DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 08 de abril de 2008 Páx. 5.982

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 26 de marzo de 2008 pola que se establece a porcentaxe que cómpre transferir aos colexios de procuradores dos tribunais de Galicia, para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de representación gratuíta.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito a asistencia xurídica gratuíta, e establece no seu artigo 38 que o Ministerio de Xustiza subvencionará os colexios de procuradores para a implantación e funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta. Polo Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, incluíndo no seu anexo letra B) núm. 1 c) as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á representación por procurador en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia. Estas funcións foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actualmente atribuídas á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 146/1997, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, e establece no seu artigo 45, que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de procuradores para atender os gastos derivados do funcionamento e infraestrutura colexial que requiren os servizos de representación gratuíta, o que corresponde á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza segundo o Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único.-A cantidade destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta para o ano 2007, fíxase nun oito por cento do importe total xerado durante o ano 2006 polos colexios de procuradores dos tribunais da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de representación gratuíta.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Xustiza a ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "06700D005P038.PDF"