DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Xoves, 17 de abril de 2008 Páx. 6.747

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de abril de 2008 pola que se convocan axudas para o alumnado de centros docentes sostidos con fondos públicos, e para o alumnado e profesorado de centros concertados da Comunidade Autónoma de Galicia que participen en estadías e intercambios con centros educativos doutros países para favorecer a aprendizaxe activa de linguas.

A aprendizaxe das linguas estranxeiras é unha das necesidades que máis se manifesta desde todos os ámbitos sociais. Esta necesidade vai profundamente ligada ao progreso científico e tecnolóxico. As industrias e os especialistas constitúen redes de comunicación que ignoran as fronteiras lingüísticas e nacionais. Así, o aumento das relacións internacionais, a mobilidade laboral e a circulación das ideas e da información están provocando unha forte demanda social en favor da aprendizaxe das linguas estranxeiras, de tal xeito que o número de linguas que os cidadáns dun determinado país dominan constitúe un indicador importante do seu grao de desenvolvemento. Por outra parte, a mellor protección contra todas as formas de racismo e de xenofobia lógrase mediante o coñecemento e a experiencia directa da realidade doutros países e mediante a mellora das capacidades de comunicación.

Por todo isto, o Comité de Ministros do Consello de Europa advirte dos perigos que poden derivar da marxinación das persoas que non posúan as competencias necesarias para comunicarse nunha Europa interactiva.

En consecuencia, a necesidade de mobilidade laboral e de acceso á información, así como a importancia da tolerancia e da compresión mutuas fan das capacidades reais de comunicarse sen fronteiras lingüísticas un elemento indispensable da formación de todo cidadán. A experiencia demostra que a estadía nos países dos que se estuda a lingua constitúe un medio moi eficaz de progreso na adquisición desa lingua e da súa cultura.

Dado que a colaboración con centros educativos doutros países resulta fundamental para facilitar o desenvolvemento de capacidades do alumnado a nivel lingüístico e profesional e que as axudas económicas procedentes de programas da Unión Europea resultan insuficientes para atender a forte demanda dos centros da nosa comunidade autónoma, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para a realización de intercambios e estadías co fin de posibilitar que, tanto os centros de educación primaria como os de educación secundaria e os que imparten ensinanzas de réxime especial, poidan organizar programas de inmersión, máis breves no caso da educación primaria, para que ao longo da súa escolaridade o alumnado chegue a alcanzar un nivel de competencia comunicativa adecuado en varias linguas.

As axudas que se convocan van dirixidas ao alumnado de centros públicos e privados concertados e ao profesorado de centros privados concertados que participen en estadías e intercambios de alumnos doutros países para favorecer a aprendizaxe activa de linguas durante o ano 2008. Ao profesorado funcionario de centros públicos que acompañe o grupo de alumnos que realizan o intercambio, ao non poder ser beneficiario destas axudas, aboaránselle os gastos de desprazamento, mantenza e aloxamento de acordo co Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por razón de servizo do persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para o pagamento destas indemnizacións, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais enviará as instrucións aos centros xunto coa comunicación da concesión da axuda aos alumnos. No caso das visitas preparatorias ou de estudos o profesor utilizará, dentro dos medios de transporte axeitados, os de tarifas máis económicas.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto da convocatoria.

Convócanse axudas, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a alumnos de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidos con fondos públicos e os alumnos e profesorado de centros educativos concertados que participen en estadías e intercambios con centros educativos doutros países, para a aprendizaxe activa de linguas durante o ano 2008.

As axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 09.03.423B.480.0 por un importe total máximo de 400.000 euros.

Segundo.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar estas axudas os alumnos de centros públicos e os alumnos e profesores dos centros concertados que se indican a continuación, agás os de educación infantil: colexios de educación infantil e primaria; colexios de educación primaria; centros públicos integrados; institutos de educación secundaria; escolas oficiais de idiomas; conservatorios de música e danza; escolas de artes, centros privados concertados e centros de educación permanente de adultos, centros de educación especial.

Terceiro.-Modalidades das axudas.

1. Visitas preparatorias do profesorado de centros concertados responsable da estadía de alumnos no centro receptor doutro país, co obxecto de facilitar os acordos de colaboración entre os centros e a preparación axeitada do proxecto.

2. Visitas de estudo do profesorado de centros concertados responsable de proxectos co fin de garantir a súa continuidade.

3. Proxectos de aprendizaxe activa de linguas a través de estadías de alumnos en centros educativos estranxeiros, intercambios bilaterais centro a centro ou encontros multilaterais de distintos grupos de alumnos nun país estranxeiro, que teñan como obxectivo o aumento da motivación dos estudantes no que respecta á aprendizaxe dunha lingua estranxeira e á súa utilización como medio de comunicación.

Cuarto.-Requisitos.

1. Estas actividades deberán estar integradas na programación anual do curso. O seu obxectivo básico será o intercambio cultural, o achegamento lingüístico e, de ser o caso, o perfeccionamento profesional e poderanse solicitar sempre que o centro non teña ningunha axuda concedida para o mesmo proxecto de aprendizaxe de linguas, na acción Comenius bilateral ou noutras convocatorias similares. No caso de obter dúas axudas para o mesmo proxecto deberase renunciar a unha delas.

2. As visitas preparatorias e de estudo contarán cunha axuda variable en función do país, e serán realizadas por un só profesor de cada centro educativo.

3. Os proxectos de aprendizaxe activa de linguas comprenderán as actividades realizadas ao longo do curso, que culminarán na viaxe dos alumnos. As viaxes deberán ter unha duración non inferior a dez días.

4. As axudas máximas por alumno de centros sostidos con fondos públicos e alumnos e profesores de centros privados concertados en concepto de reintegro de gastos de transporte, mantenza e aloxamento en función de se é un intercambio, unha visita preparatoria ou de estudo de profesores concederanse de acordo cos baremos que figuran no anexo II.

5. Os proxectos de aprendizaxe activa de linguas deberán contar cun número mínimo de dez alumnos por centro, que estarán acompañados durante a viaxe e a estadía por un ou dous profesores do centro, podendo chegar a tres se o número de alumnos supera os trinta. Non obstante, a devandita dirección xeral poderá autorizar, en casos excepcionais e debidamente xustificados, un número inferior de alumnos.

Quinto.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último de mes.

2. As solicitudes axustaranse ao modelo establecido no anexo I desta orde e irán acompañadas da documentación que se indica a continuación:

2.1. Axudas para visitas preparatorias e de estudos:

-Orzamento da viaxe e estadía.

-Proposta de proxecto do centro galego, co visto e prace do director.

-Documento de aceptación do centro de acollida.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

-Declaración responsable de que os beneficiarios non incumpren as condicións previstas nos puntos 2º e 3º, do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.2. Axudas para viaxes de alumnos para a aprendizaxe de lingua estranxeira:

-Proxecto pedagóxico da viaxe, que incluirá os obxectivos e as actividades de aprendizaxe realizadas durante o curso no propio centro, así como as actividades que se realicen no centro receptor. Estas deberán estar relacionadas co traballo desenvolto polos alumnos durante o curso escolar, das que se achegarán mostras xunto coa documentación. As ditas mostras poderanse presentar en soporte fotográfico ou vídeo.

-Certificado do director de que a actividade está recollida na programación anual do centro.

-Declaración xurada do director en que se fará constar a contratación dunha póliza de seguros que cubra o desprazamento e estadía dos alumnos no estranxeiro.

-Autorización do pai, nai ou titor legal para a participación do alumno nesta actividade. A autorización será solicitada polo director e quedará en poder do centro.

-Modalidade de aloxamento e tipo de transporte que se utilizará.

-Calendario da viaxe, indicando as datas de saída e chegada do grupo.

-Nome dos profesores acompañantes na viaxe, materias que imparten e situación administrativa que teñan no centro, con indicación de ser ou non coordinador do proxecto.

-Listaxes dos alumnos participantes no intercambio, con indicación do seu curso.

-Orzamento detallado dos gastos por conceptos con indicación dos derivados do aloxamento, segundo as modalidades de acollida, do transporte ao país que se visita, así como doutros gastos previstos. Deberase indicar o custo global por alumno e o custo global por grupo.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público. Declaración responsable de que os beneficiarios non incumpren as condicións previstas nos puntos 2º e 3º, do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No caso dos centros privados concertados, ademais da correspondente documentación, deberase formalizar un convenio de colaboración, en que se nomeen como entidades colaboradoras a estes, de acordo co establecido no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sexto.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes asinadas polo director do centro dirixiranse á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (San Caetano, s/n, 15771 Santiago de Compostela), presentándose a través do rexistro xeral. Tamén poderán utilizarse para a presentación de solicitudes calquera das dependencias previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. No caso de que optasen por presentar a súa solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para recadar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia se fose necesario. Igualmente levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

De acordo co establecido no artigo 71 da citada Lei de 30/1992, do 26 de novembro, no que se refire ás solicitudes que non conteñan os requisitos sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou xunte os documentos preceptivos; de non o facer considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

Sétimo.

As axudas, subvencións e convenios outorgados pola Xunta de Galicia figurarán nun rexistro con expresión das persoas físicas ou xurídicas beneficiarias, as cantidades concedidas, a normativa que amparou a concesión e a súa finalidade. Ese rexistro será de acceso público por procedementos informáticos, nos termos previstos na lexislación de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e nas normas sobre tratamento e protección de datos de carácter persoal.

Oitavo.-Comisión de selección e criterios de valoración dos proxectos.

As solicitudes serán avaliadas por unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:

Presidente: o subdirector xeral de Formación Permanente e Ensinanzas Especiais ou persoa en que delegue.

Vogais: o xefe de Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos, o xefe de Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e un inspector educativo.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da subdirección xeral de Formación Permanente e Ensinanzas Especiais.

A comisión reunirase para seleccionar os proxectos tendo en conta os seguintes criterios:

a) Non ter participado nas tres últimas convocatorias: 3 puntos.

b) A calidade do proxecto pedagóxico:

b.1) Se inclúe a realización ou non de actividades lectivas conxuntas durante o desenvolvemento do proxecto: ata 2 puntos.

b.2) Actividades específicas de aprendizaxe da lingua do país que se visita: ata 2 puntos.

b.3) Calidade do proxecto pedagóxico: ata 6 puntos.

b.3.1) Definición dos obxectivos: ata 3 puntos.

b.3.2) descrición do programa de traballo: ata 3 puntos.

c) A participación no programa «PALE», «CUALE» e «ThatŽs English!», nas seccións bilingües, nas asociacións Comenius, Grundtvig e Leonardo do Programa de Aprendizaxe Permanente, así como no Portfolio Europeo das Linguas: 1 punto por cada un ata un máximo de 3.

d) A acollida familiar como medida de aloxamento: 1 punto.

A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación de subvencións e elevaraa á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda.

Noveno.-Comunicación.

A concesión ou denegación da axuda resolverase por orde da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web: www.edu.xunta.es/ea. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O vencemento do prazo máximo establecido (seis meses contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia) sen que se ditase e notificase resolución expresa no exime a Administración do cumprimento legal de resolver, ben que os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Décimo.-Prazos dos pagamentos.

Para as axudas que non superen o importe de 6.000 euros, no momento da concesión poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80%, logo de aceptación da subvención. O 20% restante librarase unha vez finalizada e xustificada a actividade. Nas axudas que superen esta cantidade o pagamento realizarase integramente unha vez rematada a actividade.

Décimo primeiro.-Xustificación da actividade.

1. Rematada a actividade obxecto da axuda, o centro docente deberá, de acordo co establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tramitar a seguinte documentación, no prazo máximo dun mes:

1. Certificación do director do centro en que conste que o consello escolar aprobou os gastos efectuados.

2. Relación de gastos e pagamentos efectuados con datas e modalidade de pagamento, selada e asinada polo director do centro. As facturas orixinais dos referidos gastos arquivaranse no centro docente para a súa custodia e para a posta en disposición, no seu caso, dos órganos de control que teñan atribuídas as funcións de comprobación e control da aplicación deses fondos.

3. Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra administración ou ente público. O importe da subvención nunca poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade desenvolvida polo beneficiario, tal como dispón o artigo 17.3º da citada Lei 9/2007. No caso de que o custo final sexa inferior á axuda concedida deberase minorar a axuda en proporción á axuda xustificada.

4. Certificación do director do centro en que se faga constar o centro de acollida, as datas exactas da duración da actividade, o nome e curso dos alumnos, se é o caso, e do profesor/es que realizaron a viaxe.

5. Memoria do traballo realizado durante a estadía no país de acollida en formato papel ou informático. Incluirá os seguintes datos:

5.1. Visitas preparatorias e de estudo: obxectivos acadados de cara á realización do proxecto incluíndo un breve resumo deste: descrición, datas de realización, etc.

5.2. Proxectos de aprendizaxe de linguas, intercambios bilaterais e encontros multilaterais a través de estadías de alumnos en centros educativos estranxeiros:

a) Programación e avaliación das actividades realizadas no intercambio con descrición das actividades desenvolvidas e métodos utilizados.

b) Descrición ou achega do traballo elaborado.

c) Incidencia do proxecto na mellora das capacidades lingüísticas dos alumnos na lingua estranxeira utilizada.

d) Valoración da estadía: aspectos positivos e negativos que se deben mellorar.

Os proxectos e traballos realizados polos centros seleccionados quedarán en poder da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, que reserva para si o dereito de difundir os traballos realizados en función da súa orixinalidade, que pasará a formar parte dos fondos documentais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo segundo.-Modificación da resolución de concesión das axudas.

De acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a non xustificación da axuda percibida así como calquera outra alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á revogación ou modificación da resolución da concesión e levará consigo o reintegro total ou parcial da axuda percibida.

Décimo terceiro.-Recoñecemento das actividades realizadas.

1. As actividades de intercambio terán a consideración de actividade de formación permanente ao amparo da Orde do 1 de marzo de 2007 (DOG do 11 de abril) pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigacións e das titulacións. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais expedirá a certificación correspondente ao profesorado participante unha vez presentada a memoria correspondente e recibido o informe favorable.

2. Será preciso presentar, acompañada da memoria pedagóxica, unha acta asinada polo director do centro escolar, especificando o nome do proxecto, país, data da viaxe, listaxe dos profesores, así como fotocopia dos seus DNI e o papel desenvolvido nel, co obxecto de expedir a certificación correspondente.

O modelo atópase na seguinte páxina web: http://www.edu.xunta.es/ea.

3. A valoración en horas de formación será a seguinte:

Funcións de coordinación do intercambio: ata 50 horas.

Funcións de colaboración no intercambio: ata 35 horas.

Décimo cuarto.-Retirada da documentación.

Durante o mes de decembro de 2008 os profesores solicitantes poderán retirar a súa documentación na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio San Caetano, 15771 Santiago de Compostela), directamente ou a través dunha persoa autorizada. Transcorrido o prazo, entenderase que renuncian á súa recuperación, perdendo todo o dereito sobre ela.

Disposicións derradeiras.

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para adoptar os actos e as medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Contra esta orde cabe interpoñer, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "07400D004P027.PDF"