DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 02 de maio de 2008 Páx. 7.775

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 87/2008, do 17 de abril, polo que se aproba o cambio de denominación do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, que pasa a denominarse Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

O artigo 13.3º da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, faculta os colexios profesionais para solicitar o seu cambio de denominación. A aprobación do cambio de denominación dun colexio profesional realizarase por medio de decreto do Consello da Xunta de Galicia. O cambio prodúcese pola necesidade de empregar unha linguaxe máis inclusiva e correcta na denominación do colexio profesional, atendendo ás indicacións de uso non sexista da linguaxe e ás recomendacións da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, para corrixir as discriminacións e avanzar no camiño da igualdade.

Tendo en conta o exposto, en virtude do uso da competencia atribuída polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do dezasete de abril de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Cambio de denominación.

Aprobar o cambio de denominación do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, que pasa a denominarse Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de abril de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza