DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Luns, 21 de abril de 2008 Páx. 6.943

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 15 de abril de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública unha nova convocatoria de axudas destinadas a entidades locais de Galicia para o transporte de residuos sólidos urbanos ás estacións de transferencia de residuos ou plantas de xestión.

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a que corresponde o exercicio das competencias e funcións que, en materia de medio ambiente e conservación da natureza, se establecen no artigo 27, puntos 15º e 30º, así como no artigo 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación. Neste senso, correspóndelle a autorización, vixilancia, inspección e sanción das actividades de produción e xestión de residuos no marco dos plans autonómicos de residuos, tal como se preceptúa no artigo 4.2º da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

Pola súa banda, os concellos son competentes para a xestión dos residuos, nos termos establecidos nas Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, e na Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia, e demais normativa de aplicación.

De acordo co que se vén de sinalar, e tal como se preceptúa no artigo 4.3º da mencionada Lei básica de residuos en relación co artigo 3º desta mesma disposición normativa, correspóndelle aos concellos, como servizo obrigatorio, a recolla, o transporte e, polo menos, a eliminación dos residuos.

Tanto a estratexia galega de xestión de residuos, como o Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia establecen como opcións prioritarias para a xestión dos residuos xerados a recolla selectiva e a valorización fronte á eliminación.

Nesta dirección encamíñanse as actuacións que se veñen desenvolvendo desde a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en materia de xestión de residuos. En particular, con ese obxectivo a Xunta de Galicia puxo ao dispor dos concellos o Complexo Ambiental de Cerceda, xestionado por SOGAMA, así como unha rede de estacións de transferencia que teñen por finalidade abaratar os custos de transporte que teñen que sufragar os concellos.

Acontece que, nestes momentos a rede de estacións de transferencias previstas non está completada e isto determina que os concellos teñan que soportar uns custos de transporte superiores aos que as súas economías permiten, polo que a execución do Plan de xestión de residuos de Galicia podería experimentar atrasos.

Un dos principios que rexe a estratexia galega de xestión de residuos é o de subsidiariedade. Segundo este principio, a Xunta de Galicia actuará nos ámbitos que non sexan da súa exclusiva competencia na medida en que os obxectivos da acción pretendida non podan ser alcanzados de maneira suficiente polos axentes directamente involucrados.

Deste xeito, á vista da boa acollida e dos resultados positivos que estas axudas significaron para unha adecuada xestión dos RSU na nosa comunidade autónoma, considérase axeitado dar continuidade a estas subvencións mediante a publicación destas bases reguladoras e dunha nova convocatoria que abranguería o período que vai desde o 1 de decembro de 2007 ata o 31 de outubro de 2008 e iría destinada a permitir a participación nestas axudas de todos aqueles concellos, mancomunidades ou agrupacións de municipios legalmente constituídos da Comunidade Autónoma de Galicia que así o soliciten.

Por todo isto, en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras de la Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, consonte os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, para o transporte de residuos sólidos urbanos de bolsa negra ata as estacións de transferencia ou plantas de xestión máis próximas, destinadas a concellos, mancomunidades e outras agrupacións de municipios legalmente constituídos, da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, procédese pola presente a facer pública unha nova convocatoria destas axudas destinadas a aquelas entidades que, cumprindo o establecido no parágrafo anterior, así o soliciten.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as entidades municipais en que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2º.-Conceptos subvencionables e requisitos para a concesión.

Serán obxecto da axuda os custos derivados do transporte de residuos sólidos urbanos de bolsa negra desde os concellos ata a estación de transferencia ou planta de xestión máis próxima, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) A estación de transferencia ou planta de xestión máis próxima deberá estar afastada máis de 25 quilómetros da casa do concello. O cómputo desta distancia non poderá ser o resultado de sumar aos quilómetros de ida os de volta. Este requisito determinará que a solicitude presentada pola entidade local sexa admitida ou non.

No obstante o anterior, e unha vez admitida a solicitude, debe significarse que para o cómputo dos quilómetros subvencionables terase en conta a distancia existente, tanto de ida como de volta, desde a parroquia máis afastada da planta de transferencia que lle corresponda á entidade local solicitante. Para estes efectos só se subvencionarán os quilómetros que resulten a partir do quilómetro 26.

No caso de mancomunidades e agrupacións de municipios legalmente constituídos, só se poderá solicitar a axuda correspondente para os concellos que cumpran tal condición.

Cando o concello pase a dispor dunha estación de transferencia ou planta de xestión a unha distancia igual ou inferior á indicada no parágrafo anterior, deixará de beneficiarse das axudas dispostas nesta orde a partir do momento en que o mesmo comece a facer entrega dos seus residuos na nova planta.

b) Ter subscrito contrato coa Sociedade Galega de Medio Ambiente ou con outro xestor final de residuos de Galicia para a xestión dos residuos sólidos urbanos de bolsa negra producidos no concello.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e deberán ser presentadas no modelo de solicitude normalizada para o efecto no anexo I desta orde. Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as solicitudes de axuda poderán ser presentadas na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nas delegacións provinciais ou nos servizos centrais.

No caso de mancomunidades ou agrupacións de municipios legalmente constituídos, as solicitudes presentaranse nunha petición única cursada polo seu representante legal ou ben pola persoa designada para o efecto como representante dela.

2. As solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. Xunto co modelo de solicitude, deberá presentarse a seguinte documentación:

Certificado do acordo adoptado polo órgano competente da entidade local polo que se aproba a súa participación nesta convocatoria de axuda.

Fotocopia compulsada do contrato subscrito coa Sociedade Galega de Medio Ambiente ou con outro xestor final de residuos de Galicia para a xestión dos residuos sólidos urbanos de bolsa negra producidos no concello.

Certificación do secretario da entidade local, co visto e prace do presidente, en que se faga constar a poboación de dereito a día 1 do primeiro mes subvencionable, segundo os datos do último Padrón de habitantes da entidade local. Para a convocatoria que se abre por medio desta orde, este certificado deberá ir referido ao 1 de decembro de 2007.

Certificación en que se sinale cal é a parroquia do concello máis afastada da estación de transferencia ou planta de xestión que corresponda.

Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo fin ante outras administracións públicas competentes ou entes públicos (anexo II desta orde).

4. Unha vez presentada a solicitude, revisarase a súa documentación e, se esta no reunise os requisitos exixidos, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que se non o fixer, se poderá considerar desistido da súa petición, arquivándoa sen máis trámite, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Criterios de admisión.

Serán tidas en conta todas as solicitudes que se presenten á concesión da axuda e cumpran cos requisitos dispostos no artigo 2º desta orde.

Artigo 5º.-Resolución da convocatoria.

1. Presentada a solicitude xunto coa documentación correspondente, procederase á súa valoración e á formulación dunha proposta de resolución por unha comisión de avaliación constituída pola subdirectora xeral de Calidade Ambiental, o xefe do Servizo de Control da Xestión de Residuos e o xefe do Servizo de Fomento da Calidade Ambiental.

2. A resolución da concesión será ditada polo conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible nun prazo de tres meses a partir da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o prazo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de conformidade co disposto no artigo 23.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O outorgamento da axuda deberá ser aceptado no prazo de dez días. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

4. As resolucións de concesión da subvención incluiranse no Rexistro Público de Subvencións dependente da Consellería de Economía e Facenda, sen prexuízo do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Os datos incorporados a este poderán ser obxecto de rectificación, cancelación e oposición polo interesado.

Artigo 6º.-Recursos.

A resolución da axuda porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor consonte dispoñen os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou desde o prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Período subvencionable e contía das axudas.

1. O período subvencionable para a convocatoria que se abre por medio desta orde abranguerá os gastos de transporte desde 1 de decembro de 2007 ata o 31 de outubro de 2008, ambos inclusive.

2. A contía da axuda que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible outorgará a cada concello calcularase en función da estimación dos residuos sólidos urbanos de bolsa negra producidos por cada concello.

Para o cálculo desta estimación deberase ter en conta o coeficiente de 0,66 quilogramos/habitante/día asignado aos concellos considerados rurais e de 0,99 quilogramos/habitante/día para os concellos semiurbanos.

Polo tanto, a estimación dos residuos producidos por cada concello será o resultado de multiplicar o número de habitantes polo coeficiente correspondente de 0,66 ou 0,99.

A contía da axuda a aboar será como máximo de 0,16 euros/tonelada/quilómetro subvencionable en función do número de solicitudes que resulten beneficiarias e do crédito orzamentario establecido nesta orde. Este prezo poderase incrementar en posteriores convocatorias segundo o que se estableza na correspondente resolución.

Artigo 8º.-Publicidade das axudas.

1. Coa finalidade de garantir o cumprimento dos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, de conformidade co previsto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación do Diario Oficial de Galicia as axudas outorgadas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, expresando, así mesmo, a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen e a finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Non será necesaria a publicación nos supostos previstos no artigo 15.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De conformidade co artigo 15.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios deberán dar publicidade da subvención concedida en toda actividade relacionada co obxecto da subvención.

Artigo 9º.-Pagamentos.

1. O pagamento da axuda realizarase en dous prazos: o primeiro deles irá referido ao período que vai desde o 1 de decembro de 2007 ata o 31 de maio de 2008; o segundo abranguerá desde o 1 de xuño ata o 31 de outubro de 2008.

2. Estes pagamentos efectuaranse logo da recepción nesta consellería dos certificados expedidos pola Sociedade Galega do Medio Ambiente ou xestor final de residuos autorizado en que se faga constar:

A cantidade de residuos entregados pola entidade local correspondente nas súas instalacións no período a que se refire o pagamento.

Que a entidade local beneficiaria non ten, no momento da expedición do oportuno certificado, pendentes de pagamento débedas vencibles e exixibles contraídas coa Sociedade Galega do Medio Ambiente ou xestor final autorizado pola xestión dos residuos sólidos urbanos de bolsa negra entregados nas súas instalacións.

3. A sinatura da solicitude presentada ao abeiro desta orde autoriza á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a obter da Sociedade Galega do Medio Ambiente ou xestor final de residuos os datos necesarios para o cálculo e pagamento da axuda que finalmente lle corresponda.

4. No momento de realizarse o primeiro pagamento será preciso ter subscrito convenio coa Xunta de Galicia para a implantación da recolla selectiva de envases lixeiros e vidro.

5. Segundo o establecido no parágrafo 4º do artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria da inicial do conxunto de axudas solicitadas para as actividades obxecto destas subvencións, tanto das aprobadas e concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou entes públicos.

Artigo 10º.-Alteracións das condicións da subvención.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións ou axudas concedidas por calquera outra administración ou entes públicos, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da axuda. Para estes efectos ditarase a oportuna resolución de liquidación, na cal se reaxustarán os importes da axuda concedida, podendo supoñer, nos casos en que así proceda, a devolución dos importes recibidos en exceso.

Artigo 11º.-Incumprimento e procedemento de reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de demora producidos, desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos seguintes:

Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente.

Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que a impedisen.

Incumprimento total ou parcial do obxectivo que fundamentou a concesión da subvención.

Incumprimento das condicións impostas á entidade beneficiaria con motivo da concesión da subvención ou axuda.

En xeral, cando se incumpra algunha das obrigas establecidas nesta orde, na resolución de concesión ou nos demais supostos establecidos na normativa reguladora das subvencións, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, poida ser exixida polos órganos correspondentes da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga, consonte o artigo 14.1º k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de facilitar toda a información que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.

Artigo 13º.-Financiamento.

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde destinaranse ata un máximo de 600.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.541.D.760.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

De xeito motivado e para os efectos de dar cobertura financeira ao número de solicitudes presentadas poderase acordar, segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento, o incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria, tramitando o oportuno expediente orzamentario de xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

Artigo 14º.-Compatibilidade das axudas.

1. A subvención contida nesta orde é compatible con outras subvencións de calquera administración pública, sen prexuízo de que o importe das subvencións non poderá, en ningún caso, illada ou conxuntamente con outras, superar o custo da actividade que vaia desenvolver o beneficiario.

2. O beneficiario está obrigado a comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta axuda.

Artigo 15º.-Infraccións e sancións.

1. O réxime de infraccións e sancións, respecto do establecido nesta orde é o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento sancionador será o establecido no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Delégase no director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 5, consonte o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2008.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible

Ver referencia pdf "07600D008P023.PDF"

Ver referencia pdf "07600D009P029.PDF"