DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Luns, 21 de abril de 2008 Páx. 6.941

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 14 de abril de 2008 pola que se acorda a revisión do proceso de concentración parcelaria para a zona de Cambás (Aranga-A Coruña).

Con data do 5 de xullo de 1966 publicouse no BOE o decreto polo que se declara de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria para a zona de Cambás (Aranga-A Coruña).

O acordo de concentración parcelaria da citada zona foi aprobado pola Presidencia do Instituto de Reforma y Desarrollo Agrario (IRYDA) con data do 8 de xaneiro de 1972, sendo declarado firme o 21 de novembro de 1974.

A Acta de Reorganización da Propiedade da zona foi autorizada pola antedita Presidencia do IRYDA o 13 de maio de 1977, sendo obxecto de protocolización notarial o 31 de decembro de 1977, producíndose a inscrición rexistral dos predios resultantes do proceso, o 21 de abril de 1987.

Segundo se acredita mediante diversos escritos presentados por propietarios e polas visitas xiradas á zona, os adxudicatarios dos predios de reemprazo non tomaron posesión destas, continuando en posesión a título de dono, das parcelas de achega ao proceso, levando a cabo todo tipo de negocios xurídicos afectantes a estas, tales como compravendas, permutas, arrendos, entre outros.

Como consecuencia do anterior, prodúcese unha absoluta disociación da realidade fáctica e xurídica e xerándose situacións de especial gravidade, tal como a desprotección rexistral, imposibilidade de acceso ao Rexistro da Propiedade dos novos negocios xurídicos xurdidos, edificacións realizadas sobre predios cuxo titular rexistral non se corresponde co titular de facto, imposibilidade de acceso a axudas da PAC, créditos hipotecarios sobre estes bens, etc...

No transcurso do ano 2006 preséntanse na Delegación Provincial desta Consellería do Medio Rural na Coruña, reiteradas solicitudes de revisión da reorganización da propiedade resultante do proceso de concentración parcelaria desenvolvido na zona de Cambás, baseadas na disposición transitoria primeira da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro.

Do exame do expediente da zona, resulta acreditada a concorrencia das maiorías legalmente exixibles conforme o disposto no artigo 16 da xa citada Lei de concentración parcelaria para Galicia, ao supoñer a maioría dos titulares dos lugares acasarados con actividade agraria e que teñen a principal das súas bases territoriais na zona.

Á vista de todo o exposto, esta consellería procedeu a realizar un levantamento topográfico e un estudo da situación da propiedade da zona, constatándose, primeiramente a existencia dun ambiente favorable e cooperador por parte dos propietarios, e en segundo lugar, a realidade da conflitiva situación da titularidade dos predios, como xa se puxo de manifesto.

Formalizouse a audiencia aos interesados a través de cinco reunións na parroquia, convocadas mediante anuncios expostos nos lugares de costume, sen que fose presentada ningunha alegación en contra da pretendida revisión da concentración da zona.

O punto 3º da disposición transitoria primeira, da Lei 12/2001, do 10 de setembro, modificadora da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia establece textualmente que «nos expedientes de concentración parcelaria administrativamente concluídos levados a cabo con anterioridade aos reais decretos 2423/1982 e 1124/1985, polos que se traspasan funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de reforma e desenvolvemento agrario, pero nos que a reorganización da propiedade non foi aceptada polos interesados, poderán solicitar estes unha nova concentración ao abeiro do artigo 7 desta lei, tomando como achega dos propietarios o valor das parcelas do pasado proceso».

A situación na que se atopa o proceso de concentración parcelaria desenvolvido na zona de San Pedro Cambás, municipio de Aranga (A Coruña), considérase que é claramente subsumible no suposto recollido no mentado punto 3 da disposición transitoria primeira, dado que a reorganización da propiedade non foi aceptada polos interesados e estes solicitan a través dunha nova concentración a súa revisión.

En aplicación do disposto legalmente, e xa transcrito, deberá tomarse como achega dos propietarios o valor das parcelas achegadas do pasado proceso.

Polo anterior, e en virtude do establecido na referida disposición transitoria primeira punto 3º, da Lei 12/2001, do 10 de setembro, modificadora da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia,

DISPOÑO:

A revisión do proceso de concentración parcelaria para a zona de Cambás (Aranga- A Coruña) e previos os trámites legais oportunos, proceder á aprobación dunha nova reorganización da propiedade, tomándose como achega dos propietarios o valor das parcelas achegadas do pasado proceso.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural