DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Xoves, 17 de abril de 2008 Páx. 6.745

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 9 de abril de 2008 pola que se convoca a III edición do premio Eu tamén navegar: para unha Galicia sen violencia de xénero.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é o órgano da Administración autonómica a que lle corresponde o exercicio das políticas autonómicas de igualdade de xénero, segundo o disposto no Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, exercendo as competencias relativas á promoción da igualdade entre mulleres e homes fundamentalmente a través da Secretaría Xeral da Igualdade.

Entre os obxectivos prioritarios da Vicepresidencia, en cumprimento dos fins de interese xeral e social que ten encomendados, atópase o establecemento dunha base sólida para a definición e cumprimento das normativas en materia de igualdade de oportunidades das mulleres galegas e contra a violencia de xénero.

A violencia que nas súas distintas formas se exerce contra as mulleres supón un serio atentado contra a dignidade e a integridade física, psíquica e moral destas e, en consecuencia, unha grave e intolerable violación dos dereitos humanos. Esta violencia non só destrúe vidas, senón que tamén socava o desenvolvemento e o progreso das nacións, e está claramente fundamentada nas condicións estruturais que reproducen a desigualdade entre os xéneros.

Os poderes públicos teñen a obriga de articular medidas de sensibilización social e de asesoramento, de atención e protección ás mulleres que sofren violencia de xénero, procurando os medios efectivos e axeitados a cada caso e as alternativas para o exercicio dos seus dereitos como cidadás nun estado democrático.

Por todo isto considérase conveniente convocar, na súa III edición, o premio Eu tamén navegar: para unha Galicia sen violencia de xénero, co obxecto de resaltar, coa dignidade que corresponda, as actuacións dirixidas a apoiar e axudar as mulleres que sofren violencia de xénero e estimular e recoñecer a traxectoria e o esforzo de persoas ou entidades que desenvolvesen un labor relevante no ámbito da loita contra esta lacra social.

Polo anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Artigo único.-É obxecto desta disposición a convocatoria do premio Eu tamén navegar: para unha Galicia sen violencia de xénero, na súa terceira edición, e o establecemento das bases que rexen a dita convocatoria, sinaladas no anexo I.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

ANEXO I

Bases

Primeira.-O premio Eu tamén navegar: para unha Galicia sen violencia de xénero destínase a estimular, recoñecer, incentivar e reforzar o labor de persoas, colectivos ou entidades que coa súa traxectoria vital, persoal ou profesional, contribuísen a previr, denunciar ou combater situacións de violencia contra as mulleres en Galicia.

Segunda.-O premio ten unha dotación económica de 5.000 euros, que serán aboados con cargo á aplicación orzamentaria 05.30.311A.227.06, e dará dereito a un diploma acreditativo, en que se fará mención expresa dos méritos que motivan o seu outorgamento, e un obxecto conmemorativo.

O premio en metálico está suxeito aos impostos ou retencións fiscais establecidos na normativa correspondente, salvo exención concedida polo órgano competente da Administración tributaria.

Terceira.-Poderán ser destinatarias do premio todas as persoas maiores de idade, colectivos, entidades ou institucións, tanto públicas como privadas que, coa súa traxectoria ou labor, contribuísen e destacasen na consecución do obxectivo previsto na base primeira.

Cuarta.-As candidaturas serán propostas polas persoas integrantes do xurado, ou presentadas directamente por persoas ou entidades que consideren relevante destacar o labor dalgunha persoa, entidade ou institución no seu traballo a prol das mulleres que sofren violencia de xénero, e poderán presentar tamén candidatura as persoas ou entidades destinatarias desta orde. A presentación das candidaturas efectuarase mediante instancia recollida no anexo II e dirixida á Secretaría Xeral da Igualdade, acompañadas dunha memoria explicativa dos valores e méritos de cada unha das candidaturas que permita ás persoas integrantes do xurado valorar cada proposta.

Estas candidaturas presentaranse por calquera dos medios establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, rematando o prazo para a dita presentación o día 15 de outubro de 2008.

Quinta.-A selección das persoas, colectivos e entidades premiadas estará a cargo dun xurado presidido pola secretaria xeral da Igualdade e constituído polos catro delegados e delegadas provinciais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pola directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e por dúas persoas expertas en materia de prevención e erradicación da violencia contra as mulleres. Actuará como secretaria unha funcionaria da Secretaría Xeral da Igualdade.

O xurado, unha vez constituído, axustará a súa actuación ao disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, e a súa decisión será inapelable.

Sexta.-O procedemento de actuación do xurado será o seguinte:

1. O xurado será convocado pola presidenta e poderá xuntarse cantas veces esta coide oportuno.

2. Para a válida constitución do órgano, para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza da presidenta e a secretaria e da metade, polo menos, das persoas que o compoñen.

3. O xurado adoptará os seus acordos por maioría de votos, dirimindo o voto de calidade da presidenta en caso de empate.

4. O xurado poderá declarar o premio deserto ou conceder o premio compartido.

5. Correspóndelle á secretaria do xurado levantar acta das sesións.

6. A proposta do xurado elevarase ao vicepresidente da Igualdade e do Benestar, quen resolverá. A resolución da concesión do premio, que pon fin á vía administrativa, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Sétima.-A entrega do citado premio terá lugar no mes de novembro de 2008, tendo en conta que o día 25 dese mes se conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Oitava.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polas persoas e/ou entidades interesadas nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Ver referencia pdf "07400D002P025.PDF"