DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Venres, 04 de abril de 2008 Páx. 5.810

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 62/2008, do 3 de abril, polo que se acorda a intervención administrativa da Confraría de Pescadores de Ferrol.

A Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, establece no seu artigo 1.2º que as confrarías de pescadores quedan suxeitas á tutela da Administración pública galega, que será exercida a través da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

No desenvolvemento da citada norma, ditouse o Decreto 261/2002, do 30 de xullo, que regula no seu artigo 3 a suxeición das confrarías á tutela da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Na Confraría de Pescadores de Ferrol detectouse unha manifesta falta de liquidez para facer fronte ás débedas coa Facenda pública galega incumprindo as condicións do fraccionamento concedido, non constando, así mesmo, a reestruturación de pasivos acordados cos debedores.

O citado decreto establece no capítulo V o réxime orzamentario, económico e contable das confrarías de pescadores de Galicia, regula nos artigos 55 e seguintes o réxime contable, establece no artigo 56.5º e 59 a obriga de presentar as contas anuais ante a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e ante o Consello de Contas. A pesar dos requirimentos feitos pola consellería, a día de hoxe non foron presentadas as contas correspondentes aos anos 2005 e 2006.

A existencia de débedas ante a Facenda autonómica, así como o descoñecemento real e efectivo da situación económica da citada confraría, poden supoñer a existencia dun grave desequilibrio patrimonial para unha corporación de dereito público que aconsella que se adopten as medidas legais necesarias para poñer fin a esa situación que lle impide facer fronte ás súas obrigas de pagamentos e incumprimento da normativa contable das confrarías de pescadores.

Ante a situación patrimonial tan grave que está atravesando a Confraría de Pescadores de Ferrol, que pon en perigo a súa existencia, e dada a conveniencia para o interese social da continuidade da confraría, é necesario a adopción da medida prevista no artigo 64 do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións, e, por proposta da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de abril de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Decretar a intervención administrativa da Confraría de Pescadores de Ferrol como consecuencia da súa grave situación económica e patrimonial, que pon en perigo a súa existencia como corporación de dereito público, ao abeiro do disposto no artigo 64 do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións.

Artigo 2º

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos procederá ao nomeamento de interventor, que terá, entre outras funcións:

a) Autorizar calquera tipo de xestión económica, pagamentos ou cobramentos que efectúe a citada confraría.

b) Inspeccionar os libros contables e demais documentación que incida na actividade económica da confraría.

c) Informar a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos de canto importante ocorra respecto á citada confraría e aos seus negocios para que se adopten as resolucións que procedan en defensa e protección dos intereses dos socios da confraría.

Artigo 3º

A confraría de pescadores non poderá realizar ningún acto de contido económico e patrimonial sen previo coñecemento e autorización do interventor.

Artigo 4º

Esta intervención estenderase durante o prazo de seis meses; non obstante, se rematado o dito prazo non estivese restablecida a situación económica da confraría, este poderá ser prorrogado por un período igual de seis meses, mediante orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, logo de informe motivado do interventor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos para ditar cantas normas complementarias sexan precisas para a mellor aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de abril de dous mil oito.

Emilio Perez Touriño

Presidente

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos