DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Venres, 04 de abril de 2008 Páx. 5.799

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2008, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a aprobación do Regulamento de servizo da autovía AG-56 Santiago-Brión e a variante de poboación As Galanas (N-550)-Pardiñas (AG-56).

En cumprimento do disposto na cláusula 53 do prego de cláusulas administrativas particulares do concurso de concesión para a construción e explotación da autovía AG-56 Santiago-Brión e a variante de poboación As Galanas (N-550)-Pardiñas (AG-56), a sociedade concesionaria elevou a esta consellería o regulamento de servizo, que foi aprobado por Resolución do 15 de febreiro de 2008 e que a seguir se publica para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2008.

Manuel Morato Miguel

Director xeral de Obras Públicas

ANEXO

Regulamento de servizo da autovía AG-56, Santiago-Brión e variante de poboación As Galanas (N-550)-Pardiñas (AG-56)

Título preliminar

Normas xerais

Artigo 1º

Este regulamento regula a prestación do servizo da autovía AG-56 Santiago-Brión, incluíndo a variante de poboación As Galanas (N-550)-Pardiñas (AG-56), en adiante vías obxecto deste regulamento, desenvolvendo os extremos contidos nas resolucións da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 3 de agosto de 2004 polas que se aproba o prego de cláusulas administrativas particulares e o prego de prescricións técnicas particulares a que deberá axustarse a concesión administrativa de construción, conservación e explotación das mencionadas vías.

Artigo 2º

Os preceptos deste regulamento serán de obrigatoria observancia para todos os usuarios destas vías e para a sociedade concesionaria, vinculando igualmente á Administración concedente.

O persoal da sociedade concesionaria está obrigado a velar polo máis exacto cumprimento de canto se determina neste regulamento.

Artigo 3º

O servizo nas vías obxecto deste regulamento será prestado en condicións de absoluta normalidade, garantindo a súa utilización polos usuarios de acordo cos principios de igualdade, universalidade e non-discriminación, e suprimindo, no tempo máis curto posible, as causas que orixinen molestias, inconvenientes ou perigosidade para os usuarios das vías, salvo que a adopción das medidas que produzan estes efectos obedezan a razóns de seguridade e/ou urxente reparación ou reposición.

O tráfico de vehículos é absolutamente preferente a calquera outro fin.

O servizo nas vías deberá prestarse ininterrompidamente, durante as vinte e catro horas do día, salvo supostos excepcionais debidos a caso fortuíto ou de forza maior.

O servizo que presta a sociedade concesionaria considérase servizo público para os efectos de fixar os servizos mínimos por parte da autoridade competente e que deberá cumprir a sociedade concesionaria.

Artigo 4º

No Centro de Conservación e Explotación, situado no enlace de Pardiñas, a sociedade concesionaria disporá dun libro de reclamacións no cal poderán formular os usuarios as que consideren oportunas. O libro será foliado e visado pola Delegación da Xunta de Galicia nas Sociedades Galegas Concesionarias de Autoestradas de Peaxe, en adiante Delegación da Xunta de Galicia.

Coa periodicidade que indique a Delegación da Xunta de Galicia e independentemente da facultade de exame directo por esta do mencionado libro, a sociedade concesionaria deberá darlle traslado das reclamacións formuladas, acompañando o seu propio informe sobre estas indicando as medidas adoptadas, de ser o aso. Así mesmo, a sociedade concesionaria deberá formular contestación ao usuario sobre a reclamación, a súa admisibilidade e medidas adoptadas, de ser caso, en función daquela. Esta contestación tamén será obxecto de traslado á Delegación da Xunta de Galicia.

Sen prexuízo do mencionado no punto anterior, os usuarios das vías obxecto deste regulamento poderán elevar á Delegación da Xunta de Galicia calquera reclamación que, ao seu criterio, non fose debidamente atendida pola sociedade concesionaria. A Delegación da Xunta de Galicia, segundo proceda, resolveraa directamente ou procederá a remitila ao órgano da Administración a que lle corresponda a súa resolución.

Título I

Da circulación

Capítulo I

Normas aplicables e prestación de servizo

Artigo 5º

A circulación polas vías obxecto deste regulamento estará regulada polo contido ao respecto no Regulamento xeral de circulación, aprobado polo Real decreto 1428/2003, do 21 de novembro, o Regulamento xeral de vehículos, aprobado polo Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, o texto articulado da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, aprobado polo Real decreto lexislativo 339/1990, do 2 de marzo, modificado pola Lei 19/2001, do 19 de decembro e pola Lei 62/2003, do 30 de decembro, e demais disposicións de carácter xeral sobre a materia e con carácter complementario polo que se dispón neste regulamento.

Artigo 6º

A vixilancia da circulación, o tráfico e o transporte polas vías obxecto deste regulamento será exercida pola Agrupación de Tráfico da Garda Civil, sen prexuízo das que poida exercer con carácter auxiliar ou en ausencia das forzas daquelas unidades o persoal da sociedade concesionaria. No exercicio destas funcións, e dentro do establecido ao respecto na normativa vixente, este persoal terá o carácter de axente da autoridade e poderá adoptar as medidas necesarias verbo da regulación do tráfico, formulando as denuncias procedentes.

O persoal da sociedade concesionaria acreditará a súa condición mediante o uso do uniforme ou distintivo ou a exhibición dun documento que permita aos usuarios das vías recoñecer a súa función.

En cumprimento da mencionada actividade supletoria, o persoal da sociedade concesionaria porá especial coidado en impedir o acceso e, no seu defecto, a circulación por estas vías a aqueles vehículos e que se sospeite fundadamente que non reúnen as condicións adecuadas para circular por elas, adoptando as medidas que estime precisas para facer cesar a anormalidade.

No caso de discrepancia do usuario, ordenará o aparcamento do vehículo nun lugar idóneo solicitará a presenza das forzas de vixilancia, que adoptarán as disposicións oportunas.

Cando un vehículo non autorizado fose localizado na zona de circulación a el prohibida será obrigado a abandonar as vías pola saída máis próxima. En todo caso, se a presenza do vehículo non autorizado fose detectada polo persoal da sociedade concesionaria, cursará inmediato aviso á Agrupación de Tráfico da Garda Civil e procederá, con carácter precautorio, á inmobilización do vehículo nun lugar que non ofreza perigo para a circulación. Todo iso, sen prexuízo das sancións que correspondan e das responsabilidades en que puidese incorrer o condutor e o propietario do vehículo non autorizado.

Os condutores e propietarios dos mencionados vehículos serán responsables dos danos propios ou a terceiros e daqueloutros que poidan ocasionar ás vías.

As prohibicións anteriormente sinaladas non afectarán os vehículos que para realizar obras ou traballos de conservación, mantemento ou explotación nas vías obxecto deste regulamento necesiten circular por elas; deben dispor da sinalización e balizamento oportunos.

Artigo 7º

Naquelas situacións meteorolóxicas que representen diminucións de seguridade da circulación (néboa, choiva, xeo, etc.), os usuarios están obrigados, de acordo co establecido no artigo 45 do Regulamento xeral de circulación, a extremar as precaucións na condución dos seus vehículos. Así mesmo, están obrigados a seguir as instrucións dos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e, de ser o caso, do persoal da sociedade concesionaria, sen que poda imputarse a esta última ningunha responsabilidade polos danos ou accidentes que puidesen producirse a causa da súa inobservancia.

Nos casos de existencia e previsión de xeo, neve ou sarabia, a sociedade concesionaria efectuará baixo o seu criterio e responsabilidade os tratamentos superficiais preventivos e curativos que considere necesarios para mellorar as condicións de circulación. En situacións de emerxencia e perigosidade, a sociedade concesionaria poderá impor restricións de circulación, pero adoptando as medidas necesarias que garantan a seguridade dos usuarios e permitan alcanzar, no menor tempo posible, condicións de absoluta normalidade. Destas restricións dará conta á Agrupación de Tráfico da Garda Civil, ao inspector de Explotación e ao persoal facultativo dependente deste, designado pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, en adiante persoal de Inspección de Explotación.

Artigo 8º

A actuación no caso de accidente de circulación corresponde aos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, sen prexuízo do respecto ás funcións e competencias que corresponden á autoridade xudicial.

Se por accidente, avaría, malestar físico dos seus ocupantes ou outra causa tivese que inmobilizarse un vehículo en que a súa presenza ou a da súa carga supuxese un obstáculo á libre circulación ou representase un perigo para esta, especialmente por ocupar a calzada ou a beiravía, o usuario actuará segundo a normativa vixente, adoptando as medidas precisas para facelo desaparecer e mentres tanto as adecuadas de sinalización para que poida ser advertido polos demais usuarios.

Independentemente do anterior e tan axiña como o persoal da sociedade concesionaria teña coñecemento do feito, arbitrará os medios necesarios para a retirada inmediata do vehículo e/ou a carga se non o fixese o usuario, salvo que se trate de materias perigosas.

No caso de que se precisen medios especiais, tales como guindastres de gran tonelaxe, góndolas, etc., a sociedade concesionaria facilitará a comunicación coas dispoñibles na zona.

Se esta retirada non fose posible de forma inmediata, a custodia dos vehículos e/ou a súa carga e a regulación da circulación corresponderalle á Agrupación de Tráfico da Garda Civil ou outras forzas de vixilancia, ata a chegada dos medios solicitados para retirar os obstáculos, para os efectos de facilitar a operación e garantir a seguridade dos restantes usuarios das vías.

Cando o vehículo ou a súa carga, por accidente, traslado provisional ou outra causa, quedase fóra da calzada ou beiravía, pero dentro da zona de dominio, non afectando a circulación, correspóndelle ao propietario a súa retirada. A sociedade concesionaria colaborará coa Dirección Xeral de Tráfico na localización do propietario para exixirlle esta obriga.

Con independencia do anterior, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil comunicaralle os feitos ocorridos á Xefatura Provincial de Tráfico e ao alcalde do termo municipal en que se atopa o vehículo, co fin de dar cumprimento ao establecido na Orde ministerial do 14 de febreiro de 1974 sobre retirada e depósito de automóbiles abandonados.

Artigo 9º

Soamente en caso de emerxencia poderán circular os peóns polas beiravías.

Os condutores de vehículos que circulen polas vías deberán facer caso omiso das peticións de pasaxe que reciban en calquera tramo delas.

Os condutores ou pasaxeiros que por avaría mecánica, accidente ou outra causa desexan solicitar axuda a través do sistema dos postes do socorro, circularán exclusivamente pola beiravía, sen cruzar en ningún caso a calzada, ata o poste máis próximo.

Absteranse de solicitar axuda os demais usuarios e tanto o condutor como os pasaxeiros deberán esperar a chegada do auxilio fóra da zona de circulación.

O persoal da sociedade concesionaria e calquera outro persoal no exercicio dos labores de inspección, mantemento, conservación ou explotación poderán circular a pé polas vías sempre que sexa estritamente indispensable para a prestación do correspondente servizo e adopte as medidas oportunas para non comprometer a súa propia seguridade nin a de ningún usuario.

Capítulo II

Suspensión e restricións de tráfico

Artigo 10º

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes poderá acordar a desviación do tráfico, pola totalidade ou parte das vías obxecto deste regulamento, se por exixencias técnicas ou de seguridade vial resultase necesaria a imposición de limitacións á circulación noutros tramos ou parte da rede de estradas.

Dadas as circunstancias, a sociedade concesionaria deberá adoptar as medidas pertinentes para a súa posta en práctica, e comunicar a restrición e os desvíos acordados ás autoridades competentes en materia de tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, co obxecto de que estas adecuen as medidas de vixilancia, disciplina e regulación do tráfico e manteñan actualizada a información que sobre as vías ofrezan aos usuarios.

Artigo 11º

A sociedade concesionaria deberá estudar a adopción con carácter previo das medidas máis adecuadas para aquelas situacións estacionais previsibles en que a intensidade do tráfico poida influír negativamente na fluidez e seguridade da circulación.

En situacións de especial perigosidade, a sociedade concesionaria poderá adoptar as medidas que estime máis convenientes, dando conta inmediata e detallada delas ao persoal de inspección de Explotación e a todos aqueles órganos administrativos competentes.

No caso de saturación ou doutra circunstancia que fixese conveniente limitar o acceso ás vías obxecto deste regulamento ou adopción dalgún tipo de medida temporal ou transitoria para garantir a seguridade e a fluidez do tráfico, a sociedade concesionaria estudará a máis adecuada en colaboración co persoal de Inspección de Explotación e coa Dirección Xeral de Tráfico.

A sociedade concesionaria colaborará en todos os casos nas medidas adoptadas conducentes a producir as mínimas interferencias na libre e normal circulación polas vías e as de emerxencia para lograr o restablecemento inmediato do servizo.

Artigo 12º

Cando a sociedade concesionaria considere que as condicións, situación ou exixencias técnicas dalgún punto das vías obxecto deste regulamento requiren a suspensión do tráfico para todas ou algunhas categorías de vehículos ou a ocupación transitoria de parte ou da totalidade dunha ou ambas calzadas, solicitará a correspondente autorización da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes a través da Delegación da Xunta de Galicia, expoñendo as causas e o alcance das medidas que se adoptarán, dando conta á Dirección Xeral de Tráfico e logo de informe do persoal da Inspección de Explotación.

Artigo 13º

No caso de que a situación prevista no artigo anterior revista carácter de inaprazable, por razóns de urxente reparación, condicións meteorolóxicas, falta de seguridade, accidentes, caso fortuíto ou forza maior, poderá a sociedade concesionaria levar a cabo a suspensión do tráfico, dando conta inmediata das causas que xustifiquen esta medida á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a través da Delegación da Xunta de Galicia, ao persoal da Inspección de Explotación e á Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

Artigo 14º

A sociedade concesionaria deberá comunicar con antelación suficiente á Dirección Xeral de Tráfico e ao persoal da Inspección da Explotación as restricións que sexa necesario impor á circulación polas vías obxecto deste regulamento e, en caso de que as ditas restricións sexan imprevisibles, dará conta delas tan axiña como teña coñecemento de que se producisen.

Artigo 15º

Ao transporte de mercadorías perigosas seralle de aplicación a normativa contida no Real decreto 551/2006, do 5 de maio, pola que se regulan as operacións de transporte de mercadorías perigosas por estrada en territorio español e o ADR (Acordo europeo sobre transporte internacional de mercadorías perigosas por estrada).

No caso de accidentes observarase o que dispón o Real decreto 387/1996, do 1 de marzo, polo que se aproba a Directriz básica de planificación de protección civil, contando para iso co disposto nas fichas de intervención dos servizos operativos en situacións de emerxencia, aprobadas pola orde do Ministerio de Interior do 28 de outubro de 2004.

A Administración por si ou por petición da sociedade concesionaria poderá establecer limitacións horarias no paso de mercadorías perigosas por determinadas estruturas para mellorar a seguridade do dito transporte e a da infraestrutura viaria. Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil que exerzan a vixilancia da circulación nas vías ou, na súa ausencia, o persoal dependente da sociedade concesionaria, poderán adoptar as medidas complementarias de seguridade que as condicións de tráfico e da circulación requiran, e poderá ordenar detencións obrigatorias de curta duración aos vehículos que transporten mercadorías perigosas, ou ao resto dos vehículos, co fin de diminuír o risco que a circulación daqueles puidese comportar para o resto dos usuarios.

Artigo 16º

Os transportes cualificados como especiais pola lexislación vixente deberán proverse, para a utilización das vías obxecto deste regulamento, das autorizacións especiais outorgadas pola autoridade competente.

Para a obtención das correspondentes autorizacións para circular polo itinerario solicitado, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes remitirá copia da solicitude á sociedade concesionaria, quen de non existir inconveniente por tamaño ou outros motivos emitirá informe favorable á concesión da autorización, onde constará día, a hora e as condicións do paso do transporte especial.

Ao seu paso polas vías, atenderá especialmente as indicacións que se lle fagan e utilizará as vías que se sinalen, exhibindo, en caso de requirimento, as autorizacións outorgadas.

O transportista será responsable dos danos manifestos ou ocultos e dos prexuízos de todo tipo que puidesen producirse na infraestrutura, usuarios ou terceiros, como consecuencia de non respectar as limitacións de peso, dimensións ou outras características declaradas ao solicitar a correspondente autorización e que non figuren nela, e sempre sen prexuízo da responsabilidade de tipo xeral establecida neste regulamento.

Así mesmo, o transportista deberá aboar a totalidade dos gastos que ocasione tanto o paso pola infraestrutura como os posibles estudos e as obras que fosen precisas para acceder á súa solicitude.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes poderá exixir a constitución dunha fianza ou aval, para cubrir o custo dos posibles danos e dos traballos que fose necesario realizar para permitir o paso do transporte especial.

Capítulo III

Danos e perdas

Artigo 17º

Os usuarios virán obrigados a facer uso debido das vías e das súas instalacións, utilizándoas única e exclusivamente para os fins a que están destinadas. Todo usuario das vías será responsable dos danos e perdas que se causen aos seus bens, dentro dos límites dos terreos destinados directa ou indirectamente ao seu servizo. Moi especialmente, deberán respectar as instalacións e facer o uso debido delas.

As persoas que causen dano ou deterioración en calquera daqueles elementos, aínda que sexa involuntariamente, están obrigadas a poñelo en coñecemento das forzas da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e do persoal da sociedade concesionaria.

Así mesmo, estarán obrigadas a comunicar a esta de inmediato os accidentes ou incidentes que sufriron ou en que se viron involucradas con ocasión de circular polas vías.

Sen prexuízo da responsabilidade que corresponda á sociedade concesionaria, os usuarios deberán contribuír a manter o estado de limpeza das vías e das súas instalacións mentres circulan e cando están parados, evitando tirar refugallo desperdicios, lixo, papeis, etc. O incumprimento desta obriga poderá ser obxecto de denuncia por parte da sociedade concesionaria ás autoridades competentes.

Título II

Policía e conservación

Capítulo I

Policía

Artigo 18º

A sociedade concesionaria procurará a perfecta aplicación nas vías de toda a normativa que proceda sobre uso de estradas e as que afecten as súas zonas de dominio, servidume e afección, avisando a autoridade competente da comisión das infraccións que advirta. En caso de incumprimento do anterior, será responsable subsidiario dos prexuízos que poidan irrogarse á Administración, con independencia das sancións regulamentarias que poidan corresponderlle.

Sen prexuízo da competencia da Xunta de Galicia, a sociedade concesionaria efectuará as funcións de policía das vías obxecto deste regulamento, sendo responsable solidario dos prexuízos que se irroguen a terceiros pola falta de coidados do seu persoal na aplicación das disposicións vixentes, sexa por mera tolerancia, descoido, neglixencia ou calquera outra causa.

Artigo 19º

As obras doutros organismos ou de particulares que afecten as vías obxecto deste regulamento, as súas instalacións ou a circulación por elas someteranse, antes de autorizarse a súa iniciación, a informe da sociedade concesionaria.

No seu informe a sociedade concesionaria poderá establecer as condicións que deberán ser impostas ao peticionario no caso de proceder á autorización da solicitude sempre que a actuación solicitada afecte directamente algún parámetro que, de conformidade co contrato de concesión, sexa responsabilidade da concesionaria.

Outorgada pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes a autorización pertinente, que deberá ser notificada á sociedade concesionaria, o organismo ou particular que vai a realizar as obras, antes da súa iniciación e polo menos con 48 horas de antelación, dirixirase á sociedade concesionaria, para que, á vista das circunstancias particulares, especialmente as referidas ao tráfico, fixe as datas e as horas, medidas de seguridade, sinalización e demais aspectos relacionados coa execución das obras.

Rematadas as actuacións de terceiros e de forma previa á devolución das fianzas por parte da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, esta solicitará da sociedade concesionaria a súa conformidade, respecto ao completo cumprimento das condicións da autorización.

Artigo 20º

As estradas e camiños afectados pola construción das vías obxecto deste regulamento, unha vez repostos, entregaranse de novo aos titulares de que dependan.

Con independencia da súa entrega, a sociedade concesionaria conservará ao seu cargo a estrada, ou camiño considerado durante un período dun ano contado a partir da posta en servizo das vías.

Os terreos expropiados para a execución das mencionadas estradas, camiños ou servizos afectados pola construción das vías obxecto deste regulamento quedarán adscritos a estes, a menos que constitúan parte da propia explanación das vías.

Capítulo II

Conservación das vías

Artigo 21º

A sociedade concesionaria estará obrigada a efectuar os traballos de reparación necesarios para manter as vías en perfectas condicións de utilización, suprimindo as causas que produzan molestias e inconvenientes ao usuario e evitando todo o que poida representar perigo para a circulación.

Artigo 22º

A sociedade concesionaria manterá en perfecto estado as vías obxecto deste regulamento e as súas instalacións anexas, dentro das normais condicións de pulcritude e coidados estéticos, con estrita suxeición ao establecido no prego de prescricións técnicas do concurso de concesión, na oferta do adxudicatario, no plan de conservación e explotación e no Programa de conservación e explotación aprobados pola Administración concedente, e tendo en conta as indicacións que sobre o particular lle fagan os servizos competentes, cos que colaborará activamente.

Artigo 23º

A sociedade concesionaria está obrigada a conservar as vías en condicións de utilización e funcionamento, procedendo á inmediata reparación daqueles elementos que se deterioren polo uso.

Artigo 24º

A sociedade concesionaria correrá con todos os gastos derivados da conservación de todos os equipos e sistemas instalados nas vías obxecto deste regulamento, incluídos os da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte e aqueles que sexan propiedade da Dirección Xeral de Tráfico, que poderá incrementalos, renovalos, substituílos ou retiralos.

Artigo 25º

A sociedade concesionaria deberá reparar todos os danos producidos por causa de accidente e repoñer os elementos inutilizados, con independencia de formular, cando proceda, a correspondente reclamación de danos e perdas.

Artigo 26º

En atención ao sinalado nos artigos anteriores, a sociedade concesionaria deberá dotar o seu servizo de conservación dos medios necesarios para efectuar as correspondentes reparacións no menor tempo posible e durante as horas que sexa mínima a perturbación aos usuarios. O persoal pertencente a este servizo disporá de maquinaria e ferramentas adecuadas para desenvolver a súa función e dos elementos de sinalización necesarios para garantir a seguridade tanto dos usuarios das vías como do referido persoal durante a execución das obras de conservación.

Para as actuacións de carácter urxente, concentraranse todos os medios dispoñibles e solicitaranse, se é preciso, a terceiros para a máis eficaz e rápida solución da anormalidade.

Artigo 27º

As obras que se realicen para manter as vías en perfectas condicións de utilización, realizaranse de forma que se limiten ao máximo as molestias e inconvenientes aos usuarios e se evite todo o que poida representar perigo para a circulación.

Para a realización de obras que exixan a implantación de restricións de circulación, a sociedade concesionaria deberá comunicalo ao persoal de Inspección de Explotación, polo menos con 10 días de anticipación. Se a importancia ou a duración das restricións o requiren, deberase solicitar a autorización da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para iniciar as obras, indicando a necesidade da restrición que se impón, a sinalización prevista e a información previa ao usuario que se prevé dar. Neste caso, a sociedade concesionaria comunicaralle á Dirección Xeral de Tráfico as restricións previstas e as datas da súa implantación.

A sociedade concesionaria será a responsable ante a Administración da sinalización das obras e, de ser o caso, da información previa ao usuario que fose necesaria e das normas de seguridade aplicadas, aínda que as obras sexan realizadas por terceiros e sen prexuízo das responsabilidades destes.

A sinalización relativa ás obras que afecten ao tráfico, tales como valados, conos, avisos, sinais, bosquexos, etc., aplicaranse de acordo coa normativa vixente en materia de circulación e sinalización, coas instrucións da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e coas indicacións do persoal de Inspección de Explotación.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a través do persoal da Inspección de Explotación, será a competente para exixir a adopción das medidas por parte da sociedade concesionaria conducentes a producir as mínimas interferencias na libre e normal circulación nas vías obxecto deste regulamento. Estas medidas poderán referirse á fixación de horarios e datas, sinalización, balizamento, prazo máximo de execución, medidas de seguridade, obras complementarias e calquera outra que a citada consellería estime conveniente, sen prexuízo das responsabilidades que puidesen, de ser o caso, derivarse para a sociedade concesionaria fronte a terceiros.

Título III

Servizos ao usuario

Capítulo I

Preceptos xerais

Artigo 28º

A sociedade concesionaria coidará moi especialmente de dotar as vías daqueles medios e servizos que poidan contribuír máis eficazmente a satisfacer as necesidades do tráfico e as conveniencias dos usuarios.

Por solicitude dos usuarios afectados, a sociedade concesionaria colaborará na busca dun servizo de asistencia mecánica de urxencia.

Artigo 29º

Para cumprir co preceptuado no artigo anterior, a sociedade concesionaria virá obrigada a prestar o adecuado servizo de información ao usuario e a manter a área de conservación e explotación, coas instalacións e servizos necesarios para desenvolver as funcións asignadas.

Capítulo II

Sinalización e elementos complementarios

Artigo 30º

As vías obxecto deste regulamento estarán dotadas de sinalización horizontal e vertical que determinen os proxectos ou instrucións aprobados pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e demais normas vixentes, e corresponde ao usuario a súa estrita observancia, de acordo co que, en cada caso, estableza a normativa vixente en materia de circulación, sendo o usuario o responsable dos danos á sociedade concesionaria ou a terceiros que derivasen da súa inobservancia.

A sinalización existente no exterior das vías obxecto deste regulamento, salvo a das propias interseccións de accesos a estas, será atendida polo órgano titular da estrada en que están situadas.

Cando se produzan situacións de emerxencia derivadas de accidentes, fenómenos meteorolóxicos (neve, xeo, sarabia, choiva, etc.), obstáculos na calzada, etc., a implantación da sinalización nas vías poderá realizala a sociedade concesionaria, sen prexuízo da actuación de emerxencia que compete á Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

En todos os casos, a mencionada sinalización estará de acordo coas normas e instrucións vixentes, en materia de circulación e sinalización.

Nos casos de circulación especial, o usuario deberá respectar a sinalización de emerxencia ou excepcional, que ten carácter preferente respecto á normal das vías e os seus accesos.

Constituíndo os accesos ás vías unha zona de transición entre distintos réximes de circulación, os usuarios deberán prestar especial atención á sinalización establecida, así como a calquera indicación que puidese eventualmente determinarse.

Artigo 31º

Os elementos complementarios como barreiras de seguridade, balizamento, valados de cerramento ou separación, iluminación, plantacións, etc., axustaranse á normativa vixente.

Non obstante, cando as necesidades do tráfico ou da súa seguridade exixan, a xuízo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, melloras, ampliacións e incluso novas instalacións de elementos complementarios, a sociedade concesionaria está obrigada a cumprir as instrucións que a consellería dite ao respecto.

Capítulo III

Información

Artigo 32º

Con independencia do cumprimento da normativa respecto da sinalización dentro das vías obxecto deste regulamento para regular e facilitar a circulación por elas, a sociedade concesionaria facilitará ao usuario aquelas indicacións, noticias e informacións que poidan resultar máis eficaces en beneficio da seguridade e fluidez do tráfico e para lograr o uso máis adecuado das vías. Para estes efectos, poderá facer uso de carteis e sinais móbiles e variables, previamente aprobados pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, e de calquera outro medio que a consellería ou a sociedade concesionaria consideren idóneo para estes fins. Todos estes sistemas serán coherentes cos instalados pola Dirección Xeral de Tráfico.

En particular subministrarase información sobre as condicións meteorolóxicas. Así mesmo, sempre que se realicen obras ou se produza calquera outro evento que poida afectar as condicións normais da circulación, a sociedade concesionaria está obrigada a informar ademais de á Delegación da Xunta de Galicia, ao persoal de Inspección de Explotación, á Dirección Xeral de Tráfico, e aos usuarios, coa suficiente antelación para que estes poidan elixir o itinerario co adecuado coñecemento, mediante a colocación dos oportunos carteis que indiquen tal situación, polo menos no tronco das vías, antes da saída inmediatamente anterior ao tramo afectado e no enlace que dá acceso ao tramo afectado, no lugar adecuado que lle permita ao usuario optar polo itinerario alternativo.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes poderá requirir que a sociedade concesionaria instale, á súa custa, sinais, carteis ou paneis coa finalidade de facilitarlles aos usuarios información e indicacións máis eficaces en beneficio da seguridade e fluidez do tráfico, completar a información aos usuarios, evitar posibles confusións, así como para lograr un uso máis adecuado das vías obxecto deste regulamento.

Os carteis e o seu contido deberán ter as dimensións adecuadas para resultar lexibles polos condutores desde o interior dos seus vehículos.

Artigo 33º

A sociedade concesionaria non poderá realizar nin explotar ningunha publicidade das vías obxecto de regulamento, nin publicar folletos, notas informativas ou calquera outro material que conteña datos ou información en relación con estas, sen autorización expresa da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

Artigo 34º

Considerarase de preferente interese toda a información destinada a facilitar recomendacións aos usuarios para unha mellor utilización das vías e as súas instalacións que permitan crear, nel, hábitos que contribúan a mellorar a seguridade vial.

Capítulo IV

Área de conservación e explotación e postes de socorro SOS

Artigo 35º

A sociedade concesionaria disporá das instalacións necesarias para o mantemento, conservación e explotación das vías obxecto deste regulamento. As mencionadas instalacións incluirán edificacións adecuadas para situar talleres, oficinas, garaxes para vehículos, equipos e maquinaria que se precisen para a conservación, mantemento e explotación das vías.

A sociedade concesionaria manterá constantemente en situación de servizo as instalacións e medios situados na área de conservación e explotación que sexan indispensables para manter a circulación en condicións óptimas, de acordo coas prescricións contidas neste regulamento.

Artigo 36º

Para a adecuada prestación do servizo, a área de conservación e explotación das vías estará convenientemente comunicada cos restantes servizos das vías, persoal, equipos e maquinaria de traballo e moi especialmente cos postes de socorro instalados ao longo delas.

O sistema de comunicacións só pode ser utilizado polo persoal da sociedade concesionaria ou por quen esta autorice, coa finalidade exclusiva de xestión das vías. Especialmente deberá ser utilizado para atender e coordinar as actuacións en casos de accidentes, emerxencia e auxilio, supletoria e complementariamente co sistema de seguridade, constituído polos postes de socorro.

Artigo 37º

O acceso á área de conservación e explotación estará limitado ás persoas afectas ou relacionadas coas vías obxecto deste regulamento, que poderán manobrar e aparcar libremente coas precaucións adecuadas e cumprindo a normativa de circulación.

Non está permitido o acceso dos usuarios á área de conservación e explotación, salvo para ter acceso ao libro de reclamacións e en casos excepcionais. Nestes casos, os usuarios aparcarán o seu vehículo na zona reservada para visitas e dirixiranse camiñando directamente ao Centro de Conservación e Explotación.

Os vehículos da sociedade concesionaria, os das empresas que prestan servizos nas vías, os da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e os do persoal de Inspección de Explotación poderán acceder a todas as vías, incluso á área de conservación e explotación, en todos os casos, manobrando e aparcando libremente, coas precaucións adecuadas e cumprindo a normativa de circulación.

Artigo 38º

O Centro de Conservación e Explotación estará atendido, de forma permanente durante as 24 horas do día, por persoal suficiente e cualificado, para os efectos da perfecta organización de todas as operacións das vías e, en especial, para arbitrar os medios necesarios en caso de emerxencia, accidente, solicitude de auxilio, etc.

Deberá poder establecerse comunicación co persoal da Inspección de Explotación e coa Agrupación de Trafico da Garda Civil co fin de intercambiar a información que se considere necesaria, ou sexa preceptiva, respecto á circulación, accidentes, estados das vías, etc.

O Centro de Conservación e Explotación deberá facilitar información do estado das vías, condicións de circulación, etc. que lle requira a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e a Dirección Xeral de Tráfico.

Artigo 39º

O sistema de postes de socorro comunicará directamente co Centro de Conservación e Explotación. Este sistema estará permanentemente en servizo, salvo caso fortuíto ou forza maior.

Os postes de socorro disporán dos dispositivos adecuados para transmitir as chamadas de auxilio, así como para indicar nos sistemas de control a ubicación exacta do lugar de chamada e calzada correspondente e das correspondentes instrucións de utilización e indicador de ser recibida a chamada no sistema de control.

Os usuarios das vías están obrigados á correcta utilización dos postes de socorro. O seu uso indebido, logo de formulación da correspondente denuncia, dará lugar, de ser o caso, á exixencia das responsabilidades pertinentes.

No suposto de avaría nalgún dos postes de socorro, a sociedade concesionaria deberá tomar as medidas necesarias para a súa urxente reparación.

Capítulo V

Asistencia de auxilio ao usuario

Artigo 40º

As peticións de auxilio por parte do usuario poden realizarse:

-Por medio dos postes de socorro.

-Por medio da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

-A través do persoal e doutros medios da sociedade concesionaria.

-Por medio de teléfonos móbiles.

-Por calquera outro medio idóneo, adaptado ás circunstancias e que garanta a seguridade dos restantes usuarios das vías.

Sempre que sexa posible, o vehículo deberá estacionarse fóra da calzada. No caso de necesidade deterase na beiravía dereita e, cando non sexa posible, excepcionalmente na beiravía esquerda, ou de ser o caso, na mediana.

As peticións de auxilio, que serán atendidas de forma permanente, prestaranse por rigorosa orde de recepción, salvo naqueles casos en que prime a gravidade ou en que unha maior eficacia do servizo aconselle unha reordenación dependendo das circunstancias que concorran na circulación, meteoroloxía, etc.

Título IV

Canon de demanda e tarifas

Capítulo I

Canon de demanda

Artigo 41º

O canon de demanda é a contraprestación económica por parte da Administración concedente que percibirá a sociedade concesionaria desde a entrada en servizo da totalidade das vías ata o final do período de explotación da concesión.

O importe do canon de demanda calcularase en función da utilización da vías obxecto deste regulamento por parte dos usuarios e virá determinado polo tipo de vehículo, o número de vehículos-quilómetro de cada tipo que circule polas vías, as tarifas aplicables a cada tipo de vehículo por quilómetro percorrido e as correccións para efectuar en función dos valores dos indicadores de calidade do servizo e estado das vías, así como pola aplicación do réxime de penalidades recollido no prego de cláusulas administrativas particulares da concesión.

Artigo 42º

O cálculo do número de vehículos - quilómetro de cada tipo que circula polas vías obxecto deste regulamento para un determinado período obterase como suma dos correspondentes a cada treito de contaxe, obtidos de multiplicar a intensidade de tráfico medida en cada punto de contaxe pola lonxitude do treito asociada ao punto correspondente.

Artigo 43º

Con anterioridade á posta en servizo da totalidade das vías obxecto deste regulamento, a sociedade concesionaria presentará a proposta de medición da lonxitude de cada tramo asociado a cada punto de contaxe para a súa aprobación pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

Artigo 44º

O canon de demanda aboarase con periodicidade mensual como resultado de multiplicar o valor da tarifa anual vixente polo número de vehículos - quilómetro de cada tipo que circularon polas vías durante o mes anterior, unha vez auditados estes.

Con carácter anual practicarase unha liquidación por reaxuste do canon de demanda segundo o establecido na cláusula 72 do prego de cláusulas administrativas particulares.

Capítulo II

Contaxe de tráfico

Artigo 45º

Para os efectos de determinar o número de vehículos - quilómetro que circulen polas vías obxecto deste regulamento, a sociedade concesionaria establecerá os sistemas de contaxe adecuados.

Enténdese como sistema de contaxe o conxunto de elementos que permiten a contaxe automática de vehículos, permitindo a diferenciación entre vehículos lixeiros e pesados.

A sociedade concesionaria deberá establecer un sistema de contaxe automática que determine o número de vehículos que discorran por cada treito das vías obxecto deste regulamento e sentido de circulación, así como a súa velocidade.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes realizará comprobacións respecto das medicións da sociedade concesionaria mediante un sistema de contaxe que consistirá nunha instalación fixa de televisión en cada un dos treitos.

As imaxes gravadas con esta finalidade permanecerán nos discos duros do sistema durante un período máximo de 30 días; transcorrido este tempo procederase ao seu borrado.

A sociedade concesionaria deberá garantir a non obstrución nos sistemas de contaxe de vehículos, e nos de medición dos indicadores de calidade do servizo e do estado das vías obxecto deste regulamento. Para estes efectos, considerarase obstrución calquera modificación, sen autorización previa da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, sobre estes sistemas que poida afectar o seu bo funcionamento, así como calquera impedimento da sociedade concesionaria para a comprobación de todo o relacionado con estes sistemas ou dos pertencentes á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

Capítulo III

Factores de corrección

Artigo 46º

Para os efectos do disposto no art. 41 deste regulamento, procederase anualmente á determinación dos factores de corrección correspondentes aos indicadores de calidade seguintes: redución da sinistralidade, nivel de servizo, seguridade na rodadura, comodidade na rodadura e diminución total ou parcial da capacidade das vías.

O factor de corrección do canon de demanda será o resultado de sumar os factores de corrección obtidos para os indicadores citados e aplicarase no momento da liquidación anual por reaxuste, incrementando ou diminuíndo as cantidades que aboa a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes polo servizo prestado pola sociedade concesionaria.

Capítulo IV

Tarifas

Artigo 47º

A tarifa é o prezo unitario do servizo prestado pola sociedade concesionaria que será aplicado para determinar o canon de demanda.

Artigo 48º

As tarifas actualizaranse anualmente segundo o disposto na cláusula 70 do prego de cláusulas administrativas particulares da concesión.

Artigo 49º

As tarifas para aplicar no primeiro ano de explotación serán as seguintes :

Categoría Base (€) IVE (16%) (€) Total tarifa

Vehículos lixeiros 0,0614 0,0098 0,0712 €/vh*km

Vehículos pesados 0,0860 0,0138 0,0998 €/vh*km

Artigo 50º

A categoría de vehículos, para a aplicación das tarifas, será a establecida na cláusula 69 do pego de cláusulas administrativas particulares segundo a seguinte diferenciación:

Vehículos lixeiros: aqueles de lonxitude inferior a 6,0 metros.

Vehículos pesados: o resto de vehículos.

Disposición derradeira

Se con posterioridade á data de aprobación deste regulamento fosen promulgadas polos órganos competentes disposicións que contradigan ou modifiquen algúns dos seus preceptos, e sen prexuízo da súa inmediata aplicación, a sociedade concesionaria solicitará da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes as rectificacións precisas.

Ver referencia pdf "06500D003P023.PDF"