DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Venres, 11 de abril de 2008 Páx. 6.313

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 65/2008, do 27 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Escola Galega de Administración Pública.

Pola Lei 4/1987, do 27 de maio, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, creouse a Escola Galega de Administración Pública como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Presidencia. Esta lei foi desenvolvida regulamentariamente mediante o Decreto 306/1990, do 24 de maio. Pola súa parte, para o cumprimento das súas funcións, por medio do Decreto 336/1990, do 8 de xuño, desenvolveuse a estrutura orgánica da Escola Galega de Administración Pública.

Non obstante, o exercicio práctico das competencias e das funcións atribuídas aos diferentes servizos da Escola aconsella modificar aquela estrutura distribuíndo as funcións dun xeito máis racional para así acadar a máxima eficacia no seu desenvolvemento. Así mesmo, dado o tempo transcorrido desde a entrada en vigor do Decreto 336/1990, é preciso acomodar a estrutura orgánica que nel se establece ás novas necesidades xurdidas co fin de atender mellor ás funcións e competencias atribuídas á Escola.

Así, mediante este decreto modifícase a dependencia de todos os servizos e unidades da Escola, que pasan a depender directamente do/da secretario/a xeral.

Defínense con maior precisión e detalle as funcións das diferentes unidades administrativas en que se organiza a Escola; así mesmo, inclúense como novas funcións do/da secretario/a xeral todas as relativas á organización e á xestión das recentes liñas de formación baseadas no uso das novas tecnoloxías e o desenvolvemento de proxectos formativos innovadores.

Por último, para o cumprimento dunha das misións fundacionais da Escola (a investigación e estudo no ámbito da Administración pública) existirá unha unidade de investigación social con categoría de subdirección xeral.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tras o informe favorable da Consellería de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de marzo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Órganos reitores.

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) é un organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito organicamente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que se estrutura nos dous seguintes órganos reitores cuxas funcións veñen reguladas na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo:

1. O Consello Reitor.

2. A Dirección.

Artigo 2º.-O/a secretario/a xeral.

Baixo a dependencia do/da director/a da EGAP haberá un/unha secretario/a xeral, con rango de subdirector/a xeral, ao/á que lle corresponden as seguintes atribucións:

a) Desempeñar a secretaría do Consello Reitor.

b) Preparar os anteproxectos do plan anual de actividades e a memoria anual sobre as actuacións da Escola, as contas e o borrador do anteproxecto do orzamento da entidade.

c) Xestionar, baixo a dirección do/da director/a, o plan anual de actividades e o orzamento.

d) Administrar e xestionar o patrimonio e os recursos económicos da Escola.

e) Xestionar e supervisar a contratación administrativa.

f) Levar a cabo o asesoramento xurídico e financeiro e os informes que lle solicite o/a director/a.

g) Dirixir e organizar o persoal ao servizo da Escola.

h) Xestionar os asuntos de réxime interior, rexistro, documentación administrativa, arquivo e inventario.

i) Supervisar a elaboración dos anteproxectos de disposicións, das instrucións, das circulares e dos procedementos de xestión.

j) Coordinar e inspeccionar os servizos e unidades da Escola e ditar as disposicións, as instrucións e as circulares de funcionamento e comunicación entre os diferentes servizos do organismo.

k) Propoñer, planificar e avaliar proxectos formativos innovadores dirixidos aos empregados públicos.

l) Avaliar a calidade das actividades formativas desenvolvidas na Escola.

m) Propoñer e planificar actividades formativas de carácter transversal dirixidas aos empregados públicos das administracións públicas galegas servíndose das metodoloxías de formación non-presencial que se convoquen a través da Escola.

n) Planificar e impulsar os sistemas de información do organismo.

o) Velar polo cumprimento da normativa sobre o tratamento de datos de carácter persoal, con especial referencia á implantación, revisión e auditoría dos documentos de seguridade exixibles no eido xeral da Escola.

p) Substituír o/a director/a nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade.

q) Exercer calquera outra competencia que lle delegue o/a director/a.

Artigo 3º.-Unidades organizativas básicas.

