DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Martes, 22 de abril de 2008 Páx. 7.025

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 8 de abril de 2008 pola que se modifica Orde do 22 de xuño de 2006, pola que se regula a xestión das vivendas, o procedemento de adxudicación e a concesión das subvencións no Programa de vivenda en aluguer.

Coa publicación desta orde que modifica o Programa de vivenda en aluguer, trátase de adaptalo á experiencia subministrada pola xestión das sociedades públicas, en particular, respecto das vivendas que solicitan a súa incorporación.

A nova etapa de asentamento do Programa de vivenda en aluguer, coa xestión de centenares de vivendas e contratos de arrendamento, exixe a modificación e profundización nalgún dos aspectos relativos á súa xestión.

En primeiro lugar, clarifícase algunha das liñas xa establecidas no texto normativo que se modifica e, ademais, a través desta orde, co obxectivo de aumentar o número de potenciais vivendas que poidan incorporarse ao programa, procédese ao incremento da contía máxima da subvención para as reformas necesarias nelas. Pódese acoller á dita subvención calquera obra ou actuación dirixida ao cumprimento das condicións de habitabilidade esenciais para o arrendamento que sexan recollidas polas inspeccións que se realicen ás vivendas antes da súa incorporación.

Na súa virtude, e de conformidade co disposto na disposición derradeira do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o Programa de vivenda en aluguer e no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da Orde do 22 de xuño de 2006 pola que se regula a xestión das vivendas, o procedemento de adxudicación e a concesión das subvencións no Programa de vivenda en aluguer.

A Orde do 22 de xuño de 2006, pola que se regula a xestión das vivendas, o procedemento de adxudicación e a concesión das subvencións no Programa de vivenda en aluguer, queda modificada como segue:

Un.-Modifícase o punto 1º do artigo 2, que queda redactado nos seguintes termos:

a) Fotocopia compulsada do DNI.

b) Título de propiedade da vivenda.

c) Último recibo do IBI.

d) No caso de que o solicitante actúe como apoderado, poder que o habilite.

e) No caso de que o solicitante sexa usufrutuario, título que o acredite.

f) No caso de que actúe como nu propietario, consentimento do usufrutuario.

Dous.-O punto 3º do artigo 2 queda redactado nos seguintes termos: «3. Sempre que as vivendas requiran obras ou actuacións de rehabilitación ou reforma para reunir as condicións esenciais de habitabilidade necesarias para o seu posterior arrendamento, achegarase ao informe que así o determine un orzamento coas obras ou actuacións que se van emprender.

Do dito informe daráselle traslado ao titular da vivenda, para que, no prazo de tres meses, realice as que se indiquen como necesarias, co obxecto de poder incorporar a vivenda ao Programa de vivenda en aluguer».

Tres.-O primeiro parágrafo do punto 1, a letra c) do mesmo punto e os números 2 e 3 do artigo 3 quedan redactados nos seguintes termos: «1. Toda persoa, unidade familiar ou convivencial, interesada en acceder ao arrendamento dunha vivenda dentro do Programa de vivenda en aluguer regulado no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, deberá achegar a seguinte documentación xunto co modelo de solicitude de incorporación ao programa que aparece no anexo I no Rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo e demais lugares permitidos polo artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: ...

...c) Declaración xurada de non ser propietarios nin titulares dun dereito real de uso ou desfrute sobre outra vivenda.

...2. Presentada toda a documentación antes referida, será examinado o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 9.2, 18 ou 19 do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, e será notificada resolución na que se declarará a incorporación ou denegación no programa como solicitante de vivenda en alugamento.

3. A incorporación como demandante de vivenda no programa non outorgará ningún dereito económico e terá unha validez de catro anos desde a notificación da incorporación a el, sempre e cando o solicitante cumpra os requisitos establecidos no punto anterior ou non incorra nalgunha das causas de baixa reguladas nesta orde.

Nos dez primeiros días do mes anterior a que se cumpra ese prazo o interesado poderá renovar a solicitude».

Catro.-No artigo 3 deberán engadirse uns puntos 4, 5 e 6 cos seguintes teores: «4. Só se admitirá unha solicitude por persoa, non pode unha mesma persoa formar parte de dúas ou máis unidades convivenciais ao mesmo tempo. Nos casos en que unha persoa incorporada no Programa de vivenda en aluguer, ben sexa como solicitante ou ben sexa como membro da unidade convivencial, pretenda a súa inscrición posterior mediante outra solicitude nunha unidade convivencial diferente, quedará inscrita no programa conforme á última solicitude presentada, o que lle será comunicado á unidade convivencial inicial.

5. Ao remate de cada exercicio fiscal, os solicitantes de vivenda incorporados no programa disporán dun prazo de 30 días naturais, desde o día de peche da correspondente campaña tributaria, para achegar a documentación que sexa precisa, co obxecto de acreditar os ingresos familiares exentos de tributación a que se refire o artigo 18.1º do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, ou a permanencia na condición de beneficiario de calquera outra pensión ou prestación pública tida en conta no seu día para a súa incorporación.

6. Causarán baixa no Programa de vivenda en aluguer os demandantes de vivenda que deixen de cumprir os requisitos establecidos nos artigos 18 ou 19 do Decreto 48/2006; ou non estean ao día das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social, ou coa Administración pública da comunidade autónoma».

Cinco.-O artigo 4 queda redactado nos seguintes termos: «Deléganse mediante esta orde nos delegados provinciais da Consellería de Vivenda e Solo as resolucións de admisión ou denegación de incorporación de demandantes de vivenda no Programa de vivenda en aluguer, así como todas as resolucións que deban ditarse como consecuencia da tramitación dos expedientes dese programa, excepto a de outorgamento ou, se é o caso, de denegación da subvención que será ditada pola conselleira de Vivenda e Solo ou persoa en que delegue conforme establece o artigo 12 do Decreto 48/2006.

As solicitudes de incorporación no programa presentadas polos demandantes de vivenda serán resoltas no prazo máximo de seis meses, contados desde a súa presentación, polo delegado provincial da Consellería de Vivenda e Solo competente no lugar en que se teña entregado a solicitude.

Delégase igualmente nos delegados provinciais a resolución dos recursos que se presenten contra as referidas resolucións, en tanto permaneza vixente a delegación establecida no primeiro parágrafo. Contra a resolución que se dite poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante o delegado provincial, no prazo establecido no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante do órgano xurisdicional competente, nos termos previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Seis.-A letra a) e o primeiro parágrafo da letra c) do artigo 5 quedan redactados nos seguintes termos: «a) As mulleres vítimas de violencia de xénero: certificación da orde de protección xudicial ou medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou secretario xudicial da propia orde de protección ou medida cautelar, informe e/ou certificación dos servizos sociais e/ou santitarios da Administración pública autonómica ou local, certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local, resolución xudicial ou informe do Ministerio Fiscal, informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social...

...c) As persoas con discapacidade oficialmente recoñecida e con ingresos entre 0,7 e 3 veces o IPREM, deberán presentar a súa acreditación nas condicións establecidas na lexislación sobre o imposto sobre a renda das persoas físicas».

Sete.-O artigo 6 queda redactado nos seguintes termos: «As mulleres vítimas de violencia de xénero recibirán como subvención a seguinte porcentaxe sobre o prezo de alugamento:

a) As mulleres que acrediten ser vítimas de violencia de xénero e teñan uns ingresos de ata 0,7 veces o IPREM, percibirán o 80% do prezo de alugamento.

b) As mulleres que acrediten ser vítimas de violencia de xénero e teñan uns ingresos que excedan 0,7 e ata 1 vez o IPREM, percibirán o 70% do prezo de alugamento.

c) As mulleres que acrediten ser vítimas de violencia de xénero e teñan uns ingresos que excedan de 1 e ata 2,5 veces o IPREM, percibirán o 60% do prezo de alugamento.

d) As mulleres que acrediten ser vítimas de violencia de xénero e teñan uns ingresos que excedan de 2,5 e ata 3 veces o IPREM percibirán o 50% do prezo de alugamento».

Oito.-Os puntos 3 e 4 do artigo 11 quedan redactados nos seguintes termos: «3. A concesión da subvención producirá efectos dende o día de presentación da solicitude. Salvo nos casos de subvencións concedidas despois do primeiro ano do contrato de arrendamento cuxa concesión terá efectos desde o día seguinte ao do vencemento da anterior.

4. A solicitude de novas subvencións ao arrendamento, unha vez esgotados os doce meses da que teñan concedida, exixirá a presentación da documentación necesaria requerida nos artigos 5º e 15º desta orde xunto coa correspondente solicitude nos quince primeiros días naturais do segundo mes anterior ao do vencemento da subvención».

Nove.-O artigo 12 queda redactado nos seguintes termos: «1. A partir do momento en que se asine o contrato de arrendamento dentro do programa, poderá o titular da vivenda solicitar a subvención de ata 12.000 euros establecida no capítulo II do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, perante a delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo no seu Rxistro e demais lugares permitidos polo artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

Dez.-No artigo 15 deberán engadirse dous parágrafos co seguinte teor: «A Consellería de Vivenda e Solo e as sociedades públicas xestoras do Programa de vivenda en aluguer informarán os solicitantes de que os datos persoais que lle sexan facilitados serán incorporados ao correspondente ficheiro, autorizando estes o seu tratamento para o adecuado funcionamento do programa, concesións de subvención, procedemento de adxudicacións de vivendas, etc...

Os solicitantes serán informados dos dereitos de oposición, acceso, rectificación e cancelación respecto dos seus datos persoais nos termos previstos na Lei orgánica de protección de datos de carácter persoal, poden exercelos mediante escrito dirixido á Consellería de Vivenda e Solo».

Once.-Engádese un artigo 17 co seguinte teor: «Artigo 17º.-Baixa dos demandantes de vivenda no Programa de vivenda en aluguer.

1. Causarán baixa no Programa de vivenda en aluguer os demandantes de vivenda que deixen de cumprir os requisitos establecidos nos artigos 18 ou 19 do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, ou non estean ao día das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social, ou coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. Serán dados de baixa os demandantes de vivenda que non renoven aos catro anos a súa solicitude de incorporación, conforme o establecido no artigo 3º.3 desta orde.

3. Serán dadas de baixa no Programa de vivenda en aluguer as persoas físicas, unidades convivenciais ou familiares que, ao non manter actualizados os datos de identificación do solicitante, non permitan facer efectivas as notificacións e/ou adxudicacións que realice a Consellería de Vivenda e Solo, a delegación provincial que corresponda, ou as sociedades públicas que teñen a encomenda de xestión do programa.

4. Tamén causarán baixa no Programa de vivenda en aluguer as persoas que o soliciten por escrito, será válida a presentación dunha única solicitude por unidade familiar ou convivencial sempre que estea asinada por todos os interesados en causar baixa.

5. Serán dadas de baixa aquelas persoas solicitantes do Programa de vivenda en aluguer ás que se lles tivese comunicado a adxudicación provisional dunha vivenda incorporada nel e renuncien dúas veces ao alugamento, e non poderán ser dadas de alta de novo no programa ata pasados dous anos desde a última renuncia.

6. As persoas, unidades familiares ou convivenciais que celebren un contrato de arrendamento no marco do Programa de vivenda en aluguer, causarán automaticamente baixa nel como demandantes de vivenda.

7. As persoas, unidades familiares ou convivenciais que tivesen percibido subvención ao alugamento durante cinco anualidades, con independencia de que se subvencionasen distintos contratos e computándose as percibidas ao abeiro do Decreto 199/2002, serán automaticamente dadas de baixa do Programa de vivenda en aluguer, sen que poidan solicitar a súa incorporación ata transcorridos dous anos dende a data da extinción da última das subvencións percibidas».

Doce.-Suprímese o anexo II que acompaña a Orde do 22 de xuño.

Disposicións transitorias

Primeira.-Esta orde será de aplicación a todas as solicitudes de subvención ao arrendamento ou á rehabilitación de vivendas presentadas ao abeiro da convocatoria do ano 2008.

Segunda.-O establecido nesta orde será de aplicación a todas as solicitudes de incorporación de demandantes de vivenda non resoltas á súa entrada en vigor e ás persoas, unidades familiares ou convivenciais xa efectivamente incorporadas.

Terceira.-Ás solicitudes de incorporación de vivendas que no momento da entrada en vigor desta orde non tivesen realizada a correspondente inspección de habitabilidade pola sociedade pública que corresponda, seralles de aplicación esta orde.

Cuarta.-En ningún caso o establecido nesta orde será de aplicación ás vivendas cedidas ás sociedades públicas á entrada en vigor desta orde e ás subvencións ao pagamento da renda ou á rehabilitación concedidas antes do 1 de xaneiro de 2008.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

b) NOMEAMENTOS CONSELLO CONSULTIVO DE GALICIA