DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 28 de abril de 2008 Páx. 7.433

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 1/2008, do 17 de abril, de creación do Colexio Profesional de Detectives Privados e Privadas de Galicia.

Exposición de motivos.

A Lei 23/1992, do 30 de xullo, de seguridade privada, que regula o ámbito de actuación e as funcións propias dos detectives privados e privadas, verbo da titulación e dos requisitos necesarios para o exercicio da actividade profesional de detective privado, exixe a habilitación previa do Ministerio de Interior, con carácter de autorización administrativa. A través do Regulamento de seguridade privada, aprobado polo Real decreto 2364/1994, do 9 de decembro (modificado parcialmente polo Real decreto 1123/2001, do 19 de outubro), que desenvolve a devandita lei, establécese o título de graduado universitario en detective privado, como diploma.

Pola súa parte, a Orde do 7 de xullo de 1995, do Ministerio de Xustiza e Interior, desenvolve o citado regulamento e establece que, para os efectos de habilitación oficial para o exercicio da profesión de detective privado, o diploma ao que se refire o artigo 54.5.b) do Regulamento de seguridade privada deberá corresponder coa formación contida no punto quinto da devandita orde.

En cumprimento da citada orde, a Resolución do 19 de xaneiro de 1996, da Secretaría de Estado de Interior, determina aspectos do persoal de seguridade privada.

A creación do Colexio Profesional de Detectives Privados e Privadas de Galicia foi solicitada pola Asociación Gallega de Detectives Privados e terá como fins esenciais a ordenación do exercicio da profesión dentro do marco legal respectivo, a súa representación e a defensa e promoción dos intereses profesionais das persoas colexiadas.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, co que se complementa así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e foi asumida polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ditou, en virtude da devandita competencia, a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co seu artigo 11 a creación de colexios profesionais, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, farase por lei do Parlamento galego.

A actividade profesional de detective privado caracterízase pola importancia crecente da profesión así como pola súa especial relevancia pública, necesitada dunha protección do interese xeral, xa que é unha actividade encamiñada ao servizo da cidadanía que, ademais, está cualificada pola Lei 23/1992, como de colaboración coa seguridade pública.

Existe pois un interese público en canto a actividade dos detectives privados e privadas, dentro da seguridade privada, redunda no interese social da cidadanía ao desenvolveren un labor que responde á necesidade de obtención de información da sociedade actual e que incide nos dereitos fundamentais.

Coa creación do Colexio Profesional de Detectives Privados e Privadas de Galicia garantirase que o exercicio da profesión estea axustado ás normas e regras que aseguren tanto a eficacia coma a eventual responsabilidade en tal exercicio, e polo tanto queda así garantida a última finalidade, que é a protección dos dereitos e intereses da cidadanía.

De conformidade co establecido no artigo 5.1.1 da Lei 6/1995, do 28 de xuño, pola que se crea o Consello Económico e Social de Galicia, o expediente de creación do Colexio Oficial de Detectives Privados e Privadas de Galicia someteuse ao preceptivo informe deste órgano consultivo.

Por todo o exposto, considérase oportuna e necesaria a creación deste colexio profesional, logo da apreciación por parte do Goberno autonómico do interese público, respecto da actividade profesional dos detectives privados e das detectives privadas na Comunidade Autónoma galega, na cal o seu exercicio está condicionado á posesión do correspondente título, que acredita a cualificación e habilita legalmente para o seu exercicio.

A lei divídese nunha exposición de motivos, en cinco artigos titulados respectivamente: obxecto, ámbito territorial e ámbito persoal, obrigatoriedade da colexiación e do uso do galego nas comunicacións, en dúas disposicións transitorias e nunha disposición derradeira.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de creación do Colexio Profesional de Detectives Privados e Privadas de Galicia.

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase o Colexio Profesional de Detectives Privados e Privadas de Galicia como corporación de dereito público. Coa constitución dos seus órganos de goberno, o colexio adquirirá personalidade xurídica de seu e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O colexio profesional desenvolverá a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Poderanse integrar no Colexio Profesional de Detectives Privados e Privadas de Galicia aquelas persoas que estean en posesión da correspondente habilitación do ministerio competente en materia de interior, consonte o disposto no artigo 10.1º da Lei de seguridade privada e nos artigos 52.3º e 54.5º do Real decreto 2364/1994, do 9 de decembro (modificado parcialmente polo Real decreto 1123/2001, do 19 de outubro), polo que se aproba o Regulamento de seguridade privada, desenvolvido pola Orde do 7 de xullo de 1995 do Ministerio de Xustiza e Interior.

Artigo 4º.-Obrigatoriedade da colexiación.

Será requisito para exercer a profesión de detective privado no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a incorporación ao Colexio Profesional de Detectives Privados e Privadas de Galicia, cando o establecemento no que se exerza a devandita profesión radique nesta comunidade autónoma.

Artigo 5º.-Do uso do galego nas comunicacións.

O colexio procurará e fomentará o uso do galego en todas as súas comunicacións externas e internas, segundo o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e na regulación da normalización lingüística.

Disposicións transitorias

Primeira.-Designación da comisión xestora e aprobación dos estatutos profesionais.

A Asociación Gallega de Detectives Privados designará unha comisión xestora, na cal se procurará unha representación equilibrada de mulleres e homes, que, no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei, aprobará uns estatutos provisionais do Colexio Profesional de Detectives Privados e Privadas de Galicia. Nos citados estatutos deberase regular a convocatoria e o funcionamento da asemblea colexial constituínte, da que formarán parte todas as persoas profesionais que, consonte o disposto nesta lei, poidan adquirir a condición de colexiadas.

O contido dos estatutos integrará o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, procurando a eliminación das discriminacións por mor de xénero.

A convocatoria da asemblea constituínte deberase anunciar, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais dos de maior difusión de Galicia.

Segunda.-Aprobación definitiva dos estatutos.

1. A asemblea constituínte, no prazo de seis meses desde a aprobación dos estatutos provisionais, elaborará e aprobará os estatutos definitivos do Colexio Profesional de Detectives Privados e Privadas de Galicia, no contido dos cales se integrará o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, procurando a eliminación das discriminacións por mor de xénero, e mais elixirá os membros dos órganos colexiais de goberno, procurando unha composición equilibrada de mulleres e homes.

2. Os devanditos estatutos, logo de seren aprobados, xunto coa acta da asemblea constituínte, remitiránselle á consellaría competente en materia de colexios profesionais para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación da súa legalidade, aprobación que será competencia do Consello da Xunta de Galicia. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia o decreto aprobatorio e os correspondentes estatutos.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de abril de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente