DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 08 de abril de 2008 Páx. 5.992

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 18 de marzo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a empresas turísticas para o fomento do turismo no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008 (IN983E).

De cara á mellora da competividade da empresa turística galega, cómpre incentivar a creación de novos produtos que complementen a oferta tradicional.

Galicia, pola súa particular e accidentada articulación xeográfica, na que nun mesmo día se pode gozar de centos de quilómetros de costa, sexa de ría ou mar aberto, así como de senlleiras paisaxes de montaña, é un lugar único e propicio para o desenvolvemento de todo tipo de actividades deportivas ou de lecer (golf, sendeirismo, deportes de aventura, deportes náuticos, etc.).

O medio rural é polas súas características idóneo para levar a cabo actividades na natureza que contribúan a desestacionalizar os períodos de descanso e vacacionais e, pola súa vez, dar a coñecer novos lugares e localidades da nosa comunidade.

Un dos elementos diferenciadores do turismo en Galicia é a procura de obxectivos comúns e a colaboración entre a Administración e a empresa privada cara a unir en esforzos e multiplicar en éxitos. O turismo é un sector vivo que evoluciona ao mesmo ritmo que o fai a sociedade e a economía. As administracións públicas, polo tanto, deben facer fronte aos retos que van xurdindo en cada momento dentro duns parámetros de calidade e sustentabilidade.

Dentro deste marco de implementación de novas accións no sector turístico procede arbitrar liñas de axuda para incentivar as actuacións dos axentes que actúan neste sector en Galicia.

As actuacións desta convocatoria financiaranse coa participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e, polo tanto a súa tramitación quedará condicionada ao cumprimento da normativa da Unión Europea nesta materia.

Así, con cargo aos créditos orzamentarios da Consellería de Innovación e Industria asignados para esta finalidade, de acordo co establecido sobre medidas de fomento nos artigos 73 e 74 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo e de acordo co na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia en canto non se opoña ao establecido nesta lei, convócanse axudas para o fomento do turismo no medio rural. Por iso, no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Innovación e Industria para apoiar en accións encamiñadas ao fomento do turismo no medio rural (IN983E), que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2008.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

2. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde poderán obterse a través do DOG, do enderezo da internet «www.conselleriaiei.org/ga/web/index.php» da Xunta de Galicia no punto «Axudas Consellería de Innovación e Industria» ou nas dependencias da Consellería de Innovación e Industria.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Turismo, a través do teléfono 981 54 01 47 ou 981 54 63 79, do número de fax 981 54 63 71, ou do enderezo de correo electrónico axudas.dxt@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a nove meses.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código de procedemento IN983E, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Turismo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org), na súa epígrafe de axudas e na oficina virtual.

b) Os teléfonos 981 54 01 47 e 981 54 63 79 da devandita dirección general.

c) O enderezo electrónico axudas.dxt@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria, que é o 981 54 43 41.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Turismo para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a empresas turísticas para o fomento do turismo no medio rural

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto apoiar as accións encamiñadas a desenvolveren investimentos ou actividades turísticas no medio rural, así como a adquisición dos elementos necesarios para o seu desenvolvemento.

2. As axudas reguladas nesta orde establécense ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello do 5 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 210, do 31-7-2006) para o período 2007-2013.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1628/2006, da Comisión do 24 de outubro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas rexionais ao investimento (DOUE L 302, 1-11-2006).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubitada respondan á natureza da actividade subvencionable.

En concreto, consideraranse investimento subvencionable as actuacións dos proxectos que se citan a continuación, limitándose a subvención a un máximo de dous:

a) Creación e comercialización de paquetes turísticos no medio rural.

b) Utilización de novas tecnoloxías na promoción e comercialización do turismo no medio rural.

c) Creación ou mellora das infraestruturas necesarias para a realización de actividades hípicas de interese turístico.

d) Creación ou mellora das infraestruturas necesarias para a realización de actividades turísticas nos campamentos de verán.

e) Creación ou mellora de campos de golf.

f) Calquera outros proxectos de especial interese turístico no medio rural.

4. Unicamente poderán recibir subvención aqueles proxectos que se executen unha vez confirmada pola Dirección Xeral de Turismo a súa elexibilidade. Os solicitantes recibirán comunicación escrita na que conste que o proxecto cumpre inicialmente as condicións de subvencionabilidade suxeita ao resultado final da súa verificación detallada, sempre que a solicitude se presentara conforme o establecido nesta orde. Os proxectos que non cumpran estes requisitos non serán obxecto de axuda posto que as actuacións subvencionables teñen que ser realizadas e pagadas no período comprendido desde esta notificación e a data límite de xustificación establecida no artigo 17º.

5. Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación desta orde, de acordo co disposto no artigo 31.8º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, calquera tipo de imposto, taxa ou prezo público.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As ditas axudas, que se rexen polos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, imputaranse á aplicación orzamentaria 10.06.761A.770.0, cofinanciada nun 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, para as que se destina un crédito máximo de 2.500.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 9 destas bases.

2. Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables, poderán acadar unha subvención de ata un 40% sobre o investimento subvencionable cando se trate de pequenas e medianas empresas e, de ata o 30% nos demais casos, sempre que non se superen os límites máximos de axuda establecidos na normativa aplicable. Para os efectos do establecido nesta convocatoria, fíxase en 10.000 euros o investimento mínimo subvencionable para ter dereito á subvención.

3. Nestas axudas é posible a concorrencia con calquera outra para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o límite máximo de axuda legalmente establecido. Para estes efectos, a porcentaxe máxima calculada en equivalente de subvención bruto é do 30%, ao que se engaden 10 ou 20 puntos porcentuais cando se trate de axudas a medianas ou pequenas empresas, respectivamente.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas ou xurídicas dedicadas a ofrecer a realización e práctica de actividades lúdicas ou deportivas no medio rural.

De ser o caso e, segundo a natureza do investimento ou actividade proxectada, os titulares dos establecementos que se subvencionen terán que ser propietarios dos espazos onde se pretenda desenvolver a actuación ou ben, por calquera título válido en dereito, ter unha disposición sobre eles que permita realizar o investimento proxectado. O dito título de disposición terá que ser outorgado en escritura pública e inscrito no Rexistro da Propiedade. En calquera caso, o beneficiario da subvención terá o pleno uso e desfrute dos espazos.

Será requisito imprescindible, para a concesión destas subvencións, a previa inscrición das empresas beneficiarias no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.

Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria.

2. Xunto coas solicitudes deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo II (modelo normalizado da solicitude).

b) Copia cotexada do DNI do solicitante. Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase copia cotexada do documento de constitución da sociedade e documento acreditativo de representación suficiente para actuar no seu nome, así como copia cotexada do CIF da empresa.

c) De ser o caso, copia cotexada do documento público que acredite que o solicitante da subvención é propietario dos espazos onde se vai desenvolver a actividade. No caso de existir propiedade pro indivisa, deberase achegar poder notarial dos copropietarios, outorgando representación ao solicitante que deberá ser un deles para actuar neste procedemento e asumir os compromisos derivados do establecido nesta orde.

No caso de non ser o propietario dos espazos, o solicitante da subvención achegará copia cotexada do documento que acredite a disposición destes que permita realizar o investimento obxecto da subvención. O dito título de disposición terá que ser outorgado en escritura pública e estar inscrito nun rexistro público.

d) Proxecto ou memoria descritiva da actuación pormenorizada e por conceptos, explicativa de cada unha das actuacións que se van a realizar, incluíndo como mínimo:

1. Obxectivos da actuación.

2. Descrición do lugar de actuación, localización e parámetros físicos.

3. Orzamento desagregado por unidades de actuación e prazo de execución da actuación que se vai levar a cabo.

e) Cando as actuacións que se intentan levar a cabo, teñan a consideración de edificación e se requira proxecto segundo a normativa aplicable (Lei 38/1999, de ordenación da edificación), achegarase proxecto básico asinado polo técnico competente e visado no colexio correspondente para a súa avaliación. O dito proxecto debe ser informado polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística, da Dirección General de Turismo.

Enténdese que teñen a consideración de edificación e requiren proxecto as obras seguintes:

e.1) Obras de edificación de nova construción, agás aquelas de escasa entidade e sinxeleza técnica que non teñan, de forma eventual ou permanente, carácter residencial nin público e se desenvolvan nun só andar.

e.2) Obras de ampliación, modificación, reforma ou rehabilitación que alteren a configuración arquitectónica dos edificios, considerándose tales, as que teñan carácter de intervención total ou as parciais que produzan unha variación esencial do sistema estrutural, así como as que teñan por obxecto cambiar os usos turísticos do edificio.

e.3) Obras que teñan o carácter de intervención total en edificacións catalogadas ou que dispoñan dalgún tipo de protección de carácter ambiental ou histórico artístico regulada a través de norma legal ou documento urbanístico, así como aquelas que afecten os elementos ou partes obxecto de protección.

e.4) Considéranse comprendidas na edificación as súas instalacións fixas e o equipamento propio, así como os elementos de urbanización que estean adscritos ao edificio.

f) No caso de tratarse dunha mellora ou reforma que consista en actuacións de pouca entidade que non necesiten proxecto de execución segundo a normativa vixente, deberase presentar memoria explicativa detallada na que se defina pormenorizadamente o proxecto a executar, orzamento desagregado por conceptos do investimento proxectado e os correspondentes certificados de idoneidade técnica, asinada por persoal técnico competente que tamén certificará a execución das obras, segundo se establece no artigo 17.2º b). Así mesmo, achegarase calquera documentación que permita comprobar a normativa de obrigado cumprimento.

g) Cando se trate de obras ou actuacións urbanísticas deberá presentarse licenza municipal, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita a subvención. No caso de carecer dela no momento de realizar a solicitude de subvención, presentarase certificación de viabilidade urbanística emitida polo órgano competente do concello, onde especificamente se determine se a execución do proxecto para o que se solicita subvención, é conforme coa legalidade urbanística vixente. Coa primeira solicitude de pagamento será obrigatoria a presentación da antedita licenza urbanística.

Cando se trate de obras ou actuacións urbanísticas que non requiran licenza municipal, deberase achegar, en todo caso, certificación do secretario do concello de que o investimento proxectado non precisa licenza urbanística.

h) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde polas distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

i) Declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. Para os efectos do previsto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, debendo presentar entón as certificacións ás cales fai referencia este punto.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20.3º da Lei 9/2007, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos todo isto consonte ao establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Consellería de Innovación e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que se deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, a Consellería de Innovación e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercitarse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo, edificios administrativos San Caetano, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do Cidadán da páxina web da Xunta.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Turismo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e correspóndelle ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.1º, resulta que o solicitante non se está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda, poderanse facer mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Consellería de Innovación e Industria ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Ás solicitudes achegarase un informe, emitido polo Servizo de Turismo da delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria, no cal se deberá indicar o cumprimento da normativa de ordenación turística, a súa data de autorización, así como a valoración da prestación da actividade no medio rural. Este informe achegarase cunha antelación mínima de dez días previos á celebración da comisión de valoración.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O/a subdirector/a xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as do Servizo de Turismo de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

c) O/a xefe/a do Servizo de Fomento e Promoción, da Dirección Xeral de Turismo, que exercerá as funcións de secretario/a.

d) O/a xefe/a do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-turística, da Dirección Xeral de Turismo.

e) O/a xefe/a do Servizo de Inspección, da Dirección Xeral de Turismo.

f) O/a xefe do Servizo de Ordenación do Turismo, da Dirección Xeral de Turismo.

g) Un representante da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

h) O/A xefe/a da Área de Turismo Rural e de Interior de Turgalicia.

3. Os/as suplentes serán designados/as pola Dirección Xeral de Turismo.

4. A comisión poderá estar asistida por expertos externos.

5. Así mesmo, a comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos achegados xunto coa solicitude.

6. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

7. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidos ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes tendo cada unha delas o peso que se especifica:

a) A localización do investimento atendendo á súa situación e, para isto terase en conta: a localización en áreas rurais con tendencia a despoboación; zonas costeiras; o interese do espazo en relación a figuras de protección ambiental (25%).

b) Análise do destino en relación coa calidade dos accesos, coas infraestruturas básicas e coa oferta de servizos de utilización turística (20%).

c) A singularidade e innovación da proposta con respecto ao contorno onde se vai desevolver (15%).

d) A complementariedade coa oferta de turismo local xa existente (15%).

e) A capacidade da creación de emprego, custo do posto de traballo e contribución á economía local (10%).

f) O emprego de novas tecnoloxías e enerxías respectuosas co ambiente (10%).

g) Compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Este compromiso acreditarase mediante a presentación, debidamente asinado, do modelo que se inclúe como anexo V (5%).

Artigo 10º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia no artigo 21.4º.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro. En calquera caso, non se poderá conceder a axuda ata que se obteña a autorización expresa ou silencio positivo da Comisión Europea do réxime que a ampara, polo que a resolución se condicionará ao cumprimento do que sinale a devandita comisión.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos o solicitante ou a relación de solicitantes aos que se lles concede a subvención, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a desestimación do resto das solicitudes e a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vaia desenvolver o beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecido.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de nove meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír esta notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e, contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10º.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os solicitantes das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da disposición adicional segunda do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Innovación e Industria e, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Comunicarlle á Consellería de Innovación e Industria a obtención doutras subvencións axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes doutras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais e, non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.

c) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, sen que proceda cambio ou modificación ningunha da actividade para a que se concedeu.

d) Manter a actuación obxecto de subvención durante un período mínimo de cinco anos desde o inicio da actividade.

e) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade subvencionada, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión ou o goce da axuda.

f) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

g) A reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de mora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

-Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

-Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente, nos prazos e termos establecidos nesta orde.

-Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

-Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

-Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera administración ou ente público ou privado.

-Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

h) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e do Regulamento (CE) 1828/2006 (DOUE do 15-2-2007). En concreto as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder, así como pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Innovación e Industria, de acordo co disposto na regulamentación comunitaria nesta materia. Para isto empregarán a lenda proxecto cofinanciado, acompañado do escudo normalizado da Xunta de Galicia coa lenda Consellería de Innovación e Industria-Dirección Xeral de Turismo, e o emblema normalizado da Unión Europea coa lenda Unión Europea-Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Precedendo aos emblemas empregarase a lenda

«Investimos no seu futuro». Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

Cando o proxecto se materialice nun sitio da internet deberán realizarse en lugar visible as citadas referencias na súa páxina de inicio, así mesmo establecerase un enlace cara a páxinas web da Comisión Europea relativa ao fondo.

Cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Cando o proxecto dese lugar á documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberá constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

Cando se trate de obras arquitectónicas os beneficiarios deberán colocar unha placa explicativa permanente, visible e de gran tamaño, nun prazo máximo de 6 meses a partir da conclusión da obra. Na placa indicarase o tipo e nome da operación, que ocupará como mínimo o 25% da placa. Durante a execución da operación o beneficiario colocará un cartel no enclave das operacións. Concluída a operación, o cartel será substituído pola placa explicativa permanente.

Artigo 16º.-Subcontratación.

Queda excluída a subcontratación das actividades subvencionadas ao abeiro desta convocatoria, non obstante, en aplicación do disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se inclúe nesta prohibición a contratación daqueles gastos nos que o beneficiario teña que incorrer para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

Artigo 17º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación, por triplicado exemplar, nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria, tendo de prazo para presentala ata o 31 de outubro de 2008:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo III.

b) Facturas relativas ao investimento executado.

c) Cando as actuacións requirisen proxecto (artigo 4 d).5) deberá presentarse certificación de obra e certificado de fin de obra.

No caso de obras menores con orzamento de execución material superior a 50.000 euros os beneficiarios presentarán certificación de fin de obra asinada por persoal técnico competente conforme o disposto no artigo 4º f).

d) Xustificantes do pagamento, mediante transferencia bancaria, das facturas presentadas. O importe reflectido na certificación de obra debe coincidir co xustificado coas ditas facturas.

En todo caso, nas facturas o interesado deberá especificar a que concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

e) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública.

Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

f) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

g) Certificación da entidade bancaria acreditativa do número de conta e do CIF/NIF do beneficiario.

h) Cando as actuacións teñan a consideración de edificación e requiran proxecto segundo a normativa aplicable (Lei 38/1999, de ordenación da edificación), achegarase proxecto de execución asinado polo técnico competente e visado no colexio correspondente para a súa avaliación.

i) De ser o caso, polas características da actuación, achegarase licenza urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado. O dito documento é preceptivo, non se procederá ao pagamento de ningunha anualidade en canto non se presentase.

j) Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos e obrigas aos que se fai referencia no artigo 15º. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de pagamento.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao investimento non xustificado.

3. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. Cando se solicite o pagamento parcial, ademais da presentación da documentación indicada no artigo 17º, tamén deberán concorrer as seguintes circunstancias e condicións ás cales fai referencia o artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Deberá solicitalo o interesado.

b) Deberá xustificarse non só o investimento, senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto da subvención concedida ata ese momento con cargo ao proceso de investimento aprobado.

c) O importe que se poida satisfacer por pagamentos parciais non poderá superar o 80% do total da subvención concedida.

d) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

3. En calquera caso os pagamentos parciais teranse que garantir conforme o determinado no artigo 17 do anteriormente sinalado Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, e deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras.

A garantía ou aval deberá cubrir o importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes, calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude do pagamento e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación previsto na norma reguladora ou convocatoria.

Unha vez comprobada a realización da actividade ou do proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

4. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto.

Artigo 19º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade a reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se emplearon para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 20º.-Control.

1. A Consellería de Innovación e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas así como, se é o caso, aos dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21º.-Publicidade.

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, o programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 22º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases estarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia en canto non se opoña ao establecido nesta lei, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento Comunitario 1628/2006, sobre axudas rexionais ao investimento e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "06700D010P048.PDF"