Para o desempeño das súas funcións e o cumprimento dos seus fins, a EGAP estrutúrase nas seguintes unidades organizativas básicas dependentes orgánica e funcionalmente do/da secretario/a xeral da Escola:

a) Servizo Económico-Administrativo.

b) Servizo de Selección, Formación, Perfeccionamento e Especialización do Persoal da Administración Autonómica.

c) Servizo de Selección, Formación, Perfeccionamento e Especialización do Persoal ao Servizo da Administración Local e doutras Administracións.

d) Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións.

e) Unidade de Investigación Social.

Artigo 4º.-O Servizo Económico-Administrativo.

Ao Servizo Económico-Administrativo correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) A elaboración do borrador do anteproxecto de orzamentos da Escola.

b) A execución e o control do orzamento, a tramitación das súas modificacións, a xestión económico-administrativa dos créditos orzamentarios e a xustificación das contas xerais.

c) A habilitación de pagamentos e a adquisición, a xestión e o control de medios materiais para o funcionamento ordinario do organismo.

d) A xestión e o mantemento das aulas e das demais instalacións da Escola.

e) A xestión de expedientes de contratación administrativa.

f) A xestión do persoal, do réxime interno, a coordinación dos procedementos administrativos e dos sistemas de calidade internos.

g) A xestión de nóminas do persoal da Escola.

h) O exercicio de cantas funcións lle encomende o/a secretario/a xeral.

Artigo 5º.-O Servizo de Selección, Formación, Perfeccionamento e Especialización do Persoal da Administración Autonómica.

Ao Servizo de Selección, Formación, Perfeccionamento e Especialización do Persoal da Administración Autonómica corresponderalle realizar as seguintes funcións:

a) Elaborar a proposta do plan de formación anual do persoal ao servizo da Administración autonómica, con excepción do persoal docente e sanitario.

b) O coñecemento, coordinación e seguimento dos diferentes plans de formación continua dirixidos aos empregados da Xunta de Galicia.

c) Xestionar e organizar as actividades formativas derivadas do plan de formación anual da Escola dirixidas aos empregados da Administración pública galega.

d) Implantar procesos de mellora continua da formación no ámbito da Administración pública galega.

e) Elaborar e tramitar convenios de colaboración con outras entidades e outros órganos da Administración autonómica en materia de formación e xestionar as actividades derivadas deles.

f) Xestionar os procesos de recoñecemento e homologación de títulos correspondentes a actividades formativas realizadas por outros centros e dirixidas ao persoal da Administración autonómica galega.

g) Propoñer a elección do profesorado e a selección do alumnado nas actividades formativas da Escola dirixidas ao persoal ao servizo da Administración autonómica galega.

h) Colaborar cos órganos competentes en materia de función pública na selección do persoal ao servizo da Xunta de Galicia, con excepción do persoal docente e sanitario, de acordo co disposto na normativa estatal e autonómica respecto desta materia.

i) Organizar os cursos selectivos de formación e os cursos complementarios de formación de carácter non-selectivo vinculados a procesos de selección de persoal da Administración pública galega, coa excepción do persoal docente e sanitario.

j) Exercer cantas funcións relacionadas coas anteriores lle encomende o/a secretario/a xeral.

Artigo 6º.-Servizo de Selección, Formación, Perfeccionamento e Especialización do Persoal ao Servizo da Administración Local e doutras Administracións.

Ao Servizo de Selección, Formación, Perfeccionamento e Especialización do Persoal ao Servizo da Administración Local e doutras Administracións corresponderalle realizar as seguintes funcións:

a) Elaborar a proposta do plan de formación anual do persoal ao servizo da Administración local de Galicia e doutras administracións.

b) O coñecemento e seguimento dos distintos plans de formación e perfeccionamento dirixidos aos empregados da Administración local e doutras administracións de Galicia.

c) Xestionar e organizar as actividades formativas derivadas do plan de formación anual da Escola dirixidas aos empregados da Administración local e doutras administracións de Galicia.

d) Asesorar os entes locais de Galicia e cooperar con eles en materia de formación e noutros aspectos relacionados.

