ciencia como punto de encontro entre a comunidade científica e cidadáns de todas as idades.

Aloxamento: Centro de Intercambios Escolares, estrada de Colmenar Viejo, km. 12,800, Madrid.

Ver referencia pdf "08400D005P007.PDF"

ANEXO IV

Obxectivos xerais

1. Descrición do programa. O programa rutas científicas é un recurso educativo, pensado para alumnos que cursen materias científicas en bacharelato ou en ciclos formativos de grao medio, que pretende complementar a formación que se imparta na aula por medio da realización dunha ruta científica. Trátase de que os alumnos comproben in situ para que serven os coñecementos de matemáticas, de física, de química, de bioloxía ou de ciencias naturais que están aprendendo.

2. Obxectivos. Serán obxectivos prioritarios, entre outros:

Suscitar nos alumnos unha actitude de aprendizaxe permanente, tanto dentro como fóra da aula.

Mellorar os coñecementos científicos dos alumnos espertando neles o espírito investigador, o seu interese polo método científico e o posterior desenvolvemento tecnolóxico que estas investigacións producen.

Coñecer os aspectos básicos da diversidade cultural, natural e social co fin de poder valoralos e respectalos.

Promover a formación integral do alumno para que sexa capaz de valorar o seu contorno e os problemas relacionados coa súa explotación polo ser humano.

Mostrar a enorme importancia do traballo dos científicos no desenvolvemento dun país, nos avances e na mellora da vida das persoas e da súa sociedade.

Fomentar a convivencia entre os diferentes grupos que comparten a actividade e o traballo en equipo.

3. Elaboración do anteproxecto de participación: este proxecto deberá detallar as estratexias e procedementos tanto previos como posteriores ao percorrido da ruta que levarán a conseguir os obxectivos do programa, e tamén dalgún xeito detallará as actividades concretas que realizarán os alumnos, especificando o seu calendario, método de traballo e a posterior avaliación.