DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Martes, 15 de abril de 2008 Páx. 6.495

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

DECRETO 70/2008, do 27 de marzo, sobre distribución de competencias entre os órganos da Administración autonómica galega para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector.

O artigo 48.5º do texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado mediante Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto (RCL 2000, 1804, 2136), dispón que o exercicio da potestade sancionadora respecto das infraccións da orde social, cando lle corresponda á Administración das comunidades autónomas con competencia en materia de execución da lexislación da orde social, exercerano os órganos cos límites de distribución que determine cada comunidade autónoma. Este real decreto foi actualizado en canto á contía das sancións polo Real decreto 306/2007, do 2 de marzo.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 29.1º, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, competencias e servizos que neste ámbito, e a nivel de execución, lle corresponden ao Estado respecto ás relacións laborais, sen prexuízo da alta inspección deste. É sendo unha das materias integradas na mencionada función executiva a correspondente á imposición de sancións por infraccións na orde social.

Esta competencia de execución foi traspasada á Comunidade Autónoma por Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de traballo.

Ao amparo do anterior, e conforme a normativa substantiva, procedemental e orgánica vixente, ditouse o Decreto 376/1996, do 17 de outubro, sobre distribución de competencias entre os órganos da Xunta para a imposición de sancións por infraccións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector.

Porén, desde entón, producíronse varias modificacións que afectaron tanto a organización da Xunta de Galicia coma a normativa reguladora das infraccións na orde social e que determinaron a aprobación do Decreto 211/2003, do 3 de abril, polo que se levou a cabo a nova distribución da potestade sancionadora en materia laboral e social entre distintos órganos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Novas modificacións producidas tras o decreto sinalado volven aconsellar a modificación da normativa de que se trata. Así, a entrada en vigor do Real decreto 306/2007, do 2 de marzo, que actualiza as contías das sancións establecidas no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións.

E tamén a reestruturación orgánica levada a cabo polo Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, modificado polo Decreto 20/2007, do 22 de febreiro, e polo Decreto 14/2008, do 7 de febreiro.

Polo que resulta oportuno revisar a inicial distribución e acomodar as competencias para a imposición de sancións por infraccións na orde social á dos distintos órganos que actualmente teñen as distintas competencias na orde social.

En consecuencia, tras o ditame do Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta do conselleiro de Traballo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de marzo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Materias e competencias.

O coñecemento das infraccións nas materias laborais e de prevención de riscos laborais e por obstrución ao labor inspector no ámbito competencial substantivo da Comunidade Autónoma de Galicia corresponderalle á Consellería de Traballo, e conforme a distribución competencial establecida neste decreto, en virtude de acta levantada pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e mediante a tramitación do correspondente procedemento.

Son infraccións laborais as accións ou omisións dos/as empresarios/as contrarias ás normas legais, regulamentarias e cláusulas normativas dos convenios colectivos en materia de relacións laborais, tanto individuais como colectivas, de colocación, emprego, formación profesional ocupacional e formación profesional continua e de traballo temporal, tipificadas e sancionadas de conformidade co texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado mediante Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto. Así mesmo, terán esta consideración as demais accións ou omisións dos suxeitos responsables e nas materias que se regulan no capítulo II do citado Real decreto lexislativo 5/2000.

Son infraccións laborais en materia de prevención de riscos laborais as accións ou omisións dos diferentes suxeitos responsables que incumpran as normas legais, regulamentarias e cláusulas normativas dos convenios colectivos en materia de seguridade e saúde no traballo suxeitas a responsabilidade conforme a antedita Lei 5/2000.

Artigo 2º.-Competencias sancionadoras.

1. A competencia para sancionar as infraccións en materia laboral e obstrución á actividade inspectora a que se refire a sección primeira, terceira e cuarta do capítulo II do texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado mediante Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, por proposta da Inspección de Traballo e Seguridade Social, corresponderalles:

a) Ás persoas titulares das delegacións provinciais da Consellería de Traballo, ata 12.500 euros.

b) Á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, ata 62.500 euros.

c) Á persoa titular da Consellería de Traballo, ata 125.000 euros.

d) Ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Traballo, ata 187.515 euros.

2. A competencia para sancionar as infraccións en materia de prevención de riscos laborais, a que se refire a sección segunda do capítulo II do texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado mediante Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, por proposta da Inspección de Traballo e Seguridade Social, corresponderalles:

a) Ás persoas titulares das delegacións provinciais da Consellería de Traballo, ata 40.985 euros.

b) Á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, ata 123.000 euros.

c) Á persoa titular da Consellería de Traballo, ata 409.900 euros.

d) Ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Traballo, ata 819.780 euros.

3. A competencia para sancionar as infraccións en materia de cooperativas, de conformidade co disposto no artigo 139.5º da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, por proposta da Inspección de Traballo e Seguridade Social, corresponderalles:

a) Ás persoas titulares das delegacións provinciais da Consellería de Traballo, ata 6.010,12 euros, cando a cooperativa figure inscrita nos correspondentes rexistros provinciais.

b) Á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, ata 18.030,36 euros.

c) Á persoa titular da Consellería de Traballo, ata 30.050,61 euros.

Artigo 3º.-Determinación do órgano competente.

1. Para a determinación do órgano competente para a imposición das sancións correspondentes, en cada caso, terase en conta a contía proposta pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, a través da acta levantada para o efecto.

2. Nos supostos de pluralidade de infraccións correspondentes á mesma materia nun único expediente sancionador, será órgano competente para impoñer a sanción pola totalidade das devanditas infraccións o que o sexa para impoñer a de maior contía.

Artigo 4º.-Suspensión de actividades de empresas de traballo temporal.

Será competente para resolver a persoa titular da Consellería de Traballo nos supostos de reincidencia da empresa de traballo temporal na comisión de infraccións tipificadas como moi graves, no artigo 18 do texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, cando o procedemento sancionador leve aparellada a proposta de suspensión de actividades, conforme o previsto no artigo 41.3º da mesma norma.

Artigo 5º.-Suspensión ou peche do centro de traballo.

O Consello da Xunta de Galicia, cando concorran circunstancias de especial gravidade nas infraccións en materia de seguridade e saúde no traballo, poderá acordar a suspensión das actividades laborais por un tempo determinado ou, no caso extremo, o peche do centro de traballo correspondente, sen prexuízo, en todo caso, do pagamento do salario ou das indemnizacións que procedan e das medidas que se poidan arbitrar para a súa garantía, de acordo co establecido no artigo 53 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 6º.-Recurso de alzada.

As resolucións ditadas polos delegados provinciais da Consellería de Traballo poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais. As resolucións ditadas polo/a director/a xeral de Relacións Laborais poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Traballo. As resolucións ditadas polo/a conselleiro/a de Traballo esgotan a vía administrativa.

Disposición transitoria

Aos procedementos sancionadores en tramitación, iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, seralles de aplicación o disposto na normativa legal vixente no momento da súa iniciación.

Disposición adicional

En materia de minas, canteiras e túneles que exixan a aplicación de técnica mineira, a competencia para impoñer sanción en materia de prevención de riscos laborais corresponderalles aos órganos competentes en materia de minas, segundo a súa normativa específica.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de inferior ou igual rango que se opoñan a este decreto e, en especial, o Decreto 211/2003, do 3 de abril.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de marzo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo