DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Luns, 21 de abril de 2008 Páx. 6.934

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2008 pola que se procede á publicación dos requirimentos de emenda de documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos investimentos das empresas en materia das tecnoloxías da información e as comunicacións, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, e se procede á súa convocatoria (procedemento administrativo IN520A, Diario Oficial de Galicia número 8, do 11 de xaneiro de 2008).

O órgano instrutor do procedemento administrativo de subvencións establecido na citada orde reguladora revisou as solicitudes presentadas ao abeiro da dita orde, identificando tanto as solicitudes que se presentaron sen erros e dispoñen de toda a documentación preceptiva, como aquelas solicitudes en que non se reúne algún dos requisitos exixidos.

O artigo 4 da orde de convocatoria dispón que se poderán realizar mediante publicación no Diario Oficial de Galicia os requirimentos de emenda de erros nas solicitudes.

Adicionalmente o artigo 8 das bases reguladoras que figuran como anexo I da citada convocatoria dispón que por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda ou rectificación poderanse facer mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Consellería de Innovación e Industria ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Neste mesmo artigo 8 tamén se dispón que unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración

Na súa virtude,

RESOLVO:

1. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de solicitudes que reúnen todos os requisitos para a súa valoración, segundo o establecido na orde reguladora citada. Esta relación achégase como anexo I-Solicitudes correctas desta resolución.

2. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de solicitudes que non reúnen todos os requisitos para a súa valoración, por estar suxeita á emenda ou achega de documentación, segundo o establecido na orde reguladora citada. Esta relación achégase como anexo II-Solicitudes suxeitas á menda de documentación desta resolución.

Os solicitantes que se recollen nese anexo II, poderán identificar a documentación específica que se lles require accedendo ao taboleiro electrónico dispoñible na páxina web da Consellería de Innovación e Industria, no enderezo: http://www.xunta.es/apps/AICRaiz/AICEntrada.jsp.

O acceso ao dito enderezo tamén pode facerse desde o enderezo da internet http://www.conselleriaiei.org, seleccionando a Oficina Virtual, para a seguir acceder á aplicación Internet Expres e, dentro desta, escoller o procedemento IN520A, obxecto da convocatoria. Tamén pode accederse desde o enderezo http://www.xunta.es da Xunta de Galicia e mesmo neste sitio web facendo uso do Rexistro Telemático e da ligazón dispoñible co procedemento IN520A.

Para o acceso ao contido do taboleiro electrónico cada solicitante deberá introducir o código electrónico existente na parte superior dereita da primeira folla da súa solicitude, que xerou no seu momento coa aplicación de formularios de subvención Internet Expres, o que garante a privacidade no acceso á información. Por outra banda, o número de expediente que identifica cada solicitude nos anexos a esta resolución é un dato que xa dispón cada solicitude obtida correctamente a través da aplicación de formularios e que está incluído ao pé de todas as follas, xunto co CIF da entidade solicitante.

3. Facer indicación expresa a todos os solicitantes recollidos no anexo II-Solicitudes suxeitas a emenda de documentación de que son requiridos para que no prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos conforme o recollido no taboleiro electrónico citado. De non o facer, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, pola que se regula o réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 5 das bases reguladoras, no caso de requirirse certificados de acreditativos da inexistencia de débedas coas distintas administracións públicas, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta efectuada polo órgano xestor, o que se indicará na información particularizada para cada interesado. No caso de que por razóns alleas ao solicitante non poidan obterse eses certificados dentro do prazo de emenda concedido, os solicitantes deben achegar inescusablemente orixinal ou copia compulsada do xustificante da solicitude en prazo do devandito certificado, achegando o certificado orixinal en canto lle sexa entregado pola Administración correspondente.

4. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de emenda de documentación das solicitudes, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a través dos teléfonos 981 54 55 83 ou 981 54 55 35, do número de fax 981 54 47 06 ou do enderezo de correo electrónico axudas.dxpisi@xunta.es. Nesta dirección xeral tamén se disporá dun taboleiro físico convencional onde poderá accederse en formato papel á información requirida a cada un dos solicitantes recollidos no citado anexo II, o que garante a igualdade no proceso de emenda de documentación para todos os solicitantes nun procedemento de concorrencia competitiva e mesmo para aqueles que non obtiveron un código electrónico na súa solicitude ao non seguir as indicacións e medios de axuda para a obtención dos formularios normalizados previstos na convocatoria.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2008.

P.D. (Orde 31-1-2006, DOG nº 24,

do 3 de febreiro)

Emilio Nogueira Moure

Secretario xeral da Consellería de Innovación

e Industria

Ver referencia pdf "07600D004P014.PDF"

Ver referencia pdf "07600D005P021.PDF"