DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Venres, 18 de abril de 2008 Páx. 6.855

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 31 de marzo de 2008 pola que se constitúe o Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida de Galicia.

O Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008, creou o Rexistro Público de Demandantes de vivendas de protección autonómica, que foi desenvolvido pola Orde do 29 de xaneiro de 2007.

O Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, creou e regulou o Rexistro Público de Demandantes de vivendas de promoción pública.

Ambos os rexistros creáronse como rexistros únicos para todo o territorio da comunidade autónoma coa finalidade de facilitar a xestión e o control das adxudicacións de ambos os tipos de vivendas, garantindo a publicidade, concorrencia, obxectividade e transparencia dos ditos procesos.

O actual Rexistro Público de Demandantes de Vivenda de Protección Autonómica, con carácter xeral, segue mantendo os procedementos vixentes, aínda que debe adecuarse, para funcionar como rexistro único, ao establecido nas disposicións xerais desta orde.

Por todo o anterior, e coa finalidade de constituír o Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida, para integrar os dous rexistros existentes, así como para regular o seu funcionamento respecto ás adxudicacións de vivendas de promoción pública,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúese o Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida que coordinará e integrará o Rexistro de demandantes de vivendas de protección autonómica creado polo Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, e o Rexistro de demandantes de VPP creado polo Decreto 253/2007, do 13 de decembro, coa finalidade de garantir os principios de publicidade, concorrencia e transparencia nos procedementos de adxudicación consoante coas políticas públicas de vivenda.

Artigo 2º.-Finalidade do Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida.

1. O Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida centralizará e xestionará todos os datos relativos á demanda e vivendas de protección autonómica e de promoción pública.

2. Este rexistro contribuirá á xestión e seguimento das políticas públicas de vivenda, garantindo os principios de publicidade, concorrencia e transparencia nos procedementos de adxudicación.

Artigo 3º.-Natureza do Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida.

O rexistro terá carácter administrativo e será único para todo o territorio da comunidade autónoma.

Artigo 4º.-Órgano responsable do Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida.

O órgano responsable do rexistro é a persoa titular da Secretaría Xeral da Consellería de Vivenda e Solo, ante a cal se exercerán os dereitos de acceso, rectificación e cancelación dos datos persoais.

Artigo 5º.-Protección de datos.

1. Os datos contidos no rexistro son os identificativos das persoas que formen parte das unidades familiares ou convivenciais demandantes de vivenda, así como das características da vivenda demandada e da súa localización, que se fagan constar na súa solicitude.

2. A comunicación ou cesión de datos do Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida a terceiros terá lugar consonte o establecido na normativa sobre protección de datos de carácter persoal.

3. As medidas de seguridade do rexistro son as correspondentes ao nivel alto, de acordo co establecido no Real decreto 994/1999, do 11 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de medidas de seguridade dos ficheiros automatizados que conteñan datos de carácter persoal.

Artigo 6º.-Unidade familiar ou de convivencia.

1. Considérase unidade familiar ou de convivencia a definida polas normas reguladoras dos procedementos de adxudicación das vivendas de protección autonómica e das vivendas de promoción pública, de cada un dos procedementos.

2. Non terán a condición de membros da unidade familiar ou de convivencia, as persoas que figuren como titulares ou membros doutras unidades que formulen solicitude separada no mesmo procedemento.

Artigo 7º.-Obriga de inscrición no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida.

A inscrición no rexistro é requisito necesario para participar nos procedementos de adxudicación das vivendas protexidas declaradas ou cualificadas pola comunidade autónoma de Galicia nos termos establecidos na normativa reguladora que resulte de aplicación.

Artigo 8º.-Excepción á obriga de inscrición.

Exceptúanse da obriga de inscrición no rexistro, ademais dos supostos establecidos no artigo 11 da Orde do 29 de xaneiro de 2007, e nos artigos 23, 47 e 48 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, as adxudicacións de vivendas de promoción pública derivadas de procedementos de execución patrimonial de todo tipo, sen prexuízo de que o cumprimento dos requisitos para ser adxudicatario establecidos no Decreto 253/2007 sexa comprobado a posteriori por parte do IGVS.

Artigo 9º.-Solicitude de inscrición.

1. As solicitudes deberán estar debidamente cubertas segundo o modelo oficial que se anexa á presente orde e xuntarán:

-Documento nacional de identidade de todos os membros da unidade familiar ou convivencial.

-Tarxeta de residencia no caso de persoas estranxeiras.

-O libro de familia se algún membro fose menor de 14 anos e non tivese DNI ou documento equivalente para o caso de estranxeiría.

2. Só se admitirá unha solicitude por unidade familiar ou convivencial, independentemente de que estea composta por unha ou varias persoas. Nos casos en que unha persoa inscrita no rexistro, sexa como solicitante, sexa como membro da unidade familiar ou convivencial, pretenda a súa inscrición posterior mediante outra solicitude en unidade familiar ou convivencial diferente, quedará inscrita no rexistro consonte a última solicitude presentada, circunstancia que será comunicada á unidade familiar ou convivencial inicial.

3. En todas as solicitudes presumirase como representante da unidade familiar ou convivencial a persoa que figure como primeiro solicitante. Se o solicitante principal deixa de ser membro da unidade familiar ou convivencial manténdose vixente a solicitude, o/a representante da unidade familiar ou convivencial será o/a que o siga por orde sempre que sexa capaz e maior de idade. Esta circunstancia notificaráselle á unidade familiar ou convivencial.

Artigo 10º.-Procedemento de inscrición.

1. A inscrición presencial no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida de Galicia farase en calquera das catro delegacións provinciais e en servizos centrais da Consellería de Vivenda e Solo. Para facer este tipo de inscrición será necesario obter telefonicamente a cita previa no número de teléfono que se anuncie na páxina web desta consellería: www.conselleriavivenda.xunta.es.

A persoa interesada deberá presentarse co modelo de solicitude que se anexa a esta orde debidamente cuberto ou ben coa clave da solicitude cuberta por internet, xunto coa documentación que nel se require e inmediatamente procederase a realizar a súa inscrición no rexistro coa conseguinte expedición da credencial que indique o número identificativo que lle corresponda. A resolución notificaráselle por correo ordinario.

2. Así mesmo, tamén poderá presentarse a solicitude ante os rexistros da consellería e demais lugares permitidos polo artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, isto é:

-Nos rexistros dos órganos administrativos a que se dirixan.

-Nos rexistros de calquera órgano administrativo, que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas, ou á dalgunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribise o oportuno convenio.

-Nas oficinas de correos, na forma que regulamentariamente se estableza.

-Nas representacións diplomáticas ou oficinas consulares de España no estranxeiro.

-En calquera outro que establezan as disposicións vixentes.

O órgano competente para resolver a inscrición no rexistro é a persoa titular da Consellería de Vivenda e Solo, a cal delega esta competencia no delegado provincial que corresponda por razón do lugar da presentación da solicitude. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso potestativo de reposición, cuxo coñecemento se delega no delegado provincial que ditase a resolución obxecto de recurso, ou poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo.

Artigo 11º.-Actualización de datos.

As persoas solicitantes deberanlle comunicar ao rexistro, do xeito establecido no artigo anterior, calquera modificación ou variación dos datos que manifestasen anteriormente, remitindo a documentación que os acredite se for necesaria.

Artigo 12º.-Duración da inscrición.

A inscrición no rexistro terá unha vixencia de catro anos desde a expedición da credencial de inscrición na que haberá de figurar expresamente a data de finalización do dito prazo. Se antes da devandita data o solicitante non confirma a súa intención de permanencia no rexistro, darase de baixa a unidade familiar ou convivencial.

Artigo 13º.-Baixa no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida.

Darase de baixa no rexistro unha unidade familiar ou convivencial polas seguintes causas:

a) Non renovar a solicitude ao finalizar o prazo de vixencia, consonte o establecido no punto anterior.

b) Obter o visado dun contrato de compravenda ou aluguer dunha Vivenda de Protección Autonómica ou aloxamento protexido.

c) Resultar adxudicatario/a definitivo dunha vivenda de promoción pública, con respecto ao acceso a este tipo de vivendas.

d) Ter sido desaloxado forzosamente dunha vivenda de promoción pública por causa imputable ao interesado, con respecto ao acceso a este tipo de vivendas.

e) Ter rexeitado unha vivenda de promoción pública vacante que se lle ofrecese por atoparse en lista de espera definitiva, con respecto ao acceso a este tipo de vivendas.

f) Petición da unidade familiar ou convivencial interesada.

g) A solicitude de cancelación dos datos de carácter persoal.

h) Sobrevir o suposto de inhabilitación para acceder ao rexistro.

Artigo 14º.-Inhabilitación para acceder ao Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida.

A sanción consistente na inhabilitación para participar en promocións de vivendas de protección oficial ou declaradas protexidas pola comunidade autónoma inhabilitará para inscribirse no rexistro ou, se acontece con carácter sobrevido, será causa de baixa neste.

Capítulo II

Adxudicación das vivendas de promoción pública

Artigo 15º.-Resolución de inicio.

1. O proceso de selección dos/as adxudicatarios/as das vivendas de promoción pública mediante sorteo iniciarase mediante resolución da xunta cualificadora provincial que corresponda, de acordo co disposto na sección primeira do capítulo VII do título II do Decreto 253/2007, do réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

2. Esta resolución, na que se fixará a data do sorteo que se vai realizar, publicarase na páxina web da Consellería de Vivenda e Solo e nos taboleiros de anuncios das súas delegacións provinciais.

Artigo 16º.-Realización do sorteo.

1. Para cada promoción de vivendas de promoción pública realizarase un sorteo ante notario entre todos/as os/as solicitantes os/as que lles foi expedida a credencial de inscrición no rexistro de demandantes para o concello onde se sitúen as vivendas na data da resolución da xunta cualificadora.

2. No caso de que se oferte algunha vivenda adaptada a persoas con mobilidade reducida de carácter permanente realizarase un sorteo diferenciado para aquelas persoas que declaren reunir os requisitos establecidos na normativa, así como tantos sorteos diferenciados como se requiran de acordo coas reservas que se establezan de conformidade co disposto no decreto do réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

3. As vivendas agruparanse en lotes segundo o número de dormitorios, realizándose un sorteo para cada un destes lotes, conforme a orde de prelación establecida na resolución da xunta cualificadora.

4. Tanto no suposto de resultar vacantes, como no caso de que a consecuencia da actuación revisora da xunta cualificadora o número de vivendas ofertado non se cubrise coa lista de adxudicatarios/as e de espera, poderanse realizar tantos sorteos como fose necesario, seguindo o procedemento descrito nos puntos precedentes deste artigo, podendo abrirse o sorteo a solicitantes de localidades limítrofes.

Artigo 17º.-Lista provisional de adxudicatarios e de espera.

1. Producido o sorteo confeccionarase e publicarase unha lista provisional de adxudicatarios/as e outra de espera. A orde na confección das referidas listas virá determinada pola orde de selección que derive do sorteo.

2. O número de solicitantes que integren a lista de espera fixarase pola xunta cualificadora en cada promoción e será, como mínimo, o dobre do número de vivendas que se van adxudicar.

3. O adxudicatario provisional quedará inhabilitado para participar no sorteo doutra promoción ata que sexa tido por desistido ou renuncie, momento no cal se levantará a inhabilitación.

4. Os/as que resulten seleccionados/as deberán presentar todos os documentos que se xulguen necesarios para acreditar as circunstancias que aleguen, e en todo caso os previstos no parágrafo 2 do artigo 37 do Decreto 253/2007, excepto os que xa se presentaran coa solicitude de inscrición, de acordo co previsto no artigo 9º desta orde.

5. A xunta cualificadora examinará os expedientes correspondentes aos /ás integrantes de ambas as listas, co fin de verificar se cumpren todos os requisitos exixidos na convocatoria.

Se se omitise a presentación dalgún documento, outorgarase un prazo para emendar os erros ou as omisións advertidas. Transcorrido o dito prazo sen proceder á emenda requirida, excluirase a unidade familiar da lista provisional de adxudicatarios e de espera.

Artigo 18º.-Exclusións das listas provisionais e de espera.

1. Se, revisada a documentación e practicadas as actuacións sinaladas no artigo precedente, algún dos/as adxudicatarios/as non cumprise os requisitos exixidos, excluirase da lista e o seu lugar ocuparao o/a primeiro/a integrante da lista de espera que cumpra os requisitos establecidos na convocatoria.

2. A xunta cualificadora acordará igualmente a exclusión da lista provisional daqueles/as solicitantes cuxas necesidades de vivenda se acredite que xa foron satisfeitas, e garantirase a audiencia destes.

3. A xunta cualificadora poderá acordar a exclusión dos/das adxudicatarios/as provisionais cando observe falsidade ou ocultación na achega de datos, tras a audiencia dos/as interesados/as.

Artigo 19º.-Publicación da lista provisional e de espera.

1. A xunta cualificadora, cumpridos os trámites precedentes, aprobará e publicará a lista provisional de adxudicatarios/as e de espera na páxina web da Consellería de Vivenda e Solo e nos taboleiros de anuncios das súas delegacións provinciais.

2. Contra a lista provisional procederán as reclamacións previstas no artigo 39 do Decreto 253/2007.

Artigo 20º.-Aprobación das listas definitivas e de espera.

1. Resoltas as reclamacións, a delegación provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo procederá a aprobar as listas definitivas e de espera. A aprobación da lista definitiva deberá ser publicada e notificada a cada adxudicatario/a e contra esta poderá interpoñerse recurso de reposición.

2. Mediante notificación comunicarase aos/ás interesados/as a determinación da vivenda que lle corresponde de acordo co establecido no artigo 40.2º do Decreto 253/2007, e advertiráselle que teñen un prazo máximo de 15 días hábiles para aceptar ou renunciar á adxudicación e que, no caso de aceptar, deberán efectuar, dentro do prazo indicado, o ingreso dos impostos e gastos que procedan en caso de compravenda ou a constitución da correspondente fianza en caso de arrendamento.

3. De non contestar, non xustificar o correspondente ingreso ou renunciar á vivenda, entenderase caducado o seu dereito, e procederase a efectuar a adxudicación a favor do/a seguinte na lista de espera seguindo, de ser o caso, a orde correlativa establecida nesta. Procederase do mesmo xeito coas vivendas que quedaran vacantes por algún outro motivo.

Artigo 21º.-Formalización da adxudicación.

As delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo procederán a formalizar a adxudicación, outorgando os correspondentes contratos de aluguer ou compravenda, de acordo co previsto no artigo 43 do Decreto 253/2007.

Artigo 22º.-Promocións de vivendas de promoción pública en aluguer.

O procedemento previsto nos artigos anteriores será de aplicación ás promocións de vivendas en aluguer, previstas no artigo 26 do Decreto 253/2007, excepto nos supostos de adxudicación directa.

Artigo 23º.-Segundas transmisións de vivendas de promoción pública.

1. Para o suposto recollido no artigo 42 do Decreto 253/2007, cando a Dirección Xeral do IGVS, por proposta da xunta cualificadora, autorice a adxudicación por sorteo das vivendas de promoción pública en segundas e posteriores transmisións inter vivos así como as previstas no artigo 8 do citado decreto, a xunta cualificadora realizará un sorteo ante notario por cada concello onde se producisen as vacantes ou solicitudes de venda. O procedemento será o mesmo que o previsto para novas promocións.

2. Para o previsto neste punto, poderá preverse, se é o caso, a realización dun sorteo anual, coa finalidade de elaborar unha lista única, a ter en conta no proceso de adxudicación destas vivendas.

3. Do resultado do sorteo darase traslado a delegación provincial do IGVS, para que realice os trámites pertinentes consonte o Decreto 253/2007 e a quen solicitase a autorización de venda.

4. Realizarase un sorteo de cota específica para aquelas vivendas que por aplicación do disposto no Real decreto 727/1993, do 14 maio, estean liberadas de prezo máximo de venda.

Disposición adicional

Única.-A adxudicación de vivendas de protección autonómica entre as persoas que figuren inscritas no rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida realizarase de conformidade co procedemento establecido na Orde do 29 de xaneiro de 2007, debendo cumprirse, en todo caso, o previsto no capítulo I desta orde.

Disposicións transitorias

Primeira.-As persoas inscritas no Rexistro Público de Demandantes de Vivenda de Protección Autonómica que declararon uns ingresos:

-Entre o 0,7 e 2,5 veces o IPREM para as Vivendas de Promoción Pública.

-Entre o 1 e 5,5 veces o IPREM para as Vivendas de Promoción pública cualificadas en núcleo rural e en barrios históricos.

pasarán automaticamente a formar parte do Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida e, polo tanto, participarán no sorteo de vivendas de promoción pública, en atención á súa clasificación.

Segunda.-Excepciónanse do disposto anteriormente aquelas persoas que renuncien a participar nos devanditos sorteos.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-A Orde do 29 de xaneiro de 2007 que regula o Rexistro Público de Demandantes de Vivenda de Protección Autonómica continuará en vigor en todo o que non se opoña ao regulado nesta orde.

Segunda.-Sen prexuízo do disposto no punto anterior, quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao regulado nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "07500D003P007.PDF"

Ver referencia pdf "07500D004P013.PDF"

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES