DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 08 de abril de 2008 Páx. 5.952

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 31 de marzo de 2008 pola que se convocan subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a realización de actividades dirixidas á xuventude, para a promoción da información xuvenil e para a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías durante o ano 2008.

O Estatuto de autonomía establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva nas materias de deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de promoción sociocultural, no ámbito de xuventude e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 232/2005, do 11 de agosto, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo 1 a estrutura básica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que conta coa Secretaría Xeral do Benestar á que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, desenvolvido polo Decreto 517/2005, do 6 de outubro.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar entende que para acadar os obxectivos de participación efectiva da xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual, facilitándolle a súa integración social e laboral e o acceso por parte dela a unha información axeitada ás súas demandas informativas en igualdade de oportunidades en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, é fundamental promover o feito asociativo xuvenil así como as actuacións e canles dirixidas a consolidar e garantir o acceso a unha información ampla, obxectiva e actualizada dirixida á xuventude e facilitar o acceso da mocidade na utilización das novas tecnoloxías, prestándolles apoio ás accións que neste sentido emprendan os concellos dentro da súa competencia e ámbito territorial, como entes próximos ao cidadán e coñecedores das necesidades e da problemática xuvenil propia de cada un deles.

Entre as tarefas propias da competencia dos concellos referidas a este sector da poboación, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar considera, polo tanto, de máximo interese colaborar na promoción das actuacións dirixidas a garantir o acceso a unha información orientada á xuventude e ás súas necesidades de actividades formativas e educativas no ámbito do tempo libre e na potenciación do asociacionismo xuvenil e utilización por parte da xuventude das novas tecnoloxías, actuacións que necesariamente deben de influír no desenvolvemento comunitario e na súa formación integral.

Esta convocatoria axústase ao disposto no capítulo II do título preliminar da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta disposición ten por obxecto establecer as bases que rexen as axudas a entidades locais para a realización, desde o 1 de xaneiro de 2008 e ata a data límite de xustificación especificada no artigo 7º, de actividades dirixidas á xuventude, para a promoción da información xuvenil e para a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías, todas elas dirixidas á xuventude de 12 a 30 anos.

2. Poderán ser obxecto de subvención:

a) A promoción da información xuvenil, comprendendo os gastos derivados do normal funcionamento dun Servizo de Información Xuvenil, así como as actividades de dinamización da información que se leven a cabo desde este.

b) As actividades de formación en animación xuvenil e outras de carácter socioeducativo dirixidas a tratar as distintas problemáticas que hoxe en día afectan a xuventude.

c) O fomento do asociacionismo xuvenil e a participación da mocidade nos diferentes ámbitos da vida da comunidade.

d) As actividades de animación sociocultural no ámbito do ocio e do tempo libre e campamentos de verán.

e) Os programas que fomenten a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías.

3. Cada entidade local presentará un só proxecto en que constará:

a) O funcionamento do Servizo de Información Xuvenil, de ser o caso.

b) Un máximo de dúas actividades das recollidas nas letras b), c), d) ou e) do número 2 deste artigo.

4. Quedarán excluídos os programas docentes e deportivos previstos en plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar financiará as anteditas subvencións con cargo á partida orzamentaria 05.42.313A.460.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, cunha contía de 1.400.000 euros.

Artigo 3º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar estas axudas os concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da comunidade autónoma validamente constituídas.

2. Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade para estes efectos e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as axudas que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

3. Ningún concello ou entidade local dos sinalados no punto 1 poderá:

a) Presentar solicitude de subvención se o fixo unha entidade local en que estean integrados ou da cal dependan.

b) Figurar en máis dunha solicitude colectiva das que sinala o punto 2.

c) Figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual.

4. O incumprimento destas normas dará lugar á inadmisión de todas as solicitudes individuais de subvención subscritas pola entidade de que se trate, dando validez á solicitude realizada de forma conxunta.

5. Será requisito indispensable para a concesión destas axudas, ter xustificadas as concedidas, de ser o caso, no exercicio anterior.

Artigo 4º.-Documentación.

1. As solicitudes, acompañadas da documentación pertinente, irán dirixidas ao director xeral de Xuventude e Solidariedade e presentaranse no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 47 da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, no Rexistro Xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, ou por calquera dos medios recollidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Se o expediente se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que a solicitude sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de proceder á súa certificación.

2. A solicitude poderá formalizala:

O alcalde-presidente ou persoa en quen delegue.

O presidente da mancomunidade ou persoa en quen delegue.

O representante que se estableza no acordo de cooperación, para os supostos previstos no artigo 3º.2 desta orde, soamente un deles en representación dos demais, logo de delegación de cada un dos concellos.

En calquera dos casos, o solicitante deberá ser autorizado e designado polo Pleno, Comisión de Goberno da entidade peticionaria ou decreto da Alcaldía.

3. Á instancia da solicitude (anexo), deberáselle xuntar a seguinte documentación:

a) Certificación do secretario que recolla o acordo do órgano competente de solicitude da subvención e en que se nomee a un representante, se procede.

b) Certificación do órgano competente sobre a existencia de crédito suficiente e adecuado para facer fronte á porcentaxe de financiamento que debe asumir esta sobre o total do proxecto presentado (25%).

c) Memoria explicativa do proxecto para o cal se solicita subvención, en que se incluirá, dunha banda, o funcionamento do Servizo de Información Xuvenil, se é o caso, e doutra, a actividade ou actividades que se van realizar; constará a descrición individualizada de cada unha das actividades, cos obxectivos perseguidos, recursos humanos, lugar e datas de realización, técnicas, estratexias ou dinámicas que se utilizarán na súa execución, así como o orzamento estimado.

d) Para os municipios que se acollan á fórmula de solicitude regulada no artigo 3º.2 desta orde, documento en que se acorde a colaboración dos concellos e certificación dos secretarios, dos acordos do Pleno ou Comisión de Goberno en que delegan a petición da subvención no concello que actúe como representante de todos eles.

e) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, perante as distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

4. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade requirirá o solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

5. Calquera cambio que se produza nos datos contidos na documentación que se xunte á solicitude, ou nesta, seralle comunicado á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, que poderá recadar do solicitante, en todo caso, cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.

Artigo 5º.-Criterios de concesión, avaliación e contías das axudas.

1. A concesión da subvención realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva, atendendo aos seguintes criterios:

a) Terá carácter prioritario o bo resultado e a incidencia positiva que se desprenda do informe técnico realizado polos servizos provinciais de Xuventude ás oficinas municipais de Información Xuvenil (ata 40 puntos).

b) Características das actividades previstas no proxecto (ata 30 puntos); valoraranse os seguintes aspectos:

-Carácter innovador do proxecto.

-Aplicabilidade e congruencia do proxecto coa zona de influencia.

-Viabilidade técnica.

-Viabilidade económica.

-Compoñente formativo ou educativo fronte ao meramente lúdico.

c) Número de beneficiarios potenciais e proxección social das actividades programadas (ata 15 puntos).

d) Pertenza a zonas do medio rural (ata 15 puntos).

A presentación da solicitude por unha mancomunidade ou agrupación de concellos terá 20 puntos máis por cada un dos concellos que a integre.

2. O crédito distribuirase entre aquelas solicitudes que teñan unha puntuación igual ou maior que 40 puntos. A distribución efectuarase directamente proporcional á puntuación obtida. No caso de mancomunidades ou agrupacións de concellos, e unicamente para a obtención deste mínimo de 40 puntos, non se terán en conta os 20 puntos obtidos a maiores por cada un dos concellos que as integren.

3. A contía da subvención concedida non poderá superar o 75% do orzamento da actividade ou conxunto de actividades obxecto de subvención.

4. A contía da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

5. Se a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade considerase que o crédito asignado a esta orde fose insuficiente, debido ao número de solicitudes presentadas, e sempre que houber existencia de crédito orzamentario na aplicación correspondente, tramitarase unha modificación da convocatoria nese sentido, logo de fiscalización do expediente.

Artigo 6º.-Tramitación e resolución.

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán sometidas a informe dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e remitidas á Comisión de Avaliación, que terá a seguinte composición:

Presidenta: a subdirectora xeral de Programas.

Vogais:

-O subdirector xeral de Centros e Servizos á Xuventude

-A xefa do Servizo de Programas.

-A xefa do Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa.

Actuará como secretario/a un/ha funcionario/a da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto nomee o director xeral de Xuventude e Solidariedade.

2. A Comisión de Avaliación valorará as solicitudes e elevaralle unha proposta de resolución ao director xeral de Xuventude e Solidariedade, que resolverá por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar.

3. A proposta de resolución especificará a avaliación de cada solicitude, estará motivada e será congruente coas peticións formuladas polos solicitantes e coa restante documentación que integre o expediente que lle sirva de fundamento.

4. A resolución seralles notificada a todos os solicitantes no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderase acudir directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de 2 meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, e de conformidade co disposto no artigo 44 da referida lei, poderase requirir previamente o órgano que ditou o acto no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución. O requirimento entenderase rexeitado se dentro do mes seguinte á súa recepción non fose contestado.

5. Os solicitantes aos cales non se lles concedese a subvención disporán dun prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, para retirar a documentación presentada. Transcorrido este prazo arquivarase.

Artigo 7º.-Xustificación da subvención e pagamento.

1. Unha vez notificada a resolución da concesión de subvención e realizada a actividade, remitirase á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade ata o 15 de outubro de 2008 inclusive:

a) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida. Lémbrase a obriga de xustificar non soamente a cantidade concedida, senón tamén a cantidade achegada pola entidade. Aboarase o 75% do gasto realizado con data do 15 de outubro, ata o límite do importe concedido.

b) Así mesmo, remitirase no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do último pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Recibida e comprobada a documentación a que fai referencia o punto anterior, poderase proceder ao pagamento da subvención de acordo coa normativa orzamentaria que lle sexa de aplicación.

3. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención en tanto o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma, correspondéndolle en todo caso a carga da proba á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8º.-Obrigas do beneficiario.

As entidades locais beneficiarias de subvencións están obrigadas a:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e ou sexa control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento do programa obxecto de subvención, nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo seguinte.

Artigo 9º.-Control e reintegro da subvención.

1. A competencia para exercer o control de subvencións correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, sen prexuízo das funcións que ten o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do proxecto que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e se é o caso, no establecido nesta orde.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 8º desta orde.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas no artigo 8º desta orde, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades locais, así como dos compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades locais, así como dos compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

3. Igualmente, no suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de demora correspondente.

4. Con independencia das causas de reintegro enumeradas neste artigo, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorrer as causas previstas nos artigos 62 e 63 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando concorra algunha das causas de reintegro antes referidas, levará á obriga de devolver as cantidades percibidas.

5. Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra algunha das causas de reintegro previstas neste artigo.

6. As cantidades que deban reintegrarse terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 10º.-Modificación da subvención.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención.

Disposicións adicionais

1. Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar no director xeral de Xuventude e Solidariedade, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Cando se trate de agrupacións non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas salvidades previstas no artigo 15.2º d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

1. No caso de que unha vez ditada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de subvencións. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2008.

2. Facúltase o director xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

3. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "06700D001P008.PDF"