DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Xoves, 03 de abril de 2008 Páx. 5.739

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2008 pola que se convoca un curso de actualización normativa en tráfico e seguridade viaria.

Dentro das actividades programadas para o ano 2008, en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Deputación Provincial de Pontevedra, anúnciase a celebración dun curso de actualización normativa en tráfico e seguridade viaria, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Coñecer as últimas novidades lexislativas e normativas relacionadas co tráfico e as súas variables máis importantes.

-Dotar os policías dunha formación actualizada no terreo do tráfico e a seguridade viaria, de grande importancia dentro dos seus cometidos profesionais.

-Asegurar o correcto tratamento da temática relativa ao tráfico e á seguridade viaria no tocante á regulamentación, documentación, sancións e procedemento sancionador.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Pontevedra.

Destinatarios.

O curso vai dirixido aos membros dos corpos de policía local da provincia de Pontevedra. Pódense admitir tamén outros corpos de seguridade, no caso de non cubrir as prazas.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

Ata 30 prazas, que serán outorgadas por rigorosa orde de entrada de solicitudes, tendo en conta o disposto no punto de destinatarios.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 15 de abril ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial de Pontevedra-Área de Recursos Humanos e Formación (fax: 986 80 41 41): avenida Montero Ríos, s/n, 36001 Pontevedra; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso desenvolverase en datas do 21 ao 24 de abril de 2008.

O horario será das 16.00 ás 21.00 horas, cunha duración de 20 horas lectivas.

Contido.

Módulos:

I. Novidades lexislativas en materia de tráfico.

II. O novo RXC: modificacións das normas de circulación e comportamento. Alcoholemia.

III. Denuncias. Requisitos. O procedemento sancionador de tráfico.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o día 17 de abril a partir das 14.00 horas, tanto pola Deputación Provincial de Pontevedra como pola Academia Galega de Seguridade Pública, os interesados poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando aos teléfonos 886 206 109/117/118 (AGASP) e na páxina web http://agasp.xunta.es, ou 986 80 41 00, ext. 306/307 (Área de Recursos Humanos e Formación da Deputación Provincial de Pontevedra).

Lugar.

O curso desenvolverase no concello de Sanxenxo, quedando por concretar o seu lugar de celebración que se comunicará previamente xunto coa lista de admitidos.

Certificado de asistencia.

Ao remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Deputación Provincial de Pontevedra, se é o caso, poderán modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 26 de marzo de 2008.

P.S. (Disp. 1ª Orde 31-1-2008; DOG nº 23, do 1 de febreiro)

María Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior

Ver referencia pdf "06400D010P059.PDF"