DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Xoves, 03 de abril de 2008 Páx. 5.729

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de marzo de 2008 pola que se convocan estadías formativas en empresas ou institucións para o curso 2007-2008 destinadas ao funcionariado docente non-universitario e pola que se aproban as súas bases de concesión.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no artigo 102, punto 1, que a formación permanente do profesorado constitúe un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros.

O artigo 6 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional sinala que a participación das empresas e outras entidades no sistema nacional das cualificacións e da formación profesional desenvolverase, entre outros, nos ámbitos da formación do persoal docente e do alumnado, nos centros de traballo, na realización doutras prácticas profesionais, así como na orientación profesional e na participación de profesionais cualificados do sistema produtivo no sistema formativo.

O Decreto 99/2006, do 15 de xuño, polo que se regula a planificación, estrutura, organización e funcionamento da formación permanente do profesorado dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos, establece os servizos e as estruturas de formación do profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e os principios xerais que orientan a formación do profesorado, a súa programación, coordinación e avaliación.

Así mesmo, o feito de que os ciclos formativos teñan como obrigatorio e avaliable un período de formación en centros de traballo fai necesario que o profesorado teña previamente un coñecemento directo dos procesos produtivos que se desenvolven nas empresas.

Neste senso, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria proponse satisfacer as devanditas necesidades formativas, co obxectivo, en todo caso, de conseguir a mellora do sistema educativo a través da formación dos seus profesionais e achegar o profesorado ao mundo produtivo e aos seus avances tecnolóxicos.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Convocatoria.

1. Convócanse 80 prazas de estadías formativas en empresas ou institucións para o curso 2007-2008, dirixidas ao profesorado que imparta docencia en especialidades vinculadas ás ensinanzas de formación profesional inicial e das artes plásticas e deseño e con destino en centros públicos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo as condicións e a distribución que se establecen e relacionan nesta orde.

2. Os funcionarios e as funcionarias deberán pertencer a algunha das especialidades do profesorado para impartir módulos de formación profesional inicial, segundo o establecido no Real decreto 1538/2006 ou teren adscrición a prazas dalgunha das especialidades indicadas, así como estaren impartindo clases en formación profesional inicial.

En todo caso, a estadía solicitada estará relacionada coa súa actividade docente.

Segundo.-Requisitos das persoas candidatas.

1. Ser funcionario ou funcionaria de carreira ou en prácticas nalgún dos corpos e das escalas a que alude o artigo anterior.

2. Estar en situación de servizo activo e prestar servizos durante o curso 2007-2008 en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Non ter concedida unha licenza por estudos no curso 2007-2008, xa que se consideran incompatibles ambas as dúas modalidades de formación no mesmo período de vixencia.

4. Non caso de solicitar unha empresa en que xa realizara unha estadía en anos anteriores, a persoa candidata deberá xustificar debidamente os motivos polos que solicita a mesma empresa.

5. Cando queden vacantes, logo de asignar as prazas ao funcionariado, poderáselles asignar unha estadía aos interinos e ás interinas que estean impartindo clases durante o curso 2007-2008 en módulos asociados a unha unidade de competencia dos ciclos formativos de formación profesional inicial.

6. Non se poderán realizar estadías nunha empresa cando o empresario ou a empresaria teñan algunha relación de parentesco, ata o terceiro grao, co profesorado que solicite a estadía.

Terceiro.-Modalidades das estadías e distribución das prazas.

1. Segundo se trate de empresas ofrecidas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou de empresas e prazas propostas polo interesado ou pola interesada, establécense dúas modalidades.

a) Tipo A, 30 prazas: estadías formativas nas empresas acollidas a este programa, que se relacionan no anexo I.

b) Tipo B, 50 prazas: estadías formativas noutras empresas ou institucións. Neste caso, o profesorado deberá concertar coa empresa o contido e a duración da estadía.

2. As prazas non cubertas polas persoas candidatas nalgunha modalidade poderán ser acumuladas nas outras modalidades.

Cuarto.-Períodos de realización e duración das estadías formativas.

1. O período de realización das estadías será como mínimo 5 días e como máximo dun mes.

2. Poderanse realizar as estadías durante os meses de xuño, xullo ou setembro.

3. Para a modalidade A, a duración e o período de realización serán en principio os indicados no anexo I para cada empresa. Poderase modificar a duración de acordo coa empresa.

4. Poderase pactar coa empresa un horario de media xornada co fin de conciliar a vida familiar e a laboral. Neste caso e na modalidade B, o período de realización da estadía poderá estenderse durante dous meses.

5. Se a estadía se realiza en xuño ou setembro deberá ser realizada fóra do horario lectivo. Durante o período da FCT deberán estar cubertas as actividades de recuperación.

6. Non poderá participar en estadías formativas o persoal docente en situación de baixa por incapacidade laboral transitoria.

Quinto.-Solicitudes.

1. As persoas candidatas a realizar as estadías formativas na modalidade A deberán presentar a solicitude (anexo II) e o proxecto (anexo III), indicando cales son os obxectivos xerais que pretende alcanzar con esa estadía.

2. As persoas candidatas a realizar estadías formativas na modalidade B deberán presentar a solicitude (anexo II), o proxecto (anexo III) e o acordo coa empresa (anexo IV).

3. Non se terán en conta nin se valorarán os documentos que se aleguen fóra do prazo.

Sexto.-Prazo e lugar de presentación de solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes, xunto coa documentación, deberán presentarse a través do Rexistro Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou das súas delegacións provinciais, ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; é imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente.

3. Se o expediente é remitido por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado polo funcionario ou pola funcionaria de correos antes de que se proceda á súa certificación postal.

Sétimo.-Comisión de selección.

1. A selección das persoas candidatas realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Formación Profesional, que será o presidente.

-O subdirector xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente.

-O xefe do Servizo de Formación en Empresas e Orientación Profesional.

-O xefe do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial.

-Un inspector ou unha inspectora de Educación.

-Un funcionario ou unha funcionaria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario ou secretaria, con voz e sen voto.

2. Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente nomeará unha persoa, que poderá asistir ás sesións da comisión con voz e sen voto.

3. A comisión poderá dispor a constitución de subcomisións técnicas especializadas só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos.

Oitavo.-Resolución da convocatoria.

1. No caso de que se presenten máis solicitudes que prazas, a orde de preferencia será a seguinte:

a) Quen non realizase ningunha estadía.

b) Quen realizase unha, dúas ou tres estadías, e así sucesivamente.

2. A comisión seleccionadora realizará a selección segundo a puntuación obtida conforme o baremo que figura como anexo V desta convocatoria.

3. En caso de empate, terá preferencia o profesorado de centros integrados. Se, aínda así, segue o empate, este dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios.

a) Maior puntuación no punto 1 do baremo.

b) Maior puntuación no punto 2 do baremo.

4. A resolución provisional comunicaráselles ás persoas candidatas por correo electrónico e correo postal certificado. Así mesmo, farase pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no edificio administrativo San Caetano e nos das delegacións provinciais, así como no portal educativo, no enderezo www.edu.xunta.es/fp.

5. Coa publicación abrirase un prazo de dez días hábiles para efectuar reclamacións, emendar erros ou presentar renuncia (anexo VII) á concesión da estadía. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as devanditas reclamacións, a comisión seleccionadora elevaralle ao director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a proposta de resolución desta convocatoria, xunto coa acta ou as actas correspondentes con expresión das valoracións outorgadas a cada unha das persoas candidatas, así como a relación final de persoas seleccionadas.

6. A resolución definitiva ditada pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Noveno.-Renuncias e recursos.

1. Unha vez resolta esta convocatoria, soamente se admitirán renuncias (anexo VII) ás actividades concedidas en casos de excepcional gravidade apreciados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O profesorado que non participe na actividade para a que foi seleccionado perderá a súa preferencia para participar nas vindeiras tres convocatorias da actividade, agás nos casos excepcionais autorizados.

2. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou poderán formular directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses de acordo coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

3. As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de seis meses contados a partir do último día de presentación de solicitudes.

Décimo.-Seguimento e avaliación.

1. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, a través dos asesores de formación profesional dos centros de formación e recursos, efectuará o seguimento das estadías formativas.

2. Ao finalizar o período da estadía, e antes do 20 de outubro en todo caso, o profesorado beneficiario presentará a seguinte documentación ante a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, co fin da expedición do certificado de horas de formación e aboar a correspondente bolsa de estudos.

a) Un certificado da empresa que reflicta as horas por día e os días laborables, de luns a venres, realizados segundo o anexo VI.

b) Unha memoria do traballo individual desenvolvido, preferiblemente en soporte informático ou impreso (máximo de 10 follas). Na memoria faranse constar, entre outros e como mínimo, os seguintes aspectos:

-Obxectivos alcanzados á finalización da estadía.

-Descrición sintética do traballo realizado durante a estadía así como as implicacións da empresa no proceso.

-Utilidade da experiencia para a actividade docente, para os distintos ciclos ou módulos de cada ciclo.

-Conclusións. Logros obtidos e a súa incidencia na mellora da práctica docente.

-Suxestións e propostas de mellora.

-Valoración da estadía.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria disporá das memorias dos traballos realizados de acordo coa lexislación vixente sobre propiedade intelectual.

Décimo primeiro.-Situación administrativa.

1. Durante a estadía na empresa, o profesorado seleccionado recibirá os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias e non terá vínculo nin relación laboral coa empresa ou institución de acollida, nin poderá ocupar un posto de traballo dentro do seu cadro de persoal, polo que quedará excluído da lexislación laboral.

2. O profesorado estará acollido á Mutualidade de Funcionarios do Estado e ás pólizas de seguro de accidentes e responsabilidade civil subscritas pola Xunta de Galicia.

Décimo segundo.-Indemnizacións.

1. O profesorado seleccionado para participar na estadía formativa terá dereito a unha bolsa de estudos. A contía da bolsa que percibirá por día laboral de asistencia á empresa será a que se indica a seguir, tendo en conta a distancia en quilómetros de ida e volta entre o seu domicilio habitual e a empresa correspondente.

Os tramos aplicables serán os seguintes:

-Menos de 60 quilómetros: 21,8 euros por día.

-Entre 60 e 120 quilómetros: 32,5 euros por día.

-Máis de 120 quilómetros: 45,05 euros por día.

-Quen se acolla á media xornada segundo establece o punto cuarto, alínea 4, terá unha redución do 40% do importe de cada xornada.

2. O profesorado seleccionado para estadías formativas fóra da comunidade autónoma poderase acoller ás bolsas de estudos a que fai referencia o parágrafo anterior ou ás indemnizacións a que se refire o artigo 5 do Decreto 202/2002, do 6 de xuño, sobre indemnizacións pola colaboración, con carácter non permanente nin habitual, nas actividades formativas organizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e dirixidas ao profesorado de niveis non universitarios. O profesorado que se acolla a esta modalidade de pagamento terá que manifestalo por escrito no momento de presentar a solicitude.

3. En todo caso, a contía máxima que perciba non poderá superar a cantidade de 1.189,32 euros.

4. As bolsas están suxeitas ao IRPF e serán aboadas nun pagamento, unha vez finalizadas as actividades e entregada a memoria e o certificado da empresa correspondente, coa certificación do Servizo de Formación en Empresas e Orientación Profesional de estar realizada a actividade de acordo co establecido nesta orde.

Décimo terceiro.-Orzamento.

As bolsas de asistencia aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.422M.640.1 e por un importe máximo de 95.145,60 euros. Estas estadías están cofinanciadas nun 80% polo Fondo Social Europeo.

Décimo cuarto.-Horario da estadía.

O profesorado realizará durante a súa estadía na empresa o horario produtivo que esta teña establecido, agás nos casos establecidos no punto cuarto, alínea 4, desta orde.

Décimo quinto.-Comunicación á Inspección de Traballo.

A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais remitiralles ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha relación do profesorado indicando o período en que estean realizando as estadías formativas nas empresas, para o seu envío á Inspección de Traballo.

Décimo sexto.-Revogación da estadía.

O incumprimento do disposto nesta convocatoria poderá dar lugar á revogación da correspondente estadía formativa.

Décimo sétimo.-Certificación.

Segundo o disposto na Orde do 1 de marzo de 2007 (DOG do 11 de abril), pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro de actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e innovación e das titulacións, o profesorado que realice unha estadía formativa en empresas ao abeiro desta orde, con avaliación positiva, obterá a seguinte certificación: por cada 10 horas de estadía na empresa, 6 horas de formación.

Décimo oitavo.-Difusión nos centros.

As direccións dos centros educativos arbitrarán as medidas necesarias que garantan que esta orde sexa coñecida por todo o profesorado destinatario desta convocatoria, e facela pública no taboleiro de anuncios das salas de profesores.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as instrucións necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde, así como para convocar un novo período de presentación de solicitudes de non cubrirse totalmente as prazas desta convocatoria dentro do curso 2007-2008.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "06400D007P049.PDF"

Ver referencia pdf "06400D008P056.PDF"

ANEXO VI

Certificado da empresa de realización da estadía formativa

D./Dna…, como representante da empresa ou institución…, con domicilio en…, nº…, localidade…, concello…, provincia…, correo electrónico…

Fai constar que:

O profesor D./Dna… realizou satisfactoriamente a estadía nesta empresa, por un total de… horas cada día, durante… días laborables en horario de:

Media xornada

Xornada completa

Xornada continua

Xornada partida

En…, … de… de 2008.

O representante da empresa

Selo da empresa

Asdo.:…

ANEXO VII

Solicitude de renuncia á estadía formativa concedida

D./Dna…

DNI…

Estadía concedida na empresa…

Declara que polos motivos seguintes, renuncia á estadía concedida:

1)…

2)…

En…, … de… de 2008.

O profesor:

Asdo.:…

Presidente da Comisión de Selección de Estadías Formativas