e) Elaborar e tramitar convenios de colaboración coas entidades locais de Galicia e con outras administracións en materia de formación e xestionar as actividades derivadas destes acordos.

f) Xestionar os procesos de recoñecemento e homologación dos títulos correspondentes a actividades formativas realizadas por outros centros e destinadas ao persoal da Administración local e doutras administracións de Galicia.

g) Propoñer a elección do profesorado e a selección do alumnado nas actividades formativas da Escola dirixidas ao persoal ao servizo da Administración local e doutras administracións de Galicia.

h) Colaborar e asistir nos procesos selectivos para o acceso á condición de funcionario local de corpos de habilitación de carácter nacional, de acordo co disposto na normativa estatal e autonómica nesta materia.

i) Dar soporte técnico e asistir nos procesos selectivos para o acceso á condición de funcionario/a dos entes locais de Galicia sen habilitación de carácter nacional, e organizar os cursos selectivos correspondentes, de acordo cos convenios que se subscriban coas distintas entidades locais.

j) Coordinar a designación dos representantes da Administración autonómica que formen parte dos tribunais que xulguen os procesos selectivos convocados pola Administración local de Galicia, de acordo co que dispoñan as bases das convocatorias.

k) Exercer cantas funcións relacionadas coas anteriores lle encomende o/a secretario/a xeral.

Artigo 7º.-O Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións.

Ao Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións corresponderalle realizar as seguintes funcións:

a) Promover a difusión de estudos, publicacións e actividades relativas ás administracións públicas.

b) Organizar cursos de excelencia, seminarios, congresos, conferencias e xornadas en que se propicie o debate de ideas e propostas sobre as administracións públicas.

c) Preparar e xestionar a convocatoria de bolsas destinadas a fomentar o estudo e a investigación en materias relacionadas co funcionamento da Escola, vinculadas especialmente coa linguaxe administrativa, coa biblioteconomía e a documentación, coas novas tecnoloxías aplicadas á formación e con calquera outra que se considere relevante.

d) Preparar e xestionar a convocatoria de premios destinados a fomentar os estudos e os traballos sobre as administracións públicas.

e) Manter relacións de cooperación e intercambio con outras institucións de interese docente para as actividades da Escola.

f) Xestionar as bases de datos de profesores e profesoras e persoas expertas.

g) Planificar e xestionar o programa editorial, a difusión e publicidade das actividades da Escola e a distribución das publicacións resultantes.

h) Xestionar a biblioteca especializada da Escola, seleccionar e impulsar a política de adquisicións bibliográficas e de xeración de contidos e documentación de relevancia para as administracións públicas.

i) Exercer cantas funcións relacionadas coas anteriores lle encomende o/a secretario/a xeral.

Artigo 8º.-A Unidade de Investigación Social.

Á Unidade de Investigación Social, á fronte da cal haberá un/unha coordinador/a con rango de subdirector/a xeral, corresponderalle realizar as seguintes funcións:

a) Desenvolver investigacións científicas de natureza multidisciplinar sobre as administracións públicas e o sector público.

b) Desenvolver instrumentos que posibiliten coñecer e avaliar o impacto das políticas públicas levadas a cabo pola Administración pública galega sobre a cidadanía.

c) Detectar e analizar as necesidades formativas do persoal ao servizo das administracións públicas.

d) Manter relacións de cooperación e intercambio con outras institucións no ámbito da investigación.

e) Preparar e xestionar a convocatoria de bolsas e axudas destinadas a fomentar o estudo e a investigación en materias relacionadas coas ciencias da Administración.

f) Exercer cantas funcións relacionadas coas anteriores lle encomende o/a secretario/a xeral.

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da modificación da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou contido de subdireccións xerais e servizos existentes con anterioridade, autorízase o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por proposta do secretario xeral, para readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sendo de aplicación o establecido no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 336/1990, do 8 de xuño, polo cal se establece a estrutura orgánica da Escola Galega de Administración Pública, e calquera outra normativa de igual ou inferior rango que se opoña ao establecido neste decreto ou que o contradiga.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de marzo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia,

Administracións Públicas e Xustiza

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE SANIDADE