DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 08 de abril de 2008 Páx. 5.992

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2008, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se modifica a do 12 de febreiro, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4 no ano 2008.

No Diario Oficial de Galicia nº 34, do 18 de febreiro de 2008, publicouse a resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2008. Nesta resolución prevíase a realización de dúas convocatorias, unha en maio/xuño e outra en novembro/decembro do ano 2008, así como a realización das probas en distintos lugares entre os que se atopaba a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

Debido ás numerosas peticións recibidas para participar na convocatoria de maio/xuño nas probas para o nivel Celta 4 e ás dificultades para dispor da citada Escola Oficial de Idiomas,

RESOLVO:

-Ampliar o prazo de presentación de solicitudes para participar nas probas da convocatoria de maio/xuño ata o día 15 de abril de 2008 (inclusive). A solicitude formularase na forma e condicións previstas na Resolución do 12 de febreiro de 2008.

-Modificar a data do exame da proba para a obtención do nivel de certificación de lingua galega Celta 4, fixada para os días 10 e 11 de maio de 2008, para o día 25 de maio de 2008. Se o número de candidatos impedise rematar a proba o citado día 25, continuarase a proba oral nos días 26 e/ou 27, no horario que cada comisión avaliadora indique.

-Suprimir a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada como lugar de exame.

-Se como consecuencia desta modificación de datas e lugar algún dos candidatos que xa presentaron a súa solicitude e aboaron a taxa correspondente non se puidesen presentar ao exame, poderán solicitar a devolución da taxa de exame no prazo de dez días contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2008.

María Sol López Martínez

Secretaria xeral de Política Lingüística