DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Xoves, 17 de abril de 2008 Páx. 6.753

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 11 de abril de 2008 pola que se modifica a do 31 de xaneiro pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría, e da indemnización compensatoria, e se convocan as axudas previstas no contrato de explotación sustentable, no ano 2008.

A Orde do 31 de xaneiro de 2008 publicada no DOG nº 23, do 1 de febreiro coa súa corrección de erros publicada no DOG nº 32, do 14 de febreiro, establece a regulación da aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandería e da indemnización compensatoria, e se convocan as axudas previstas no contrato de explotación sustentable, no ano 2008.

O Regulamento (CE) nº 146/2008, do Consello, do 14 de febreiro de 2008, modifica tanto o Regulamento (CE) nº 1782/2003, polo que se establecen disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda directa no marco da política agrícola común e se instauran determinados réximes de axuda aos agricultores, como o Regulamento (CE) nº 1698/2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Por outra parte, a Orde APA/736/2008, do 14 de marzo, modifica as datas en que as parcelas das hectáreas admisibles deben permanecer ao dispor do agricultor para xustificar dereitos de axuda na solicitude única.

Por iso, resulta necesario modificar a Orde do 31 de xaneiro de 2008, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e a gandaría e da indemnización compensatoria, e se convocan as axudas previstas no contrato de explotación sustentable, no ano 2008, para a súa adaptación á normativa citada.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do EAG e facendo uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 562/2005, do 1 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo único.-A Orde do 31 de xaneiro de 2008, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e, da indemnización compensatoria, e se convocan as axudas previstas no contrato de explotación sustentable, no ano 2008, publicada no DOG nº 23, do 1 de febreiro, coa súa corrección de erros publicada no DOG nº 32, do 14 de febreiro, queda modificada do seguinte xeito:

Un.-O artigo 29 queda redactado do modo seguinte:

«As parcelas de hectáreas admisibles utilizadas para xustificar dereitos de axuda deberán estar ao dispor do agricultor o 31 de maio do ano en que se solicita a axuda».

Dous.-O punto 4º do artigo 73 queda redactado do modo seguinte:

«Os controis sobre o terreo poderanse anunciar, sempre que non se comprometa o obxectivo perseguido. O aviso limitarase estritamente ao prazo mínimo necesario e non excederá 14 días.

Non obstante, cando se trate de controis sobre o terreo relativos ás solicitudes de axuda por animais, o aviso mencionado no parágrafo anterior non poderá exceder 48 horas, agás nos casos debidamente xustificados. Ademais, cando a lexislación aplicable aos actos e normas que afectan a condicionalidade exixa que o control sobre o terreo se realice sen previo aviso, esas disposicións tamén se aplicarán aos controis da condicionalidade sobre o terreo».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural