DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 08 de abril de 2008 Páx. 6.005

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 18 de marzo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a empresas privadas para a creación e mellora de establecementos turísticos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008 (IN983G).

Calquera actuación de política turística que teña como finalidade a modernización das infraestruturas e os servizos, así como a oferta dun amplo abano de posibilidades de aloxamento, debe apoiarse no sector hoteleiro como protagonista principal e factor clave deste.

Deste xeito é finalidade desta orde a creación de establecementos turísticos baseados en proxectos singulares encamiñados á potenciación de establecementos de aloxamento singulares e establecementos balnearios, con ou sen oferta de aloxamento.

Por outra banda, a posta en valor dos núcleos históricos en cidades e vilas da Comunidade Autónoma de Galicia considérase unha aposta de grande interese para a promoción turística das zonas antigas dos contornos urbanos e do territorio, en xeral. Así, tamén é obxectivo desta orde fomentar a creación e mellora de establecementos turísticos en atención ás súas características arquitectónicas e patrimoniais, así como a súa localización en núcleos históricos, entendendo o concepto de núcleo histórico como Área de Rehabilitación Integral (ARI).

A Administración turística galega entende esta acción como imprescindible para incrementar o valor engadido do turismo cultural en Galicia, dada a riqueza patrimonial de moitos núcleos urbanos hoxe desaproveitados para o turismo por falta de políticas promocionais axeitadas.

A dinamización turística destes contornos desenvolverase coordinando accións de rehabilitación de construcións para establecementos turísticos, co claro obxectivo de converter as zonas urbanas históricas máis interesantes de Galicia en lugares atractivos para os visitantes, á vez que se fomenta a habitabilidade de edificios antigos recuperados e o desenvolvemento económico de tales zonas.

En todo caso, o acondicionamento destas edificacións debe realizarse a través de proxectos que respecten a súa localización na cidade histórica, de forma que exista un perfecto equilibrio entre a edificación e o seu contorno.

Por outra parte, o medio rural galego caracterízase por paisaxes de grande beleza tanto na costa como no interior que, en función da súa diversa localización, son axeitados para a práctica de diferentes actividades lúdicas, así como para o desfrute da natureza en toda a súa magnitude.

Non obstante, a dificultade de manter servizos eficientes provoca un continuo éxodo da poboación que leva consigo o abandono de vellas casas e de construcións perfectamente integradas no medio e na paisaxe.

Para dinamizar as distintas comunidades rurais e revitalizar o turismo neste medio é preciso fomentar alternativas de investimento, que determinen a creación de novos postos de traballo, así como un incremento das rendas familiares. Isto redundará na elevación da calidade de vida das devanditas comunidades propiciando, así mesmo, a permanencia dos moradores con novas oportunidades de desenvolvemento.

Estes establecementos debidamente integrados no medio e respectuosos coas estruturas das edificacións garantirán a autenticidade e a calidade nas actuacións, e procurarán un equilibrio entre o inmoble, o lugar e o seu novo uso, fuxindo do mesmo xeito tanto do folclorismo como do intervencionismo.

As actuacións desta convocatoria financiaranse coa participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e, polo tanto, a súa tramitación quedará condicionada ao cumprimento da normativa da Unión Europea nesta materia.

En consecuencia, con cargo aos créditos da Consellería de Innovación e Industria asignados para esta finalidade e con base no establecido sobre medidas de fomento nos artigos 73 e 74 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, así como o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña ao establecido nesta lei, convócanse axudas destinadas á creación e mellora de establecementos turísticos e, no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Innovación e Industria, en réxime de concorrencia competitiva, para a creación e mellora de establecementos turísticos baseados en proxectos singulares e a mellora de establecementos hoteleiros en xeral, que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2008.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4º das bases reguladoras.

2. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde poderán obterse a través do DOG, do enderezo da internet www.conselleriaiei.org/ga/web/index.php da Xunta de Galicia no punto Axudas Consellería de Innovación e Industria ou nas dependencias da Consellería de Innovación e Industria.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24.00 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Turismo, a través do teléfono 981 54 01 47 ou 981 54 63 79, do número de fax 981 54 63 71, ou do enderezo de correo electrónico axudas.dxt@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a nove meses.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Turismo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org), na súa epígrafe de axudas e na oficina virtual.

b) Os teléfonos 981 54 01 47 e 981 54 63 79 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico axudas.dxt@xunta.es.

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria, que é o 981 54 43 41.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Turismo para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a empresas privadas para a creación e mellora de establecementos turísticos

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a creación e mellora de establecementos turísticos baseados en proxectos singulares e a mellora de establecementos hoteleiros, en xeral.

2. As axudas reguladas nesta orde establécense ao abeiro do Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 210, do 31 de xullo de 2006) para o período 2007-2013.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1628/2006, da Comisión, do 24 de outubro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas rexionais ao investimento (DOUE L 302, do 1 de novembro de 2006).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubitada respondan á natureza da actividade subvencionable.

En concreto, consideraranse actuacións subvencionables as que se citan a continuación:

a) A creación de establecementos turísticos, sendo subvencionable a rehabilitación e restauración de:

a.1. Establecementos para aloxamento:

a.1.1. Edificios sitos en núcleos históricos dentro dunha zona ARI (área de rehabilitación integral, así declarada pola Consellería de Vivenda e Solo).

a.1.2. Edificacións de valor patrimonial, principalmente etnográfico: salgadeiras, casas reitorais e outros, así mesmo aqueles conxuntos de, como mínimo, 3 casas situadas no mesmo núcleo rural susceptibles de convertérense en aldeas de turismo rural, segundo o Decreto 191/2004, do 29 de xullo, de establecementos de turismo rural (DOG do 10 de agosto).

a.2. Establecementos balnearios e de talasoterapia con ou sen oferta hoteleira (Decreto 267/1999, do 30 de setembro, polo que se establece a ordenación dos establecementos turísticos (DOG do 18 de outubro e DOG do 24 de novembro).

b) A mellora de establecementos turísticos xa existentes definidos na letra a) deste artigo 1º.3, e dos establecementos hoteleiros (hoteis e pensións) en xeral. Serán obxecto de subvención as actuacións seguintes:

b.1. As accións que permitan a conversión de establecementos de categoría inferior en establecementos de categoría superior.

b.2. As accións encamiñadas á modernización das instalacións existentes nos establecementos, incidindo especialmente no relativo ás condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

b.3. As actuacións en establecementos dirixidas á implementación de enerxías renovables.

b.4. As accións encamiñadas á implantación de sistemas de calidade específicos para empresas que conduzan á obtención da correspondente certificación de aseguramento de calidade.

Estas accións abranguen a modernización e remodelación de todas as instalacións así como a creación ou mellora da oferta complementaria.

A mellora subvencionable non poderá supoñer un incremento superior ao 10% das prazas autorizadas pola administración turística, no caso de que a mellora implique un incremento superior presentarase o desagregamento orzamentario do proxecto que reflicta o custo correspondente á creación das novas prazas.

4. Considérase investimento subvencionable tanto a execución material das obras que se acometan para a creación, reforma ou mellora dos establecementos obxecto desta orde como, se é o caso, a adecuación do contorno e as actuacións de recuperación dos elementos de arquitectura, a cultura e a sociedade tradicional e os honorarios técnicos.

Están comprendidos nos proxectos de obras e son, polo tanto subvencionables, todos aqueles bens de equipo que deben ser empregados nestas mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra (cociñas, cámaras frigoríficas, instalacións de aire acondicionado, etc...). Non se considera subvencionable o equipamento que non cumpra as devanditas condicións.

5. Unicamente poderán recibir subvención aqueles proxectos que se executen unha vez confirmada pola Dirección Xeral de Turismo a súa elixibilidade. Os solicitantes recibirán comunicación escrita na que conste que o proxecto cumpre inicialmente as condicións de subvencionabilidade suxeita ao resultado final da súa verificación detallada, sempre que a solicitude se presentara conforme o establecido nesta orde. Os proxectos que non cumpran estes requisitos non serán obxecto de axuda posto que as actuacións subvencionables teñen que ser realizadas e pagadas no período comprendido desde esta notificación e a data límite de xustificación establecida no artigo 17º.

6. Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación desta orde o mobiliario, a lenzaría, enseres domésticos, louza e análogos, e a adquisición de terreos. Tampouco é subvencionable, de acordo co disposto no artigo 31.8º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ningún tipo de imposto, taxa ou prezo público.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións relativas á creación e mellora dos establecementos obxecto desta orde imputaranse ás aplicacións orzamentarias 10.06.761A.770.0, cofinanciada ao 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, destinándose un crédito máximo de 5.500.000 €, e 10.06.761A.770.1 destinándose un crédito máximo de 1.030.000 €. A distribución por anualidades de cada unha destas aplicacións será a que se indica no cadro adxunto, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 9º.

Ver referencia pdf "06700D011P061.PDF"

Os expedientes que representen gastos plurianuais deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

O importe total da subvención distribuirase nunha ou dúas anualidades consonte coa execución do investimento subvencionado.

2. Os proxectos de creación ou mellora que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 40% sobre o investimento subvencionable cando se trate de pequenas e medianas empresas e de ata o 30% nos demais casos, sempre que non se superen os límites máximos de axuda establecidos na normativa aplicable.

Engadiranse seis mil cen euros (6.100 €) por cada posto de traballo que se cree con carácter indefinido, sen que en ningún caso co devandito incremento se superen as porcentaxes do parágrafo anterior.

Cando se trate de creación de establecementos turísticos (artigo 1º.3 a), para o cálculo do investimento subvencionable, estimarase como orzamento máximo de execución material, incluído o imputable á urbanización, o establecido por metro cadrado de superficie construída no cadro seguinte:

Ver referencia pdf "06700D011P061.PDF"

No resto dos establecementos, o orzamento de execución material non será superior a 759 €/m2 construído.

Para os efectos de cálculo do investimento subvencionable, os honorarios técnicos de redacción de proxecto e dirección de obra non serán superiores ao 8% do orzamento de execución material subvencionable.

3. Nestas axudas é posible a concorrencia con calquera outra para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen o límite máximo de axuda legalmente establecido. Para estes efectos, a porcentaxe máxima para as axudas financiadas con fondos europeos, incluída a acumulación doutras axudas ou subvencións, sexan fondos comunitarios ou non, calculada en equivalente de subvención bruto, é do 30%, ao que se engaden 10 ou 20 puntos porcentuais cando se trate de axudas a medianas ou pequenas empresas, respectivamente.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os requisitos establecidos nestas bases, os titulares dos establecementos nos cales se poidan realizar os investimentos obxecto de subvención, segundo o establecido no artigo 1º destas bases.

Os titulares dos establecementos que se subvencionen terán que ser propietarios dos inmobles obxecto de actuación ou ben, por calquera título válido en dereito, ter unha disposición sobre eles que permita realizar o investimento proxectado. O dito título de disposición terá que ser outorgado en escritura pública e inscrito no Rexistro da Propiedade. En calquera caso o beneficiario da subvención terá o pleno uso e desfrute dos inmobles.

Será requisito imprescindible, para a concesión das subvencións relativas á mellora de establecementos turísticos, a súa previa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia a favor das empresas beneficiarias.

Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria. Xunto coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Anexo III: modelo de declaración xurada.

c) Anexo IV: anexo técnico.

d) Anexo VII (artigo 9º g).

e) Copia cotexada do documento público que acredite que o solicitante da subvención é propietario dos inmobles obxecto da rehabilitación. No caso de existir propiedade pro indivisa, deberase achegar poder notarial dos copropietarios, outorgando representación ao solicitante que deberá ser un deles para actuar neste procedemento e asumir os compromisos derivados do establecido nesta orde.

No caso de non ser o propietario dos inmobles que se van restaurar, o solicitante da subvención achegará copia cotexada do documento que acredite a disposición dos inmobles que permita realizar o investimento obxecto da subvención, así como a explotación do establecemento durante un período non inferior a 15 anos, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O dito título de disposición terá que ser outorgado en escritura pública e estar inscrito nun rexistro público.

En calquera caso o solicitante da subvención terá pleno uso e desfrute dos inmobles.

f) Copia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

g) Proxecto básico, elaborado por técnico facultativo competente, que conterá:

-Fotografías do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

-Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

-Orzamento do investimento en que se incluirá, especificándose cada un deles, o importe da execución material así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra e todo o equipamento proposto, segundo o anexo técnico da folla resumo xeral do orzamento que deberá estar na memoria.

-Planos de localización do investimento.

-Planos do estado actual se correspondesen e do proxecto.

-Relación exhaustiva (indicando calidades) dos materiais e acabados propostos.

-Relación detallada dos mobles e equipamentos (débese indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

-Prazo previsto para a execución.

-Memoria explicativa de adecuación ao contorno das actuacións que, de ser o caso, corresponda, de recuperación de elementos de arquitectura, cultura e sociedade tradicional, así como equipamentos e servizos.

-Memoria explicativa e exhaustiva, tamén asinada polo promotor, do tipo de servizos que se van prestar no establecemento.

-Memoria explicativa das accións encamiñadas á implantación de sistemas de calidade específicos para empresas que conduzan á obtención da correspondente certificación de aseguramento de calidade.

Teñen a consideración de edificación e, polo tanto, requiren proxecto básico os seguintes:

I. Obras de ampliación, modificación, reforma ou rehabilitación que alteren a configuración arquitectónica dos edificios, considerándose tales as que teñan carácter de intervención total ou as parciais que produzan unha variación esencial do sistema estrutural, así como as que teñan por obxecto cambiar os usos turísticos do edificio.

II. Obras que teñan o carácter de intervención total en edificacións catalogadas ou que dispoñan dalgún tipo de protección de carácter ambiental ou histórico-artístico regulada a través de norma legal ou documento urbanístico, así como aquelas que afecten os elementos ou partes obxecto de protección.

III. Considéranse comprendidas na edificación, as súas instalacións fixas e o equipamento propio, así como os elementos de urbanización que estean adscritos ao edificio.

O dito proxecto deberá estar avaliado polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo, que emitirá o informe correspondente.

No caso de tratarse dunha mellora ou reforma dun establecemento turístico xa existente e cando sexan actuacións de pouca entidade que non necesiten proxecto de execución, segundo a normativa vixente, deberase presentar memoria explicativa detallada na que se defina pormenorizadamente o proxecto que se vai executar, orzamento desagregado por conceptos do investimento proxectado e os correspondentes certificados de idoneidade técnica, asinada por persoal técnico competente que tamén certificará a execución das obras, segundo o disposto no artigo 17º.2.b. Así mesmo, achegarase calquera documentación que permita comprobar a normativa de obrigado cumprimento.

h) De solicitarse subvención para rehabilitación ou restauración de construcións que proxecten a captación de auga termal, mineromedicinal ou auga do mar (artigo 1.a.2.3), deberán presentarse ademais:

I. Declaración da auga mineromedicinal e certificado de autorización de aproveitamento de augas, outorgados pola Consellería de Innovación e Industria.

II. Certificado de inscrición no Rexistro de Centros, Servizos ou Establecementos Sanitarios, emitido pola Consellería de Sanidade.

De non dispor desta documentación no momento da presentación da solicitude, deberá achegarse acreditación escrita de terse incoado expediente para acadar a correspondente autorización e certificados pertinentes.

i) Para a creación de establecementos turísticos (artigo 1º a) será necesario proxecto de explotación do establecemento proxectado.

j) Licenza urbanística, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita a subvención. No caso de carecer dela no momento de realizar a solicitude de subvención, abondará a presentación de certificación de viabilidade urbanística emitido polo órgano competente do concello, na que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio. Coa primeira solicitude de pagamento será obrigatoria a presentación da antedita licenza urbanística.

k) Nas solicitudes relativas á rehabilitación e restauración de edificios en zonas declaradas ARI (letra a.1.1. do artigo 1º), certificación do concello de que o proxecto está nun núcleo histórico dentro dunha zona declarada ARI.

l) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase copia autenticada dos seus estatutos, en que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes.

m) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

n) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos, que autorice de xeito excepcional a non exixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obter a consideración de beneficiario da axuda.

o) Para a creación de establecementos turísticos (artigo 1.a) será necesario achegar o plan de calidade proxectado para o establecemento, normalizado e recoñecido nos mercados. Débese indicar expresamente se o dito plan está homologado polo Instituto da Calidade Turística Española.

p) Declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. O órgano instrutor poderá requirir a documentación aclaratoria complementaria á indicada no punto anterior.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. Para os efectos do previsto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, debendo presentar entón as certificacións ás cales fai referencia este punto.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20.3º da Lei 9/2007, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Consellería de Innovación e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que se deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, a Consellería de Innovación e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercitarse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do Cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Turismo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas, de conformidade co artigo 5º.1 resulta que o solicitante non se atopa ao día de pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Consellería de Innovación e Industria ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Ás solicitudes achegaráselles un informe emitido polo Servizo de Turismo da Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria, en que se deberán indicar as faltas de adaptación do establecemento para o que se solicita subvención á normativa de ordenación, a súa data de autorización, a localización e interese turístico do proxecto, así como, se é o caso, a clasificación hoteleira que lle correspondería. Así mesmo, achegaráselles un informe do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística sobre a calidade do inmoble, do seu estado e do proxecto. Estes informes achegaranse cunha antelación mínima de dez días previos á celebración da comisión de valoración.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O/a subdirector/a xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as do Servizo de Turismo de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

c) O/a xefe/a do Servizo de Fomento e Promoción, da Dirección Xeral de Turismo, que exercerá as funcións de secretario/a.

d) O/a xefe/a do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística, da Dirección Xeral de Turismo.

e) O/a xefe/a do Servizo de Inspección, da Dirección Xeral de Turismo.

f) O/a xefe/a do Servizo de Ordenación do Turismo, da Dirección Xeral de Turismo.

g) Un representante do Instituto Enerxético de Galicia.

h) O/a xefe/a da Área de Xestión de Calidade de Turgalicia.

i) O/a xefe/a da Área de Turismo Rural e de Interior de Turgalicia.

3. Os/as suplentes serán designados/as pola Dirección Xeral de Turismo.

4. A comisión poderá estar asistida por expertos externos.

5. Así mesmo, a comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos achegados xunto coa solicitude.

6. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles.

7. No caso de existiren solicitudes que non figuran na proposta anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas de concesión, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes, tendo cada unha delas o peso que se especifica:

a) As características da rehabilitación, atendendo fundamentalmente á recuperación do patrimonio arquitectónico tradicional conforme parámetros construtivos que permitan a súa utilización turística (25%).

b) Análise do destino en relación á calidade dos accesos, das infraestruturas básicas e a oferta de servizos de utilización turística (20%).

c) A oferta de servizos proxectada para o establecemento (15%).

d) A declaración oficial do municipio como turístico, así como estar localizado o investimento nun municipio incluído nalgún plan de dinamización ou excelencia turística (15%).

e) A inadecuación entre a oferta turística e a demanda destes servizos na zona (10%).

f) Número de postos de traballo que se creen na modalidade de autoemprego, contrato laboral indefinido ou contrato laboral fixo-descontinuo (10%).

g) Compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Este compromiso acreditarase mediante a presentación, debidamente asinado, do modelo que se inclúe como anexo VII (5%).

Artigo 10º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia no artigo 21.4º.

2. Porén, poderase prescindir do trámite ao que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o solicitante ou a relación de solicitantes aos que se lles concede a subvención, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a desestimación do resto das solicitudes e causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de nove meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír esta notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10º.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo VI, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da disposición adicional segunda do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Iniciar a súa actividade turística, incluídos todos os servizos que se recolleron no proxecto, provisto da correspondente autorización de apertura da Administración turística, nun prazo máximo de 6 meses contados a partir da data da xustificación final do investimento.

b) Manter a súa actividade en Galicia durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data de concesión de autorización de apertura expedida pola Administración turística ou, se é o caso, desde cando se reemprenda a actividade.

Así mesmo, segundo establece o artigo 4.2º a) do citado Regulamento 1628/2006, o investimento deberá manterse en Galicia polo menos durante os cinco anos seguintes, ou durante os tres seguintes no caso das PEME, unha vez completada a totalidade do investimento.

c) Crear os postos de traballo a que se compromete na declaración xurada reflectida no anexo III nun prazo de 5 anos, contados desde a data da realización íntegra do investimento subvencionado e mantelos durante un período de 5 anos.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Innovación e Industria e, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, e non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.

f) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

g) A reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

-Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

-Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta orde.

-Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

-Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

-Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

-Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

h) Adscribirse á central de reservas de turismo rural cando se trate destes establecementos e a aquelas que, se é o caso, cree a Administración turística galega.

i) Executar o proxecto de total conformidade ao presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Administración turística galega.

j) A facilitar datos, de forma periódica ou logo de requirimento da Administración turística galega, sobre a ocupación rexistrada no establecemento.

k) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e do Regulamento (CE) 1828/2006 (DOUE do 15-2-2007). En concreto as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder, así como pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Innovación e Industria de acordo co disposto na regulamentación comunitaria nesta materia. Para isto empregarán a lenda «proxecto cofinanciado», acompañado do escudo normalizado da Xunta de Galicia coa lenda «Consellería de Innovación e Industria-Dirección Xeral de Turismo», e o emblema normalizado da Unión Europea coa lenda «Unión Europea. Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional» (Feder). Precedendo aos emblemas empregarase a lenda

«Investimos no seu futuro». Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

Cando o proxecto se materialice nun sitio da internet deberán realizarse en lugar visible as citadas referencias na súa páxina de inicio, así mesmo establecerase un enlace cara a páxinas web da Comisión Europea relativa ao fondo.

Cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Cando o proxecto dera lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberá constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

Cando se trate de obras arquitectónicas os beneficiarios deberán colocar unha placa explicativa permanente, visible e de gran tamaño, nun prazo máximo de 6 meses a partir da conclusión da obra. Na placa indicarase o tipo e nome da operación, que ocupará como mínimo o 25% da placa. Durante a execución da operación o beneficiario colocará un cartel no enclave das operacións. Concluída a operación, o cartel substituirase pola placa explicativa permanente.

l) Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

Artigo 16º.-Subcontratación.

Queda excluída a subcontratación das actividades subvencionadas ao abeiro desta convocatoria, non obstante, en aplicación do disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se inclúe nesta prohibición a contratación daqueles gastos nos que o beneficiario teña que incorrer para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

Artigo 17º.-Xustificación da subvención.

1. No prazo de sesenta días naturais desde o día seguinte ao da notificación da concesión da subvención, os beneficiarios presentarán na Dirección Xeral de Turismo a seguinte documentación por duplicado exemplar:

a) Proxecto de execución definitivo da acción subvencionada, achegarase visado e incluirá o programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión e copia compulsada do nomeamento de dirección de obra.

b) O dito proxecto e programa, que teñen que ser conformes o determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ao expediente, deberá ser avaliado polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

c) Certificación da entidade bancaria acreditativa do número de conta e do CIF/NIF do beneficiario.

d) Documento acreditativo ou contrato, do nomeamento do director da obra e director da execución material da obra.

e) Reportaxe fotográfica do estado actual da edificación.

2. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria a documentación que a continuación se indica. Ten os seguintes prazos para presentala: anualidade 2008 o 30 de outubro de 2008 e anualidade 2009 o 1 de outubro de 2009.

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

b) Facturas e certificación por conceptos, modelo oficial que se compón de carátula, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada polo arquitecto e arquitecto técnico da obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

No caso de obras menores con orzamento de execución material superior a 50.000 euros os beneficiarios presentarán certificación de fin de obra asinada por persoal técnico competente conforme o disposto no artigo 4º g) punto III.

c) Xustificantes do pagamento, mediante transferencia bancaria, das facturas presentadas. O importe reflectido na certificación de obra debe coincidir co xustificado coas ditas facturas.

En todo caso, nas facturas o interesado deberá especificar a que concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

d) Licenza urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado. O dito documento é preceptivo, non se procederá ao pagamento de ningunha anualidade mentres non se presente.

e) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública.

Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

f) Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos a que se fai referencia no artigo 15º e no anexo III desta orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de pagamento.

g) Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) Aval bancario no caso de subvencións de importe superior a 30.050, 61 euros, de acordo co establecido no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao investimento non xustificado.

De non xustificarse total ou parcialmente o investimento executado correspondente á primeira anualidade, quedará anulada toda a subvención.

De non xustificarse total ou parcialmente o investimento executado nos prazos indicados, anularase a subvención correspondente á dita anualidade, salvo que o executado non cumprise o fin para o que se concedeu a subvención; neste caso quedaría anulada na súa totalidade.

De ter xustificado a totalidade do investimento subvencionado antes da derradeira anualidade, deberá non obstante solicitarse o pagamento da subvención coa correspondente documentación exixida na orde nas datas indicadas.

4. Transcorridos os prazos indicados sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. Cando se soliciten pagamentos parciais, ademais da presentación da documentación indicada no artigo 17, tamén deberán concorrer as seguintes circunstancias e condicións a que fai referencia o artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 238, do 11 de decembro):

a) Deberá solicitalo o interesado.

b) Deberá xustificarse non só o investimento, senón os pagamentos efectuados, na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto á subvención concedida ata ese momento con cargo ao proceso de investimento aprobado.

c) O importe que se poida satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, nin tampouco superar o 80% do total da subvención concedida.

d) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

3. En calquera caso os pagamentos parciais teranse que garantir conforme o determinado no artigo 17 do anteriormente sinalado Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, e deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación previsto no artigo 17 destas bases reguladoras.

A garantía ou aval deberá cubrir o importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes, calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e, polo prazo que medie entre a data da solicitude do pagamento e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación, previsto no artigo 17 destas bases reguladoras.

Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

4. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto.

Artigo 19º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se emplearon para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 20º.-Control.

1. A Consellería de Innovación e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas así como, se é o caso, aos dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario o programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 22º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases haberá que aterse ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia en canto non se opoña ao establecido nesta lei, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento comunitario 1628/2006, sobre axudas rexionais ao investimento e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "06700D011P061.PDF"