DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Luns, 14 de abril de 2008 Páx. 6.415

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 7 de abril de 2008 pola que se regula a composición e o funcionamento do Comité Asesor de Habitabilidade.

Entre as actuacións máis innovadoras previstas no Decreto 262/2007, do 20 de decembro, polo que se aproban as normas do hábitat galego, encóntrase a creación dunha infraestrutura básica en materia de habitabilidade como é o Comité Asesor de Habitabilidade, cuxa finalidade esencial é facilitar a súa implantación no conxunto da comunidade autónoma de xeito homoxéneo polo que, ademais de responsabilizarse de facer un seguimento da correcta aplicación das normas do hábitat, terá un papel importante no asesoramento e interpretación da citada normativa.

Así mesmo, dado o seu carácter participativo, integraranse nel os axentes da edificación máis significativos na materia e máis concretamente os usuarios das edificacións residenciais, tendo en conta que as normativas desta natureza buscan a máxima satisfacción destes e o seu compromiso no mantemento da calidade da vivenda ao longo do tempo.

Así mesmo, e tendo en conta o papel destacado que terá o Comité Asesor de Habitabilidade na implantación dos programas de innovación tipolóxica e construtiva, así como no establecemento das directrices básicas que deberán preverse na elaboración dos anexos de habitabilidade dos plans especiais de protección, permitiranlle xogar un papel importante nas tarefas de actualización e mellora constante dunha habitabilidade máis racional e sustentable.

Tendo en conta que o artigo 5 e disposición derradeira primeira, do Decreto 262/2007, do 20 de decembro, polo que se aproban as normas do hábitat galego, prevé o desenvolvemento do Comité Asesor de Habitabilidade pola Consellería de Vivenda e Solo, por proposta da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda e en virtude das atribucións que me outorga o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza.

1. O Comité Asesor de Habitabilidade creado no artigo 5 do Decreto 262/2007, do 20 de decembro, polo que se aproban as normas do hábitat galego, é un órgano consultivo, adscrito á consellería con competencias en materia de vivenda, para os asuntos referentes á habitabilidade das vivendas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A consulta ao comité será preceptiva cando unha norma así o prevexa e facultativa nos demais casos.

Os seus acordos non serán vinculantes, salvo que a normativa vixente estableza expresamente o contrario.

3. As resolucións e demais actos da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda sobre asuntos en que teña intervido o comité expresarán se son acordados consonte o informe do Comité Asesor de Habitabilidade ou se apartan del, mediante o uso das fórmulas de acordo co Comité Asesor da Habitabilidade, ou ben oído o Comité Asesor de Habitabilidade respectivamente. Neste último caso deberá motivarse suficientemente.

Artigo 2º.-Adscrición.

1. O Comité Asesor de Habitabilidade estará adscrito á consellería con competencias en materia de vivenda, que o dotará dos medios persoais e materiais necesarios para o seu funcionamento, e dependerá funcionalmente da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.

2. O comité actuará con autonomía no exercicio das súas funcións, de acordo coas normas establecidas nesta orde e no capítulo II, título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º.-Funcións.

1. O Comité Asesor de Habitabilidade exercerá as seguintes funcións con carácter xeral:

1.1. Emisión de informes, ditames e calquera outro tipo de pronunciamento, por requirimento da consellería con competencias en materia de vivenda, nas materias de habitabilidade.

1.2. Establecer as bases para o seguimento da correcta aplicación das normas do hábitat galego.

1.3. Emitir informe sobre os criterios de interpretación das normas do hábitat galego, de oficio ou por requirimento dos concellos.

2. Corresponderalle ao Comité Asesor de Habitabilidade a emisión de informe con carácter previo e preceptivo nos seguintes supostos:

2.1. Emitir informe sobre o cumprimento do punto III.1 das normas do hábitat galego dos plans especiais de protección co anexo de habitabilidade regulado no artigo 15 do Decreto 262/2007, do 20 de decembro, polo que se aproban as normas do hábitat galego.

2.2. Establecer as bases e directrices dos concursos públicos para o desenvolvemento dos programas de innovación tipolóxica e construtiva prevista no artigo 10.2º do Decreto 262/2007, do 20 de decembro, polo que se aproban as normas do hábitat galego.

3. A Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda poderá someter a consideración do Comité Asesor de Habitabilidade calquera outro asunto relacionado coa mellora na aplicación e desenvolvemento das normas do hábitat galego (NHG).

Artigo 4º.-Composición.

O Comité Asesor de Habitabilidade está integrado polos seguintes membros, con voz e voto:

a) Presidente/a.

b) Vicepresidente/a.

c) Vogais.

Con voz pero sen voto:

d) Secretario/a.

Artigo 5º.-Presidencia.

1. A Presidencia do Comité Asesor de Habitabilidade será exercida polo/a titular da Secretaría Xeral da Consellería de Vivenda e Solo.

2. Correspóndelle á Presidencia do comité, ademais das funcións enumeradas no número 1º do artigo 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a de dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

3. En caso de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o presidente ou presidenta do comité será substituído/a polo vicepresidente ou vicepresidenta.

Artigo 6º.-Vicepresidencia.

1. A Vicepresidencia do Comité Asesor de Habitabilidade será exercida polo/a titular da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.

2. Correspóndelle ao vicepresidente ou vicepresidenta do comité, auxiliar o presidente ou presidenta no exercicio das súas funcións e realizar cantas outras lle sexan especificamente encomendadas por aquel.

3. Nos casos de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o vicepresidente ou vicepresidenta do Comité Asesor de Habitabilidade será substituído polo/a titular da Subdirección Xeral de Habitabilidade e Calidade na Edificación.

Artigo 7º.-Vogais.

1. O Comité Asesor de Habitabilidade contará cos seguintes vogais:

a) O/A titular da Subdirección Xeral de Habitabilidade e Calidade na Edificación da Consellería de Vivenda e Solo.

b) O/A titular do Servizo Xurídico da Consellería de Vivenda e Solo.

c) Un representante do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).

d) Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

e) Un representante da Federación de Promotores de Galicia (Feproga).

f) Un representante do Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

g) Un arquitecto de recoñecido prestixio e coñecemento en materia de habitabilidade, designado polo titular da consellería con competencias en vivenda.

2. O nomeamento e cesamento dos vogais e dos seus respectivos suplentes, membros do Comité Asesor de Habitabilidade (COAH) que non sexan por razón dos seus cargos, correspóndelle ao titular da consellería con competencias en materia de vivenda, por proposta das entidades e órganos citados.

3. Con excepción dos vogais a que fai referencia o punto 1 deste artigo nas alíneas a) e b) , o cargo de vogal do Comité Asesor de Habitabilidade terá unha duración de catro anos (4) computados desde a data da súa designación. Transcorrido o dito prazo, os nomeamentos renovaranse automaticamente, salvo resolución expresa en contrario.

4. O titular da consellería con competencias en materia de vivenda poderá cesar os membros do comité polas seguintes causas:

a) Renuncia.

b) Condena por delito en virtude de sentenza firme.

c) Incapacidade declarada por decisión xudicial firme.

d) Por petición da entidade ou órgano que propuxo o nomeamento.

e) Incumprimento grave dos seus deberes.

5. No caso de que se produzan vacantes entre os vogais do comité por causa de defunción, incapacidade ou cesamento, pola entidade ou organismo que representen, propoñerase unha nova designación polo período que restase, dentro do prazo dun mes desde que se producise o feito causante.

6. Os vogais do Comité Asesor de Habitabilidade non se poderán atribuír as funcións de representación del, salvo que se lles outorgasen expresamente mediante acordo validamente adoptado, para cada caso concreto, polo propio comité.

7. Serán motivos de abstención e recusación dos membros do Comité Asesor de Habitabilidade os previstos con carácter xeral na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. Os membros do comité e mais o secretario terán dereito a percibir unha indemnización en concepto de axudas de custo de acordo coa normativa xeral da Xunta de Galicia.

Artigo 8º.-A Secretaría.

1. A Secretaría do Comité Asesor de Habitabilidade será exercida polo/a titular da Xefatura de Servizo de Arquitectura e Habitabilidade, que actuará con voz pero sen voto.

2. Correspóndelle á secretaría do Comité Asesor de Habitabilidade as funcións establecidas no artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Nos casos de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o secretario ou secretaria do comité será suplido temporalmente por un funcionario ou funcionaria da consellería con competencias en materia de vivenda designado polo titular da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.

Artigo 9º.-Normas de funcionamento.

1. Ás sesións do Comité Asesor de Habitabilidade asistirán o presidente ou presidenta, o vicepresidente ou a vicepresidenta, os/as vogais e o secretario ou secretaria, ou quen os substitúan.

2. Así mesmo, poderán ser convocadas ás sesións, con voz pero sen voto, as persoas que polas súas actividades, coñecementos ou experiencia, se consideren convenientes para a resolución dos asuntos a tratar.

3. Os asuntos sometidos a ditame do Comité Asesor de Habitabilidade irán acompañados dos informes técnicos necesarios para a súa correcta resolución. Este informes serán elaborados con carácter ordinario por persoal técnico ao servizo de consellería con competencia en materia de habitabilidade que poderán asistir ás sesións en calidade de relatores, con voz e sen voto.

4. Así mesmo, o comité poderá encargar a realización dos ditos informes a persoas especializadas, coa finalidade de garantir unha maior eficacia.

Ademais, poderá solicitar, a través da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, o asesoramento legal da Asesoría Xurídica da consellería con competencia en materia de vivenda, co propósito de asegurar a correcta aplicación da normativa vixente.

Artigo 10º.-Desenvolvemento das sesións.

1. O Comité Asesor de Habitabilidade reunirase en sesións ordinarias e extraordinarias, en primeira ou segunda convocatoria. As sesións ordinarias celebraranse unha vez ao mes, agás en agosto. As sesións extraordinarias serán convocadas pola presidencia do comité, por propia iniciativa ou por solicitude da metade dos seus membros, caso no que os asuntos que motivaron a dita petición serán incluídos na orde do día da reunión.

2. A válida constitución do comité requirirá, en primeira convocatoria, a asistencia de todos os seus membros, e en segunda convocatoria, a presenza de, polo menos, a metade deles. Entre eles, necesariamente, deberá asistir o presidente ou presidenta do comité ou, se for o caso, quen o substitúa. Así mesmo, será precisa a presenza do secretario ou secretaria ou de quen o substitúa.

Entenderase producida con carácter automático a segunda convocatoria transcorrida media hora da primeira.

3. Para a válida adopción dos acordos requirirase a maioría simple dos votos dos asistentes ás sesión con dereito a voto.

4. As convocatorias das sesións cursaranse por escrito, cunha anticipación mínima de corenta e oito horas, e irán acompañadas da orde do día correspondente e da acta da sesión anterior para os efectos da súa aprobación, de ser esta procedente.

Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, a non ser que estean presentes os dous terzos dos membros do comité e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 11º.-Tramitación dos expedientes.

Para admitir un expediente para os efectos do seu exame, informe ou ditame polo Comité Asesor de Habitabilidade, será necesaria a presentación da documentación prevista no Decreto 262/2007, do 20 de decembro, polo que se aproban as normas do hábitat galego e no seu caso segundo o previsto no disposto nas resolucións da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda que se diten en razón da materia.

Artigo 12º.-Presentación de solicitudes.

Os concellos de Galicia poderán presentar solicitudes de asesoramento sobre os criterios interpretativos das normas do hábitat galego ante a Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda ás que achegarán os informes técnicos e urbanísticos necesarios para ser examinadas polo Comité Asesor de Habitabilidade.

Artigo 13º.-Corrección e mellora de solicitudes.

Se a solicitude de asesoramento sometida á consideración do comité non reunise os requisitos a que se refire o artigo anterior ou os exixidos na normativa vixente, requirirase o interesado para que corrixa a falta ou achegue os documentos preceptivos no prazo máximo dun mes desde a súa notificación coa advertencia de que, de non facelo así, entenderase por desistido da súa solicitude, logo da correspondente resolución.

Artigo 14º.-Prazo para a toma de decisións.

Os informes do Comité Asesor de Habitabilidade deberán ditarse no prazo máximo de tres meses desde a presentación da documentación preceptiva, ou desde que o interesado presente a que lle fose solicitada mediante requirimento da corrección ou mellora.

Disposicións adicionais

Primeira.-O Comité Asesor de Habitabilidade constituirase no prazo dun mes contado desde a entrada en vigor desta orde.

Segunda.-As entidades e organismos a quen corresponda propoñer a designación de representantes no Comité Asesor de Habitabilidade deberán comunicar a súa proposta á consellería con competencia en materia de vivenda no prazo dun mes desde o día de entrada en vigor desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda para ditar cantas actos ou medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Respecto do non previsto nesta orde observarase o establecido pola Lei 0/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo