DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 08 de abril de 2008 Páx. 6.023

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2008, da Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural, pola que se dispón a publicación do acordo entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para a encomenda a Agader da execución de certas actuacións propias da autoridade de xestión do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013.

A Consellería do Medio Rural e Agader subscribiron, con data 10 de marzo de 2008, un acordo polo que se lle encomenda a Agader a xestión de certas actuacións propias da autoridade de xestión do programa de desenvolvemento rural de Galicia, aprobado por decisión da Comisión Europea do 15 de febreiro de 2008.

Para xeral coñecemento e en cumprimento do disposto no punto 3º do artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2008.

Alberte Souto Souto

Secretario xeral da Consellería do Medio Rural

ANEXO

Acordo entre a Consellaría do Medio Rural e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para a encomenda a Agader da xestión de certas actuacións propias da autoridade de xestión do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013.

Dunha parte, Alfredo Suárez Canal, conselleiro do Medio Rural.

Doutra, Edelmiro López Iglesias, director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), en exercizo das funcións delegadas polo Consello de Dirección de Agader por Resolución do 2 de xullo de 2007 (DOG 11 de xullo).

EXPOÑEN:

O artigo 74 do Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro de 2005, establece a existencia dunha autoridade de xestión por cada programa de desenvolvemento rural, coa responsabilidade de xestionar o programa de acordo coas disposicións particulares do artigo 75. Así mesmo, o artigo 66.2º establece a posibilidade de que o FEADER financie actividades relativas á preparación, xestión, seguimento, avaliación, información e control dos programas de desenvolvemento rural, ata o límite do 4% do seu orzamento, en concepto de asistencia técnica.

O Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, aprobado por decisión da Comisión do 15 de febreiro de 2008, reservou un 0,62% do seu orzamento á medida 511-asistencia técnica ao PDR.

De acordo co artigo 75 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, na súa condición de autoridade de xestión designada polo programa de desenvolvemento rural, é responsable da súa xestión e aplicación eficiente, eficaz e correcta, pode delegar parte das tarefas noutro organismo, pero nunca a responsabilidade.

Agader é un ente de dereito público adscrito á Consellería do Medio Rural que, de acordo coas súas competencias, xestiona certas medidas incluídas no Programa de desenvolvemento rural de Galicia, dispoñendo para iso da estrutura administrativa e funcional necesaria.

Por todo o exposto, ambas as dúas partes deciden subscribir este instrumento de formalización de encomenda de xestión, que se rexerá polas seguintes cláusulas:

Primeira.-Obxecto da encomenda de xestión.

A Consellería do Medio Rural e Agader acordan, no marco do disposto no artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que Agader execute, por razóns de eficacia administrativa, a tramitación material da contratación administrativa e pagamento vinculado aos proxectos financiados no marco da medida de asistencia técnica ao programa de desenvolvemento rural de galicia (medida 511 do PDR), así como a realización de certas actividades de carácter técnico, necesarias para a correcta aplicación do programa.

Segunda.-Natureza e alcance da xestión encomendada.

A xestión que se encomenda concrétase nas seguintes actividades:

a) Tramitación, de acordo coa normativa legal vixente, dos expedientes de contratación administrativa pertinentes para a execución dos proxectos de asistencia técnica previamente autorizados polo director xeral de Desenvolvemento Rural.

b) Tramitación dos documentos contables pertinentes e pagamento aos provedores de subministracións ou servizos asociados aos proxectos de asistencia técnica previamente autorizados polo director xeral de Desenvolvemento Rural.

c) Análise técnica dos proxectos de actuación de desenvolvemento rural e informe respecto da súa elixibilidade, de conformidade coa regulamentación comunitaria e as prescricións do Programa de desenvolvemento rural de Galicia.

Terceira.-Financiamento.

Esta encomenda de xestión non dará lugar a contraprestacións financeiras entre as partes, que asumen os custos que cada unha deba realizar como consecuencia do acordo. Esta cláusula non impide que Agader poida participar como unidade executora de proxectos asociados á medida 511, de acordo coa sistemática de xestión da medida e, polo tanto, ser receptora de reembolsos do FEADER.

Cuarta.-Prazo de vixencia.

Este acordo terá a mesma vixencia do Programa de desenvolvemento rural de Galicia, agás disposición contraria das partes.

Quinta.-Cesión de responsabilidade.

A encomenda de xestión non supón cesión da responsabilidade que, como autoridade de xestión, ten contraída a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, nin dos elementos substantivos do seu exercicio.

Sexta.

É responsabilidade da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellaría do Medio Rural ditar os actos xurídicos ou resolucións de carácter xurídico que dean soporte ou en que se integre a concreta actividade material obxecto desta encomenda de xestión.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2008.

P.D. (2-7-2007). Edelmiro López Iglesias, director do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia