DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Luns, 21 de abril de 2008 Páx. 6.951

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2008 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio financeiro aos investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiados con fondos do Instituto de Crédito Oficial (ICO) ao abeiro das liñas ICO 2008, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 8 de febreiro de 2008, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio financeiro aos investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia, financiados con fondos do Instituto de Crédito Oficial (ICO), ao abeiro das liñas ICO 2008, instrumentadas mediante o convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único.-Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio financeiro aos investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiados con fondos do Instituto de Crédito Oficial (ICO), ao abeiro das liñas ICO 2008, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras, as cales se anexan a esta resolución.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2008.

Álvaro Álvarez-Blázquez Fernández

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio financeiro aos investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiados con fondos do Instituto de Crédito Oficial (ICO) ao abeiro das liñas ICO 2008, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas bases regulan o contido e procedemento de tramitación dunha liña de subsidiación ao financiamento obtido polas pequenas e medianas empresas que promovan investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia ou no estranxeiro, mediante algunha das liñas ICO 2008 do Instituto de Crédito Oficial (ICO):

* Liña ICO-PEME.

* Liña Crecemento empresarial.

* Liña Internacionalización.

* Liña Emprendedores.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nestas bases aquelas empresas que teñan a consideración de microempresa ou pequenas ou medianas empresas (Pemes) segundo a definición adoptada pola Comisión Europea, feita pública para efectos do Igape mediante a Resolución do 27 de decembro de 2004 (DOG nº 11, do 18 de xaneiro de 2005), que formalizasen operacións de crédito con cargo a algunha das liñas ICO 2008 de apoio á empresa española do Instituto de Crédito Oficial (ICO) por un importe superior a 25.000 € e cumpran coas condicións específicas establecidas nestas bases.

2. Os beneficiarios terán que estar ao corrente das súas obrigas coa Facenda pública, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma de Galicia e cumprir as condicións específicas para cada liña establecidas no artigo terceiro destas bases.

3. Ademais de reunir os requisitos establecidos para cada liña de financiamento deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Condicións específicas para o acceso ás axudas do Igape.

1. Liña ICO-PEME.

1.1. Beneficiarios.

Pemes, calquera que sexa a súa forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1.2. Actividade.

Os proxectos obxecto de financiamento a través desta liña terán que corresponderse con algunha das actividades sinaladas no anexo I.

1.3. Localización.

O proxecto de investimento deberá realizarse en Galicia.

2. Liña Crecemento.

2.1. Beneficiarios.

Pemes, calquera que sexa a súa forma xurídica e conten cun cadro de persoal de traballadores de 50 ou máis persoas o 31 de decembro de 2007.

Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.2. Actividade.

Os proxectos obxecto de financiamento a través desta liña terán que corresponderse con algunha das actividades sinaladas no anexo I.

2.3. Localización.

O proxecto de investimento deberá realizarse en Galicia.

3. Liña Internacionalización.

3.1. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nestas bases aquelas pequenas e medianas empresas con forma xurídica de sociedade mercantil ou cooperativa e que teñan o seu domicilio social en Galicia ou, estando domiciliadas fóra da comunidade autónoma, conten con maioría de capital galego.

3.2. Actividade.

Poderán ser obxecto de financiamento a través desta liña todas as actividades económicas, agás as actividades relacionadas coa exportación ou coa utilización de produtos nacionais en detrimento dos importados. Ademais para as axudas de I+D exclúense as actividades do sector carbón e para as Pemes do sector da pesca a adquisición ou contrución de buques pesqueiros e as empresas en crise.

3.3. Localización.

O proxecto de investimento deberá realizarse fóra do territorio do Estado español.

4. Liña Emprendedores.

4.1. Beneficiarios.

Pemes constituídas a partir do 1 de xaneiro de 2007 ou ben profesionais que se dean de alta no IAE desde a dita data. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4.2. Actividade.

Poderán ser obxecto de financiamento a través desta liña todas as actividades económicas, agás as actividades relacionadas coa exportación ou coa utilización de produtos nacionais en detrimento dos importados. Ademais para as axudas de I+D exclúense as actividades do sector carbón e para as Pemes do sector da pesca a adquisición ou contrución de buques pesqueiros e as empresas en crise.

4.3. Localización.

O proxecto de investimento deberá realizarse en Galicia.

Artigo 4º.-Características dos proxectos subvencionables.

1. O proxecto deberá materializarse en activos produtivos novos, nos conceptos e prazos máximos establecidos polo ICO nos respectivos contratos de financiamento asinados coas entidades financeiras mediadoras. Os ditos conceptos, no caso dos investimentos que se van realizar a partir do ano 2008, entenderanse como os seus equivalentes no Plan xeral contable aprobado mediante Real decreto 1515/2007. No caso de modificación do proxecto inicial ou dos prazos de execución, deberá solicitarse autorización previa, expresa e motivada ao ICO, que autorizará por escrito, de ser o caso, a modificación ou ampliación deste prazo e a súa duración.

2. Por activo novo deberán entenderse aqueles que se adquiran a un terceiro e supoñan unha primeira transmisión do ben. No caso de tratarse dun contrato de arrendamento financeiro (leasing), a empresa deberá comprometerse a exercer a opción de compra.

3. Por activo produtivo deberán entenderse aqueles bens que, directa ou indirectamente, permitan realizar a actividade principal da empresa descrita no obxecto social da devandita empresa.

4.4. Os beneficiarios das axudas establecidas nestas bases deberán manter os investimentos obxecto de financiamento durante a vixencia do préstamo (e como mínimo cinco anos desde a finalización do proxecto conforme a disposición adicional segunda do Decreto 287/2000). Considerarase cumprida esta condición, no caso de que os bens nos que se materialice o investimento sexan substituídos por outros da mesma natureza e destino, non podendo obter para a súa adquisición ningún tipo de axuda financeira do Igape.

5. En ningún caso serán financiables:

-Reestruturacións de pasivo ou refinanciamentos.

-Activo corrente, adquisición de empresas e tomas de participación, agás na liña de internacionalización.

-Investimentos cuxa finalidade sexa a deslocalización da empresa.

-Elementos de transporte, no sector de trasporte por estrada ou urbano.

-O imposto sobre o valor engadido (IVE) ou calquera outro tributo ligado ao investimento.

Artigo 5º.-Importe de financiamento por beneficiario e porcentaxe máxima de financiamento.

1. O importe mínimo de financiamento será de 25.000 € por beneficiario, e o máximo será o establecido polo ICO para cada unha das liñas:

a) Para a Liña ICO-PEME e a liña Internacionalización: 1.500.000 euros.

b) Para a Liña Crecemento empresarial: 6.000.000 euros.

c) Para a Liña Emprendedores: 200.000 euros.

2. A porcentaxe de financiamento terá os seguintes límites, dependendo da liña á que se acolla o beneficiario:

a) Liña Crecemento empresarial: ata un 70% do investimento que se vai realizar en activos novos produtivos.

b) Liña ICO-PEME (pequenas e medianas empresas) e Liña Internacionalización: ata un 80% do investimento que se vai realizar en activos novos produtivos.

c) Liña ICO-PEME (microempresas) e Liña Emprendedores: ata un 90% do investimento que se vai realizar en activos novos produtivos.

Artigo 6º.-Prazos e sistemas de amortización.

1. Os prazos e sistemas de amortización serán os establecidos polo ICO nos respectivos contratos de financiamento asinados coas entidades financeiras mediadoras.

2. En calquera caso, a subsidiación devengarase durante a vixencia da operación financeira, non podendo exceder en ningún caso dos sete primeiros anos de vixencia da devandita.

Artigo 7º.-Tipos de xuro e comisións das operacións.

1. Os tipos de xuro serán os establecidos polo ICO nos respectivos contratos de financiamento asinados coas entidades financeiras mediadoras.

2. As entidades de crédito non poden cobrar cantidade ningunha polas xestións relativas ao cumprimento das obrigas destas bases. Para estes efectos, non se considerará comisión, o cobramento, dentro dos límites que a entidade de crédito tivese autorizados polo Banco de España, da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

3. No caso de que a operación sexa avalada por unha sociedade de garantía recíproca, estas sociedades poderán percibir polo importe do aval que presten unha comisión máxima anual do 1% sobre os saldos máximos garantidos cada ano.

Artigo 8º.-Axuda do Igape.

1. A subsidiación do tipo de xuro nominal das operacións de préstamo/leasing acollidas a estas bases será, con carácter xeral, de 0,65 puntos. No caso de que a operación estea avalada por unha SGR que subscriba o convenio de colaboración asinado para tal efecto, a subsidiación será de 0,90 puntos. Neste caso, ademais a dita comisión poderá ser integramente subvencionada polo Igape, sempre que non fose asumido o dito custo polo ICO.

2. Non obstante, para aqueles proxectos que se localicen en calquera dos concellos relacionados no anexo V outorgaráselles unha subsidiación adicional de 2 puntos porcentuais do tipo de xuro.

3. A axuda financeira que se conceda, tanto a subsidiación ao tipo de xuro como, se é o caso, a subvención da comisión de aval da SGR, pagarase dunha soa vez e para o seu cálculo procederase do seguinte xeito:

a) Calcularanse os valores absolutos das subvencións que se vaian percibir durante o período teórico de vixencia do préstamo/leasing, incluído, se é o caso, o período de carencia. Tomarase coma base da liquidación o ano comercial (360 días).

b) Actualizaranse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano da formalización da operación financeira.

c) No caso de que o préstamo/leasing fose formalizado a un prazo superior a 7 anos, a subsidiación e comisión de aval da SGR, calcularase de xeito teórico, coma se fose a 7 anos, incluída a carencia.

d) O importe resultante da axuda destinarase á amortización anticipada do principal do préstamo/leasing, non podendo a entidade financeira cobrar comisión ningunha pola dita amortización.

e) No caso de que o préstamo/leasing sexa amortizado, total ou parcialmente, calcularase o novo importe da subvención e o importe que vai reintegrar o beneficiario ao Igape, que deberá realizar na forma e prazos que se estableza na resolución de reintegro.

Artigo 9º.-Compatibilidade e límite de axuda.

1. Para as Pemes do sector agrícola as axudas outorgaranse ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión do 15 de decembro de 2006 sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001 (DOUE L 358, do 16 de decembro de 2006). Para as Pemes do sector da pesca as axudas outorgaranse ao abeiro do Regulamento (CE) nº 875/2007 da Comisión do 24 de xullo de 2007 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro e que modifica o Regulamento (CE) nº 1860/2004 (DOUE L 193/6, do 25 de xullo de 2007). As axudas de I+D regularanse ao abeiro do Regulamento (CE) nº 364/2004 da Comisión do 25 de febreiro de 2004 polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001 con vistas a ampliar o seu alcance ás axudas de investigación e desenvolvemento (DOUE L 63/22, do 28 de febreiro de 2004). O resto das

axudas outorgaranse ao abeiro do Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión do 12 de xaneiro de 2001 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOUE L 10/33, do 13 de xaneiro de 2001) e o Regulamento (CE) nº 1976/2006 da Comisión do 20 de decembro de 2006, polo que se prorroga o período de aplicación do Regulamento nº 70/2001 (DOUE L 368/85, do 23 de decembro de 2006).

2. Non poderán acollerse a estas axudas aqueles proxectos que se vaian financiar, en todo ou en parte, mediante créditos, préstamos ou contratos de leasing que teñan calquera tipo de subvención encamiñada a mellorar as condicións financeiras respecto das normais de mercado, agás as bonificacións do ICO.

3. A concesión das axudas queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outras axudas públicas ou privadas - salvo as referidas no parágrafo anterior-, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea no artigo 4 do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión para as Pemes do sector agrícola; nos puntos 3º, 4º e 5º do artigo 1 do Regulamento (CE) nº 364/2004 da Comisión para as axudas de I+D; para as Pemes do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros brutos durante calquera período de tres exercicios fiscais e para o resto das axudas a intensidade bruta da axuda non excederá do 15% para o caso de pequenas e medianas empresas e do 7,5% para o caso de medianas empresas.

Artigo 10º.-Tramitación das solicitudes de axuda perante o Igape.

De acordo coas características do programa de axuda, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas.

1. Presentación das solicitudes de axuda.

1.1. Os interesados, unha vez formalizada unha operación de préstamo/leasing ao abeiro de calquera das liñas ICO 2008, dirixiranse á entidade de crédito na que formalizaron a dita operación e formalizarán a solicitude de axuda a través da instancia normalizada que se xunta a estas bases como anexo II.

1.2. As entidades de crédito centralizarán as solicitudes de axuda recibidas nas distintas sucursais e solicitarán en nome do interesado a axuda financeira no Igape no prazo máximo de dous meses contados desde a data de formalización da operación financeira. Excepcionalmente, e para aquelas operacións formalizadas con anterioridade á sinatura do convenio de colaboración asinado para o efecto, terán un prazo de dous meses contados desde a súa entrada en vigor para presentar a solicitude de axuda no Igape. Así mesmo, cando o importe mínimo de financiamento se acade por acumulación de varias operacións de préstamo/leasing da mesma liña, computarase o prazo de dous meses desde a data da última operación formalizada.

1.3. As solicitudes da entidade de crédito ao Igape que se presenten fóra deste prazo serán obxecto de resolución de arquivo, asumindo a entidade de crédito toda a responsabilidade polos prexuízos que isto poida suporlle á empresa solicitante, salvo que a presentación extemporánea sexa por motivos imputables ao solicitante.

1.4. As solicitudes da entidade de crédito ao Igape presentaranse a través da «Extranet de Entidades Colaboradoras» (http://extranet.igape.es) sendo esta vía telemática obrigatoria. O Igape resérvase a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da Extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio.

1.5. A autorización de acceso á Extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as entidades financeiras teñan xa rexistrados para outros convenios, se ben é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a solicitude do anexo IV.

1.6. Os usuarios da Extranet asinantes da solicitude por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o usuario da Extranet asinante da solicitude teña a autorización do interesado e da entidade de crédito tramitadora. A autorización por parte do interesado acreditarase mediante a solicitude orixinal (copia para a entidade de crédito do anexo II); a autorización por parte da entidade financeira virá dada polo anexo IV entregado ao Igape segundo se indicou anteriormente.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro do 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes.

1.7. As entidades financeiras poderán optar entre dúas modalidades para a entrega dos datos na Extranet:

a) Entrega dun ficheiro co mesmo formato do «anexo 0 electrónico do convenio ICO-PEME 2008» cunha liña para cada un dos expedientes que queiran presentar, co posterior recheo en pantalla dos campos adicionais da solicitude do Igape.

b) Entrega dun ficheiro ampliado cunha liña para cada un dos expedientes que queiran presentar, cuxos 584 primeiros caracteres son os mesmos que os especificados no formato do «anexo 0 electrónico do convenio ICO-PEME 2008», e os caracteres do 585 ao 754 son específicos para o convenio Igape. Deste xeito, a entidade financeira xa non terá que formalizar en pantalla ningún dato. O formato deste ficheiro estará a disposición das entidades financeiras na Extranet de entidades colaboradoras.

1.8. Unha vez entregado o ficheiro e, se é o caso, formalizados os datos complementarios a que se refire a epígrafe 10.1.7.a), o usuario da entidade financeira deberá asinar electronicamente as solicitudes xeradas pola aplicación, e transferilas ao Igape. A continuación procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia. No momento da presentación, o rexistro expedirá un recibo no que quedará constancia do feito da presentación, conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Así mesmo, as entidades de crédito colaboradoras poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario.

1.9. Dentro dos dez días seguintes á recepción das solicitudes no rexistro telemático, o Igape comunicaralles aos solicitantes a data na que as solicitudes foron recibidas no Igape, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento e os efectos do silencio administrativo.

1.10. Se a solicitude non reúne os datos exixidos nestas bases, requiriraselle ao solicitante e á entidade de crédito para, que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento se emende a falta, con indicación de que en caso contrario se considerará ao interesado desistido da solicitude, logo de resolución declarativa de tal circunstancia.

1.11. A presentación da solicitude polo interesado comportaralle a autorización ao Igape para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole, estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor poderán serlles requiridos ao interesado.

2. Informes.

Nos casos nos que o Igape o considere necesario, e para os efectos da resolución da solicitude, solicitarase informe á consellería sectorial correspondente, en relación ao cumprimento por parte dos proxectos da normativa específica que resulte aplicable.

3. Trámite de audiencia.

Instruído o procedemento pola Área de Financiamento do Igape e inmediatamente antes de redactar proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados, para que no prazo de 10 días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 11º.-Resolución.

Unha vez rematada a instrución e formalizado, se é o caso, o trámite de audiencia, a Dirección da Área de Financiamento do Igape elevará proposta de resolución ao director xeral do Igape, que incluirá os termos que se expresan a continuación:

O importe do investimento subvencionable, o importe da operación subsidiable, a porcentaxe de financiamento, o prazo de vixencia e carencia deste, o tipo de xuro nominal inicial da operación, os puntos de subsidiación e o importe da subsidiación e, se é o caso, o importe da comisión de aval subvencionada das operacións avaladas por unha SGR.

As propostas de denegación de solicitudes deberán detallar a causa.

Artigo 12º.-Notificación, silencio administrativo e recursos.

1. O Igape notificaralle ao solicitante e comunicaralle á entidade de crédito e SGR, se é o caso, a concesión ou denegación da subsidiación.

2. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de 3 meses desde a data de presentación da solicitude da axuda no Igape. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notificase resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

3. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses desde a súa notificación. Potestativamente, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o director xeral do Igape no prazo dun mes desde a súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Publicación.

1. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, o Instituto Galego de Promoción Económica publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, www.igape.es, expresando beneficiario, finalidade, contía e aplicación orzamentaria, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación nos citados medios.

2. De conformidade cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, o Igape publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nestas bases, e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións impostas por consecuencia delas nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais das persoas e entidades beneficiarias e a referida publicidade, e a súa cesión por parte do Igape aos órganos competentes da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 14º.-Pagamento da subsidiación.

1. Os beneficiarios destas axudas, unha vez executado e pagado o investimento, e no prazo máximo de dous meses contado desde a data de pagamento da última factura ou da notificación da resolución de concesión, no caso de que esta fose posterior, deberán solicitar o cobramento da subvención concedida, segundo o modelo que figura como anexo III.

A devandita solicitude deberá presentarse no Igape, ben directamente, a través de calquera das súas oficinas, ou ben indirectamente a través das entidades financeiras colaboradoras, acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada da póliza de préstamo/leasing formalizada.

b) Fotocopia cotexada da declaración censual (modelo 036) ou último recibo do imposto de actividades económicas.

c) Fotocopias cotexadas dos documentos que xustifiquen a realización do investimento subvencionable e os pagamentos realizados (o cotexo destas facturas poderase facer directamente en calquera das oficinas do Igape ou ben na entidade financeira colaboradora).

d) Para o caso de resolucións de concesión de axudas condicionadas ao achegamento de determinada documentación, fotocopia cotexada desta.

2. O Igape revisará a documentación xustificativa, podendo solicitarlle á entidade de crédito, á SGR ou ao beneficiario calquera documentación e información adicional que considere oportuno para os efectos dunha correcta análise da xustificación da realización do proxecto.

3. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a comprobación material do investimento aprobado para préstamos/leasing por importe igual ou superior a 60.000 euros substitúese pola documentación xustificativa establecida nos anteriores puntos deste artigo, sen prexuízo da posibilidade de realización polo Igape de calquera outras actuacións de control e inspección.

De conformidade co disposto no punto 2º do artigo 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios quedan excluídos das obrigas de xustificación previstas nos artigos 28.7º, 29.3º e 29.4º.

4. Unha vez verificada a documentación achegada, o Igape procederá ao pagamento da subsidiación e, se é o caso, da subvención da comisión de aval, dunha soa vez, a través da entidade financeira prestamista. A subvención terá que destinarse á amortización anticipada do principal da operación, polo que, unha vez aplicada, a entidade financeira deberá presentar no Igape, no prazo de 30 días, certificación acreditativa da amortización do principal da operación na contía subvencionada.

En calquera caso o réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Modificacións.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou a súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

O beneficiario queda obrigado a lle comunicar ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de cobramento.

En caso de modificación da operación aprobada, o beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución.

2. O director xeral do Igape poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que a modificación do proxecto non desvirtúe a finalidade da axuda, non exista prexuízo a terceiros, e os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

As solicitudes de modificación, acompañadas de memoria xustificativa, presentaranse ao Igape a través da entidade financeira.

3. A resolución de modificación establecerá as novas condicións da concesión e, se é o caso, decretará o reintegro do indebidamente percibido. En ningún caso a resolución de modificación implicará aumentar a contía da operación subsidiable inicialmente aprobada.

4. O cambio de beneficiario da axuda poderá ser autorizado polo director do Igape sempre que se acredite documentalmente a subrogación na totalidade dos dereitos e obrigas derivados do proxecto subvencionado e especificamente da operación subsidiada, así como o cumprimento dos requisitos establecidos no punto 15.2 e deberá contar coa previa autorización do ICO. Presentarase a solicitude asinada polo novo titular, acompañando a póliza onde fora formalizada a subrogación, constando o consentimento do anterior beneficiario.

Artigo 16º.-Perda da subvención.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora devengados desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente, segundo os termos contidos nestas bases.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas aos beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo no que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade ou regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou organimos internacionais.

e) Incumprimento de adoptar as medidas de difusión que se impuxeran na resolución de concesión.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro desempeñadas pola Administración ou calquera dos seus órganos, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea, ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal se derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais casos previstos na normativa reguladora da subvención.

i) A nulidade da resolución de concesión polas causas establecidas no artigo 32 ou ter incorrido nalgunha das causas de reintegro do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Igualmente procederá o reintegro do exceso pericibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas ou privadas, supere o custo do proxecto ou o límite de intensidade de axuda establecido pola normativa comunitaria.

2. O alcance do incumprimento determinarase en función do grao e entidade da condición incumprida. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta. Se o incumprimento superase o 50% do investimento subvencionable aprobado, considerarase total, sendo causa de revogación da axuda e de reintegro da totalidade das cantidades percibidas. As cantidades que se vaian reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu recobramento, se é o caso, a vía de constrinximento.

3. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sendo competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte ao da súa notificación.

4. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Control.

Os beneficiarios e as entidades colaboradoras quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que efectúe o Igape para verificar a aplicación das axudas ás finalidades aprobadas e o cumprimento dos requisitos e condicións establecidos, así como ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, debendo facilitar toda a información requirida polos citados organismos.

Artigo 18º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e rematará o 22 de febreiro de 2009, concedéndose as axudas de conformidade co artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o esgotamento do crédito orzamentario. O Igape publicará a devandita circunstancia no Diario Oficial de Galicia co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 31.4º da citada lei.

Artigo 19º.-Dotación orzamentaria.

As axudas reguladas nestas bases financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 02.01-E5/10/01-656700 cun crédito plurianual de 1.532.836,60 € para o exercicio 2008 e de 2.299.254,90 € euros para o exercicio 2009, e a súa concesión estará supeditada á existencia de crédito orzamentario suficiente. Os devanditos créditos, á vista das solicitudes presentadas poderán ser modificados e/ou ampliados polo Igape, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Ver referencia pdf "07600D010P031.PDF"

ANEXO V

Concellos preferentes

Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal:

A Capela, As Pontes de García Rodríguez, As Somozas, Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño e Valdoviño.

Concellos da Costa da Morte:

A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo e Zas.

Comarca de Valdeorras:

A Veiga, A Rúa, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín.

Outras localizacións preferentes:

Ver referencia pdf "07600D010P031.PDF"