DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Xoves, 17 de abril de 2008 Páx. 6.728

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 4 de abril de 2008 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan bolsas e axudas dirixidas á realización e difusión de estudos e investigacións e á organización de xornadas ou congresos en materias relacionadas coas mulleres.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é o departamento da Administración autonómica ao cal lle corresponde o exercicio, como propias, das competencias e funcións en materia de igualdade de xénero, tal e como se establece no artigo 1 do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

A Secretaría Xeral da Igualdade, tal e como establece no artigo 5 do dito decreto, é o órgano ao cal lle corresponden, entre outras, as funcións relativas ás políticas da Xunta de Galicia en materia de xénero, de loita contra a discriminación por razón de sexo e de promoción da igualdade entre mulleres e homes. Polo tanto, unha das súas finalidades é promover as condicións para que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva, fomentando a participación das mulleres na vida social, superando calquera tipo de discriminación.

O V Plan do Goberno galego para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2007-2009 establece como obxectivo específico 4.5 o impulso da formación e a investigación sobre a violencia de xénero en todos os sectores da sociedade, especialmente entre os colectivos de profesionais implicados, afondando na natureza, multicausalidade, consecuencias, novas manifestacións e novas propostas de intervención que permitan avanzar na comprensión do problema e na súa erradicación.

Esta convocatoria tramítase de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008 e demais disposicións aplicables.

Na súa virtude e no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta convocatoria é a regulación das bases que rexen a convocatoria de bolsas e axudas para a realización e difusión de estudos e proxectos de investigación e para a organización de xornadas ou congresos no ámbito da igualdade entre mulleres e homes, especialmente no ámbito da violencia de xénero, e a súa convocatoria para o ano 2008.

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta os principios do artigo 5.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo coas áreas prioritarias establecidas no artigo 2º.

Artigo 2º.-Áreas prioritarias.

Para os efectos desta orde, considéranse áreas prioritarias:

Violencia de xénero.

-Transmisión de actitudes violentas a través de estereotipos e valores.

-Violencia contra as mulleres en Galicia; formas, causas, natureza e consecuencias.

-Custos directos e indirectos da violencia de xénero en Galicia.

-Mobbing, acoso sexual no traballo: frecuencia, formas e consecuencias en Galicia.

-Experiencias de prevención nos servizos de saúde.

-Muller, discapacidade e violencia de xénero.

-Repercusións da violencia de xénero nos e nas menores.

-Situación social e laboral das mulleres que sofren violencia de xénero.

-Homes e violencia xénero.

-Tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación.

-Necesidades básicas dos recursos sociais contra a violencia de xénero e demanda por parte das mulleres que a sofren.

Economía e emprego.

-Corresponsabilidade: repartición de tempos e responsabilidades.

-Acceso e contratación das mulleres no mundo laboral.

-Acceso das mulleres a ocupacións con menor índice de representatividade.

-O principio da igualdade no emprego.

-O traballo das mulleres na economía somerxida.

-A problemática ocupacional das empregadas do fogar.

-Situación das mulleres no tecido empresarial galego.

-As mulleres rurais en Galicia. Modalidades de traballo feminino no medio rural.

-As mulleres do mar en Galicia. Modalidades de traballo feminino na industria pesqueira e conserveira.

-Feminismo e ecoloxismo.

Educación.

-Desenvolvemento curricular e material didáctico.

-Transmisión de estereotipos e roles nos centros educativos.

-O sexismo na linguaxe.

-Introdución da perspectiva de xénero nos modelos educativos e formativos.

Poder e toma de decisións.

-As mulleres e os homes ante o liderado. Estilos de dirección na vida política, social e empresarial.

-Acceso das mulleres a cargos públicos e a postos de responsabilidade; obstáculos con que se atopan.

-O papel dos homes na consecución dos obxectivos de igualdade.

Participación.

-Barreiras que condicionan a participación sociopolítica das mulleres.

-Participación das mulleres no movemento asociativo. Propostas para a súa incorporación.

-Diferenzas entre mulleres e homes no uso dos espazos e dos transportes.

-Impacto de xénero na planificación urbanística galega.

-A perspectiva de xénero nos medios de comunicación.

-Participación das mulleres nas distintas modalidades de prácticas deportivas.

-Prácticas deportivas feminizadas e masculinizadas.

Ciencia e tecnoloxía.

-Contribucións das mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía.

-Indicadores para a incorporación das mulleres como científicas e tecnólogas no tecido produtivo.

-A perspectiva de xénero no ámbito da ciencia e a tecnoloxía.

-Posibles sesgos e carencias de xénero no ámbito da ciencia e da tecnoloxía.

Exclusión social.

-Situación das mulleres inmigrantes.

-Intervención con mulleres que sofren procesos de marxinación.

-Situación da prostitución e do tráfico de persoas con fins de explotación sexual en Galicia.

-Necesidades básicas dos recursos sociais e demanda por parte das mulleres.

Saúde.

-Enfermidades relacionadas coa violencia de xénero.

-Saúde laboral das mulleres.

-Relación entre desigualdade social, económica, política e cultural e saúde.

-Enfermidades de maior incidencia en colectivos femininos: factores de risco específicos, tratamentos, recursos.

-Incidencia na vida persoal, familiar e social de certas enfermidades e patoloxías da muller.

Artigo 3º.-Tipos de axudas.

1. As axudas públicas a que se refire esta orde fan referencia ás seguintes modalidades:

a) Bolsas destinadas a estudantes dos últimos cursos universitarios ou de terceiro ciclo para desenvolver estudos ou proxectos de investigación relacionados con algunha das áreas prioritarias determinadas no artigo 2º desta orde.

b) Axudas a universidades galegas para a realización de estudos ou proxectos de investigación relacionados con algunha das áreas prioritarias determinadas no artigo 2º desta orde.

c) Axudas a entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas e colexios profesionais para a realización de estudos ou proxectos de investigación relacionados con algunha das áreas prioritarias determinadas no artigo 2º desta orde.

d) Axudas a editoriais, sexan persoas físicas ou persoas xurídicas, para a publicación de estudos, investigacións e outras publicacións sobre temas relacionados con algunha das áreas prioritarias determinadas no artigo 2º desta orde.

e) Axudas a entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas e ás universidades, destinadas á organización de xornadas ou congresos relacionados con algunha das áreas prioritarias determinadas no artigo 2º desta orde.

2. Os estudos ou proxectos consistirán en traballos de investigación, avaliación de técnicas, propostas de programas experimentais ou experiencias específicas e presentación de modelos organizativos relacionados coas áreas prioritarias sinalas no artigo 2º.

Artigo 4º.-Orzamento.

Para a concesión das axudas previstas nesta orde destínase un crédito de 170.000 euros, imputables á aplicación orzamentaria 05.30.313D.481.0, de 120.000 euros, imputables á aplicación orzamentaria 05.30.313D.444.0, e de 40.000 euros, imputables á aplicación orzamentaria 05.30.312G.470.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Artigo 5º.-Ámbito de realización.

En todas as modalidades os/as solicitantes acreditarán que o seu proxecto ou actividade terá como ámbito de actuación o territorio de Galicia.

Artigo 6º.-Beneficiarios/as, requisitos e documentación.

Poderán optar á concesión das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo coas seguintes modalidades:

1 Bolsas destinadas a estudantes dos últimos cursos universitarios ou de terceiro ciclo para o desenvolvemento de estudos ou proxectos de investigación relacionados co obxecto desta orde.

1.1. Requisitos.

Poderán solicitar esta modalidade de axudas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter superado o 80% dos créditos exixidos para a obtención do título de diplomado/a ou licenciado/a universitario/a ou estar realizando estudos de terceiro ciclo.

b) Os proxectos deberán estar dirixidos e avalados por persoal con titulación universitaria pertencente ao cadro de persoal do centro ou institución onde se prevexa realizar o estudo. No momento da súa presentación, estes proxectos deberán estar asinados pola persoa que vai realizar o estudo e pola persoa que o dirixa e avale. Na sinatura deberá figurar, así mesmo, o selo da institución onde se prevexa realizar o estudo.

1.2. Documentación que hai que presentar.

As persoas interesadas en participar nesta convocatoria deberán achegar a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I-A).

b) Fotocopia compulsada do DNI.

c) No caso dos/as estudantes dos últimos cursos universitarios, certificado académico oficial en que figuren de xeito detallado as cualificacións obtidas e a constancia expresa de que as materias constitúen, cando menos, o 80% dos créditos exixidos para obter a titulación; para o caso dos estudantes de terceiro ciclo, copia compulsada do correspondente título e acreditación de estar realizando estudos de terceiro ciclo.

d) Curriculum vitae da persoa solicitante, asinado en cada unha das súas follas.

e) Proxecto memoria, asinado pola persoa que vai realizar o estudo e pola persoa que o dirixa e avale, co selo da institución onde se prevexa realizar o estudo, que deberá conter:

-Antecedentes e estado actual do proxecto.

-Xustificación do proxecto.

-Área prioritaria en que se enmarca, segundo as recollidas no artigo 2º.

-Obxectivos que se pretenden acadar.

-Materiais e metodoloxía.

-Cronograma de traballo. Data de inicio e fin do proxecto. A data de remate será, en todo caso, anterior ao 30 de novembro de 2008.

-Orzamento desagregado.

f) Declaración de estar ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma (anexo II).

g) Declaración de non concorrer as causas de exclusión para seren beneficiarios/as de axudas ou subvencións que sinala o artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo II).

h) Declaración doutras axudas ou bolsas de estudos solicitadas ou concedidas para o mesmo fin (anexo II).

i) Anexo III asinado pola persoa que dirixa ou avale o proxecto.

j) Certificación bancaria da conta da cal é titular a persoa beneficiaria, con expresión dos códigos de entidade bancaria e sucursal, número da conta e díxito de control.

1.3. Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes, xunto coa documentación indicada, dirixiranse á Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e presentaranse no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nas delegacións provinciais ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicador do rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

1.4. Contía das bolsas.

Poderá concederse nesta modalidade un importe máximo de 6.000 euros por cada bolsa, que serán aboados nun único pagamento logo da súa xustificación consonte o previsto no artigo 13º desta orde.

1.5. A condición de beneficiaria/o destas bolsas non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia nin cos organismos ou entidades en que realice o proxecto de investigación, nin a súa inclusión na Seguridade Social.

1.6. A percepción da bolsa é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institución ou ente público, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria dos/as interesados/as con entidades, empresas ou calquera outro tipo de institución pública ou privada.

2. Axudas a universidades galegas para a realización de estudos ou proxectos de investigación relacionados con algunha das áreas prioritarias determinadas nesta orde.

2.1. Requisitos.

Poderán solicitar esta modalidade de axudas as universidades galegas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Deberán constituírse grupos de investigación integrados por un máximo de 5 persoas, das cales 3, cando menos, deberán pertencer a algunha das categorías de profesorado do sistema universitario.

b) Deberá especificarse, entre as persoas que formen parte do equipo, a responsable do proxecto, que posuirá título de doutor/a, con vinculación permanente á universidade correspondente.

c) Ningunha persoa investigadora responsable do proxecto poderá ser beneficiaria, en calidade de tal, de axudas para máis dun proxecto segundo esta convocatoria.

d) Ningunha persoa compoñente do equipo de investigación poderá participar simultaneamente en máis de dous proxectos de investigación, ben sexa desta convocatoria ou de calquera das convocatorias para proxectos de investigación subvencionados por organismos públicos.

2.2. Documentación que hai que presentar.

As universidades interesadas en participar nesta convocatoria deberán achegar, por cada equipo investigador que presenten, a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I-B).

b) Relación dos membros do grupo de investigación e dos proxectos en que participen durante o ano 2008, coa súa conformidade.

c) Fotocopia compulsada do DNI de todas as persoas que compoñan o grupo de investigación.

d) Fotocopia compulsada do título e curriculum vitae de todas as persoas que compoñan o grupo de investigación, asinado en cada unha das súas follas.

e) Proxecto memoria, que deberá conter:

-Xustificación do proxecto.

-Obxectivos que se pretenden acadar.

-Área prioritaria en que se enmarca, segundo as recollidas no artigo 2º.

-Metodoloxías e técnicas para utilizar.

-Medios materiais e humanos.

-Cronograma de traballo. Data de inicio e fin do proxecto. A data de remate será, en todo caso, anterior ao 30 de novembro de 2008.

-Orzamento desagregado.

f) Declaración de estar ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma (anexo II).

g) Declaración de non concorrer as causas de exclusión para seren beneficiarios das axudas ou subvencións que sinala o artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo II).

h) Declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin (anexo II).

i) Anexo III cuberto pola persoa que a universidade especificase como responsable do proxecto.

j) Certificación bancaria da conta da cal é titular a entidade beneficiaria, con expresión dos códigos de entidade bancaria e sucursal, número da conta e díxito de control.

2.3. Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes, xunto coa documentación indicada, dirixiranse á Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e presentaranse no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nas delegacións provinciais ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicador do rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2.4. Contía das axudas.

Poderá concederse nesta modalidade un importe máximo de 15.000 euros.

3. Axudas a entidades sen ánimo de lucro e colexios profesionais para a realización de estudos e proxectos de investigación relacionados co obxecto desta orde.

3.1 Requisitos.

Poderán solicitar esta modalidade de axudas as entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas e os colexios profesionais con sede en Galicia que reúnan os seguintes requisitos:

a) Deberán constituírse equipos de traballo integrados por un máximo de 5 persoas, especificando entre elas un/unha coordinador/a-responsable do proxecto.

b) Ningunha entidade ou colexio profesional poderá solicitar financiamento para máis dun proxecto na mesma convocatoria.

c) Ningún/ningunha compoñente do equipo de investigación poderá participar simultaneamente en máis de dous proxectos de investigación, ben sexa desta convocatoria ou de calquera das convocatorias para proxectos de investigación subvencionados por organismos públicos.

3.2. Documentación que hai que presentar.

As entidades ou colexios profesionais interesados en participar nesta convocatoria deberán achegar a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I-C).

b) Fotocopia compulsada do DNI da persoa que asina a solicitude.

c) Relación dos membros do grupo de investigación e dos proxectos en que participen durante o ano 2008, coa súa conformidade.

d) Fotocopia compulsada do DNI e do título e curriculum vitae, asinado en cada unha das súas follas, das persoas que compoñan o equipo de traballo.

e) Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

f) Fotocopia compulsada do número de rexistro que acredite estar legamente inscrito nos rexistros oficiais correspondentes.

g) Proxecto memoria, que deberá conter:

-Xustificación do proxecto.

-Área prioritaria en que se enmarca, segundo as recollidas no artigo 2º.

-Obxectivos que se pretenden acadar.

-Metodoloxías e técnicas para utilizar.

-Medios materiais e humanos.

-Cronograma de traballo. Data de inicio e fin do proxecto. A data de remate será, en todo caso, anterior ao 30 de novembro de 2008.

-Orzamento desagregado.

h) Declaración de estar ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma (anexo II).

i) Declaración de non concorrer as causas de exclusión para seren beneficiarios de axudas ou subvencións que sinala o artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo II).

j) Declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin (anexo II).

k) Anexo III cuberto pola persoa responsable do proxecto.

l) Certificación bancaria da conta da cal é titular a entidade beneficiaria, con expresión dos códigos de entidade bancaria e sucursal, número da conta e díxito de control.

3.3. Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes, xunto coa documentación indicada, dirixiranse á Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e presentaranse no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nas delegacións provinciais ou través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as cales se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicador do Rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3.4. Contía das axudas.

Poderá concederse nesta modalidade un importe máximo de 7.000 euros.

4. Axudas a editoriais para a publicación de estudos, investigacións e outras publicacións sobre temas relacionados coa situación das mulleres.

4.1 Requisitos.

Poderán solicitar esta modalidade de axudas as editoriais, sexan persoas físicas ou persoas xurídicas, que programen a publicación de estudos, investigacións e outras publicacións cun contido enmarcado nalgunha das áreas prioritarias recollidas no artigo 2º desta orde que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter unha experiencia editorial mínima de dous anos ininterrompidos.

b) Os títulos propostos deberán ter unha tirada mínima de 1.000 exemplares e ser primeiras edicións ou ben reedicións de títulos dos cales a súa última edición teña máis de 25 anos.

4.2. Tipos de edicións excluídas.

Queda excluída desta convocatoria a edición das seguintes obras:

a) Novela, poesía e teatro.

b) Libros que vaian publicar institucións públicas.

c) Libros de texto para o ensino, obras de fascículos ou separatas, anuarios e publicacións periódicas.

d) As reimpresións.

4.3. Documentación que hai que presentar.

As editoriais interesadas en participar nesta convocatoria deberán achegar a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I-D).

b) Fotocopia compulsada do DNI se o/a solicitante é unha persoa física.

c) Fotocopia compulsada do CIF se o/a solicitante é unha persoa xurídica.

d) O estudo ou investigación que se vai publicar, tanto en formato papel como en soporte informático.

e) Contrato de edición ou compromiso dos/das titulares do dereito de explotación no caso de non atoparse a obra en réxime de dominio público. No caso de achegar un compromiso asinado co autor ou autora, a editorial deberá remitir o contrato de edición definitivo se resultar beneficiaria da axuda.

f) Número de exemplares.

g) Orzamento desagregado.

h) Declaración de estar ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma (anexo II).

i) Declaración de non concorrer as causas de exclusión para seren beneficiarios de axudas ou subvencións que sinala o artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo II).

j) Declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin (anexo II).

k) Certificación bancaria da conta da cal é titular a persoa ou entidade beneficiaria, con expresión dos códigos de entidade bancaria e sucursal, número da conta e díxito de control.

4.4. Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes, xunto coa documentación indicada, dirixiranse á Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e presentaranse no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nas delegacións provinciais ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicador do rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2008.

4.5. Contía das axudas.

Poderá concederse nesta modalidade un importe máximo de 8.000 euros.

4.6. Todo o relativo ao formato, deseño e demáis aspectos técnicos da publicación deberá contar coa aprobación da Secretaría Xeral da Igualdade, e na publicación deberán figurar as identificacións que estableza a Secretaría Xeral da Igualdade e, en todo caso, incluirá o logotipo corporativo da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar-Secretaría Xeral da Igualdade e do Fondo Social Europeo.

5. Axudas para a organización de xornadas ou congresos relacionados co obxecto desta orde.

5.1. Requisitos.

Poderán solicitar esta modalidade de axudas as entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas e as universidades, todas elas con sede en Galicia, que programen a realización de xornadas ou congresos cun contido enmarcado nalgunha das áreas prioritarias recollidas no artigo 2º desta orde.

5.2. Documentación que hai que presentar.

As entidades e universidades interesadas en participar nesta convocatoria deberán achegar a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I-E).

b) Fotocopia compulsada do CIF.

c) Fotocopia compulsada do número de rexistro que acredite estar legamente inscrito nos rexistros oficiais correspondentes, se é o caso.

d) Programa da xornada ou congreso, tanto en formato papel como en soporte informático.

e) Documentación que acredite a asistencia e participación de, cando menos, o 50% dos/as relatores/as que intervirán na xornada ou congreso.

f) Participantes a que se dirixe.

g) Orzamento desagregado da xornada ou congreso.

h) Declaración de estar ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma (anexo II).

i) Declaración de non concorrer as causas de exclusión para seren beneficiarios de axudas ou subvencións que sinala o artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo II).

j) Declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin (anexo II).

k) Certificación bancaria da conta da cal é titular a entidade ou universidade beneficiaria, con expresión dos códigos de entidade bancaria e sucursal, número da conta e díxito de control.

5.3. Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes, xunto coa documentación, dirixiranse á Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e presentaranse no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nas delegacións provinciais ou través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicador do Rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2008.

5.4. Contía das axudas.

Poderá concederse nesta modalidade un importe máximo de 6.000 euros.

5.5. O material que se elabore para a xornada ou congreso deberá contar coa aprobación da Secretaría Xeral da Igualdade, nel deberán figurar as identificacións que estableza a Secretaría Xeral da Igualdade e, en todo caso, incluirá o logotipo corporativo da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar-Secretaría Xeral da Igualdade.

Artigo 7º.-Instrución.

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade.

2. Se a documentación presentada non cumprirse os requisitos exixidos na convocatoria, requirirase a persoa ou entidade interesada para que, no prazo máximo e improrrogable de dez días, emende as faltas ou remita a documentación requirida. De non facelo así, terase por desistido da súa solicitude e procederase conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes consonte os criterios de valoración recollidos no artigo 8º, o órgano instrutor emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

4. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, manifestaráselles ás persoas/entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

5. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo/a interesado/a.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

1. A valoración das solicitudes presentadas será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

Presidenta: a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero ou a persoa en que delegue.

Vogais: a subdirectora xeral de Promoción da Igualdade.

A xefa do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas.

A xefa do Servizo de Análise e Coordinación das Políticas de Igualdade.

Secretaria/o: unha/un funcionaria/o da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Calidade do proxecto, estudo ou actividade, analizada a través da claridade na súa presentación, nos obxectivos e na metodoloxía que se van empregar e da súa viabilidade en función deses obxectivos e do calendario e orzamento presentados: 30 puntos.

b) Interese da materia obxecto de estudo ou investigación ou da actividade programada: 20 puntos.

c) Aplicación práctica do proxecto: 20 puntos.

d) Nivel de resposta a demandas sociais ou institucionais: 20 puntos.

e) Autoría feminina dos estudos ou proxectos: 5 puntos.

f) Memoria, publicación ou programa, segundo o caso, en lingua galega: 5 puntos.

3. No caso das axudas previstas no artigo 6º.4 aplicaranse soamente os criterios contidos nas alíneas a), b), e) e f) do punto 2. A puntuación axustarase proporcionalmente de xeito que a puntuación máxima total alcance os 100 puntos.

4. No caso das axudas contempladas no artigo 6º.5 aplicaranse unicamente os criterios das alíneas a), b) e f) do punto 2 deste artigo. A puntuación axustarase proporcionalmente de xeito que a puntuación máxima total alcance os 100 puntos.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A secretaria xeral da Igualdade, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, á vista das valoracións efectuadas pola Comisión de Valoración e recollidas na acta da reunión, ditará a resolución de concesión ou denegación das bolsas e axudas solicitadas.

2. A resolución seralles notificada aos interesados, os cales, de resultar beneficiarios da bolsa ou axuda, disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

3. A resolución ditarase no prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Postestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderase interpor recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Forma de pagamento.

1. O pagamento das bolsas e axudas previstas nesta orde efectuarase unha vez realizada a actividade ou actividades e xustificados correctamente os gastos realizados segundo o artigo 13 desta orde e do previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non se poderá facer en ningún caso o pagamento da subvención en tanto a persoa ou entidade beneficiaria non figure ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera outro concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

3. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria.

Artigo 12º.-Gastos subvencionables.

1. Coa excepción das bolsas previstas no artigo 6º.1 desta orde, terán a consideración de subvencionables aqueles gastos correntes que de xeito indubidable respondan á natureza da actuación. En particular, serán obxecto de subvención os seguintes gastos:

a) Gastos de apoio nas actividades vinculadas ao proxecto, tales como realización de enquisas, traballos de campo e outros, por un importe máximo do 25% da subvención, nos supostos previstos nos artigos 6º.2 e 6º.3.

b) Gastos asociados á participación dos relatores na xornada ou congreso, no suposto do artigo 6º.5.

c) Material bibliográfico.

d) Material funxible.

e) Gastos de corrección de textos, maquetacións e impresión.

f) Axudas de custo e viaxes vinculados ao desenvolvemento da actividade.

g) Outros gastos (alugamentos, seguros de responsabilidade civil, luz, auga...).

2. Non se poderá imputar o 100% da subvención a un só dos conceptos detallados no punto anterior.

3. Non serán subvencionables en ningún caso as retribucións do persoal vinculado estatutaria ou contractualmente coas entidades solicitantes.

Artigo 13º.-Xustificación.

1. Dentro do mes seguinte á finalización do proxecto e, en todo caso, antes do 30 de novembro de 2008, a persoa ou entidade beneficiaria presentará a seguinte documentación:

1.1. No caso das bolsas previstas no artigo 6º.1 da orde:

a) O estudo ou proxecto de investigación definitivo en soporte papel e en soporte informático.

b) Declaración complementaria de axudas (anexo II).

1.2. No caso das axudas previstas nos artigos 6º.2, 6º.3, 6º.4 e 6º.5 da orde:

a) O estudo ou proxecto de investigación definitivo, a publicación realizada ou o programa da xornada ou congreso, segundo o caso. Todos eles presentarase tanto en soporte papel como en soporte informático.

b) Memoria de execución do proxecto ou da actividade, asinada pola persoa responsable, que deberá considerar como mínimo: descrición das actividades desenvolvidas, valoración do cumprimento dos obxectivos e valoración global do proxecto.

c) Certificación de gastos realizados (anexo IV), acompañada de facturas orixinais ou documentos con valor probatorio equivalente no tráfico xurídico. Os xustificantes orixinais presentados marcaranse cun selo, en que se indicará a subvención para a cal foron presentados e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención.

d) Cando a actividade subvencionada for financiada ademais con fondos propios ou outras subvencións ou recursos deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos á actividade subvencionada.

e) Certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria que acredite que a/o adxudicataria/o da subvención está ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias, agás no caso das entidades exentas da súa presentación segundo o establecido no artigo 45 da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

f) Certificación expedida polas entidades xestoras da Seguridade Social de estar ao día do cumprimento das obrigas en materia de Seguridade Social, agás no caso das entidades exentas da súa presentación segundo o establecido no artigo 45 da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

g) Certificación da Dirección Xeral Tributos da Consellería de Economía e Facenda que acredite non ter débedas coa comunidade autónoma, agás no caso das entidades exentas da súa presentación segundo o establecido no artigo 45 da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

h) Declaración complementaria de axudas (anexo II).

i) No suposto do artigo 6º.5, mostra da totalidade do material elaborado con cargo á subvención e imputable a esta, en que deberá figurar a identificación que estableza a Secretaría Xeral da Igualdade e, en todo caso, incluirá o logotipo da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar-Secretaría Xeral da Igualdade.

2. Os materiais escritos, gráficos ou en calquera outro soporte que se elaboren con cargo a esta orde deberán estar en lingua galega. Se é preciso elaboralos en máis dunha lingua, o galego ocupará o lugar ou a posición preferente.

3. Os órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar poderán solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que consideren convenientes. No caso de que a persoa ou entidade beneficiaria non os remitise dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.

Artigo 14º.-Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das axudas.

Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

1. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e do disposto nesta orde.

2. Someterse ás actuacións de comprobación que puidese realizar o órgano concedente da subvención, así como a calquera outra forma de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, facilitando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación ten que efectuarse tan axiña como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Non divulgar os avances da investigación a través de publicacións ou outros medios antes da entrega da correspondente memoria final, salvo autorización expresa da Secretaría Xeral da Igualdade.

A propiedade intelectual dos documentos e traballos que se elaboren será compartida entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a persoa ou entidade autora daqueles.

5. A persoa ou entidade beneficiaria terá a obriga de publicitar a subvención concedida en toda actividade subvencionada durante a realización desta, así como nos anuncios e programas previos, de ser o caso, á súa realización. Así mesmo debera facer constar en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen que as actividades foron subvencionadas pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar-Secretaría Xeral da Igualdade. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Igualdade proba documental do cumprimento desta obriga.

6. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 15º.-Normativa aplicable.

En todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto para esta materia na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia no que non se opoña á citada lei, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que aproba o regulamento da Lei 38/2003, e demais normativa de aplicación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar na secretaria xeral da Igualdade para resolver a concesión, denegación, modificación e demais actuacións derivadas desta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-As subvencións concedidas serán publicadas nos termos previstos no artigo 15.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Se é o caso, a entidade beneficiaria autoriza a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a incluír e facer público nos rexistros de axudas, subvencións, e convenios e de sancións regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos á axuda recibida así como ás sancións impostas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Secretaría Xeral da Igualdade para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago Compostela, 4 de abril de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "07400D001P008.PDF"