DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 08 de abril de 2008 Páx. 5.983

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2008, da Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se lles dá publicidade aos empregados públicos da campaña de vixilancia periódica da saúde no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia para o ano 2008.

De acordo co disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, modificada pola Lei 54/2003, do 12 de decembro, de reforma do marco normativo da prevención de riscos laborais, o empresario garantiralles aos traballadores ao seu servizo a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo.

En cumprimento da Lei de prevención de riscos laborais, o Decreto 578/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establece no artigo 8.2º.2 da sección 3ª que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia realizará, entre outras funcións, a vixilancia da saúde en relación cos riscos derivados do traballo.

Con base no antedito, publícase esta convocatoria de campaña da vixilancia periódica da saúde no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia para o ano 2008, de acordo coas seguintes premisas:

Primeira.-Obxecto.

Prestación da vixilancia da saúde aos empregados públicos en función dos riscos inherentes ao traballo segundo o disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Segunda.-Ámbito de aplicación.

É aplicable a todos os traballadores da Administración xeral da Xunta de Galicia agás o persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde, e persoal de entes públicos e fundacións, que deben contar cos seus servizos de prevención conforme a normativa en vigor.

Terceira.-Inscrición.

A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento anual que se pode atopar na páxina web da Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza-Servizo de Prevención de Riscos Laborais). A este respecto deben observarse as seguintes indicacións:

2.1. A vixilancia da saúde é un dereito do traballador, polo que, como principio xeral, terá que contar co seu consentimento. Non serán citados aqueles traballadores non inscritos en tempo e forma.

2.2. A inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a inscrición.

2.3. Os traballadores que non dispoñan de conexión a intranet/internet solicitarán a inscrición mediante o formulario que figura no anexo do DOG unha vez cuberto polos traballadores, e enviado por correo ordinario ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais (edificio administrativo San Caetano, s/n, CP 15781).

2.4. O prazo de inscrición rematará transcorridos quince días a partir do día seguinte á publicación da resolución no DOG, agás persoal de nova incorporación e persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde.

Cuarta.-Citacións.

Os traballadores inscritos en tempo e forma serán convocados coa antelación suficiente, indicándose a data e a hora da súa comparecencia. A falta de asistencia á cita implicará, agás causa de forza maior suficientemente xustificada, que o traballador renuncia ao seu dereito.

Quinta.-Resultados e entrega dos informes da vixilancia da saúde

Os resultados da vixilancia da saúde, formalizados no protocolo para o efecto e subscritos polo facultativo que realizou o recoñecemento médico, teñen carácter persoal e reservado, e a entrega farase en sobre pechado.

A entrega do sobre farase persoalmente a cada traballador.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2008.

Santiago A. Roura Gómez

Secretario xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "06700D006P039.PDF"