DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 08 de abril de 2008 Páx. 5.958

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 25 de marzo de 2008 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, tendo a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza asignadas as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da citada consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón na súa disposición transitoria que os colexios profesionais que estivesen constituídos no momento da entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense acordou en asemblea xeral, que tivo lugar o 26 de marzo de 2006, a aprobación dos estatutos. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, tal como dispón o artigo 18.1º da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, que figuran como anexo a esta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense

Título I.

Capítulo I. Disposicións xerais.

Artigo 1º.-Natureza xurídica do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense. Artigo 2º.-Representación. Artigo 3º.-Ámbito territorial e sede. Artigo 4º.-Obriga de colexiación.

Capítulo II. Fins.

Artigo 5º.-Fins.

Capítulo III. Relacións coa Administración pública.

Artigo 6º.-Relacións coa Administración do Estado. Artigo 7º.-Relacións coa Administración autonómica de Galicia. Artigo 8º.-Recoñecemento e distinción.

Título II.

Capítulo I. Órganos de goberno.

Artigo 9º.-Órganos de goberno.

Capítulo II. Asemblea xeral de colexiados.

Artigo 10º.-Natureza. Artigo 11º.-Constitución. Artigo 12º.-Funcionamento. Artigo 13º.-Competencias. Artigo 14º.-Moción de censura.

Capítulo III. Xunta directiva.

Artigo 15º.-Constitución da Xunta Directiva. Artigo 16º.-Constitución do Pleno. Artigo 17º.-Constitución da Comisión Permanente. Artigo 18º.-Funcións do Pleno da Xunta Directiva. Artigo 19º.-Funcións da Comisión Permanente da Xunta Directiva. Artigo 20º.-Reunións do Pleno e da Comisión Permanente.

Capítulo IV. Cargos do colexio.

Artigo 21º.-Do/da presidente/a. Artigo 22º.-Da vicepresidencia. Artigo 23º.-Do/da secretario/a xeral. Artigo 24º.-Do/da vicesecretario/a. Artigo 25º.-Do/da tesoureiro/a.

Capítulo V. Réxime electoral.

Artigo 26º.-Condiciones para ser elixible. Artigo 27º.-Censo electoral. Artigo 28º.-Convocatoria de eleccións. Artigo 29º.-Forma de elección. Artig 30º.-Xunta Electoral. Artigo 31º.-Calendario electoral. Artigo 32º.-Presentación e aprobación de candidaturas. Artigo 33º.-Procedemento electivo. Artigo 34º.-Cesamento.

Capítulo VI. Das vogalías.

Artigo 35º.-Natureza. Artigo 36º.-Vogalías. Artigo 37º.-Funcións.

Capítulo VII. Comisión de ética e deontoloxía médica.

Artigo 38º.-Natureza e composición. Artigo 39º.-Funcións.

Capítulo VIII. Colexiación.

Artigo 40º.-Obrigatoriedade da colexiación. Artigo 41º.-Colexiación potestativa. Artigo 42º.-Solicitude de colexiación. Artigo 43º.-Actuacións fóra do ámbito territorial. Artigo 44º.-Denegación de colexiación. Artigo 45º.-Trámites posteriores á admisión. Artigo 46º.-Baixas colexiais. Artigo 47º.-Clases de colexiados/as. Artigo 48º.-Dereitos dos/as colexiados/as. Artigo 49º.-Deberes dos/as colexiados/as. Artigo 50º.-Prohibicións. Artigo 51º.-Diverxencias entre colexiados/as.

Capítulo IX. Réxime económico financeiro.

Artigo 52º.-Competencias. Artigo 53º.-Confección e liquidación de orzamentos. Artigo 54º.-Recursos económicos. Artigo 55º.-Cotas de entrada. Artigo 56º.-Cotas ordinarias. . Artigo 57º.-Cotas extraordinarias. Artigo 58º.-Recadación de cotas. Artigo 59º.-Morosidade. Artigo 60º.-Liquidación de cotas. Artigo 61º.-Gastos. Artigo 62º.-Contraprestacións económicas por servizos prestados ao colexio. Artigo 63º.-Destino dos bens en caso de disolución.

Capítulo X. Certificados médicos.

Artigo 64º.-Certificados médicos oficiais. Capítulo XI. Réxime disciplinario. Artigo 65º.-Principios xerais. Artigo 66º.-Faltas disciplinarias. Artigo 67º.-Sancións disciplinarias. Artigo 68º.-Extinción da responsabilidade disciplinaria. Artigo 69º.-Prescrición das infraccións e sancións. Artigo 70º.-Rehabilitación. Artigo 71º.-Procedemento sancionador.

Capítulo XII. Réxime xurídico dos acordos sometidos a dereito administrativo e recursos.

Artigo 72º.-Consideracións xerais. Artigo 73º.-Eficacia. Artigo 74º.-Nulidade e anulabilidade. Artigo 75º.-Recursos.

Capítulo XIII. Réxime de garantías dos cargos colexiais.

Artigo 76º.-Consideración dos cargos. Artigo 77º.-Facultades. Artigo 78º.-Ausencias e desprazamentos no servizo.

Capítulo XIV. Premios e distincións.

Artigo 79º.

Título III

Capítulo I. Estatutos colexiais.

Artigo 80º.-Estatutos colexiais e a súa modificación.

Capítulo II. Réxime de disolución.

Artigo 81º.-Disolución do colexio.

Disposicións adicionais.

Disposición transitoria.

Título I

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza xurídica do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense.

1. O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, integrado na organización médica colexial, é unha corporación de dereito público con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense réxese pola Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, polos Estatutos xerais da organización médica colexial, por estes estatutos particulares, así como polos acordos adoptados polos seus órganos de goberno, polos adoptados polo Consello Galego de Colexios de Médicos e polo Consello Xeral de Colexios Médicos de España.

3. O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, para o cumprimento dos seus fins dentro do seu ámbito provincial de competencia, poderá adquirir a título oneroso ou lucrativo, allear, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens, contraer obrigas e, en xeral, ser titular de toda clase de dereitos, exercitar ou soportar calquera acción xudicial, reclamación ou recurso en todas as vías e xurisdicións, e mesmo, recursos extraordinarios.

Artigo 2º.-Representación.

1. Correspóndelle ao Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense a representación da profesión médica no ámbito provincial, así como a defensa dos intereses profesionais dos seus colexiados.

2. A representación legal do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense correspóndelle, tanto en xuízo como fóra del, ao seu presidente, quen está lexitimado para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores, letrados ou calquera clase de mandatarios, logo de acordo de Pleno da Xunta Directiva, sen prexuízo do que dispoñan as leis procesuais civís e a Lei da xurisdición contencioso-administrativa.

3. O emblema do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense é o propio escudo da cidade, co engadido dun bastón de mando cunha serpe enroscada, sostido polo león; na parte inferior faise constar a lenda: «Ilustre Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense».

Artigo 3º.-Ámbito territorial e sede.

O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense ten como ámbito territorial a provincia de Ourense, e a sede colexial, que constitúe o seu domicilio actual, está na capital, na avenida de Xoán XXIII, número 19-entresollado, 32003 Ourense.

Artigo 4º.-Obriga de colexiación.

A colexiación no Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense é obrigatoria para o exercicio da profesión dentro da provincia, obrigatoriedade que se establece na forma que fixa o artigo 3 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia: «os profesionais vinculados coas administracións públicas mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral non precisarán estar colexiados para o exercicio de funcións puramente administrativas, nin para a realización de actividades propias da correspondente profesión por conta da Administración a que pertenzan, cando o destinatario inmediato daquelas sexa esa administración. Si será obrigatoria, en consecuencia, a colexiación para o exercicio da actividade privada».

O establecido no parágrafo anterior agrupa os posuidores do título de licenciado en medicina e cirurxía que, de acordo coas leis vixentes, exerzan a profesión médica na provincia de Ourense, sempre e cando a titulación a que se fai referencia sexa condición exixible indispensable para desempeñar a súa actividade médica.

Capítulo II

Fins

Artigo 5º.-Fins.

A) Son fins fundamentais do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense:

1. A ordenación do exercicio da profesión médica.

2. A representación desta e a defensa dos intereses profesionais das persoas colexiadas no ámbito da súa competencia, e de acordo co marco que establecen as leis, sen prexuízo da competencia da Administración pública por razón da relación funcionarial ou estatutaria. A salvagarda e observancia dos principios éticos e deontolóxicos da profesión médica e da súa dignidade e prestixio, vixiando o cumprimento do Código de ética e de deontoloxía médica da organización médica colexial e tamén, de ser o caso, do Código de deontoloxía do Consello Galego de Colexios de Médicos.

3. A adopción das medidas necesarias para evitar o intrusismo profesional.

4. A colaboración cos poderes públicos e organismos oficiais e privados na consecución do dereito á protección da saúde e na máis eficiente, xusta e equitativa regulación da asistencia sanitaria e do exercicio da medicina dentro do seu ámbito territorial, velando para que a actividade profesional médica se adecúe aos intereses da cidadanía.

5. Cantos fins lle corresponden segundo as leis, tanto estatais como da Comunidade Autónoma de Galicia, de colexios profesionais.

B) Son outros fins do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense:

1. A promoción da constante mellora dos niveis científico, cultural, económico e social dos colexiados, para o que poderá organizar e manter toda clase de actividades, institucións e sistemas de previsión e protección social.

2. A dedicación constante á actualización profesional dos seus colexiados a través de cursos e doutras actividades de formación médica continuada, ben directamente ou en colaboración coa Administración pública, estatal ou autonómica, e con institucións públicas ou privadas, para o que se establecerán os oportunos convenios ou acordos.

3. Emitir informes directamente de todas as normas que elabore o Goberno da Xunta de Galicia sobre as condicións xerais do exercicio da medicina en Galicia, as funcións, os ámbitos e os honorarios, cando se fixen por tarifa ou arancel, e sobre réxime de incompatibilidades.

4. Emitir informe, a través do Consello Galego de Colexios Médicos, de todos os proxectos de lei e disposicións legais que traten das condicións xerais do exercicio da medicina en Galicia, e das súas funcións, como son o ámbito, os títulos, incompatibilidades, honorarios, etc.

5. Representar a profesión médica nos padroados universitarios, e ante as administracións en comisións ou consellos de estudos ou asesores científicos, docentes, éticos e sociais, do ámbito da saúde e da medicina.

6. O exercicio e xestión das competencias que lle sexan delegadas polo Consello Galego de Colexios de Médicos, ou polas administracións públicas.

7. Asesorar tribunais de xustiza, corporacións oficiais e persoas individuais e colectivas nas condicións previstas pola lei.

8. Facilitarlles aos tribunais a relación de persoas colexiadas que puidesen ser requiridas para intervir como peritos en asuntos xudiciais, ou designalos por si mesmo cando proceda.

9. Formar parte de tribunais en que se xulguen coñecementos profesionais ou méritos para o acceso e a designación de prazas ou postos de traballo, cando sexan requiridos para iso.

10. Delimitar conceptualmente os actos médicos, entendendo como tales os propios da profesión médica.

11. Velar en todo momento polo comportamento profesional correcto, exixindo das persoas colexiadas a preparación ou pericia requirida obxectivamente.

12. Establecer ou validar protocolos de actuación profesional, consentimento informado e calquera outro que afecte o exercicio profesional.

13. Calquera outro fin que poida ter relación coa promoción, científica, cultural, laboral e social da profesión, coa finalidade de promover o dereito á saúde, e aquelas demais funcións que sexan beneficiosas para os intereses profesionais e que estean encamiñadas a cumprir os obxectivos colexiais de acordo cos intereses da sociedade.

Capítulo III

Relacións coa Administración pública

Artigo 6º.-Relacións coa Administración do Estado.

O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense relacionarase e colaborará coa Administración do Estado a través do Ministerio de Sanidade e Consumo por intermedio do Consello Xeral de Colexios de Médicos de España como integrante na Organización Médica Colexial.

Artigo 7º.-Relacións coa Administración autonómica de Galicia.

O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense relacionarase coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da consellería competente en materia de colexios profesionais, en cuestións relativas a aspectos corporativos e institucionais e a través da consellería competente en materia de sanidade en cuestións relativas á profesión e actividade médica, directamente ou a través do Consello Galego de Colexios de Médicos.

Artigo 8º.-Recoñecemento e distinción.

O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense gozará do amparo da Lei e do recoñecemento das distintas administracións públicas.

O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense terá o tratamento de Ilustre e o seu presidente ou a súa presidenta o de Ilustrísimo/a.

Título II

Capítulo I

Órganos do colexio

Artigo 9º.-Órganos do colexio.

Os órganos de goberno do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense son:

-A Asemblea Xeral de colexiados.

-A Xunta Directiva.

-O/A presidente/a.

Capítulo II

Asemblea Xeral de colexiados

Artigo 10º.-Natureza.

A Asemblea Xeral está formada por todas as persoas colexiadas, e constitúe o órgano supremo da representación, e a esta deberá dar conta da súa actuación a Xunta Directiva.

Os acordos tomados en Asemblea Xeral serán vinculantes para todas as persoas colexiadas.

Artigo 11º.-Constitución.

A Asemblea Xeral estará constituída pola totalidade das persoas colexiadas, en plena posesión dos dereitos colexiais.

A Mesa da Asemblea Xeral estará composta polos membros da Xunta Directiva.

A Asemblea Xeral será presidida e dirixida polo/a presidente/a do colexio ou, de ser o caso, polo/a vicepresidente/a, asistido/a polo/a secretario/a xeral da corporación ou, se é o caso, polo/a vicesecretario/a.

Non será válido o voto delegado nin remitido por correo.

Artigo 12º.-Funcionamento.

1. A Asemblea Xeral convocarase con carácter ordinario e preceptivamente, como mínimo, dúas veces ao ano; a primeira, no transcurso do primeiro trimestre, á que se lle presentarán, para a súa aprobación, o balance e liquidación das contas orzamentadas do exercicio económico anterior; a segunda, no último trimestre, para a aprobación do orzamento de ingresos e gastos do exercicio seguinte.

2. A Asemblea Xeral poderaa convocar con carácter extraordinario o Pleno, a Xunta Directiva cantas veces o aconsellen as circunstancias e aqueles temas de especial relevancia e interese (requírese acordo do Pleno co voto favorable de dúas terceiras partes dos seus membros), e preceptivamente cando o solicite un 25% das persoas colexiadas, e neste casos acompañara a petición a orde do día desta.

3. A convocatoria de Asemblea Xeral seralles comunicada mediante notificación directa polo/a presidente/a e secretario/a da corporación a todas persoas colexiadas con dez días naturais de antelación, polo menos, salvo as de carácter extraordinario, que poderán ser convocadas con 48 horas de antelación, e nesta farase constar a realización da sesión, se é o caso, en segunda convocatoria, e entre a primeira e segunda convocatoria deberá haber un mínimo de media hora.

4. A Asemblea Xeral constituirase validamente en primeira convocatoria coa metade máis un do censo de persoas colexiadas, e en segunda convocatoria con calquera que sexa o número de persoas colexiadas asistentes.

5. A sesión da Asemblea Xeral será dirixida polo/a presidente/a, quen concederá a palabra aos asistentes que interveñan e, de ser o caso, retiraralla aos participantes, se se saísen do punto da orde do día ou reiterasen argumentos xa expostos, e poderá demandar a presenza de calquera persoa experta cando o considere conveniente para informar dalgún tema de debate.

6. Para a validez dos acordos requírese que alcancen a maioría simple dos votos das persoas colexiadas asistentes, salvo para aqueles que requiran unha maioría cualificada conforme estes estatutos.

7. As votacións poderán ser á man alzada ou secretas, mediante papeleta, se ben serán en todo caso secretas mediante papeleta cando así o decida o/a presidente/a ou sexa aprobado á man alzada pola maioría simple das persoas colexiadas asistentes.

8. Na orde do día da Asemblea Xeral consignarase o punto de rogos e preguntas, que deberán ser concretas e admitidas polo/a presidente/a e non serán obxecto de discusión nin de votación.

9. Para a validez da realización das sesións e da adopción de acordos será necesario que asistan o/a presidente/a e o/a secretario/a ou as persoas que legalmente os substitúan; en caso de empates, decidirá o/a presidente/a co seu voto de calidade.

10. De cada sesión da Asemblea Xeral levantará acta o/a secretario/a, que será asinada por el/a e polo/a presidente/a para a súa autenticidade e obrigatoriedade dos acordos adoptados para todos as persoas colexiadas. As actas especificarán necesariamente o número de asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que tivo lugar, os puntos principais das intervencións e deliberacións e o contido dos acordos adoptados, e poderanse someter á súa aprobación por decisión do/da presidente/a na mesma ou seguinte sesión; non obstante, o/a secretario/a poderá emitir unha certificación sobre os acordos específicos que se adoptasen, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta, pero en tal caso fará constar expresamente na certificación esta circunstancia.

Artigo 13º.-Competencias.

Correspóndelle á Asemblea Xeral, como órgano supremo de goberno da corporación:

1. Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos do colexio para cada exercicio económico anual.

2. Aprobar a liquidación dos orzamentos de cada ano económico cumprido.

3. Supervisar a actuación da Xunta Directiva.

4. Fixar a contía das cotas colexiais para o sostemento das cargas e servizos colexiais dentro dos criterios sinalados polo Consello Galego de Colexios Médicos e, se é o caso, polo Consello Xeral de Colexios Médicos.

5. Aprobar os estatutos do colexio e as súas modificacións.

6. Aprobar os acordos que a Xunta de Goberno tomase sobre compra ou alleamento dos inmobles do colexio, sen cuxa aprobación non poderán levarse a cabo.

7. Moción de censura ao presidente, á Xunta Directiva, ou a calquera dos seus membros.

8. Aprobar normas reguladores e de control do exercicio profesional que lle someta o Pleno da Xunta Directiva.

9. Por proposta do Pleno, aprobar por maioría absoluta dos presentes na asemblea o nomeamento ou contratación daquelas persoas físicas ou xurídicas, calquera que sexa a modalidade ou natureza xurídica do contrato: 1. cuxos ingresos en cómputo anual, e por todos os conceptos posibles, superen a cantidade de quince mil euros e 2. a daquelas persoas físicas ou xurídicas que tivesen conflito xudicial co Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense.

10. Cantas competencias lle atribúan as leis, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia, de colexios profesionais e estes estatutos.

Artigo 14º.-A moción de censura.

A moción de censura deberá ser proposta mediante un escrito dirixido ao presidente, asinado por, polo menos, o 25% das persoas colexiadas.

Despois de recibir a solicitude de moción de censura terá lugar unha sesión extraordinaria do Pleno para convocar Asemblea Xeral extraordinaria, en que figurarán como únicos puntos da orde do día a intervención do/da presidente/a e a votación da mesma Xunta Directiva.

Entre a solicitude de moción de censura e realización da asemblea non poderá transcorrer máis de un mes.

A Asemblea Xeral extraordinaria convocada para este efecto quedará constituída validamente en primeira convocatoria coa presenza da maioría simple das persoas colexiadas, e en segunda coa presenza do 25% das persoas colexiadas.

Para aprobar a moción de censura e o conseguinte cesamento do/da presidente/a, ou da Xunta Directiva, será necesario o voto favorable de dous terzos das persoas asistentes.

Para o caso de que se aprobe a moción, a Xunta Directiva continuará en funcións coa obriga de convocar eleccións no prazo máximo de un mes desde que teña lugar a Asemblea Xeral Extraordinaria.

Capítulo III

Xunta Directiva

Artigo 15º.-Constitución da Xunta Directiva.

A Xunta Directiva estará constituída por dous órganos: o Pleno e a Comisión Permanente.

Artigo 16º.-Constitución do Pleno.

O Pleno da Xunta Directiva estará integrado por:

-Un/unha presidente/a.

-Un/unha vicepresidente/a primeiro/a.

-Un/unha vicepresidente/a segundo/a.

-Un/unha vicepresidente/a terceiro/a.

-Un/unha secretario/a.

-Un/unha vicesecretario/a.

-Un/unha tesoureiro/a contador/a.

-Un/unha representante de cada unha das seccións colexiais, ou áreas de traballo coñecidas como vogalías. Faise constar que as vogalías alcanzarán un mínimo de seis e un máximo de dez.

Artigo 17º.-Constitución da Comisión Permanente.

A Comisión Permanente da Xunta Directiva estará integrada por:

-Presidente/a.

-Vicepresidente/a.

-Secretario/a.

-Vicesecretario/a.

-Tesoureiro/a.

Artigo 18º.-Funcións do Pleno da Xunta Directiva.

Corresponden ao Pleno da Xunta Directiva as seguintes funcións:

1ª) Velar polo cumprimento dos fins do colexio e porque todas as persoas colexiadas cumpran as normas de ética e deontoloxía da profesión médica.

2ª) Exercitar as accións e actuacións oportunas para impedir e evitar o intrusismo.

3ª) Exercer as facultades disciplinarias conforme estes estatutos.

4ª) Convocar asembleas xerais de persoas colexiadas, ordinarias e extraordinarias, sinalando a orde do día para cada unha.

5ª) Convocar eleccións para prover os cargos de presidente e membros da Xunta Directiva.

6ª) Aprobar as normas de funcionamento interno que estime convenientes.

7ª) Preparar e presentar para a súa aprobación á Asemblea Xeral os orzamentos de ingresos e gastos e as súas liquidacións.

8ª) Acordar a admisión de colexiados e coñecer as baixas e as súas causas.

9ª) Informar os colexiados con rapidez de cantas cuestións que coñeza e poidan afectalos, xa sexa de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural.

10ª) Defender os colexiados no desempeño das funcións da profesión cando o considere procedente e xusto.

11ª) Programar, dirixir, coordinar e controlar cursos de formación profesional e as actividades e servizos colexiais.

12ª) Solicitar auditorías técnico-administrativas externas, e designar auditores, sobre asuntos económicos e racionalización de postos de traballo respecto ao funcionamento interno do Colexio de Médicos.

13ª) Con carácter xeral, todas as funcións que lle atribúen ao Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, como colexio profesional, a Lei de colexios profesionais e a Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, salvo aquelas que estean atribuídas á Asemblea Xeral de Colexiados polas devanditas leis e por estes estatutos.

14ª) Propoñer á asemblea a contratación das persoas físicas e xurídicas na forma e supostos a que se refire o artigo 13.9º destes estatutos.

Artigo 19º.-Funcións da Comisión Permanente da Xunta Directiva.

A Comisión Permanente da Xunta Directiva desempeñará as seguintes funcións:

1ª) As funcións que expresamente lle delegue o Pleno da Xunta Directiva.

2ª) As competencias do Pleno da Xunta Directiva cando razóns de urxencia aconsellen o seu exercicio, daralle conta a este na sesión inmediata que realice para a ratificación.

3ª) A aceptación das baixas dos colexiados calquera que sexa a súa causa, sempre que se cumpra a lexislación vixente.

4ª) Resolver os asuntos administrativos de trámite.

Artigo 20.-Reunións do Pleno e da Comisión Permanente.

1. O Pleno reunirase ordinariamente polo menos seis veces ao ano, e extraordinariamente cando o solicite polo menos un terzo dos seus membros, ou as circunstancias o aconsellen a xuízo do/da presidente/a.

As convocatorias para as reunións do Pleno faraas o/a secretario/a, logo de mandato do/da presidente/a que fixará a orde de día, con oito días naturais de antelación, e comunicaranse mediante notificación por escrito aos seus membros xunto coa orde do día correspondente. O/a presidente/a/a terá facultade para convocar o Pleno con carácter de urxencia cando as circunstancias así o exixan, en cuxo caso a convocatoria se poderá facer con 48 horas de antelación.

O Pleno da Xunta Directiva constituirase validamente en primeira convocatoria cando concorran á reunión a metade máis un dos membros que o integran, e en segunda convocatoria, que se fará polo menos con media hora máis tarde cá primeira, constituirase validamente coa asistencia, polo menos, de seis membros.

Serán válidos os acordos adoptados pola maioría simple dos asistentes, tanto en primeira como en segunda convocatoria, e no caso de empate na votación, decidirá o/a presidente/a con voto de calidade.

En todo caso será requisito necesario para a constitución válida do Pleno da Xunta Directiva e para a válida adopción de acordos que asistan o/a presidente/a e o secretario/a ou as persoas que legalmente os substitúan, e tres membros máis da Xunta Directiva.

Será obrigatoria a asistencia ás sesións, salvo causa xustificada.

A Presidencia poderá invitar aos plenos a calquera colexiado, ben por iniciativa propia ou ben por petición deste, e asesores, que non terán dereito a voto; os colexiados invitados ao Pleno serano cando teñan algún interese directo e persoal nalgún dos asuntos que se vaian tratar, poderán ser oídos se o considera oportuno o/a presidente/a, e abandonarán a reunión cando este o ordene e, en todo caso, durante as deliberacións.

2. A Comisión Permanente reunirase por citación do/da presidente/a, ordinariamente unha vez cada dous meses, salvo en período de vacacións, e con maior frecuencia cando os asuntos o requiran a xuízo deste ou cando o soliciten por escrito tres dos seus membros.

A convocatoria da Comisión Permanente notificaráselles aos seus membros, coa orde do día, con 48 horas de antelación, polo menos, e por escrito ou telegrama, e o/a presidente/a quedará facultado para convocar de urxencia con 24 horas de antelación.

A Comisión Permanente constituirase validamente coa asistencia do/a presidente/a e do/a secretario/a ou das persoas que legalmente os substitúan e, polo menos, catro dos seus membros, e os acordos adoptaranse na forma prevista para os do Pleno, e deberáselle dar conta deles a este na primeira sesión que realice.

Deberá ser convocado á Comisión Permanente calquera outro membro do Pleno da Xunta Directiva cando haxa que tratar asuntos propios da sección que representa, pero sen dereito a voto.

3. O/a secretario levantará acta de cada sesión do Pleno e da Comisión Permanente da Xunta Directiva, que será asinada por el e polo/a presidente/a/a para a súa autenticidade; especificará necesariamente os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo en que tivo lugar, os puntos principais das intervencións e deliberacións e o contido dos acordos adoptados, e poderase someter á súa aprobación por decisión do/da presidente/a na mesma ou seguinte sesión; non obstante, o/a secretario/a poderá emitir unha certificación sobre os acordos específicos que se adoptasen, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta, pero en tal caso fará constar expresamente na certificación esta circunstancia.

Capítulo IV

Cargos do colexio

Artigo 21º.-Do/da presidente/a.

O/a presidente/a exerce a representación legal do colexio e velará dentro da provincia de Ourense polo cumprimento das prescricións legais e regulamentarias aplicables ao Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, como colexio profesional, e á profesión médica, destes estatutos e dos acordos e disposicións que adopten o Consello Xeral de Colexios de Médicos de España, o Consello Galego de Colexios de Médicos, a Asemblea Xeral de Colexiados e a Xunta Directiva.

Ademais corresponderanlle os seguintes labores:

1. Velar pola boa práctica e o prestixio da profesión médica.

2. Presidir as sesións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, e decidir os empates que puidesen producirse nas votacións co seu voto de calidade.

3. Nomear todas as comisións, por proposta, de ser o caso, da Asemblea Xeral, do Pleno ou da permanente, e presidilas se o considerase conveniente.

4. Convocar, fixar a orde do día, abrir, dirixir e levantar as sesións do Pleno e da Comisión Permanente da Xunta Directiva.

5. Solicitar dos centros administrativos correspondentes os datos que necesite para cumprir os acordos da Xunta Directiva do colexio e ilustrala nas súas deliberacións e resolucións.

6. Autorizar o documento que aprobe a Xunta Directiva como xustificante de que o facultativo está incorporado ao colexio.

7. Autorizar os informes e comunicacións que se dirixan ás autoridades, institucións, corporacións ou particulares.

8. Autorizar as contas bancarias, imposicións que se fagan e os talóns, cheques e demais instrumentos para retirar fondos.

9. Visar as certificacións que expida o/a secretario/a do colexio.

10. Aprobar os libramentos e ordes de pagamento e libros de contabilidade.

11. Velar co maior interese pola boa conduta profesional das persoas colexiadas e polo decoro do colexio.

12. Asinar en representación do colexio os acordos, convenios e contratos que asine a corporación con terceiros, logo de aprobación do Pleno de Xunta Directiva.

13. Exercer cantas funcións e prerrogativas estean establecidas nas disposicións legais e regulamentarias vixentes, e as demais previstas nestes estatutos.

O cargo de presidente/a será exercido gratuitamente; non obstante, nos orzamentos colexiais fixaranse as partidas precisas para atender decorosamente aos gastos de representación da Presidencia do colexio.

Artigo 22º.-Da Vicepresidencia.

Os vicepresidentes levarán a cabo todas aquelas funcións que lle confira e delegue o/a presidente/a, e asumirán as deste/a no caso de ausencia, enfermidade, abstención ou recusación, sen necesidade de xustificación ante terceiros.

Se a Presidencia quedase vacante por calquera causa, o/a vicepresidente/a primeiro/a exercerá a Presidencia ata a terminación do mandato, salvo que aquela se producise por moción de censura, na primeira metade do período do devandito mandato, neste caso, non obstante, o establecido no artigo 14 exercerá a Presidencia ata que se remate o proceso electoral que convoque, no prazo máximo de un mes desde a vacante, o Pleno da Xunta Directiva para cubrir todos os cargos desta. O disposto neste artigo é aplicable, se é o caso, aos demais vicepresidentes.

Artigo 23º.-Do/da secretario/a xeral.

Independentemente das outras funcións que derivan destes estatutos, das disposicións vixentes e das ordes emanadas da Presidencia, correspóndelle ao secretario xeral:

1. Redactar e dirixir os oficios de citación para todos os actos do colexio segundo as ordes que reciba do/da presidente/a e coa anticipación debida.

2. Redactar as actas das asembleas xerais e das reunións que realice a Xunta Directiva, en Pleno e en Comisión Permanente, cos requisitos formais establecidos nestes estatutos, coidando de que se copien, despois de aprobalas, no libro correspondente, asinándoas co/a presidente/a.

3. Levar os libros que se precisen para o mellor e máis ordenado servizo, deberá haber un en que se anoten as sancións que se lles impoñan ás persoas colexiadas.

4. Recibir e dar conta ao/á presidente/a de todas as solicitudes e comunicacións que se remitan ao colexio ou á Secretaría.

5. Asinar co/a presidente/a o documento acreditativo de que o médico está incorporado ao colexio.

6. Expedir as certificacións que soliciten as persoas interesadas.

7. Redactar anualmente a memoria que reflicta as vicisitudes do ano, que deberá poñerse á disposición de calquera colexiado, e que será elevada a coñecemento do Consello Xeral de Colexios de Médicos de España.

8. Asumir a dirección dos servizos administrativos e a xefatura do persoal do colexio, e sinalar, de acordo coa Comisión Permanente, as horas que deberá dedicar a recibir visitas e despacho da Secretaría.

9. Informar o Pleno das decisións adoptadas en materia de servizos administrativos e persoal do colexio a que se refire o número anterior.

10. Exercer cantas funcións estean establecidas nas disposicións legais e regulamentarias vixentes e as demais previstas nestes estatutos.

O cargo de secretario/a será retribuído ou non, segundo acorde o Pleno da Xunta Directiva, e coa asignación que se considere correspondente, proporase a correspondente partida orzamentaria para a súa presentación e decisión pola Asemblea Xeral ordinaria en que se valoren os orzamentos colexiais.

Artigo 24º.-Do/da vicesecretario/a.

O/a vicesecretario/a, conforme acorde o Pleno da Xunta Directiva, auxiliará no traballo o/a secretario/a, e asumirá as súas funcións no caso de ausencia, enfermidade, abstención, recusación ou vacante, sen necesidade de xustificación ante terceiros.

Artigo 25º.-Do/da tesoureiro/a.

Correspóndelle ao/á tesoureiro/a dispoñer o necesario para que a contabilidade do colexio se leve polo sistema e conforme as normas legais, as fixadas nestes estatutos e as que teña establecidas ou estableza o Consello Galego de Colexios de Médicos e, de ser o caso, o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos de España, asinando os libramentos e cargos, que serán autorizados coas sinaturas do/da presidente/a e do/da secretario/a da corporación, así como autorizar os cheques e talóns das contas correntes bancarias e demais instrumentos de pagamento e de operacións bancarias que faciliten o funcionamento económico e financeiro do colexio.

Todos os anos presentará a Conta xeral de Tesouraría, que someterá á aprobación do Pleno da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral. Do mesmo xeito, redactará o proxecto de orzamento, que será proposto polo Pleno da Xunta Directiva e aprobado pola Asemblea Xeral, e subscribirá o balance que se deduza da contabilidade, efectuando os arqueos que correspondan dun xeito regular e periódico.

Capítulo V

Réxime electoral

Artigo 26º.-Condicións para ser elixible.

1. Para os cargos que integran a Comisión Permanente: estar colexiado/a no Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, e estar ao día no pagamento das cotas colexiais; figurar no censo que cada catro anos, como mínimo, deberá elaborar o colexio, e que deberá ser exposto ás persoas colexiadas nas oficinas colexiais cunha anterioridade non inferior a tres meses antes da convocatoria prevista de eleccións; non estar incurso en prohibición ou impedimento legal; e será necesario atoparse exercendo a profesión médica.

2. Para os representantes das seccións colexiais ou vogalías: estar colexiado/a no Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, e estar ao corrente no pagamento da cotas colexiais; formar parte da sección correspondente; non estar incurso en prohibición ou impedimento legal.

3. Por prohibición ou impedimento legal enténdese estar condenado/a por sentenza firme que leve consigo a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos mentres estas subsistan, e ser sancionado/a disciplinariamente en calquera colexio de médicos mentres non fose rehabilitado/a.

4. O período de mandato dos membros da Xunta Directiva será de catro anos.

5. O cargo de presidente/a da Xunta Directiva terá unha limitación temporal de dúas lexislaturas, limitación non extensible aos demais membros da Xunta Directiva, que poderán ser reelixidos, e mesmo optar ao cargo de presidente/a.

Artigo 27º.-Censo electoral.

1. Reiterando o disposto no artigo 26.1º, cada catro anos, como mínimo, o Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense elaborará unha lista provisional do censo de colexiados/as que será exposta nas oficinas colexiais, cunha anterioridade non inferior a tres meses antes da convocatoria prevista de eleccións.

2. A lista provisional do censo quedará exposta ata a data de convocatoria das eleccións e durante o devandito período os/as colexiados/as poderán solicitar as alteracións ou rectificacións que estimen oportunas, logo de xustificación documental. Todas as reclamacións que se interpoñan en vía administrativa deberán ser resoltas antes do quinto día posterior á convocatoria de eleccións. Unha vez transcorrido o devandito termo, darase por definitivo o censo electoral, que custodiará a Xunta Electoral.

3. Se se convocasen eleccións antes do termo de mandato de catro anos, utilizarase o censo electoral vixente no día da convocatoria.

4. Cada candidatura terá dereito a unha copia do censo electoral definitivo, que lle será facilitado pola Xunta Electoral, e comprometerase e asinará o documento que a xunta lles presente para cumprir e respectar as disposicións vixentes en materia de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 28º.-Convocatoria de eleccións.

A convocatoria de eleccións dos membros da Xunta Directiva corresponderalle ao seu Pleno. O colexio dará conta da convocatoria ao Consello Galego de Colexios de Médicos coa debida antelación.

O Pleno da Xunta Directiva deberá convocar obrigatoriamente eleccións con dous meses de antelación, polo menos, ao termo do seu mandato de catro anos, e nas datas dos demais supostos establecidos nestes estatutos.

A convocatoria de eleccións farase coa debida publicidade no taboleiro de anuncios da sede do colexio, mediante circular ás persoas colexiadas, e nela sinalarase o prazo para a súa realización, que será como máximo de dous meses desde a convocatoria.

A convocatoria sinalará a data de votación, e o prazo para a presentación de candidaturas, que durará polo menos vinte días naturais.

Artigo 29º.-Forma de elección.

As candidaturas serán pechadas, integradas por presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a, vicesecretario/a e tesoureiro/a contador/a; as vogalías serán abertas e os membros da xunta que representen as seccións colexiais serán elixidos por votación das persoas colexiadas adscritas a cada vogalía.

Artigo 30º.-Xunta Electoral.

O Pleno da Xunta Directiva, na reunión que acorde a convocatoria de eleccións, nomeará a Xunta Electoral, que estará formada por tres membros e os seus respectivos suplentes, elixidos por sorteo entre todas as persoas colexiadas con dereito a voto, e actuará de presidente/a a persoa de máis idade, e de secretario/a a de menos idade.

Non poderán ser membros da Xunta Electoral, así como tampouco das mesas electorais, nin as persoas colexiadas que desempeñen cargos na Xunta Directiva vixente nin os que se presenten nas candidaturas.

A Xunta Electoral constituirase dentro dos seis días naturais seguintes ao seu nomeamento, a partir de cuxo momento presidirá o proceso electoral e velará polo seu desenvolvemento correcto e democrático.

Serán funcións da Xunta Electoral:

1ª) Fixar o horario da votación no día sinalado pola Xunta Directiva na convocatoria de eleccións.

2ª) Aprobar e publicar na sede do colexio os censos electorais.

3ª) Admitir, proclamar e publicar na sede do colexio as distintas candidaturas.

4ª) Aprobar o modelo oficial das papeletas de votación, así como os sobres que as deben conter e a acreditación para poder exercer o voto por correo.

5ª) Nomear os membros da Mesa Electoral ou, de ser o caso, das mesas electorais coas súas demarcacións territoriais.

6ª) Proclamar os candidatos elixidos.

7ª) Resolver motivadamente calquera queixa ou reclamación que se presente durante o proceso electoral ou contra o seu resultado no prazo máximo de tres días naturais, contra a resolución dos cales o/a reclamante poderá interpoñer recurso no prazo dun mes ante o Consello Galego de Colexios de Médicos, que non suspenderá o proceso electoral nin a votación, proclamación e posesión das persoas elixidas, salvo cando así o acordase o Consello Galego de Colexios de Médicos mediante resolución expresa e motivada.

Artigo 31º.-Calendario electoral.

Seguindo o disposto no último parágrafo do artigo 27, desde a convocatoria de eleccións, e na data que sinale a Xunta Directiva, abrirase o prazo de presentación de candidaturas, que durará vinte días naturais. A Xunta Electoral deberá proclamar no día seguinte a relación de candidatos que reúnen as condicións de elixibilidade. A Xunta Directiva deberá prever que as votacións se celebren non antes de vinte días nin máis alá dun mes, desde a proclamación de candidatos.

Artigo 32º.-Presentación e aprobación de candidaturas.

As candidaturas presentaranse na sede colexial en listas pechadas para a permanente, e aberta para as vogalías, dentro do prazo que sinale o calendario electoral, con relación nominal dos/das candidatos/as e de cargos elixibles, debidamente asinadas por todos os candidatos e con designación dun representante; a Xunta Electoral deberá estender a correspondente dilixencia de presentación.

Dentro do día hábil seguinte á expiración do prazo para a presentación de candidaturas, a Xunta Electoral reunirase e elaborará a relación dos candidatos que reúnan as condicións de elixibilidade, e procederá, o día seguinte hábil, á súa publicación no taboleiro da sede do colexio e na súa páxina web, e coa comunicación directa e por escrito a cada un dos candidatos e candidatas presentados, e abrirá un prazo de cinco días naturais para formular reclamacións.

Transcorrido o prazo de reclamacións ou, de ser o caso, resoltas as formuladas, o día seguinte hábil a Xunta Electoral proclamará a relación definitiva de persoas candidatas, e procederá á súa publicación, igualmente, no taboleiro da sede do colexio, e na súa páxina web, para coñecemento dos/das electores e coa comunicación directa a cada un dos candidatos e candidatas proclamados/as.

No suposto de que se presentase unha soa candidatura, a Xunta Electoral, tras a comprobación de que as persoas candidatas reúnen os requisitos de elixibilidade, proclamará estas electas sen que proceda ningunha votación.

Artigo 33º.-Procedemento electivo.

1. A elección dos membros da Xunta Directiva será por votación, na cal poderán tomar parte todas as persoas colexiadas con dereito a voto, logo de acreditar a súa identidade, e que se atopen no último censo publicado. O voto poderá ser emitido persoalmente ou por correo certificado na Mesa Electoral ou, de ser o caso, nas Mesas Electorais que a cada un lle correspondan segundo as normas de demarcación funcional ou territorial que estableza a Xunta Electoral. O voto persoal anulará o voto emitido por correo.

2. A Mesa Electoral ou, de ser o caso, as mesas electorais estarán constituídas no lugar, día e hora que se fixen no calendario electoral. As persoas colexiadas que sexan membros de cada mesa serán tres titulares e tres suplentes, elixidos por sorteo entre o censo electoral de cada unha delas; actuará de presidente quen de entre eles designe a Xunta Electoral, e de secretario a persoa de menos idade. Para a válida constitución e actuación das mesas electorais é necesaria a presenza de tres dos seus membros, xa sexan titulares ou suplentes.

3. Calquera candidatura poderá nomear un interventor na mesa ou mesas electorais, a quen a Xunta Electoral entregará a correspondente acreditación de asistencia e participación.

4. O voto poderá ser emitido persoalmente ou por correo na forma que a continuación se establece:

A) Aqueles/as colexiados/as con dereito a voto que na data da votación non se atopen no distrito electoral, ou non poidan comparecer, poderán emitir o seu voto do seguinte xeito:

-Cada elector deberá solicitarlle persoalmente ao colexio as papeletas e os sobres electorais ata vinte días antes ao da votación; a Xunta Electoral remitiralle ao colexiado os sobres e papeletas mediante correo certificado con xustificante de recepción, e dentro dos tres días seguintes á solicitude persoal realizada polo/a colexiado/a.

-Unha vez que o/a colexiado/a elector escollese ou, de ser o caso, cubrise a papeleta de voto, introduciraa no sobre e pecharao. Os sobres, dentro doutro maior que conterá a palabra «Eleccións», remitiránselle por correo certificado ao secretario do colexio, incluíndo unha copia do carné de colexiado, documento nacional de identidade ou pasaporte. Admitiranse os sobres chegados ao colexio ata a hora sinalada para o inicio da votación, e destruiranse -sen abrir- os que se reciban con posterioridade. Para garantir o segredo do voto, os sobres especiais, confeccionados polo colexio, conterán no seu exterior a seguinte inscrición «Contén papeletas para a elección na Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense», e os datos relacionados co nome e apelidos, número de colexiado e a sinatura irán nun sobre intermedio e, dentro deste, cada un dos sobres que conteñan a papeleta. Aberto o sobre exterior, o/a secretario/a recoñecerá a sinatura que o/a colexiado/a inseriu

no intermedio, así como que previamente o/a colexiado/a solicitara o voto por correo. Custodiará o sobre intermedio cos sobres especiais sen abrir, e no momento en que comece a elección entregarallos ao presidente da mesa. Previamente elaborará un censo cos votos recibidos por correo. A Xunta Electoral resérvase a posibilidade de arbitrar normas ampliadas de cautela e prescrición respecto á custodia deste voto, ante as que se atopa o control e custodia notarial.

-Finalizada a votación, o/a presidente/a da mesa asegurarase de que ningún dos votantes por correo votase persoalmente (pois neste caso quedará invalidado), e sacará todos os sobres especiais contidos nos intermedios, para posteriormente abrilos ao mesmo tempo e introducilos nas urnas.

B) Chegada a hora sinalada para concluír a votación, o/a presidente/a da mesa anunciará esta circunstancia en voz alta, se ben admitirá os votos dos electores que se atopen no local, e, deseguido, a mesa procederá a abrir os sobres que conteñan o voto por correo, e introduciraos na urna, logo de comprobar que reúnen os requisitos formais e que o elector está incluído no censo electoral, e rexeitará aqueles cuxo elector votase persoalmente, e a continuación votarán os interventores e os membros da Mesa Electoral.

C) Serán nulas todas as papeletas que conteñan emendas, engadidos, riscaduras ou raspaduras, ou non correspondan ao modelo oficial.

D) Finalizada a votación, a Mesa Electoral ou, de ser o caso, as mesas electorais -a porta pechada- procederán ao escrutinio público dos votos obtidos por cada candidato, (enténdese que, iniciado o reconto, non poderá entrar nin saír do lugar de escrutinio ningunha das persoas que entrase previamente); concluído, expedirase acta, asinada por todos os seus membros, que se elevará á Xunta Electoral; seguidamente, o presidente proclamará a candidatura que obtivese maior número de votos, e en caso de empate ao de maior idade.

E) Proclamados os candidatos e candidatas electos, a Xunta Electoral fixará, dentro do prazo máximo de quince días naturais desde a proclamación, o día da toma de posesión dos membros da nova Xunta Directiva, que así o farán logo de xuramento ou promesa de cumprir lealmente o cargo respectivo e gardar segredo das deliberacións da Xunta Directiva, que quedará constituída, cesando nese momento os substituídos.

F) O/a presidente/a da Xunta Electoral comunicaralles ás consellerías competentes en materia de colexios profesionais e sanidade, ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España e ao Consello Galego de Colexios de Médicos o nomeamento e toma de posesión dos membros da nova Xunta Directiva no prazo de cinco días naturais desde a súa constitución.

Artigo 34º.-Cesamento.

Os membros da Xunta Directiva cesarán polas causas seguintes:

1. Expiración ou termo do prazo para o que foron elixidos.

2. Renuncia do interesado.

3. Nomeamento para un cargo do Goberno ou da Administración pública, central, autonómica, local ou institucional de carácter executivo.

4. Condena por sentenza firme que leve aparellada a inhabilitación para cargos públicos.

5. Sanción disciplinaria firme por falta grave ou moi grave, ou sanción disciplinaria firme que implique a expulsión do colexio.

6. Perda das condicións de elixibilidade.

7. Por decisión da Asemblea Xeral en que se aprobe unha moción de censura nos termos e procedemento establecido nestes estatutos.

8. A ausencia, sen xustificar, a tres convocatorias seguidas da Xunta Directiva.

Cando se produzan vacantes de cargos na Xunta Directiva, salvo o da Presidencia, serán cubertos de forma regulamentaria; mentres tanto, a propia Xunta Directiva poderá designar os/as colexiados/as que, reunindo os requisitos de elixibilidade, deban de substituír temporalmente os cesantes. Non obstante, no suposto de que se produza o cesamento de máis da metade dos membros da Xunta Directiva, será o Consello Galego de Colexios de Médicos quen adopte as medidas que estime convenientes para completar provisionalmente os cargos vacantes cos colexiados e colexiadas máis antigos que reúnan os requisitos de elixibilidade. A Xunta Provisional así constituída exercerá as súas funcións ata que tomen posesión os/as designados/as en virtude de elección, que se realizará conforme o establecido nestes estatutos e nun período máximo de seis meses.

Ao cubrirse estes cargos por elección, a súa duración alcanzará soamente ata o próximo período electoral.

En cumprimento do establecido no artigo 32.2º da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, cando se produza a renovación total ou parcial dos órganos directivos, isto é, da Xunta e presidente, deberá realizarse unha auditoría sobre o estado e situación económica do colexio profesional, solicitude que lle corresponderá ao Pleno da Xunta Directiva ao abeiro do disposto no artigo 18.2º destes estatutos, e cumprindo os requisitos formais que para as reunións do Pleno establece o artigo 20.1º e 3º destes estatutos.

Capítulo VI

Das vogalías

Artigo 35º.-Natureza.

As vogalías, integradas dentro da Área Profesional do Colexio de Médicos, agrupan os/as colexiados/as que coa mesma modalidade e forma de exercicio profesional, estando no seu caso en posesión de nomeamento, participan dunha mesma problemática e interese común.

A competencia para modificar, substituír, crear ou extinguir as diversas vogalías corresponderalle á Asemblea Xeral, mediante a oportuna modificación estatutaria; no caso de extinción, deberá respectarse en todo caso o tempo de mandato que lle queda á vogalía para desaparecer.

As vogalías poderán organizarse internamente de forma autónoma, elaborando o seu propio regulamento de funcionamento, que deberá ser aprobado polo Pleno da Xunta Directiva.

Os/as vogais formarán parte necesariamente de cantas comisións constituídas pola Xunta Directiva se establezan para tratar problemas específicos da vogalía.

Artigo 36º.-Vogalías.

Na corporación existirán as seguintes vogalías:

-Vogalía de médicos de hospitais: pertencerán a ela os/as colexiados/as que presten servizos profesionais en hospitais, de carácter público ou privado, con vinculación laboral e institucional directa co centro.

-Vogalía de medicina extrahospitalaria da Seguridade Social, á que pertencerán os/as colexiados/as que desempeñen prazas en institucións abertas do sistema público de saúde.

-Vogalía de medicina de asistencia colectiva: pertencen a ela os/as colexiados/as que presten servizos en sociedades de seguro libre, mutuas de accidentes de traballo, médicos de empresa e entidades análogas.

-Vogalía de médicos en exercicio libre, integrada por colexiados/as que exercen libremente a profesión, e de alta na cota de licenza fiscal.

-Vogalía de médicos en formación e/ou licenciados/as nos últimos cinco anos, integrada polos/as colexiados/as que obtivesen a licenciatura nos últimos cinco anos naturais, ou aqueles/as que, superando o devandito prazo, se encontren en formación en centros con docencia recoñecida; causarán baixa nesta sección os/as que obteñan praza en propiedade en organismos públicos ou estatais.

-Vogalía de médicos en promoción de emprego, integrada polos/as colexiados/as que o estean como médicos en traballo descontinuo ou salario anual inferior á media dos/das colexiados/as.

-Vogalía de médicos titulares, integrada polos/as médicos que desempeñen a súa profesión con praza en propiedade.

-Vogalía de médicos rurais, á que pertencen os/as colexiados/as exercentes en termos municipais con poboación inferior a dez mil habitantes empadroados.

-Vogalía de médicos xubilados, composta polos/as xubilados/as que perciben pensión vitalicia por invalidez permanente ou xubilación da Seguridade Social, do Estado, da Previsión Sanitaria Nacional, Mutualista ou de Seguros; integrarana tamén os médicos que, sen ser acredores de pensión, cesasen no exercicio da profesión e teñan máis de setenta anos.

-Vogalía de médicos non-asistenciais e en situacións especiais, a que pertencen os/as que traballen ao servizo de administracións, institucións ou entidades, en postos médicos de carácter non asistencial, e aqueles en situacións especiais dentro do ámbito asistencial, non incluídos nas anteriores seccións.

A Asemblea Xeral, por proposta do Pleno da Xunta Directiva, poderá crear calquera outra vogalía, cando estime que un colectivo de colexiados participa, en razón do seu exercicio profesional, da mesma problemática e interese común.

De cada vogalía elixirase un/unha representante, como membro do Pleno da Xunta Directiva.

Artigo 37º.-Funcións.

As vogalías terán como funcións asesorar nos asuntos da súa especialidade e elevar estudos e propostas nos problemas da súa competencia, tanto á Xunta Directiva coma á Asemblea Xeral.

A Asemblea, o Pleno e a Comisión Permanente poderán asignarlles ás vogalías asuntos alleos ás súas especialidades, sempre que sexan de interese para o desenvolvemento de obxectivos integrais.

Capítulo VII

Comisión de Ética e Deontoloxía Médica

Artigo 38º.-Natureza e composición.

No Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense existirá unha Comisión de Ética e Deontoloxía Médica integrada por entre cinco e nove membros, designados polo Pleno da Xunta Directiva mediante votación secreta, se ben os médicos que a integren deben pertencer ás distintas vogalías.

Os nomeamentos terán unha duración de catro anos, que se iniciará coa constitución de cada Xunta Directiva e que finalizará ao termo do mandato desta.

Son condicións para ser membro da Comisión:

-Ter como mínimo doce anos de colexiación.

-Estar a exercer a profesión, ou estar xubilado/a exercéndoa.

-Non estar sancionado/a nin sometido/a a expediente disciplinario.

-Non ser condenado/a mediante sentenza firme en procedemento xudicial por responsabilidade profesional.

-Ser persoa de recoñecido prestixio profesional e moral.

-Non ser membro da Xunta Directiva.

A Comisión elixirá entre os seus membros un/unha presidente/a e un/unha secretario/a, e estará validamente constituída cando estean presentes polo menos a metade máis un dos seus membros; os acordos tomaranse por maioría co voto de calidade do/da presidente/a en caso de empate, e de cada reunión expedirase unha acta, que asinarán presidente/a e secretario/a, e da que se lle remitirá copia á Xunta Directiva.

Artigo 39º.-Funcións.

É función da Comisión Deontolóxica asesorar a Xunta Directiva en todos aqueles asuntos en que esta considere oportuno o seu ditame, que será preceptivo nos seguintes casos:

-Cuestións en que, por versar sobre deontoloxía médica, deban aplicarse os principios do código deontolóxico.

-Con anterioridade e con carácter previo á imposición de calquera tipo de sanción a un/unha colexiado/a.

-Asesoramento ao Pleno da Xunta Directiva sobre materia de publicidade médica e, en xeral, sobre os casos de competencia desleal.

-Promoción de accións encamiñadas á mellora no exercicio da profesión en materias de ética e deontoloxía.

Capítulo VIII

Colexiación

Artigo 40º.-Obrigatoriedade da colexiación.

Será requisito indispensable para o exercicio da profesión médica, en calquera das súas modalidades e especialidades, a incorporación como colexiado/a ao Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense cando o domicilio profesional único ou principal do médico estea nesta provincia; a colexiación será obrigatoria na forma que establece o artigo 4º destes estatutos en relación co disposto no artigo 3º da Lei 11/2001.

Para tal efecto, considérase como exercicio da profesión a prestación de servizos médicos a persoas nas súas distintas especialidades e modalidades, aínda cando non se practique o exercicio privado ou se careza de instalacións, e como domicilio profesional principal o lugar ou centro en que o médico teña maior dedicación no seu exercicio.

De toda inscrición, alta ou baixa, daráselle conta ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España e ao Consello Galego de Colexios de Médicos, nun prazo máximo de trinta días.

Artigo 41º.-Colexiación potestativa.

Calquera médico que non exerza a profesión e desexe pertencer ao Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense poderá incorporarse a este como colexiado/a.

Artigo 42º.-Solicitude de colexiación.

1. Para ser admitido/a no Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense achegaranse coa solicitude dúas fotos en cor, orixinal e copia para compulsar do DNI, datos de conta bancaria composta de vinte díxitos para a domiciliación de recibos, enderezo de correo electrónico se o tivese, e realización de foto dixital na sede do colexio. Así mesmo, é imprescindible o título de licenciado en medicina e cirurxía e de especialista se o fose, ou copia cotexada destes; os/as que non recibisen título de licenciado ou especialista deberán presentar certificación da Reitoría da universidade segundo a Orde ministerial do 18 de xullo de 1989; así mesmo, deberá aboar a cota de entrada que en cada momento estableza a Xunta Directiva e, de ser o caso, a Asemblea, e cubrir a solicitude correspondente e o resto de documentos ou requisitos administrativos que a Xunta Directiva acorde.

2. Para os estranxeiros comunitarios, ademais dos requisitos establecidos no parágrafo anterior (substitúese o DNI por tarxeta de residencia), é necesario que acheguen o título orixinal coa súa tradución ao castelán, e certificación de homologación orixinal. Así mesmo, é necesaria unha certificación expedida pola autoridade competente do país de orixe, legalizada por vía diplomática, de non estar nin estar inhabilitado para o exercicio da medicina (artigo 7.1º R.D. 1691/1989). Os estranxeiros non comunitarios deberán achegar e cumprir os requisitos que se establecen neste parágrafo e no anterior, aínda que, en lugar de DNI ou tarxeta de residencia deberán achegar orixinal do pasaporte e copia para compulsar.

3. Cando o/a solicitante proceda doutra provincia, deberá presentar, ademais, o certificado de baixa expedido polo colexio de orixe, certificación de que está ao día no pagamento das cotas colexiais no colexio de orixe, e que non figura inhabilitado/a temporal ou definitivamente para o exercicio da profesión; no certificado de baixa do colexio de orixe deberá indicarse que o traslado é para o Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense.

4. O/a solicitante fará constar se se propón exercer a profesión, o lugar e a modalidade, e acompañará os títulos de especialista oficialmente expedidos, recoñecidos ou homologados polo ministerio que corresponda se vai exercer como médico especialista.

5. A Xunta Directiva resolverá no prazo dun mes, e -durante este tempo- poderá requirir do/a interesado/a a documentación ou información que considere oportuna.

6. Para o caso dos médicos que acaben de graduarse, que non recibisen aínda o título de licenciado en medicina, será suficiente para seren admitidos no Colexio Oficial Médicos de Ourense o pagamento acreditativo de taxas para a expedición do título ou o certificado académico de cursar a licenciatura.

7. Os médicos estranxeiros, sen prexuízo do que establezan as disposicións vixentes en cada caso, estarán sometidos ao mesmo réxime de colexiación que os españois e deberán achegar a preceptiva homologación do seu título.

Artigo 43º.-Actuacións fóra do ámbito territorial.

Os/as colexiados/as da provincia de Ourense que desexen actuar no ámbito territorial doutro colexio oficial de médicos deben comunicarllo ao colexio previa e preceptivamente ao desenvolvemento da súa actuación profesional.

Igualmente, o/a colexiado/a noutro colexio oficial de médicos que desexe actuar no ámbito territorial do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense deberá comunicar previa e preceptivamente a súa actuación a este, achegando un documento acreditativo da súa colexiación.

Cumprido o devandito trámite, poderá realizar a actuación profesional de que se trate.

Estes/as colexiados/as non adquiren por este feito a condición de colexiados/as no Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense e, polo tanto, non gozarán dos dereitos políticos neste colexio, nin se lles poderá exixir contraprestacións económicas por ese concepto. Non obstante, deberán aboar as cotas que se exixan habitualmente aos/ás colexiados/as de Ourense pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non se atopen cubertos pola cota colexial.

Artigo 44º.-Denegación de colexiación.

A solicitude de colexiación será denegada nos seguintes casos:

1. Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas sobre a súa lexitimidade e non se completasen ou emendasen no prazo de dez hábiles que se sinale e requira para este efecto, ou cando o/a solicitante falsease os datos e documentos necesarios para a súa colexiación.

2. Cando o/a peticionario/a non acredite ter satisfeito as cotas de colexiado/a no Colexio Oficial de Médicos de procedencia ou, de ser o caso, nos colexios oficiais de médicos en que siga incorporado/a.

3. Cando sufrise algunha condena por sentenza firme dos Tribunais que no momento da solicitude o inhabilite para o exercicio profesional.

4. Cando fose expulsado/a doutro colexio oficial de médicos sen ser rehabilitado/a.

5. Cando ao formular a solicitude, se encontrase suspenso/a do exercicio da profesión en virtude de corrección disciplinaria imposta polos órganos competentes doutro colexio oficial de médicos, do Consello Galego de Colexios de Médicos ou do Consello Xeral de Colexios de Médicos de España.

Obtida a rehabilitación ou desaparecidos os obstáculos que se opuxesen á solicitude de colexiación, esta deberá aceptarse sen dilación.

Se no prazo previsto no artigo anterior (un mes desde a solicitude) o Pleno da Xunta Directiva acordase denegar a colexiación pretendida, comunicarallo por escrito á persoa interesada dentro dos dez días naturais seguintes á data do acordo denegatorio, expresando os seus fundamentos e os recursos previstos nestes estatutos.

Artigo 45º.-Trámites posteriores á admisión.

Admitido o/a solicitante no Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, expediráselle a tarxeta profesional de identidade correspondente, e daráselle conta da súa inscrición ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España e ao Consello Galego de Colexios de Médicos no modelo de ficha normalizada que estes teñan establecida.

Así mesmo, o colexio abrirá un expediente en que se consignarán o seu nome e apelidos, o seu documento nacional de identidade, o seu número de colexiado, o domicilio, os títulos académicos e de especialidades médicas que posúa, o lugar ou centro en que presta os seus servizos médicos e a actuación profesional, e o/a colexiado/a estará obrigado a facilitar en todo momento os datos precisos para manter actualizados os devanditos antecedentes.

Artigo 46º.-Baixas colexiais.

1. A baixa no Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense poderá ter lugar por algunha das seguintes causas:

1. Por vontade do/a colexiado/a, sexa cal sexa a súa orixe, e cumpra a lexislación vixente.

2. Por imposición da sanción de expulsión, mediante resolución firme.

3. Por condena de inhabilitación para o exercicio da medicina por sentenza asine.

4. Por falecemento.

5. Por traslado.

6. Por cesamento no exercicio da profesión.

2. Cando a baixa sexa por vontade do/a colexiado/a, esta vontade deberá ser comunicada mediante un escrito asinado polo interesado, en que deberá indicarse o motivo, achegando á solicitude o xustificante do pagamento da cota colexial do trimestre en curso, e entregar o carné de colexiado. A baixa será aprobada pola Comisión Permanente na primeira reunión que se realice desde a solicitude escrita, sen que esta produza efectos ata a súa aprobación.

3. Cando a baixa sexa por imposición da sanción de expulsión, esta só poderá levarse a efecto, logo de expediente disciplinario, mediante resolución firme do órgano correspondente.

4. Agás no suposto previsto na alínea 1.d) deste artigo, a baixa no colexio en ningún momento implicará a extinción da responsabilidade que o/a colexiado/a contraese co colexio.

5. O colexio levará un rexistro de baixas, do cal se lle dará conta periodicamente ao Consello Galego de Colexios de Médicos, así como ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España.

Artigo 47º.-Clases de colexiados/as.

Para os fins destes estatutos, os/as colexiados/as clasificaranse en:

-Con exercicio.

-Sen exercicio.

-Honoríficos.

-De honra.

Serán colexiados/as con exercicio cantos practiquen a medicina en calquera das súas diversas modalidades.

Serán colexiados/as sen exercicio aqueles médicos que, desexando pertencer voluntariamente ao Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, non exerzan a profesión.

Serán colexiados/as honoríficos/as os médicos que cumprisen setenta anos, e os que cumpridos sesenta e cinco anos de idade non continúen no exercicio activo da profesión, e os que, sen cumprilos, se atopen en estado de invalidez ou incapacidade total, e os requisitos deberá estar acreditados documentalmente. Os/as colexiados/as honoríficos/as estarán exentos/as de pagar as cotas colexiais.

Serán colexiados/as de honra os médicos que realizasen un labor relevante e meritorio en relación coa profesión médica, e esta categoría será puramente honorífica e acordada en Asemblea Xeral por proposta do Pleno.

Artigo 48º.-Dereitos dos/das colexiados/as.

Os/as colexiados/as terán os seguintes dereitos:

1. Participar na xestión corporativa e, polo tanto, exercer os dereitos de petición, de voto, de promover moción de censura e de acceso aos postos e cargos directivos mediante os procedementos e cos requisitos que estes estatutos establecen.

2. Ser defendidos, por petición propia, polo colexio cando sexan vexados ou perseguidos con motivo do exercicio profesional.

3. Ser representados e apoiados polo colexio e a súa Asesoría Xurídica, logo de solicitude á Xunta Directiva, cando necesiten presentar reclamacións fundadas a autoridades, tribunais, entidades públicas ou privadas, e en cantas diverxencias xurdan en ocasión do exercicio profesional.

4. Non ser limitados no exercicio profesional, salvo que este non discorra por unha correcta canle ética e deontolóxica ou por incumprimento das normas que estes estatutos regulan.

5. Non soportar outras cargas corporativas que as sinaladas polas leis, por estes estatutos ou as validamente acordadas pola Asemblea Xeral.

6. Recibir gratuitamente as publicacións e circulares colexiais que emita o Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense.

7. Pertencer ás institucións de protección social da organización médica colexial (Padroado de Orfos de Médicos e Padroado de Protección Social) e a aqueloutros que poidan establecerse no futuro.

8. En xeral, utilizar os servizos colexiais que por acordo do Pleno da Xunta Directiva preste en cada momento a corporación aos seus colexiados.

Artigo 49º.-Deberes dos/das colexiados/as.

Os/as colexiados/as terán os seguintes deberes:

1. Cumprir o disposto nos estatutos, así como acatar as decisións do colexio provincial e do Consello Galego, sen prexuízo dos recursos a que poida ter dereito o/a colexiado/a.

2. Actuar de conformidade cos principios e contido do Código de ética e deontoloxía médica.

3. Levar coa máxima lealdade as relacións co colexio e cos outros colexiados, e comunicarlle a aquel calquera vexación ou atropelo a un/unha compañeiro/a no exercicio profesional de que teñan noticia.

4. Comunicarlle ao colexio os cargos que ocupen en relación coa súa profesión e as especialidades que exerzan co seu título correspondente, para os efectos de que quede constancia nos seus expedientes persoais.

5. Comunicar igualmente os seus cambios de residencia e domiciliación bancaria, nun prazo máximo de dous meses desde que se produza o cambio.

6. Observar as prescricións do Código de ética e deontoloxía médica para a publicación de noticias ou actuacións médicas que se vaian difundir por calquera medio e publicidade.

7. Cumprir calquera requirimento que lles faga o colexio, e especificamente prestar apoio ás comisións a que fosen incorporados/as.

8. Tramitar por conduto do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, que lle dará curso co seu preceptivo informe, toda petición ou reclamación que deban formularlle ao Consello Galego de Colexios de Médicos e ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España.

9. Aceptar e cumprir fielmente os cargos, en caso de ser designados/as, de membros da Xunta Electoral e mesa ou mesas electorais, así como de instrutor/a e secretario/a nos expedientes disciplinarios que se incoasen, e de calquera outro para o que fose nomeado/a pola Xunta Directiva do colexio.

10. Estar ao corrente no pagamento das cotas colexiais acordadas pola Asemblea Xeral para o sostemento das cargas e servizos do colexio e dos sistemas de protección social da Organización Médica Colexial.

11. Certificar o estado de saúde, enfermidade ou grao de incapacidade ou defunción, exclusivamente a través dos impresos oficiais editados pola OMC.

12. Cumprir coas normas de deontoloxía aprobadas para tal fin.

13. Darlle conta ao colexio das denuncias ou queixas que formule ou pretenda formular contra algún/algunha compañeiro/a, autoridade sanitaria, administrativa ou xudicial.

Artigo 50º.-Prohibicións.

Ademais das prohibicións contidas no Código de ética e deontoloxía médica, de rigorosa observancia, todo/a colexiado/a absterase de:

1. Ofrecer a eficacia garantida de procedementos curativos ou de medios persoais que non fosen previamente contrastados por entidades científico-médicas de recoñecido prestixio.

2. Tolerar ou encubrir a quen, sen posuír o título de médico, trate de exercer a profesión médica no ámbito territorial deste colexio.

3. Tolerar ou encubrir o/a médico/a que exerza a profesión médica no ámbito territorial deste colexio oficial de médicos sen a preceptiva comunicación.

4. Empregar fórmulas, signos ou linguaxes non convencionais nas súas receitas, así como utilizar estas se levan impresos nomes de preparados farmacéuticos, títulos de casas produtoras ou calquera outra indicación que poida servir de anuncio.

5. Poñerse de acordo con calquera outra persoa ou entidade para lograr fins que sexan ilícitos ou atentatorios á corrección profesional.

6. Empregar recrutadores de clientes e realizar actuacións que supoñan unha competencia desleal.

7. Venderlles aos pacientes, utilizando a súa condición de médico, drogas, herbas medicinais, produtos farmacéuticos ou especialidades propias.

8. Prestarse a que o seu nome figure como director facultativo ou asesor de centros de curación, industrias ou empresas relacionadas coa medicina que non dirixan ou asesoren persoalmente ou que non se axusten ás leis vixentes e ao Código de ética e deontoloxía médica.

9. Aceptar remuneracións ou beneficios directos ou indirectos en calquera forma, das casas de medicamentos, utensilios de cura, balnearios, sociedades de augas minerais ou medicinais, ópticas, etc., en concepto de comisión, como propagandista ou como provedor de clientes, ou por outros motivos que non sexan de traballos encomendados de conformidade coas normas vixentes.

10. Empregar para o tratamento dos seus enfermos medios non controlados cientificamente e simular ou finxir a aplicación de elementos diagnósticos e terapéuticos.

11. Realizar prácticas dicotómicas.

12. Compartir os honorarios médicos sen coñecemento de quen os aboa, percibilos por actos non realizados e, en xeral, realizar calquera acto ou práctica dicotómica.

13. Desviar os enfermos das consultas públicas de calquera índole cara á consulta particular con fins interesados.

14. Exercer a medicina cando se evidencien manifestamente alteracións orgánicas, psíquicas ou hábitos tóxicos que o incapaciten para o devandito exercicio, logo do recoñecemento médico pertinente.

15. Realizar publicidade enganosa e desleal relacionada coa saúde que atente contra a lexislación vixente na materia.

Artigo 51º.-Diverxencias entre colexiados/as.

As diferenzas de carácter profesional que puidesen xurdir entre as persoas colexiadas, logo da solicitude dos interesados, serán sometidas á competencia e ulterior resolución do Pleno da Xunta Directiva, tras o informe da Comisión de Ética e Deontoloxía Médica.

Capítulo IX

Réxime económico financeiro

Artigo 52º.-Competencias.

A economía do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense é independente doutros organismos da organización médica colexial, por ser autónomo na xestión e administración dos seus bens, e libre de adquirir compromisos de índole económica.

O patrimonio e recursos do colexio serán administrados pola Xunta Directiva, e o/a tesoureiro/a será quen exerza as funcións de ordenante de pagamentos; as ordes estarán autorizadas polo/a presidente/a.

Artigo 53º.-Confección e liquidación de orzamentos.

O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense confeccionará anualmente o proxecto de orzamento dos seus ingresos e gastos, así como o de investimentos, e someterase á aprobación do Pleno da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral, así como coa liquidación correspondente ao exercicio anterior.

Quince días antes de que teña lugar a Asemblea, quedarán á disposición dos seus membros a liquidación e o balance dos orzamentos referidos, cos xustificantes de ingresos e gastos.

Artigo 54º.-Recursos económicos.

Os fondos do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense serán os procedentes de:

-As cotas dos colexiados e colexiadas.

-Os dereitos e participación asignada nas certificacións, selos autorizados, de carácter oficial, a parte fixada ou que se fixe a partir deste momento por prestación de servizos xerais, convenios e acordos, ditames, recoñecementos de sinaturas e por cantas prestacións ou servizos se establezan en favor dos colexiados e colexiadas en función das facultades atribuídas ao colexio polas disposicións legais vixentes en cada momento.

-Os legados, donativos, subvencións ou apoios económicos calquera que sexa a súa materialización, que poida recibir de particulares, profesionais ou institucións públicas ou privadas, con estrito respecto aos principios éticos e normas deontolóxicas.

-E, en xeral, cantos poida acordar a Asemblea Xeral de Colexiados, por proposta do Pleno da Xunta Directiva, e que poidan ser necesarios para o levantamento das cargas do colexio ou resultar eficaces para o mellor cumprimento dos obxectivos colexiais.

Artigo 55º.-Cotas de entrada.

Ao incorporarse ao Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense os/as colexiados/as satisfarán unha cota de entrada uniforme, cuxo importe fixará e poderá modificar a Xunta Directiva.

Artigo 56º.-Cotas ordinarias.

Os médicos colexiados, con ou sen exercicio, veñen obrigados a satisfacer unha cota anual, fraccionada en trimestres para o seu pagamento, cuxo importe mínimo será fixado polo Consello Xeral de Colexios Médicos de España; a Asemblea Xeral poderá incrementar o devandito importe por proposta do Pleno da Xunta Directiva.

Artigo 57º.-Cotas extraordinarias.

En caso de débitos, insuficiencia orzamentaria ou pagamentos extraordinarios, o Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, logo de acordo de Pleno da Xunta Directiva, poderá someter á aprobación da Asemblea Xeral o establecemento de cotas extraordinarias, que, no caso de seren aprobadas, serán satisfeitas obrigatoriamente polos/as colexiados/as.

Artigo 58º.-Recadación.

A cota de entrada será aboada no momento de inscrición no colexio, e as ordinarias e extraordinarias cobraranse trimestralmente mediante domiciliación bancaria.

O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense efectuará a recadación das cotas dos padroados de orfos e protección social na forma e contía que determine o Pleno do Consello Xeral de Colexios Médicos de España, e a proposta destes.

Artigo 59º.-Morosidade.

1. O/A colexiado/a que non aboe as cotas de entrada, ordinarias ou extraordinarias, será requirido/a para facelas efectivas, e concederáselle para este efecto un prazo de trinta días hábiles. Se a situación de non pagamento se prolongase máis de tres meses, contados desde o requirimento, recargarase ao importe debido co dobre do xuro legal contado desde o non pagamento.

2. Transcorridos seis meses desde o requirimento de pagamento, e se se mantivese a situación de morosidade, o Pleno da Xunta Directiva acordará contra o/a colexiado/a moroso/a a incoación de expediente disciplinario.

3. O Pleno da Xunta Directiva queda facultado para decidir, en cada momento, as accións que se vaian emprender para exixir dos/das colexiados/as morosos/as o cumprimento das súas obrigas, mesmo por vía xudicial.

4. O Pleno da Xunta Directiva está facultado, nos casos que puidese haber causa xustificada, para conceder aprazamentos de pagamento de cotas e establecer convenios particulares para regularizar situacións de morosidade nas condicións que se acorden en cada caso particular.

Artigo 60º.-Liquidación de cotas.

Das cotas de entrada e cotas colexiais ordinarias destinaráselles ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España e ao Consello Galego de Colexios de Médicos a cantidade que corresponda segundo a porcentaxe establecida nos seus respectivos estatutos ou, de ser o caso, aprobada polas súas asembleas xerais.

Artigo 61º.-Gastos.

Os gastos do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense serán os que fosen aprobados para o orzamento anual pola Asemblea Xeral, sen que poida efectuarse pagamento ningún que non figure incluído no devandito orzamento, salvo en casos xustificados a criterio do Pleno da Xunta Directiva.

En casos excepcionais xustificados, o Pleno da Xunta Directiva, poderá convocar reunión extraordinaria da Asemblea Xeral para solicitar a aprobación de gastos non incluídos no orzamento anual, e de suplementos de créditos que autoricen os devanditos gastos.

Artigo 62º.-Contraprestacións económicas por servizos prestados ao colexio.

Correspóndelle ao Pleno da Xunta Directiva desenvolver as normas de réxime interno que regulen os gastos en que poida incorrer por conta do colexio calquera membro da Xunta Directiva, colexiado ou persoal do colexio cando realice funcións de representación ou de servizo a este, e as devanditas partidas deberán quedar reflectidas nos orzamentos anuais.

Artigo 63º.-Destino dos bens en caso de disolución.

No caso de disolución o Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense nomeará unha Comisión Liquidadora, a cal, despois de satisfacer as débedas, e para o caso de que existan activos sobrantes, llos adxudicará aos organismos que substitúan o colexio, a Fundación Hipocrática para a Saúde, ou as entidades benéficas e de previsión social dos médicos con preferencia no seu ámbito territorial.

Capítulo X

Certificados médicos

Artigo 64º.-Certificados médicos oficiais.

Os médicos colexiados deberán utilizar obrigatoriamente para certificar os impresos oficiais editados e distribuídos para este fin polo Consello Xeral ou Galego de Colexios Oficiais de Médicos, calquera que sexa a finalidade da certificación e o organismo, centro, establecemento ou corporación en que deba ter efectos.

A expedición dos certificados é gratuíta por parte dos médicos, pero percibirán, cando proceda, os honorarios que fixen libremente polos actos médicos e restantes exploracións que teñan que efectuar para estendelos.

O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense inspeccionará a obrigatoriedade e uso do certificado médico oficial e comunicaralles ao Consello Xeral ou Galego de Colexios de Médicos as infraccións que se comproben, acreditadas mediante a acta oportuna, para que estes adopten as medidas pertinentes, sen prexuízo das atribucións sancionadoras que lle competen sobre os seus colexiados e colexiadas.

Capítulo XI

Réxime disciplinario

Artigo 65º.-Principios xerais.

Están suxeitos á potestade disciplinaria do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense os médicos que estean incorporados a este e os que, estando incorporados a outro colexio oficial de médicos, exerzan a súa profesión na provincia de Ourense.

O réxime disciplinario establecido nestes estatutos enténdese sen prexuízo das responsabilidades de calquera outra orde en que os/as colexiados/as puidesen incorrer.

Non se poderán impoñer sancións disciplinarias senón en virtude de expediente instruído para o efecto e conforme o procedemento establecido neste capítulo. Non obstante, non será preceptiva a instrución previa de expediente para impoñer sancións motivadas pola comisión de faltas cualificadas de leves, tras a audiencia do interesado.

A potestade disciplinaria correspóndelle ao Pleno da Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, que deberá solicitar necesaria e previamente informe reservado da Comisión de Ética e Deontoloxía Médica.

Non obstante, respecto dos membros da Xunta Directiva, o exercicio da potestade sancionadora correspóndelle ao Consello Galego de Colexios de Médicos.

O acordo que poña fin ao procedemento terá que ser motivado e resolverá todas as cuestións formuladas no expediente, sen que poida aceptar feitos distintos dos determinados neste, con independencia da súa diferente motivación xurídica.

As sancións disciplinarias executaranse unha vez que sexan firmes, e terán efectos no ámbito territorial deste Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, salvo que os Estatutos da Organización Médica Colexial e os Estatutos do Consello Galego de Colexios de Médicos teñan establecido, respectivamente, que os devanditos efectos se estendan ao territorio do Estado ou ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante o exposto, se a execución da sanción disciplinaria ocasionase ou puidese ocasionar prexuízos de imposible ou difícil reparación, os organismos poderán acordar, de oficio, ou a instancia de parte, suspender a execución do acordo obxecto de recurso.

Igualmente, as sancións firmes impostas a calquera colexiado inscrito noutro colexio oficial de médicos de España, a teor do establecido nos seus estatutos colexiais, terán efectos no ámbito territorial deste colexio cando así o teñan establecido os Estatutos da Organización Médica Colexial e os Estatutos do Consello Galego de Colexios de Médicos.

O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense levará un rexistro de sancións, e daralle conta á Consellería de Sanidade ou, se é o caso, á competente da Xunta de Galicia, ao Consello Galego de Colexios de Médicos e ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España, nun prazo máximo de quince días naturais desde a súa firmeza, de todas as sancións que impoña por faltas graves ou moi graves, con remisión dun extracto do expediente.

Igualmente, daralle conta das sancións ao Colexio Oficial de Médicos a que estea incorporado/a o/a sancionado/a.

Artigo 66º.-Faltas disciplinarias.

As faltas disciplinarias clasifícanse en leves, menos graves, graves e moi graves.

1. Son faltas leves:

a) O incumprimento das normas establecidas sobre documentación colexial.

b) A neglixencia en comunicarlle ao colexio as vicisitudes profesionais para a súa anotación no expediente persoal.

c) A desatención respecto aos requisitos ou peticións de informes solicitados polo colexio.

d) A infracción neglixente das normas contidas no Código de ética e deontoloxía médica cando non supoña falta grave.

2. Son faltas menos graves:

a) Non corresponder á solicitude de certificación ou información sobre o estado de saúde ou enfermidade e asistencia prestada nos termos éticos cando iso supoña perigo para o enfermo.

b) O abuso manifesto na fixación de honorarios profesionais.

c) Non emitir, sempre que así estea establecido legal ou regulamentariamente, as certificacións nos impresos oficiais editados e distribuídos pola organización médica colexial.

d) Incorrer nas prohibicións citadas nos números 3, 4, 11, e 13 do artigo 50 destes estatutos.

e) A reiteración de faltas leves dentro dos seis meses seguintes á data da súa corrección.

3. Son faltas graves:

a) Indicar unha competencia ou título que non se posúa.

b) A indisciplina deliberadamente rebelde fronte aos órganos de goberno colexiais e, en xeral, a falta grave de respecto a aqueles.

c) Os actos e omisións que atenten á moral, decoro, dignidade, prestixio e honorabilidade da profesión ou sexan contrarios ao respecto aos/ás colexiados/as.

d) A infracción grave do segredo profesional por culpa ou neglixencia con prexuízo para terceiro.

e) O incumprimento das normas sobre restrición de estupefacientes e a explotación de toxicomanías.

f) A emisión de informes ou expedición de certificados con falta á verdade.

g) Incorrer nunha actuación profesional constitutiva de competencia desleal.

h) A falta de pagamento das cotas colexiais unha vez transcorridos seis meses desde o requirimento de pagamento.

i) O incumprimento deliberado dos deberes contidos no Código de ética e deontoloxía médica.

j) Exercer a profesión na provincia de Ourense sen comunicarllo previamente ao colexio a través do Colexio Oficial de Médicos a que se estea incorporado/a; a comunicación deberá realizarse na forma que establezan os Estatutos xerais da organización médica colexial e, se é o caso, os do Consello Galego de Colexios de Médicos, se así o dispuxesen os ditos estatutos.

k) O incumprimento grave dos deberes citados nos números 2, 3, 4, 7, 8 e 12 do artigo 49 destes estatutos.

l) Incorrer nas prohibicións dos números 1, 2, 5, 6, 7, 8, 9, 10 e 12 do artigo 50 destes estatutos.

m) A reiteración de faltas menos graves durante os seis meses seguintes á súa corrección.

4. Son faltas moi graves:

a) Calquera conduta constitutiva de delito doloso en materia profesional.

b) A violación dolosa do segredo profesional.

c) O atentado contra a dignidade e outros dereitos fundamentais da persoa con ocasión do exercicio profesional.

d) A desatención maliciosa ou intencionada aos enfermos.

e) A comisión dunha falta grave cando no ano inmediatamente anterior fose sancionado pola comisión doutras dúas do mesmo carácter e cuxa responsabilidade non se teña extinguido, a teor do establecido nestes estatutos.

Artigo 67º.-Sancións disciplinarias.

1. Por razón das faltas, a que se refire o artigo precedente, poden impoñerse as seguintes sancións:

a) Amoestación privada.

b) Apercibimento por oficio.

c) Suspensión da colexiación.

d) Expulsión do colexio.

2. As faltas leves serán corrixidas coa sanción de amoestación privada.

3. As faltas menos graves sancionaranse con apercibimento de oficio.

4. As faltas graves sancionaranse coa suspensión do exercicio profesional por tempo inferior a un ano, ou, salvo a tipificada no artigo 66.3.g), que se sancionará coa suspensión do exercicio dos dereitos colexiais ata que o/a colexiado/a non faga efectivas as súas obrigas, a devandita sanción levantarase automaticamente no momento en que as cumpra.

5. A comisión de falta cualificada como moi grave sancionarase con suspensión do exercicio profesional por tempo superior a un ano, e inferior a dous ou, en caso de reiteración de faltas moi graves dentro dos dous anos seguintes á súa corrección, coa expulsión do colexio, cuxa sanción imporá o Pleno da Xunta Directiva mediante votación secreta e acordo adoptado polas dúas terceiras partes dos asistentes á reunión e que, á súa vez, sexan polo menos a metade dos membros que o integran.

6. Para a imposición de sancións, o Pleno da Xunta Directiva deberá graduar motivadamente a responsabilidade do inculpado en relación coa natureza da infracción cometida, transcendencia desta e demais circunstancias modificativas da responsabilidade, tendo potestade para impoñer a sanción axeitada dentro da súa graduación.

7. En caso de sanción por falta moi grave que afecte ao interese xeral, poderáselle dar publicidade na prensa colexial como sanción accesoria, a que en todo caso deberá ser imposta e conter de forma motivada o acordo sancionador.

Artigo 68º.-Extinción da responsabilidade disciplinaria.

A responsabilidade disciplinaria do/da colexiado/a extinguirase:

-Por falecemento do/da colexiado/a inculpado/a.

-Por cumprimento da sanción imposta.

-Por prescrición da infracción ou da sanción.

-Por acordo do Pleno da Xunta Directiva, que se someterá á ratificación do Consello Galego de Colexios Médicos e do Consello Xeral de Colexios de Médicos de España se así se dispuxese nos seus estatutos xerais.

A baixa no colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, aínda que determina a imposibilidade de executar a sanción que se acorde. En tal caso, concluirase o procedemento disciplinario mediante a resolución que proceda e, se se impuxese sanción, a súa execución quedará en suspenso ata o momento en que o/a colexiado/a cause novamente alta no Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, sen prexuízo de que se lles comunique esta circunstancia ao Consello Galego de Colexios de Médicos e ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España, para os efectos de que determinen o que proceda.

Artigo 69º.-Prescrición das infraccións e das sancións.

1. As infraccións leves e menos graves prescribirán aos seis meses, as graves ao ano, e as moi graves aos dous anos sen decretarse a incoación do oportuno expediente, salvo as que constitúan delito, que terán o mesmo prazo de prescrición que este.

O prazo de prescrición comezará a contarse desde que se cometese a infracción.

A prescrición interromperase pola notificación ao colexiado afectado do acordo de incoación do procedemento disciplinario. O prazo volverá computarse se o procedemento disciplinario permanecese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao colexiado inculpado.

2. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos dous anos, as impostas por faltas graves ao ano, e as impostas por faltas menos graves e leves aos seis meses.

O prazo de prescrición da súa sanción por falta de execución comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón.

Interromperá a prescrición da sanción a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao sancionado.

Artigo 70º.-Rehabilitación.

1. As faltas entenderanse rehabilitadas de oficio, coa conseguinte cancelación da nota no seu expediente persoal, polo transcurso do prazo de tres anos para as moi graves, de dous anos para as graves, e dun ano para as menos graves e leves, a contar desde o cumprimento da sanción ou, de ser o caso, desde a súa prescrición, con excepción da falta sancionada con expulsión.

2. Non obstante o anterior, os/as sancionados/as poderán solicitar a súa rehabilitación nos seguintes prazos, contados desde o cumprimento da sanción ou, se ó caso, desde a súa prescrición:

a) Se fose por falta leve ou menos grave, aos seis meses.

b) Se fose por falta grave, ao ano.

c) Se fose por falta moi grave, aos dous anos.

A rehabilitación solicitaráselle ao Pleno da Xunta Directiva do colexio e este, logo do informe de Comisión de Ética e Deontoloxía Médica e de examinar as alegacións da solicitude e a súa xustificación, acordaraa, se así o considerase.

3. No caso de expulsión, unha vez transcorridos dous anos contados desde a firmeza do acordo sancionador, poderase solicitar ao Pleno da Xunta Directiva a rehabilitación, alegando a súa xustificación e achegando probas da rectificación de conduta.

O Pleno da Xunta Directiva, logo de informe de Comisión de Ética e Deontoloxía Médica e de ponderar as alegacións e probas achegadas, adoptará a rehabilitación, se así o estimase, mediante votación secreta e por acordo das dúas terceiras partes dos que asistan á reunión e que, á súa vez, sexan polo menos a metade dos membros que o integran.

4. Os trámites da rehabilitación levaranse a cabo do mesmo xeito que para o axuizamento e sanción das faltas.

5. O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense comunicaralles á Consellería de Sanidade ou, se é o caso, á competente da Xunta de Galicia, ao Consello Galego de Colexios Médicos e ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España o acordo de rehabilitación que, de ser o caso, se adopte.

Igualmente, comunicaralles a rehabilitación aos colexios oficiais de médicos en que o/a rehabilitado/a se atope incorporado/a.

Artigo 71º.-Procedemento sancionador.

1. O procedemento sancionador iniciarase sempre de oficio, sempre mediante acordo do Pleno da Xunta Directiva, ben por propia iniciativa ou ben por denuncia.

De iniciarse o procedemento como consecuencia de denuncia, deberáselle comunicar o devandito acordo ao seu asinante.

2. O Pleno da Xunta Directiva, ao ter coñecemento dunha suposta infracción, poderá decidir a instrución dunha información reservada e previa, antes de incoar o expediente, ou, de ser o caso, o arquivo de actuacións.

3. Decidida a incoación do procedemento, o Pleno da Xunta Directiva poderá proceder, mediante acordo motivado, a adoptar medidas de carácter provisional que aseguren a eficacia da resolución que puidese recaer, se existisen elementos de xuízo suficientes para iso. Non se poderán adoptar medidas provisionais que poidan causar prexuízos irreparables aos interesados, ou que impliquen a violación de dereitos amparados polas leis.

4. O Pleno da Xunta Directiva, ao acordar a incoación do expediente, nomeará como instrutor/a a un dos seus membros, ou a outro/a colexiado/a; o/a designado/a deberá ter polo menos dez anos de colexiación e, en todo caso, ser de maior idade e con máis antigüidade no exercicio da profesión que o expedientado. Poderá designarse un/unha secretario, ou autorizar o instrutor para designalo entre todas as persoas colexiadas.

5. O acordo da incoación do procedemento co nomeamento de instrutor/a e secretario/a notificaráselle ao expedientado, así como tamén ás persoas nomeadas para desempeñar os devanditos cargos.

6. O/a instrutor/a e o/a secretario/a nomeados desempeñarán obrigatoriamente a súa función, salvo que tivesen motivos de abstención, do que lle deberán dar coñecemento ao Pleno da Xunta Directiva nun prazo de cinco días hábiles a partir da notificación dos seus nomeamentos ou que, promovida recusación polo expedientado, fose aceptada polo Pleno da Xunta Directiva.

7. Serán motivos de abstención e de recusación de instrutor e secretario os establecidos nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. O dereito de recusación poderá exercitarse en calquera momento do procedemento ante o Pleno da Xunta Directiva; formularase por escrito, no cal se expresará a causa ou causas en que se funda, e notificaráselle ao recusado para que manifeste no prazo de tres días hábiles se se dan ou non nel a causa ou causas alegadas, e será resolto polo Pleno da Xunta Directiva nun prazo de dez días hábiles.

9. O expedientado pode nomear un colexiado ou un letrado en exercicio para que actúe de defensor, cuxo nomeamento deberá comunicar ao Pleno da Xunta Directiva no prazo de dez días hábiles a partir da data de notificación do acordo de incoación do expediente, acompañando a súa aceptación por parte do interesado. O defensor poderá asistir a todas as dilixencias propostas polo instrutor e propoñer a práctica doutras en nome do seu defendido.

10. Compételle ao instrutor dispoñer a achega dos antecedentes que estime necesarios, e ordenar a práctica de cantas dilixencias sexan adecuadas para a determinación e comprobación dos feitos e, en particular, de cantas probas poidan conducir ao seu esclarecemento e á determinación das responsabilidades susceptibles de sanción.

11. O instrutor formulará o prego de cargos, que será redactado de forma clara e precisa, no prazo dun mes desde a incoación do expediente, e no cal se incluirán os feitos imputados en parágrafos numerados e separados. Non será necesario nese momento expresar ou numerar a falta ou faltas presuntamente cometidas e as sancións que se vaian aplicar. O prego de cargos notificaráselle ao inculpado e concederáselle un prazo de entre dez e quince días para que poida formular as alegacións que considere oportunas e propoñer a práctica das probas que lle conviñesen.

O instrutor admitirá ou rexeitará as probas propostas, acordará a práctica das admitidas, e de cantas outras actuacións considere eficaces para coñecer mellor os feitos.

12. O instrutor poderá, por causas xustificadas, solicitarlle ao Pleno da Xunta Directiva a ampliación do prazo dun mes para formular o prego de cargos.

13. Finalizadas as actuacións, o instrutor -dentro do prazo máximo de seis meses desde a incoación do expediente- formulará unha proposta de resolución, en que se fixarán os feitos con precisión, valoraraos para determinar a falta cometida e precisará a responsabilidade do inculpado, e, se é o caso, a sanción que haxa que impoñer.

14. Nos dez días hábiles seguintes á notificación ao inculpado da proposta de resolución, este poderá -con vista do expediente- alegar canto estime oportuno na súa defensa.

15. Oído o expedientado ou transcorrido o prazo sen presentar escrito de alegacións, o instrutor remitiralle de inmediato o expediente completo ao Pleno da Xunta Directiva para que adopte o acordo que corresponda, logo do previo e preceptivo informe da Comisión de Ética e Deontoloxía Médica e do asesor xurídico do colexio.

Non obstante, o Pleno da Xunta Directiva poderá devolverlle o expediente ao instrutor para a práctica daquelas dilixencias que, sendo omitidas, resulten imprescindibles para a súa decisión. En tal caso, antes de remitir de novo o expediente ao Pleno da Xunta Directiva, o instrutor dará vista das dilixencias practicadas ao expedientado co fin de que, no prazo de dez días hábiles, alegue canto considere conveniente.

16. O acordo do Pleno da Xunta Directiva polo que se porá fin ao procedemento disciplinario con imposición ou non de sanción, e que deberá adoptar na primeira reunión que teña lugar, haberá de ser motivado, resolverá todas as cuestións formuladas no expediente e nel non se poderán aceptar feitos distintos dos que serviron de base ao prego de cargos e á proposta de resolución, sen prexuízo da súa distinta valoración xurídica.

17.-O acordo do Pleno da Xunta Directiva notificaráselle ao expedientado coa expresión do recurso ou recursos que caiban contra el, o órgano ante o que se deban de presentarse e o prazo para interpoñelos.

Se o procedemento se iniciou como consecuencia de denuncia, o acordo do Pleno da Xunta Directiva notificaráselle ao seu asinante.

O procedemento deberá resolverse no prazo máximo dun ano desde que se iniciou.

18. Contra a resolución que finalice o expediente poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a notificación ante o Consello Galego de Colexios de Médicos, e contra a resolución ditada por este o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante esa xurisdición.

Capítulo XII

Réxime xurídico dos acordos sometidos a dereito administrativo e recursos

Artigo 72º.-Consideracións xerais.

1. O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense é plenamente competente no seu ámbito territorial para o exercicio das funcións que lle atribúen a lexislación sobre colexios profesionais, os estatutos da OMC, os do Consello Galego e estes mesmos. A competencia é irrenunciable e exercerana precisamente os órganos colexiais que a teñan atribuída como propia, salvo os casos de delegación, substitución ou advocación previstos legalmente.

2. O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, como corporación de dereito público, está suxeita ao dereito administrativo en canto aos acordos e actos de natureza administrativa, e seralles de aplicación a estes, se non estivese previsto neste estatutos, o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As cuestións de índole civil e penal quedan sometidas ao réxime xurídico correspondente, así como ás relacións do seu persoal, que se rexerán pola lexislación laboral.

Artigo 73º.-Eficacia.

Os acordos ou os actos colexiais de regulación interna son públicos e deberán estar dotados da publicidade axeitada dentro do ámbito colexial; os demais acordos ou actos colexiais serán validos e producirán efectos desde a data en que se diten, salvo que se dispoña individualmente outra cousa.

A eficacia dos acordos e actos colexiais prodúcese desde a súa publicación ou publicidade, se ben poderá demorarse cando o exixa o contido do acto, ou quede supeditado á súa notificación.

Poderá outorgarse eficacia retroactiva aos actos que sexan ditados en substitución doutros anulados e, claro está, cando produzan efectos favorables para a persoa interesada, sempre que os supostos de feito necesarios existisen na data en que se retrotraia a eficacia do acto, e este non lesione dereitos ou intereses lexítimos de terceiros.

Artigo 74º.-Nulidade e anulabilidade.

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais que incorran nalgún dos supostos que establece o artigo 62 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran nalgún dos supostos establecidos o artigo 63 da citada lei.

Artigo 75º.-Recursos.

1. Os actos e resolucións adoptados polos órganos de goberno do colexio sometidos ao dereito administrativo poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo do disposto no punto seguinte.

2. As persoas colexiadas e as persoas con interese lexítimo poderán formular recurso de alzada ante o Consello Galego de Colexios de Médicos contra os acordos e actos suxeitos a dereito administrativo da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva dentro do prazo dun mes contados desde o día seguinte da súa publicación ou, se ó o caso, da notificación ás persoas colexiadas ou persoas a quen afecten.

3. O recurso será presentado ante a Xunta Directiva de Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, que deberá elevalo, cos seus antecedentes e o informe que proceda, ao Consello Galego de Colexios de Médicos, dentro dos dez días seguintes á data de presentación.

4. O/a recorrente poderá solicitar ao Consello Galego de Colexios de Médicos a suspensión do acordo ou acto recorrido, que poderá acordala ou denegala, motivadamente.

5. No suposto de que o Consello Galego de Colexios de Médicos non adoptase acordo resolutorio expreso do recurso dentro dos tres meses seguintes á súa interposición, entenderase desestimado.

6. Contra a desestimación presunta do recurso interposto ante o Consello Galego de Colexios Médicos, ou contra a desestimación expresa, o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses dende a notificación da resolución.

7. O disposto nos puntos anteriores enténdese sen prexuízo da competencia que lle corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, para coñecer dos recursos que se interpoñan contra os actos e acordos do colexio cando este exerza funcións administrativas delegadas pola devandita Administración.

Capítulo XIII

Réxime de garantías dos cargos colexiais

Artigo 76º.-Consideración dos cargos.

O cumprimento das obrigas correspondentes aos cargos electivos, para os efectos corporativos e profesionais, terá a consideración e carácter de cumprimento de deber colexial, dada a natureza de corporación de dereito público do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, recoñecido polas leis e amparado polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Os membros da Xunta Directiva terán a consideración de autoridade no desempeño das súas funcións e competencias.

Artigo 77º.-Facultades.

A designación para un cargo colexial de orixe electiva faculta o seu titular para exercelo libremente durante o seu mandato, e correspóndenlle as seguintes facultades:

a) Expresar con enteira liberdade as súas opinións nas materias concernentes á esfera da representación colexial.

b) Promover as accións que procedan para a defensa dos dereitos e intereses colexiais confiados ao seu cargo.

c) Reunirse cos restantes membros dos órganos de goberno corporativo conforme as normas estatutarias para deliberar, acordar e xestionar sobre temas de actividade colexial.

d) Ser protexido contra calquera acto de usurpación, abuso ou inxerencia que afecte o exercicio libre da súa función.

e) Obter dos órganos colexiais competentes a información, o asesoramento e a cooperación necesarios nas tarefas do seu cargo.

f) Dispoñer das facilidades precisas para interromper a súa actividade profesional cando as exixencias da súa representación colexial así o impoñan.

Artigo 78º.-Ausencias e desprazamentos no servizo.

A asistencia dos cargos electivos de representación ás reunións regulamentariamente convocadas polas entidades colexiais terá os efectos sinalados, en cada caso, polas disposicións vixentes.

O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense instará das autoridades competentes que se lles facilite aos membros da Xunta Directiva e de calquera órgano colexial a asistencia aos actos e reunións, sen que se recargue por iso o traballo noutros/as compañeiros/as.

Capítulo XIV

Premios e distincións

Artigo 79º

O Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense concederá os premios e distincións que considere oportuno aos seus colexiados e colexiadas ou persoas físicas ou xurídicas de especial relevancia, a través da Fundación Galenus Auriensis, con personalidade xurídica independente á do colexio oficial, e con regulación nos seus propios estatutos do réxime de premios e distincións aludido; o exposto, sen prexuízo do disposto no último parágrafo do artigo 47 destes estatutos.

Título III

Capítulo I

Estatutos colexiais

Artigo 80º.-Estatutos colexiais e a súa modificación.

Os presentes estatutos do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense foron aprobados pola súa Asemblea Xeral de persoas colexiadas.

Para a modificación dos estatutos colexiais seguiranse o seguinte procedemento:

1. Será necesario a solicitude previa das dúas terceiras partes do Pleno da Xunta Directiva ou do 15% do censo total de persoas colexiadas, e deberase xuntar coa solicitude a redacción do proxecto de modificación, total ou parcial, dos estatutos.

2. O Pleno da Xunta Directiva acordará dar traslado da modificación proposta a todas as persoas colexiadas para que, no prazo de quince días hábiles, elaboren e presenten por escrito as emendas que consideren.

3. Rematado o período de presentación de emendas, o Pleno da Xunta Directiva convocará a Asemblea Xeral de persoas colexiadas, nun prazo máximo de trinta días, para a aprobación, se é o caso, da modificación estatutaria proposta.

4. Na Asemblea Xeral abrirase unha quenda de defensa da modificación estatutaria proposta e das emendas cursadas por escrito e, unha vez transcorrida a quenda, someterase a votación para a súa aprobación, incluíndo, se é o caso, na modificación estatutaria as emendas aprobadas.

5. A aprobación da modificación estatutaria e das emendas presentadas requirirá o voto afirmativo de dous terzos de colexiados asistentes na Asemblea Xeral.

6. Aprobado, de ser o caso, o proxecto de modificación estatutaria pola Asemblea Xeral, remitiráselle á consellería competente en materia de colexios profesionais, para a cualificación de legalidade, inscrición no Rexistro de Colexios Profesionais e publicación.

Capítulo II

Réxime de disolución

Artigo 81º.-Disolución do colexio.

A disolución do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense adoptarase cando se cumpran os seguintes requisitos:

1. Que o permite a lei.

2. Tras a comunicación previa á consellería competente en materia de colexios profesionais, Consello Galego de Colexios Médicos e Consello xeral de Colexios Médicos de España.

3. Por acordo da Asemblea Xeral de persoas colexiadas, mediante acordo das dúas terceiras partes desta.

4. Que a asemblea constituída para a disolución estea constituída pola asistencia das dúas terceiras partes das persoas colexiadas.

Neste capítulo será de aplicación o disposto no artigo 63 destes estatutos, para regular o destino dos bens do colexio no caso de disolución.

Disposicións adicionais

Primeira.-Autorízase a Comisión Permanente da Xunta Directiva para ditar as disposicións e normas que procedan para aplicar e desenvolver o disposto nestes estatutos.

Segunda.-En todo o non previsto expresamente nestes estatutos será de aplicación supletoria o disposto nos Estatutos xerais da OMC e nos do Consello Galego de Colexios Médicos.

Disposición transitoria

Os membros electos actuais da Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense continuarán desempeñando os seus cargos adaptándose á nova estrutura ata finalizar o mandato para o que foron elixidos.