DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Luns, 07 de abril de 2008 Páx. 5.871

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 63/2008, do 13 de marzo, polo que se modifica o Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o programa de vivenda en aluguer.

A publicación o 22 de marzo de 2006 no Diario Oficial de Galicia do Decreto 48/2006, modificado polo Decreto 223/2006, do 23 de novembro, e da Orde do 22 de xuño que o desenvolve, marcou a posta en marcha do programa de vivenda en aluguer.

Nesta primeira etapa de funcionamento do programa vén de poñerse de manifesto a conveniencia da modificación e afondamento nalgunha das liñas iniciais xa deseñadas pola normativa que o regula, así como a oportunidade da aclaración dalgúns outros aspectos xa contidos nos referidos textos normativos.

Así, coa presente modificación amplíase o ámbito de posibles persoas beneficiarias da subvención ao arrendamento pasando a establecerse que para a incorporación no programa os ingresos anuais ponderados deben estar comprendidos entre 0,7 e 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Ademais, no que respecta á subvención para a rehabilitación das vivendas cuxas persoas propietarias desexen incorporalas no programa, debido á importancia desta axuda como instrumento mobilizador do parque de vivendas desocupadas e estímulo á oferta en aluguer a prezos moderados dentro do programa, fíxase a contía máxima da dita subvención en 12.000 €, co obxecto de permitir a incorporación dun maior número de vivendas que posteriormente serán arrendadas ás persoas, unidades familiares ou de convivencia previamente inscritos nel.

Igualmente amplíase o prezo máximo absoluto no programa de vivenda en aluguer ata 500 euros ou ata 600 euros, dependendo da localización da vivenda.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día trece de marzo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o programa de vivenda en aluguer.

O Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o programa de vivenda en aluguer, queda modificado como segue:

Un.-O artigo 2º queda redactado nos seguintes termos:

«1. Este programa será desenvolvido pola Consellería de Vivenda e Solo a través das sociedades públicas de xestión urbanística das catro provincias galegas, que ademais actuarán como entidades colaboradoras.

2. A conselleira de Vivenda e Solo poderá acordar, mediante orde, o peche do prazo para a presentación de novas solicitudes de incorporación de vivendas ao programa por parte dos seus titulares, no caso de sobrepasarse o número estimado de vivendas cedidas para o seu arrendamento de acordo coas sucesivas convocatorias de subvencións publicadas anualmente no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante o anterior, a Consellería de Vivenda e Solo poderá realizar, tendo en conta as sucesivas convocatorias anuais de subvencións e as baixas de vivendas incorporadas no programa, convocatoria ou chamamento público aos titulares de vivenda que reúnan as condicións establecidas neste decreto, co obxecto de que poidan contactar coas referidas sociedades para concertar o correspondente negocio xurídico co obxecto de incorporar as súas vivendas ao programa de vivenda en aluguer».

Dous.-As letras a), d) e e) do punto 1º do artigo 4º queda redactada nos seguintes termos:

«a) Non estar ocupadas nen arrendadas no momento da solicitude de incorporación ao programa de vivenda en aluguer.

d) Ter unha renda de mercado taxada pola sociedade pública xestora que non sexa superior a 600 euros ao mes (seiscentos euros) no caso dos concellos da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, e, non superior a 500 euros ao mes (cincocentos euros) no resto de concellos de Galicia.

e) Reunir as condicións esenciais de habitabilidade para o seu arrendamento».

Tres.-Queda suprimido do primeiro parágrafo da letra a) do artigo 6º o seguinte texto:

«, e, de ser o caso, no artigo 43 do real decreto antes referido».

Catro.-O punto 3º do artigo 6º queda redactado nos seguintes termos:

«3. A inclusión das vivendas no programa non excluirá os seus titulares de poder ser persoas beneficiarias de axudas públicas que poidesen percibir para o desenvolvemento da mesma actuación, convocadas por outras administracións, sempre que o montante total non supere o 100% dos custos do arrendamento, reducíndose a subvención se isto ocurrer, ata o límite máximo correspondente e, en todo caso, coa excepción das previstas para a rehabilitación de vivendas na sección quinta do capítulo VI do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, sempre de acordo co establecido no artigo 29.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia».

Cinco.-Modifícase o artigo 7º e engádense os seguintes puntos 4º e 5º, quedando redactado nos seguintes termos:

«1. Calquera persoa física, unidade familiar ou convivencial que cumpra os requisitos establecidos nos artigos 18º.1 ,19 e 9.2 deste decreto poderá solicitar a súa incorporación como demandante de vivenda ao programa de vivenda en aluguer.

2. As/os demandantes de vivenda do programa de vivenda en aluguer non poderán ser propietarias/os nin titulares dun dereito real de uso ou desfrute sobre outra vivenda, salvo as excepcións xustificadas, debidamente apreciadas, como as mulleres vítimas de violencia de xénero que teñan acreditado esta condición.

3. Os solicitantes de vivenda do programa están obrigados a comunicar toda alteración nas condicións tidas en conta para a súa incorporación. En todo caso, a Consellería de Vivenda e Solo poderá en calquera momento requirir os demandantes de vivenda incoporados no programa a documentación precisa para realizar a comprobación do mantemento no cumprimento dos requisitos. De non ser cumprido o dito requirimento, poderase acordar a baixa do interesado no programa.

4. A variación das circunstancias tidas en conta no momento da incorporación no programa pode implicar a baixa como demandante de vivenda se se deixar de cumprir os requisitos establecidos nos artigos antes referidos.

5. A mera incorporación non outorgará ningún dereito económico, e terá unha validez de catro anos».

Seis.-O artigo 11º queda redactado nos seguintes termos:

«Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención percibida nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso das subvencións á rehabilitación se o período de cesión da vivenda para o seu arrendamento for inferior aos cinco anos procederá o reintegro da subvención na parte proporcional ao tempo en que a vivenda permanecese efectivamente á disposición das sociedades públicas.

Sete.-O artigo 13º queda redactado nos seguintes termos:

«Serán obxecto destas subvencións as obras e actuacións de reforma que, de ser o caso, resulten necesarias na vivenda para que posúa as condicións esenciais de habitabilidade imprescindibles para o seu aluguer, sempre conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia».

Oito.-O artigo 14º queda redactado nos seguintes termos:

«Poderán ser persoas beneficiarias da subvención para rehabilitación as persoas propietarias que teñan arrendado a súa vivenda no programa de vivenda en aluguer, sempre que esta cumpra os requisitos establecidos no artigo 4º e a vivenda permaneza á disposición das sociedades públicas para o seu arrendamento durante cinco anos de conformidade co artigo 5º deste decreto.

Antes da súa incorporación ao programa, a vivenda será obxecto de inspección, co fin de que se emita un informe onde se poñerá de manifesto a adecuación da vivenda e, en caso contrario, se fixarán as obras ou actuacións necesarias para o seu arrendamento.

Serán obxecto de subvención as obras ou actuacións de reforma ou rehabilitación interiores da vivenda necesarias para o seu arrendamento que se fixen no informe de inspección.

Non serán obxecto da subvención en ningún caso as reformas que afecten elementos comúns ou exteriores da vivenda. Estas obras ou actuacións deberán ser acometidas polo/a propietario/a se son necesarias para a incorporación da vivenda ao programa de vivenda en aluguer pero non serán subvencionables».

Nove.-O artigo 15º queda redactado nos seguintes termos:

«A contía da subvención será o importe das obras e actuacións subvencionables realizadas cun máximo de 12.000 euros, de acordo coas contías fixadas no orzamento que acompañará o informe de inspección da vivenda no momento da súa incorporación ao programa de vivenda en aluguer.

Dez.-O artigo 16º queda redactado nos seguintes termos:

«O pagamento da subvención efectuarase logo da xustificación das obras e actuacións realizadas de acordo co establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en todo caso, tras a formalización do primeiro contrato de aluguer da vivenda no marco do programa de vivenda en aluguer.

A mera incoroporación da vivenda ao programa non outorgará ningún dereito económico.

Once.-Os puntos 1, 2 e 3 do artigo 17º quedan redactados nos seguintes termos:

«1. O obxecto da subvención ao inquilino/a consistirá na diferenza entre a renda anual do aluguer e o vinte por cento dos ingresos ponderados anuais da persoa, unidade familiar ou convivencial, dentro dos límites establecidos no artigo 18º.

En ningún caso procederá a subvención cando o importe anual da renda de aluguer non supere o vinte por cento dos ingresos ponderados da persoa, unidade familiar ou convivencial.

En calquera caso, para as persoas beneficiarias cualificadas reguladas no artigo 19º a subvención consistirá sempre na porcentaxe fixada para cada un dos colectivos.

2. A subvención terá unha duración de doce meses. Cando finalice este período e sempre que se cumpran os requisitos establecidos nos artigos 18º e 19º poderá solicitarse unha nova subvención que se concederá de existir crédito orzamentario para este fin.

En ningún caso se poderán desfrutar subvencións ao arrendamento por períodos superiores a cinco anualidades.

3. As persoas beneficiarias que gozasen de subvencións ao arrendamento polo período máximo de cinco anos non poderán volver a solicitar unha nova subvención ao aluguer ata pasados dous anos. O prazo contarase desde a data de vencemento da última subvención outorgada».

Doce.-O artigo 18º queda redactado nos seguintes termos:

«1. Poderán ser beneficiarias das axudas destinadas a facilitar o pagamento da renda de aluguer as persoas, unidades familiares ou de convivencia que formalicen un contrato de arrendamento de vivenda no marco deste programa, e cuxos ingresos anuais ponderados estean comprendidos entre 0,7 e 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), calculados segundo os criterios establecidos no artigo 7 do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda para o período 2005-2008, e o artigo 11 do decreto polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda por conta da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008. Igualmente para o cálculo dos ingresos familiares teranse en conta, cando sexan adecuadamente acreditados pola unidade familiar ou convivencial, os exentos de tributación, prestacións de incapacidade permanente ou grande invalidez,

prestacións familiares por fillo a cargo, pensións de orfandade ou calquera outro exento de tributación.

Ao cómputo destes ingresos anuais seralle de aplicación, en función dos membros da unidade familiar, o seguinte coeficiente multiplicativo corrector:

Familias dun membro: 1,00.

Familias de dous membros: 0,985.

Familias de tres membros: 0,97.

Familias de catro membros: 0,93.

Familias de cinco membros: 0,88.

Familias de seis ou máis membros: 0,83.

Se algún membro da unidade familiar ou convivencial é unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese.

Non se aplicará esta ponderación de ingresos cando a súa aplicación supoña a exclusión do solicitante por non alcanzar os ingresos mínimos; tampouco nestes casos se aplicará a redución por rendementos de traballo que se aplica na declaración da renda.

Para estes efectos consideraranse ingresos anuais os de todos os ocupantes da vivenda.

2. As persoas, unidades familiares ou de convivencia cuxos ingresos ponderados estean comprendidos entre 0,7 e 1 veces o IPREM poderánselles adxudicar vivendas cunha renda mensual máxima de 390 euros (4.680 euros/ano). Nestes supostos, a subvención non poderá superar nunca o 60% da renda de aluguer.

3. Ás persoas, unidades familiares ou de convivencia cuxos ingresos ponderados estean comprendidos entre 1 e 2 veces o IPREM poderánselles adxudicar vivendas cunha renda mensual máxima de 470 euros (5.640 euros/ano). Nestes supostos, a subvención non poderá superar nunca o 50% da renda de aluguer.

4. Ás persoas, unidades familiares ou de convivencia cuxos ingresos ponderados estean comprendidos entre 2 e 3 veces o IPREM poderánselles adxudicar vivendas cunha renda mensual máxima de 600 euros (7.200 euros/ano). Nestes supostos, a subvención non poderá superar nunca o 50% da renda de aluguer».

Trece.-O artigo 19º queda redactado nos seguintes termos:

«1. Terán a condición de persoas beneficiarias cualificadas as pertencentes aos colectivos sociais con especiais dificultades que se establecen a seguir:

a) Mulleres que acrediten ser vítimas de violencia de xénero e non teñan ingresos ponderados superiores a 3 veces o IPREM.

Poderá acreditarse a dita condición mediante certificación da orde de protección xudicial ou medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou secretario xudicial da propia orde de protección ou medida cautelar, informe e/ou certificación dos servizos sociais e/ou santitarios da Administración pública autonómica ou local, certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local, resolución xudicial ou informe do Ministerio Fiscal, informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

As mulleres que acrediten ser vítimas de violencia de xénero non terán que acreditar ingresos mínimos. Poderán recibir unha subvención que oscilará entre o 50% e o 80% da renda de aluguer, segundo tramos de ingresos. Os ditos tramos serán establecidos pola normativa de desenvolvemento desta normativa. Este colectivo terá prioridade na adxudicación das vivendas do Programa de vivenda en aluguer.

b) Persoas, unidades familiares ou convivenciais con ingresos ponderados inferiores a 0,7 IPREM.

Para a concesión da axuda ao aluguer deberán acreditar, na maneira que se estableza na normativa de desenvolvemento deste decreto, encontrarse nunha situación de risco de exclusión social e ter uns ingresos mínimos, ou ben percibir axudas públicas ou de institucións privadas suficientes para poder pagar a parte de aluguer non subvencionado. A dita subvención será, en todo caso, do 60% da renda de aluguer.

c) Ás persoas con discapacidade recoñecida oficialmente e con ingresos ponderados comprendidos entre 0,7 e 3 IPREM.

Nestes casos poderáselles conceder unha axuda do 60% do prezo do aluguer, sempre que os ingresos ponderados da súa unidade familiar ou convivencial estean comprendidos entre 0,7 e 1 veces o IPREM, e do 50% sempre que estean entre 1 e 3 veces o IPREM.

Para este colectivo poderán concederse subvencións a contratos de arrendamento en vigor, sempre que estes cumpran os requisitos establecidos neste decreto.

d) Familias numerosas, e persoas maiores de 65 anos, e con ingresos ponderados comprendidos entre 0,7 e 3 IPREM.

Nestes casos poderáselles conceder unha axuda do 60% do prezo do aluguer, sempre que os ingresos ponderados da súa unidade familiar ou convivencial estea comprendida entre 0,7 e 1 veces o IPREM, e do 50% sempre que estea entre 1 e 3 veces o IPREM.

e) Familias monoparentais, e con ingresos ponderados comprendidos entre 0,7 e 3 IPREM.

Nestes casos poderáselles conceder unha axuda do 60% do prezo do aluguer, sempre que os ingresos ponderados da súa unidade familiar ou convivencial estean comprendidos entre 0,7 e 1 IPREM, e do 50% sempre que estean entre 1 e 3 veces o IPREM.

2. Ás persoas, unidades familiares ou convivenciais, pertencentes a algún dos colectivos regulados no punto anterior, cuxos ingresos ponderados sexan inferiores a 1 vez o IPREM poderánselles adxudicar vivendas cunha renda mensual máxima de 390 euros.

3. Ás persoas, unidades familiares ou convivenciais, pertencentes a algún dos colectivos regulados no punto 1 deste artigo, cuxos ingresos ponderados estean comprendidos entre 1 e 2 veces o IPREM poderánselles adxudicar vivendas cunha renda mensual máxima de 470 euros.

4. Ás persoas, unidades familiares ou convivenciais destes grupos sociais regulados no punto 1 deste artigo, cuxos ingresos ponderados estean comprendidos entre 2 e 3 veces o IPREM poderánselles adxudicar vivendas cunha renda mensual máxima 600 euros.

5. En ningún caso os diferentes tipos de subvencións previstas neste artigo serán acumulables entre si, nin coas establecidas no capítulo II deste decreto.

6. Os solicitantes pertencentes aos colectivos regulados neste artigo terán prioridade na adxudicación das vivendas».

Catorce.-A disposición adicional primeira queda redactada nos seguintes termos:

«Terán a condición de entidades colaboradoras as sociedades de xestión urbanística das catro provincias galegas, que serán receptoras dos fondos públicos, colaborarán na xestión e distribuirán os fondos, tendo as obrigas e dereitos que se establecerán mediante convenios de colaboración asinados entre a Consellería de Vivenda e Solo e cada unha das sociedades referidas, estando suxeitas ao disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia».

Quince.-O terceiro parágrafo da disposición transitoria sexta queda redactado nos seguintes termos:

«Se o prezo de aluguer mensual superase o límite de 600 euros establecido no artigo 4º deste decreto, as ditas vivendas serán adxudicadas, en todo caso, aos tramos de renda familiar comprendidos entre 2 e 3 veces o IPREM».

Disposicións transitorias

Primeira.-O presente decreto será de aplicación a todas as solicitudes de subvención ao arrendamento e á rehabilitación de vivendas presentadas a partir do 1 de xaneiro de 2008.

Segunda.-O establecido no presente decreto será de aplicación a todas as solicitudes de incorporación de demandantes de vivenda non resoltas á entrada en vigor da mesma e ás persoas, unidades familiares ou convivenciais xa efectivamente incorporadas.

Terceira.-Ás solicitudes de incoporación de vivendas que no momento da entrada en vigor do presente decreto non tivesen realizado a correspondente inspección de habitabilidade pola sociedade pública que corresponda, seralles de aplicación o presente decreto.

Cuarta.-En ningún caso o establecido no presente decreto será de aplicación ás vivendas cedidas ás sociedades públicas á entrada en vigor deste decreto e ás subvencións ao pagamento da renda ou á rehabilitación concedidas antes do 1 de xaneiro de 2008.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de marzo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE PESCA

E ASUNTOS MARÍTIMOS